ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE ACCIÓNS DE APOIO E DE ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, CORRESPONDENTES AO EXERCICIO DO ANO 2009, EN APLICACIÓN DA ORDE TIN/2805/2008, DO 26 DE SETEMBRO, POLA QUE SE DESENVOLVE O REAL DECRETO 395/2007 DO 23 DE MARZO, POLO QUE SE REGULA O SUBSISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO, EN MATERIA DE ACCIÓNS DE APOIO E ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS A SÚA FINANCIACIÓN

I. ANTECEDENTES

O día 6 de outubro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións de apoio e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2009, en aplicación da orde TIN/2805/2008, do 26 de setembro, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de accións de apoio e acompañamento á formación e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas a súa financiación, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que o obxecto dos proxectos a financiar é o de mellorar a calidade das accións formativas e estender o subsistema de formación profesional para o emprego cara a ámbitos nos que aínda non está plenamente introducido, especialmente ás pequenas e medianas empresas, co fin de facilitar o acceso á formación dos seus traballadores.

Preténdese con isto facilitar a adaptación e evolución das profesións e os contidos dos postos de traballo, así como conseguir unha mellora nas competencias e cualificacións, indispensables para manter e fortalecer a situación competitiva das empresas e a cualificación das persoas traballadoras ocupadas.

O Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, ten como obxecto ofrecer ás persoas traballadoras tanto ocupadas como desempregadas unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego. Entre as iniciativas que recolle o citado real decreto, figuran as accións de apoio e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde.

Son obxecto de subvención nesta convocatoria as accións de prospección e análise, as accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e ferramentas de carácter innovador para a mellora da formación profesional para o emprego, e accións de avaliación da formación profesional para o emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 12 de novembro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (Ditame 42/08) con data 14 de outubro de 2008, obsérvase que foron tidas en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos con respecto á orde publicada que se relacionan a continuación:

Obsérvase que se teñen recibido os anexos, xunto co proxecto normativo, unha das consideracións xerais emitidas por este Comité no ano 2008.

A principal novidade deste proxecto aparece no artigo 4º sobre as accións financiables. Nesta convocatoria serán tres (na convocatoria do 2008 só eran dúas): accións de prospección e análise (substitúe a accións de estudo e investigación), accións para a elaboración e experimentación de produtos, técnicas e/ou ferramentas de carácter innovador de interese para a mellora da formación profesional para o emprego e accións de avaliación da formación profesional para o emprego (xa presente na orde de 2007).

No apartado 1.a) do artigo 7º indícase o tipo de documentación acreditativa que teñen que presentar para demostrar a capacidade legal para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

No punto 2 deste artigo especifícase que a solicitude deberá presentarse subscrita pola persoa titular ou representante legal da entidade coa debida acreditación e dirixirse á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

No artigo 9º referido á valoración técnica das solicitudes, no Bloque 2, engádese un novo apartado “c) proxectos que supoñan unha continuidade dos realizados en convocatorias anteriores pola entidade solicitante”, o que supón unha redistribución da puntuación outorgada aos outros apartados.

Con respecto aos custos subvencionables das accións de apoio (A), referidos no artigo 11º, precísase que pódense incluír os custos de transporte, manutención e aloxamento fora do territorio nacional cando sexa necesario para o desenvolvemento de algunha das accións subvencionables e así estea contemplado na correspondente convocatoria. Polo que se refire aos custos asociados das accións de apoio (B), no seu punto primeiro engádese a posibilidade de incluír outros custos non especificados que estean asociados á execución da actividade subvencionada, distintos dos de luz, auga, calefacción, teléfono, mensaxería, correo, limpeza e seguridade.

No artigo 13º, increméntase a porcentaxe a percibir en concepto de anticipo, ata o 80%, eliminándose a posibilidade de pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva.

Establécese no artigo 14º.2 a obriga de incluír nos produtos finais, nas accións de difusión e información do proxecto aprobado e nas publicacións o logotipo do Fondo Social Europeo co eslogan “Inviste no teu futuro”.

Con respecto da subcontratación establecida no artigo 18º.3, no presente proxecto establécese a obriga das entidades beneficiarias de asumir, en todo caso, a execución do deseño da acción subvencionada, a elaboración final de resultados e informes, así como a coordinación de todas as fases de realización do proxecto.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións de apoio e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2009, en aplicación da orde TIN/2805/2008, do 26 de setembro, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de accións de apoio e acompañamento á formación e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas a súa financiación” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, vinte e un artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 23 de outubro de 2009 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, catro consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG.
















DITAME 24/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións de apoio e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2009, en aplicación da orde TIN/2805/2008, do 26 de setembro, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de accións de apoio e acompañamento á formación e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas a súa financiación, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de outubro de 2009, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de outubro de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:






CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Obsérvase que no título da Orde se fai referencia a que as subvencións corresponden ao exercicio do ano 2008.

Este Comité considera que se trata dun erro e que debe dicir que o exercicio é o de 2009.

Segunda.- Na disposición adicional primeira refírese que os créditos para a realización das accións previstas son os que figuran nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2009 e para o ano 2010.

Este Comité considera que o período subvencionado é o 2009, polo que non se entende a referencia aos orzamentos de 2010, tendo en conta ademais que aínda non foron aprobados polo Parlamento de Galicia.

Terceira.- Este Comité ve con preocupación o retraso na remisión para ditame deste proxecto, coa conseguinte diminución de tempo para a execución das accións e para posibles modificacións.

Cuarta.- Malia que se aprecian melloras das normas precedentes, obsérvase que se manteñen erros na utilización da linguaxe en materia de xénero.

Quinta.- Este Comité considera que non debería esixirse ás entidades solicitantes a documentación que xa obra en poder da Administración.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité considera que no parágrafo 14, despois de: “formación profesional para o emprego” debería de engadirse “especialmente da dirixida ás persoas traballadoras de pequenas e medianas empresas”.


Segunda.- Artigo 8º. Procedemento.

Tanto no apartado 4 deste artigo, como no apartado 3 do artigo 7º, no apartado 5 do artigo 13º e no apartado 10 do artigo 17º, repítese a esixencia de acreditar que as entidades están ao día no cumprimento de obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. Este Comité considera que chega con que esta esixencia figure unha soa vez antes do libramento de fondos.

Terceira.- Artigo 11º. Custos subvencionables.

No apartado A recóllense os custos directos das accións complementarias.

Este Comité propón engadir como custos directos subvencionables destas accións os recollidos no artigo 29.7 da Lei 9/2007, isto é: “Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos son subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a axeitada preparación ou execución desta, e sempre que así se prevexa nas bases reguladoras. Con carácter excepcional, os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionados cando así o prevexa a normativa reguladora da subvención”.

No ítem 5 do apartado A, obsérvase con preocupación que só se subvencionan os gastos de transporte, manutención e aloxamento que se realicen no territorio nacional. Este Comité considera que deberían de subvencionarse tamén os gastos de transporte, manutención e aloxamento que se realicen fóra de Galicia. Neste caso bastaría con que o termo a empregar sexa estatal en lugar de nacional.

Cuarta.- Artigo 13º. Pagamento das subvencións.

No apartado 1, letra a), deste artigo establécese que os anticipos serán ata o 80 por 100  do total do orzamento de gastos de cada acción subvencionada.

Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que propón que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Para o caso de non ser aceptada esta proposta, este Comité propón a inclusión expresa neste apartado, como custos asociados á actividade formativa, dos correspondentes custos financeiros orixinados por operacións formalizadas polas entidades beneficiarias con entidades financeiras, no importe que excede do 80% de anticipo máximo.

Quinta.- Artigo 14º. Condicións para adquirir e conservar o dereito á subvención.

No apartado 1 deste artigo figura como ítem a letra j).

Este Comité considera que deberíase substituír pola seguinte que corresponda, dado que a letra j) é impropia do alfabeto galego.












ANEXO


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Primeira.- A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe incluirse na exposición de motivos a referencia ao Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.- No artigo 5º, apartado 2, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que ante determinados proxectos específicos se contemple a posibilidade de realizar unha xornada de difusión propia en lugar de presentar o proxecto nas xornadas de difusión conxunta.

Terceira.- No artigo 11º, apartado B, punto 3, establécense os custos directos e asociados que se considerarán financiables para os efectos da convocatoria de subvencións reguladas neste proxecto normativo, dispoñéndose que “a suma dos custos asociados non poderá superar o 10% do total dos custos directos das accións complementarias”.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón establecer o límite do 15% en lugar do 10%.

Cuarta.- No artigo 14º, no apartado 1, letra j), cando se refire á posibilidade de subcontratar con outra entidade, proponse engadir: “... por enriba do 50% e ata a totalidade do importe correspondente, tal e como prevé o artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.