ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE APOIO ÁS INICIATIVAS EMPRENDEDORAS PROMOVIDAS POR PERSOAS TRABALLADORAS QUE ESGOTARAN AS SÚAS PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2009

I. ANTECEDENTES

O día 10 de setembro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de apoio ás iniciativas emprendedoras promovidas por persoas traballadoras que esgotaran as súas prestacións por desemprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo indícase que a conxuntura actual de crise económica está tendo especial incidencia nas persoas traballadoras que esgotaron as súas prestacións e subsidios por desemprego. Co obxecto de dar solucións a estas situacións laborais e persoais, a Consellería de Traballo e Benestar aposta, entre outras medidas, por un programa de apoio ás novas iniciativas empresariais promovidas, principalmente, por persoas desempregadas que esgotaran as súas prestacións por desemprego e que a súa vez xeren emprego estable para  persoas demandantes de emprego.

O proxecto normativo non ten antecedentes por ser a primeira vez que se remite para ditame.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2009 do programa de apoio ás novas iniciativas empresariais promovidas, principalmente, por persoas desempregadas que esgotaran as súas prestacións por desemprego e que a súa vez xeren emprego estable para persoas demandantes de emprego (artigo 1º), sendo beneficiarias destas axudas as empresas privadas calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde (artigo 3º). O crédito asignado para estas axudas é de 250.000,00 euros (Disposición Adicional Sexta).

Establécense catro tipos de axuda: subvención á xeración de emprego estable (artigo 6º), subvención financeira (artigo 7º), subvención para asistencia técnica (artigo 8º) e subvención para o inicio da actividade (artigo 9º).

A competencia para coñecer e resolver estas subvencións, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego (artigo 10º), sendo o prazo para presentar as solicitudes dun mes (artigo 11º).

O procedemento de concesión das subvencións será o regulado no artigo 19º.2 da Lei de subvencións de Galicia, non resultando necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento (artigo 14º), sendo o prazo para resolver e notificar a resolución de seis meses que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación (artigo 15º).

O prazo para presentar a documentación xustificativa para o pagamento será o establecido na resolución de concesión, ou, se é o caso, ata o 30 de novembro de 2009. Excepcionalmente este prazo poderá ser prorrogado en 15 días de forma extraordinaria e debidamente xustificado (artigo 16º).

No artigo 21º indícanse como causas de exclusión dos beneficios dos programas os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas, nas que participasen persoas ou entidades, que pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante. Tamén están excluídos os promotores e promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta como traballadores ou traballadoras autónomos /as en calquera réxime da Seguridade Social. Así mesmo, serán excluídas aquelas solicitudes que incorran nalgunha das circunstancias previstas  no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e as persoas ou empresas que percibisen subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo, iniciativas locais de emprego, iniciativas emprendedoras e de emprego ou iniciativas de emprego de base tecnolóxica, nos catro anos anteriores a data do inicio da nova actividade.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de apoio ás iniciativas emprendedoras promovidas por persoas traballadoras que esgotaran as súas prestacións por desemprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vintecatro artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 22 de setembro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola CEG (anexo I), unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo II), unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais CIG (Anexo III) e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo IV).





DITAME 23/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de apoio ás iniciativas emprendedoras promovidas por persoas traballadoras que esgotaran as súas prestacións por desemprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de setembro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de setembro de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que, aínda que se observa, en xeral, unha correcta redacción do texto en materia de xénero e neutralidade na denominación dos cargos públicos, deberíase cambiar o termo “traballadores” por “persoas traballadoras” como aparece na Exposición de motivos e a mención ao Director xeral de Promoción do Emprego pola expresión “persoa titular da Dirección xeral de Promoción do Emprego” que aparece na Disposición adicional quinta.

Segunda.
Este Comité entende que para as próximas convocatorias debería terse en conta a necesidade da non existencia de períodos de lagoa nas axudas, isto é, que se poda cubrir o período de axuda desde o 1 de decembro deste ano e ata, como mínimo, o 30 de novembro de 2010.

Así mesmo, de manterse esta axuda no vindeiro exercicio, este Comité considera que deberíase publicar a orde de convocatoria con suficiente antelación para que sexa aplicable ao longo do exercicio.

Terceira.
Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos anexos aos que fai referencia o artigo 13º do proxecto normativo, xa que non foron remitidos a este Consello.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1º.- Obxecto, finalidade e principios de xestión.
Este Comité considera que deberíase eliminar o termo “principalmente”, que aparece no punto 1 do artigo, por coherencia co título do proxecto.

Segunda.- Artigo 11º.- Solicitudes e prazo de presentacións.
Dada a natureza da subvención, este Comité propón que se amplíe sensiblemente o prazo de presentación de solicitudes dado que o que aparece é escaso. Poderíase ampliar ata a práctica totalidade do exercicio.

Terceira.- Artigo 13º. Documentación.
Este Comité considera que no que se refire á presentación da documentación, esta debería ser “orixinal ou fotocopia cotexada ou compulsada”.

A mesma consideración poderíase aplicar ao artigo 16º, apartado 5.

Cuarta.- Artigo 13º. Documentación.
No apartado 3.d) deste artigo aparece a expresión “...coa correspondente xustificación bancaria do seu pagamento”. Este Comité considera que non debería ser exclusiva como forma de pagamento o efectuado a través de entidade bancaria, propoñendo que a xustificación poda facerse mediante calquera documento legal acreditativo do pagamento.

A mesma consideración pódese aplicar ao artigo 16º.3 e 16º.5 B, apartados b), c) e d).

Quinta.- Artigo 15º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo indícase que “o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación”. Este Comité considera este prazo excesivo e indica que sería máis axeitado o de tres meses.

Sexta.- Artigo 17º. Incompatibilidades e concorrencia.
Na redacción deste artigo, ao igual que no artigo 19º, utilízase a expresión “...administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Sétima.- Artigo 17º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo aparece a expresión “...supere o 80% do custo da actividade que vaia desenvolver...”. Este Comité considera que se debería substituír “custo da actividade” por un termo máis acorde coa natureza dos programas de axudas.

Oitava.- Artigo 18º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
O apartado 1.h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, se fora o caso, cofinanciadas  polo Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Esta medida, proposta dentro do paquete de Medidas de actuación urxente fronte a crise (de 30 de xullo de 2009), articula normativamente un programa de axudas para financiar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais promovidas, como mínimo, por 3 traballadores/as que esgotaran a prestación por desemprego, e ten como obxectivo apoiar ás persoas desempregadas que rematen a súa prestación por desemprego e que aposten pola vía do autoemprego, a través de incentivos específicos para a posta en marcha de actividades.

En opinión da Confederación de Empresarios de Galicia, nunha situación de crise como a actual, a proposta de impulsar o emprego a través do financiamento parcial dos gastos de constitución para empresas de nova creación cun mínimo de tres persoas desempregadas é axeitada, se ben caben facer as seguintes consideracións:

1. Debería apoiarse calquera forma xurídica e independentemente do número de socios co que se cree, incluíndo tamén gastos de primeiro establecemento, como é a adecuación do local.

2. Debería ampliarse a aqueles promotores/as que constitúen a empresa tamén antes do esgotamento da prestación de desemprego, capitalizando esta para a súa constitución, porque neste caso estase a promover esta capitalización, e non a posta en marcha despois do esgotamento da prestación, polo que a ampliación da medida neste senso repercute nun aforro de custos para as arcas públicas e por outra parte valoraría tamén o esforzo de quen crea a empresa –asumindo un risco na situación económica actual- sen esperar a este esgotamento da prestación.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN DE CCOO DE GALICIA E CIG:

Artigo 3º.- Entidades beneficiarias.
No epígrafe f) deste artigo indícase “que como mínimo o 50 por cento de seu capital social sexa de titularidade de tres promotores e promotoras desempregadas...).

O SN de CCOO de Galicia e CIG consideran que sería máis axeitada a seguinte redacción: “Que como mínimo o 51 por cento do seu capital social sexa de titularidade de promotores e promotoras desempregadas...”.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG:

Artigo 6º.- Subvención á xeración de emprego estable.
No punto 2 indícase que “...esta axuda... será compatible coas bonificacións á Seguridade Social... sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato obxecto de subvención”. Esta central sindical considera que o límite debería ser o custo da Seguridade Social correspondente ao contrato obxecto de subvención.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG:

Artigo 18º.- Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 1.a) deste artigo establécese como obriga “realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo...”. A referida obriga aparece nos apartados 2, 3 e 4 do mesmo artigo.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, Confederación Intersindical Galega e SN. de CC.OO. de Galicia consideran que o prazo de tres anos, referido no artigo, debería ampliarse ata cinco, en coherencia co manifestado en ditames anteriores en relación ás axudas á contratación.

Así mesmo, en consonancia con esta consideración, deberíase ampliar de dous a tres anos o prazo establecido no artigo 20º.4.