ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN AS PROBAS DE AVALIACIÓN EN COMPETENCIAS CLAVE PARA ACCEDER AOS CURSOS DOS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE DE NIVEL 2 E 3 DE CUALIFICCIÓN DENTRO DAS ACCIÓNS FORMATIVAS DE FORMACIÓNS PROFESIONAL PARA O EMPREGO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

I. ANTECEDENTES

O día 19 de outubro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro das accións formativas de formación  profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 34/2008, de 18 de xaneiro, polo que se regulan os novos  certificados de profesionalidade asociados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, establece que o subsistema de formación profesional para o emprego contemplará a realización de accións formativas dirixidas á adquisición das cualificacións e competencias profesionais recollidas nos correspondentes certificados de profesionalidade. Así defínese o novo Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade como o conxunto dos certificados de profesionalidade ordenados sectorialmente en 26 Familias profesionais e de acordo cos niveis de cualificación 1, 2 e 3, atendendo á competencia profesional requirida polas actividades produtivas con arreglo a criterios de coñecementos, iniciativa, autonomía, responsabilidade e complexidade, entre outros, da actividade a desenvolver.

Así pois, en orde a fomentar a calidade e a integración da formación profesional, en cada un destes módulos formativos que compoñen os novos  certificados de nivel 2 e 3 (para o nivel 1 non se lles esixirán requisitos académicos nin profesionais) establécense uns criterios de acceso para o alumnado, baseados no dominio de determinados coñecementos e capacidades básicos que aseguren a formación mínima necesaria para cursar o módulo con aproveitamento. Estes coñecementos e capacidades refírense a contidos xerais de formación básica, que se denominan “Competencias Clave”, as cales proporcionan unha combinación de coñecementos, capacidades e actitudes idóneas ao contexto, que facilitarán ás persoas avances no seu perfil profesional. Tamén perseguen motivar para progresar no mundo do emprego e na formación, e que lles sirvan así ás persoas para a súa realización e desenvolvemento profesional e persoal.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se presenta a ditame e do mesmo cabe salientar:

O obxectivo do presente proxecto é regular as probas de avaliación en competencias clave da Formación Profesional para o Emprego, na Comunidade Autónoma de Galicia, para os módulos formativos dos certificados de nivel 2 e 3, establecéndose os criterios de acceso dos alumnos, que asegurarán que estes posúen as competencias clave suficientes para cursar con aproveitamento a formación (artigo 1º).

Consonte a isto, considérase que unha persoa posúe as competencias clave establecidas se posúe determinadas titulacións ou acreditacións oficiais de formación básica, se cursa dentro da formación profesional para o emprego a formación asociada a estas competencias clave ou se supera as probas específicas en competencias clave que organice a administración laboral. Estas probas teñen por finalidade facilitar ás persoas que non posúan as titulacións e acreditacións oficiais establecidos para cada nivel, e cumpran 16 anos no ano de realización da proba (artigo 4º), que poidan demostrar, mediante un proceso de avaliación específico, que posúen os coñecementos e capacidades básicos que se requiren para cursar os correspondentes módulos dos novos certificados de profesionalidade. A superación destas probas facilita así ás persoas a posibilidade de continuar coa súa formación, contribuíndo así ao desenvolvemento persoal e profesional dos individuos e facendo realidade o aprendizaxe ao longo da vida (artigo 2º).

O contido das probas versará sobre as seguintes competencias clave: comunicación en lingua castelá, galega e linguas estranxeiras, competencias matemáticas, científicas, tecnolóxicas, dixitais, sociais e conciencia e expresión culturais (artigo 3º). A coordinación e xestión das mesmas corresponde ao Instituto Galego das Cualificacións (artigo 6º), convocándose ás mesmas, a lo menos, unha vez ao ano (artigo 7º), outorgándose nelas documento acreditativo que certifique o resultado obtido en termos de Apto/Non Apto (artigo 12º).

A Orde tamén contempla as exencións que se poden aplicar ás probas de avaliación das competencias clave dos niveis 2 e 3 e da competencia en comunicación en lingua galega (artigo 5º).

Para a elaboración, organización, aplicación, avaliación e cualificación das probas de avaliación, crearanse Comisións de Avaliación, cuxo número e sedes fixaranse na orde da convocatoria. Estarán formadas por un/ha presidente/a e polo menos tres vogais con coñecementos suficientes para valorar as probas. Así mesmo, actuará como secretario/a en cada unha da/s delas  un técnico do Instituto Galego das Cualificacións, que actuará con voz pero sen voto (artigo 10º).

A expedición das acreditacións en competencias clave realizarase pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, sendo o Instituto Galego das Cualificacións quen levará un rexistro nominal e por especialidades de todas as acreditacións de competencias clave expedidas (artigo 14º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.


O día 23 de outubro de 2009 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
















DITAME 25/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro das accións formativas de formación  profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de outubro de 2009, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de outubro de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:









CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Este Comité observa que aparecen erros en materia de xénero na utilización da linguaxe, polo que propón a revisión do texto.


Segunda.- Tendo en conta que as competencias clave non están definidas, este Comité propón que a Consellería de Traballo e Benestar inste da autoridade competente a axilización da definición destas competencias.















CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 3º. Contido das probas de competencias clave.

Este Comité observa que se repite a numeración do apartado 3, propoñendo a súa modificación.

Segunda.- Artigo 5º. Exencións da proba de avaliación de competencias clave.

No apartado 1 deste artigo figura como ítems as letras j) e k).

Este Comité considera que deberíanse substituír polas seguintes que correspondan, dado que as letras j) e k) son impropias do alfabeto galego.

Terceira.- Artigo 10º. Comisións de avaliación.

Este Comité observa que existe un erro no apartado 6 ao referirse ás “comisiones de evaluación” en lugar de “comisións de avaliación”.




Cuarta.- Anexo 2. Titulación requirida en cada competencia clave aos membros da Comisión de Avaliación.

Este Comité observa que nos tres últimos ámbitos especificados no anexo non se definen as titulacións requiridas, polo que proponse a súa clarificación do seguinte xeito:

• No que se refire ao ámbito social (xeografía), a titulación requirida polo persoal docente será a seguinte:

o Título de grao, licenciatura ou diplomatura en xeografía, xeografía e ordenación do territorio.
o Ou titulacións equivalentes.

• No que se refire ao ámbito social (historia), a titulación requirida polo persoal docente será a seguinte:

o Título de grao, licenciatura ou diplomatura en historia, historia da arte.
o Ou titulacións equivalentes.

• No que se refire ao ámbito conciencia e expresións culturais, poderíanse especificar as titulacións que se establecen nas normas a nivel estatal.