ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DE PLANS DE FORMACIÓN SECTORIAIS DIRIXIDOS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS MEDIANTE A SUBSCRICIÓN DE CONVENIO DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/718/2008, DE 7 DE MARZO, POLA QUE SE DESENVOLVE O REAL DECRETO 395/2007, DE 23 DE MARZO, POLO QUE SE REGULA O SUBSISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO, EN MATERIA DE FORMACIÓN DE OFERTA E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS AO SEU FINANCIAMENTO.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de agosto de 2009 recibiuse no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

As axudas previstas no proxecto de orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (nun 80%) e pola Administración Xeral do Estado e están incluidas no Programa Operativo Plurirrexional  “Adaptabilidade e Emprego”, imputables ao novo período de programación dos fondos estruturais 2007-2013.

Á vista do borrador remitido, obsérvase que o proxecto normativo segue igual esquema que a Orde do exercicio 2008 (DOG do 30/10/08), ditaminada en 2008 (Ditame 37/08), sendo diferente o seu contido ao do proxecto normativo do exercicio de 2009, ditaminado polo Consello con data 3 de febreiro de 2009 (Ditame 06/09), que convocaba programas específicos dirixidos ao reciclaxe e recualificación de traballadores/as de empresas. Obsérvase que no borrador remitido para ditame tivéronse en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello no ditame 37/08 e no ditame 18/09, relativo este aos plans de formación intersectoriais.

O novo proxecto presenta cambios, derivados da modificación do obxecto do proxecto, respecto ao remitido para o exercicio de 2009; mentres que apenas varía respecto do remitido para o exercicio de 2008.

Do contido do proxecto normativo destácase o seguinte:

As subvencións terán como finalidade financiar os plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e poderanse executar desde o 1 de setembro de 2009 ata o 31 de agosto de 2010, debendo estar xustificados todos os gastos no prazo de 1 mes desde o seu remate.

As accións formativas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas nin superior a 270, agás autorización expresa. A participación da persoa traballadora en accións de formación para o emprego non será superior a 8 horas diarias, calquera que sexa a modalidade de impartición.

O artigo 5º relaciona os colectivos de persoas traballadoras que poderán participar nos plans de formación aprobados.
O artigo 11º establece o prazo de presentación de solicitudes (un mes contado desde o día seguinte á publicación da orde no DOG) e o artigo 12º  relaciona a documentación que se deberá presentar coa solicitude. Obsérvase que non se remitiron a este organismo os anexos aos que fai referencia este artigo.

Os criterios de valoración dos plans de formación establécense no artigo 16º e os módulos económicos máximos no artigo 18º.

O artigo 20º dispón que os custos das accións formativas poderán imputarse desde o 1 de setembro de 2009, relacionando os custos financiables, os directos e os asociados.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 9 de setembro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dezasete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia, máis a Confederación de Empresarios de Galicia.  

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polos sindicatos UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola CEG (Anexo I) e dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polo S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II).



DITAME 22/09





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de agosto de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de setembro de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que deberían formalizarse convenios plurianuais coas organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia para o desenvolvemento de plans de formación.

Segunda.
Obsérvase que non se remitiron para ditame xunto co proxecto normativo os anexos que se citan no proxecto de Orde, polo que non poden ser obxecto de ditame.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que na exposición de motivos, cando se relacionan as distintas normas que fundamentan esta orde, deberían mencionarse tamén o Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o Réxime de Subvencións e Axudas Públicas da Comunidade Autónoma Galega e o Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo que desenvolve a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Debería citarse tamén a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en Igualdade das mulleres de Galicia.

Segunda. - Artigo 4º. Accións formativas.
1) No segundo parágrafo do apartado 1, sinálase que: “As accións formativas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”.

Este Comité considera que debería quedar redactado do seguinte xeito: “As accións formativas, agás que respondan a unha unidade de competencia ou a un título recoñecido cunha duración maior, non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”.

2) No apartado 3 establécese que se poderán financiar dentro das accións formativas módulos de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

Este Comité considera que debería de incluírse, ademáis dos que figuran no citado apartado, un módulo de prevención de riscos laborais.

3) No apartado 4, ao establecer as modalidades de impartición das accións formativas, figura “distancia convencional”.

Este Comité considera que a expresión correcta é formación “a distancia”.

4) Por outra parte, este Comité suxire unha nova redacción do parágrafo cuarto do apartado 4: “As accións formativas presenciais poderán organizarse en grupos cun máximo de 25 participantes e un mínimo de 8, agás autorización expresa do/a Director/a xeral de Formación e Colocación por causas debidamente xustificadas. Nas accións de formación a distancia (incluídas as desenvolvidas mediante teleformación) disporase, como mínimo, dunha titora ou titor por cada 80 participantes. Nestas modalidades non se aplicará un mínimo de alumnos/as para o seu inicio. Nas accións mixtas respectaranse os citados límites, segundo a respectiva modalidade.” Esta nova redacción leva incorporado o texto que figura no último parágrafo deste apartado 4, polo que este quedaría suprimido.

Terceira.- Artigo 5º. Participación dos traballadores/as.
1)  No apartado 1.e) faise referencia aos coidadores non profesionais nos ámbitos de servizos de atención ás persoas dependentes.

Este Comité considera que na futura distribución sectorial das accións formativas amparadas por esta orde se debería ter en conta o desenvolvemento da normativa de atención á dependencia e a previsible eclosión dun número moi elevado de persoas coidadoras non profesionais.

2) No apartado 2.2 establécese que “a taxa de participación das mulleres no conxunto de cada plan formativo deberá ser de, polo menos, 5 puntos porcentuais superior á taxa xeral de ocupación feminina no correspondente ámbito...”.

Este Comité considera que debería engadirse: “sempre que isto sexa posible pola demanda das mulleres en cada plan formativo”.

En calquera caso, este Comité considera que nun apartado que establece colectivos prioritarios non se deberían establecer obrigas, senón soamente prioridades.


Cuarta.- Artigo 7º. Dereitos e deberes do alumnado.
1) No apartado 1 consideramos que debe substituírse a expresión “a formación será gratuíta” pola de “a formación non terá custo económico”.

2) No apartado 3, que establece os requisitos para a obtención do diploma, consideramos que debería constar, na modalidade presencial, en qué apartado se inclúen os módulos optativos (sensibilización ambiental e alfabetización informática), co obxecto de coñecer como se vai computar o 75% de tempo de aproveitamento.

Quinta.- Artigo 8º. Bolsas e axudas.
1) No apartado 1, figura que será requisito imprescindible que o curso teña unha duración determinada.

Este Comité considera que debería especificarse que a citada duración é soamente na modalidade presencial.

2) Así mesmo, este Comité considera que no apartado 5.3, no que se especifica o que se entende por unidade familiar, se debería eliminar a referencia ao matrimonio, suprimíndose as expresións “en caso de matrimonio” e “en defecto de matrimonio”.  

Sexta.- Artigo 9º. Tipos de plans de formación sectoriais.
No segundo parágrafo deste artigo alúdese ao financiamento e a unha proposta de desglose.

Este Comité observa que non aparece o importe que se financia nin a cantidade proposta de desglose dos sectores que se citan.
Oitava.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.
1) No primeiro parágrafo do apartado 1 establécese que poderán solicitar subvencións as organizacións empresariais e sindicais máis representativas no correspondente sector de actividade.

Este Comité considera que se debería suprimir o inciso “máis”, xa que o concepto xurídico de “maior representatividade” non existe a nivel de sector.

2) Así mesmo, no último parágrafo do apartado 1 alúdese a que se considerará unicamente a aquela solicitante que ostente a maior representatividade na comunidade autónoma.

Este Comité considera que a expresión correcta é que se considerará unicamente a aquela que teña un ámbito territorial máis amplo.

Novena.- Artigo 11º. Prazo.
Este Comité considera que o prazo axeitado para a presentación de solicitudes debe ser de 45 días dende o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Décima.- Artigo 12º. Solicitudes.
No apartado 4, establécese a  documentación que se deberá presentar coa solicitude, propoñendo este Comité a seguinte redacción:” A documentación que deberá acompañar aos anexos da solicitude, cando non estea xa en poder da Administración, é a seguinte:”.

Así mesmo, este Comité considera que nos apartados a) e b) se debería poder optar pola presentación de fotocopia compulsada ou cotexada.

Decimo primeira.- Artigo 16º. Criterios de valoración.
1) No apartado a., polo que se refire aos contidos das accións formativas, indícase que terán maior valoración as accións formativas incluídas no Anexo III da Orde. Este Comité suxire que a relación de accións aparecidas no citado anexo sexa tida en conta de forma orientativa e non prioritaria.

2) No apartado b. obsérvase un erro ao figurar “ámbito intersectorial” cando o correcto é “ambito sectorial”.

3) Por outra banda, no apartado d. valórase: “o emprego da lingua galega na realizacións das accións formativas”. Este Comité considera que debería substituírse o termo “realización” por “desenvolvemento”.

Decimo terceira. - Artigo 18º. Módulos económicos máximos.
No apartado 4 establécese cando se aplicará o módulo de “nivel medio-superior”.

Este Comité considera que debería engadirse ao final do parágrafo a expresión seguinte: “...ou requiran equipamento especializado de custo elevado”.

Decimo cuarta.- Artigo 19º. Resolución.
No apartado 4 establécese que poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude.
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderase instar”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituir a expresión “poderase instar” por “instarase”.

Decimo quinta.- Artigo 23º. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
1) No apartado 5 establécese que: ...”as entidades beneficiarias do programa regulado nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez...”.

Este Comité considera que se debería dicir que poderán subcontratar total ou parcialmente, consonte coa redacción propia da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2) Neste mesmo apartado 5, indícase que a subcontratación requirirá autorización previa do/a Director/a xeral de Formación e Colocación.

Este Comité considera que deberíase substituír a autorización previa por unha comunicación previa.

3) No segundo parágrafo deste apartado 5 se indica que a contratación de persoal docente non se considerará subcontratación.

Este Comité considera que a contratación de persoal docente nunca é subcontratación, polo que propón a utilización da expresión “servizos docentes” (expresión axustada ao que se quere referir) en lugar de “persoal docente”.
4) No apartado 11 deste artigo 23º, establécense dous rateos para o cálculo do importe que se aboará ás entidades.

Este Comité considera que deberían engadirse ao final do apartado as fórmulas matemáticas para o cálculo dos dous rateos.

Decimo sexta.- Artigo 24º. Obrigas das entidades beneficiarias.
1) No apartado 4.b. establécese que dentro do primeiro cuarto do curso e sempre que non supere os 10 días seguintes ao inicio da acción formativa, hai que remitir unha serie de documentación.

Este Comité considera que deberíase suprimir a expresión “e sempre que non supere os 10 días seguintes ao inicio da acción formativa”.

2) Neste mesmo apartado 4.b. esíxese remitir copia da póliza de seguros contratado.

Este Comité suxire que sería suficiente con enviar a póliza de todo o plan e non de cada acción formativa concreta, no caso de que se subscriba dese xeito.

3) Respecto do texto que figura no último ítem do apartado 5.f. “Resultado obtido. Sendo traducida a calificación a: Superado/Non superado”, este Comité considera que deberíase substituír a referida expresión pola de “Resultado acadado”, suprimíndose o que figura a continuación do punto.



4) Finalmente, este Comité considera que no apartado 11 debería de modificarse a obriga de velar por que todo o alumnado dunha acción formativa reciba a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele para que o alumnado reciba o mesmo número de horas.

Decimo sétima.- Disposición adicional primeira.
Nesta disposición establécese que a realización das accións formativas estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os anos 2009 e 2010.

Este Comité considera que existe un erro na redacción xa que os orzamentos xerais para o ano 2010 aínda non están aprobados.


ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CEG.


Artigo 15º. Proposta de resolución.

No apartado 6 deste artigo 15º, relativo á composición da comisión de valoración, debería de contemplarse a participación da Fundación Galega de Formación para o Traballo.















ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 8º. Bolsas e axudas.

No apartado 5.2.a.3) deste artigo, establécese unha axuda de transporte para o caso de que a distancia entre o domicilio do alumno/a e o lugar de impartición dos cursos sexa como mínimo de 50 quilómetros, esixíndose que para percibir a axuda de transporte en vehículo propio a acción formativa se imparta nos centros pertencentes á Consellería de Traballo e Benestar e aquelas outras accións formativas que a Dirección Xeral de Formación e Colocación considere necesarias para os obxectivos de política de emprego.

O Sindicato nacional de CC.OO. de Galicia considera que a referida axuda de transporte debe aboarse en todas as accións formativas.

Segunda.- Artigo 19º. Resolución.

Considérase que no apartado 5 deste artigo onde consta que a priorización das accións formativas derivadas da reconfiguración do plan executarase ata o importe concedido, debería engadirse “e mantendo a valoración acadada no plan de formación”.