ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS PRIORITARIAMENTE AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DESEMPREGADOS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE AO EXERCICIO DE 2010

I. ANTECEDENTES

O día 23 de novembro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente aos traballadores e traballadoras desempregados na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas dirixidas prioritariamente a traballadores e traballadoras desempregados, correspondentes ao exercicio de 2010, ao abeiro do disposto na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, polo que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, que regula o subsistema de formación profesional para o emprego. Este Real Decreto contempla a formación de oferta entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 11 de decembro de 2008, publicada no DOG o 18 de decembro de 2008, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 31 de outubro de 2008 (ditame 44/08), obsérvase que foron aceptadas varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Como principais novidades no actual proxecto normativo, destácanse as seguintes:

O novo proxecto de orde estrutúrase nun título I, no que se concretan as disposicións xerais (artigos 1º e 2º), nun título II, relativo ao procedemento de tramitación das subvencións (artigos 3º a 13º) e nun título III sobre normas relativas ás vías de programación (artigos 14º a 36º).

Modifícase a exposición de motivos, engadíndose algún novo parágrafo como o relativo ao II Plan Galego de Formación Profesional. Apréciase, no parágrafo undécimo, unha diminución na contía total das axudas, pasando de 53.888.079 euros a 50.701.394 euros.

Modifícase o apartado 1 do artigo 3º, “Solicitudes, documentación e prazo” para o caso de que se soliciten especialidades formativas correspondentes a novos certificados de profesionalidade, establecendo a documentación a achegar.

Modifícase o relativo á instrución do procedemento (artigo 4º), establecéndose que o órgano instrutor para a vía de programación prevista no artigo 14º.3 será o correspondente departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Modifícanse os criterios para avaliar as vías de programación 1a e 1b, fixados no apartado 4 deste artigo 4º, entre outros, valórase ata con 15 puntos o proxecto formativo con metodoloxía innovadora ou que introduza novas tecnoloxías na acción formativa; as prácticas non laborais deben aterse ao disposto no artigo 24B; elimínase a esixencia de que a inserción laboral sexa en ocupacións relacionadas coa mesma familia profesional; a experiencia e xestión do centro valórase  cun máximo de 15 puntos, coa novidade de valorar os centros que nunca impartiron este tipo de formación. Modifícase a puntuación mínima necesaria para acceder á programación, pasando de 40 a 35 puntos.  

No artigo 5º “Resolución” introdúcese un novo apartado 3 no que se explicita que a resolución das axudas das vías de programación 2 e 3 correspóndelle ao/á director/a xeral de Formación e Colocación, previa fiscalización da intervención delegada.

Modifícanse igualmente as obrigas e a documentación que deben remitir as entidades beneficiarias, que se detallan no artigo 6º. No apartado 1 engádense dous documentos a aportar polas entidades beneficiarias: documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de acceso e para a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais; no apartado 2 fíxase un mínimo de cinco días cando na anterior só se dicía “antes do inicio do curso” e se esixen os documentos sobre a docencia : planificación temporal, relación de docentes e identificación do persoal de dirección; no apartado 8 engádese un parágrafo sobre o Plan Anual de Avaliación; no apartado 10 engádese que a póliza de responsabilidade civil debe incluir tamén as prácticas; no apartado 15 concrétase que o logo do FSE debe dicir : “O FSE inviste no teu futuro”; no apartado 17 realízase unha referencia aos artigos 14 e 18 do RD 34/2008 sobre os certificados de profesionalidade;  finalmente, engádense neste artigo 6º dous apartados, 18 e 19, sobre o permiso para viaxes didácticas e a aportación da documentación do alumnado para acreditar os requisitos de acceso.

No artigo 7º “Determinación das subvencións para a acción formativa”, apartado 5, varíase o número mínimo de alumnos/as con certificación de minusvalía, pasando de tres a un, poidéndose incrementar o importe destinado para persoal de apoio e para a adaptación curricular.  

Modifícase o artigo 9º, “Custos subvencionables”, eliminándose no apartado 6 a referencia a gastos de mantenza e aloxamento de persoas traballadoras ocupadas que participen en accións formativas.

Modifícase a porcentaxe máxima de anticipo da subvención establecida no artigo 11º ( “Pagamento”) xa que agora será do 80 por cento en lugar do anterior 65 por cento. Como consecuencia, elimínase a posibilidade de pagamentos parciais de ata o 80 por cento prevista no apartado 2 da orde anterior.
Engádese unha frase no apartado 1 do artigo 16º, “Destinatarios/as da formación”, sobre a posibilidade de asistencia ao curso  dun/ha alumno/a que resultase contratado/a durante o seu desenvolvemento.

No que se refire ao procedemento establecido no artigo 17º para a “Selección de alumnos/as” engádese na súa letra “c” a previsión de que se deberá realizar unha proba no caso de que figuren entre os candidatos máis de quince como asinantes dun itinerario personalizado de inserción.

No artigo 18º (“Calidade, avaliación, seguimento e control dos cursos”) concrétase que do cómputo da contía que a entidade debe destinar á avaliación e control da calidade da formación, se deben excluir as axudas aos alumnos/as. Así mesmo, no apartado 3 esíxese, para os cursos de novos certificados de profesionalidade, a remisión do acta de avaliación dos resultados obtidos polos alumnos/as.

No artigo 20º, “Módulos transversais”, establécense as familias profesionais nas que é necesario o curso básico de prevención de riscos laborais. Ademáis, modifícase o número de horas do curso básico de prevención de riscos laborais que pasa a ser de 60 horas e se engaden a este artigo 20º dous novos apartados, 9 e 10.

Modifícase o establecido no artigo 21º, “Axudas para os/as alumnos/as desempregados”: increméntase a axuda de transporte de 6 a 7 euros; prevese a posibilidade de manter a axuda para o caso de uso de vehículo propio se a distancia é inferior a 50 kms.; elimínase a necesidade de certificación municipal e se modifica na súa totalidade a relación de especialidades formativas.

Modifícase o artigo 23, “Diplomas”, sendo posible, con determinados requisitos, obter o diploma no caso de alumnos/as que causen baixa do curso por colocación.

Modifícase o artigo 24, “Prácticas en empresas”, apartados A.1, A.6 (novo) e B (a duración mínima diaria pasa a catro horas e permítese a compatibilidade das prácticas coa realización do curso se remata despois do 1 de outubro e está realizada a metade das horas lectivas).

Respecto aos requisitos dos proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata, establécese no artigo 26º que deberá figurar no compromiso de contratación a categoría profesional e a localidade, así como informar aos/as alumnos/ destes extremos.

No artigo 29º, “Pagamento”, cambia o límite máximo da porcentaxe de anticipos do anterior 65% ao actual 80%, suprimíndose o apartado 2.

Finalmente, atendendo unha consideración das organizacións que integran o Consello, utilízase a denominación de disposicións finais en lugar de derradeiras.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente aos traballadores e traballadoras desempregados na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio 2010” consta de : Exposición de Motivos, cinco capítulos trinta e seis artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.  


O día 30 de novembro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e vintecinco específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.                                        


Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións UGT-Galicia e CIG (Anexo I); unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións CIG e CEG (Anexo II); dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola organización CIG (Anexo III); unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola organización SN de CCOO de Galicia (Anexo IV) e unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestada pola confederación de empresarios de Galicia (Anexo V).







DITAME 26/09




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente aos traballadores e traballadoras desempregados na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2010”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de novembro de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.- Linguaxe en materia de xénero.

Este Comité observa unha mellora cara a unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero; sen embargo persisten algunhas incorreccións puntuais e a do  título da orde (“traballadores e traballadoras desempregados”) na que debería figurar “persoas traballadoras”.


Segunda.- Sobre a oferta formativa e programación.

O carácter prioritario dos novos certificados de profesionalidade debe tomarse con cautela, pois non está articulado o proceso previo de homologación. Así mesmo, deberíase ter en conta, no carácter prioritario, todas aquelas accións que, sen estar asociadas aínda aos novos certificados, teñen éxito polo seu nivel de demanda e polo seu grao de inserción.

Deberíase considerar a posibilidade de reprogramar as accións, nos termos e prazos establecidos pola Administración, e ter en conta as posibilidade de reprogramar aquelas accións que aínda que non estean na solicitude inicial, poidan ter demanda.

Deberíase adiantar o inicio das actividades formativas de modo que os cursos con maiores horas lectivas se poidan desenvolver sen ter que sobrecargar ao alumnado de horas.

Terceira.- Aplicación SIFO e xestión administrativa.

Este Comité considera que se debería revisar a aplicación SIFO para simplificar os procesos, coa finalidade de detectar e corrixir as incoherencias da ferramenta e posibilitar axilización dos traballos nos centros e garantir o seu funcionamento en todo intre.

É necesaria unha maior axilidade na xestión administrativa e na simplificación das obrigas administrativas que implica a execución das accións.

Ademáis debería estar moi claro, para evitar problemas de incompatibilidade, que debe ser o Servizo Público de Emprego o organismo encargado do recoñecemento das axudas, xa que é o propio servizo o que ten a información das axudas percibidas pola persoa asistente aos cursos.  

Cuarta.- Garantía de financiamento ás entidades.

Este Comité considera que, con independencia de que o alumnado poida non participar nalgún dos módulos da acción formativa, débese garantir e concretar expresamente na orde o financiamento total da acción formativa á entidade , independentemente do número total do alumnado que participe en cada módulo.  





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. – Exposición de motivos
Este Comité suxire a inclusión na Exposición de motivos dunha referencia ao  Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.


Segunda.- Exposición de motivos.
A contía do financiamento das axudas previstas, tal e como figura no penúltimo dos parágrafos desta Exposición de motivos, redúcese aproximadamente nun 6% con respecto á contía que se destinou para o ano 2009. Este Comité considera que non se debe minorar a contía do financiamento xa que resulta contraditorio co seu obxectivo : procurar a formación das persoas desempregadas e o fomento do emprego, polo que se debería incrementar o esforzo económico e máis tendo en conta a situación actual de crise.  


Terceira. – Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
No apartado 1.a) establécese que poderán participar na vía de programación 1a do artigo 14º “Todos aqueles centros colaboradores, naquelas especialidades que teñan homologadas á data de publicación desta orde”. Este Comité considera que debe permitirse participar aos referidos centros tamén naquelas especialidades que estean en proceso de homologación á data de publicación da orde.



Cuarta.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
No apartado 1. b) permítese participar ás persoas físicas na vía de programación 1.b do artigo 14º. Este Comité suxire a eliminación da concorrencia das persoas físicas por considerar que isto suporía na práctica desvirtuar o carácter non lucrativo do subsistema de formación para o emprego.
Por este motivo e porque este Comité non observa distinción, para os efectos deste precepto, entre as entidades xurídicas e as institucións, proponse unha nova redacción deste apartado:
“b) Na vía de programación 1b do artigo 14º: As persoas xurídicas que desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación”.

Quinta.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo
No apartado 2.k), establécese que xunto coa solicitude se acompañe a xustificación documental de ter inserido laboralmente ao alumnado de anteriores convocatorias. Este Comité considera que debería quedar máis claro e concretar o procedemento que teñen os centros de xustificar o dito compromiso xa que ademáis hai que ter en conta que parte do alumnado pode optar polo autoemprego.


Sexta.- Artigo 3º.Solicitudes, documentación e prazo.
Na relación do apartado 2 inclúese a letra “k”, non propia do alfabeto galego; polo tanto este Comité considera que se debe suprimir e substituila pola que corresponda.


Sétima.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 4.g) deste artigo valórase con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas. Este Comité propón que se valore con 10 puntos o emprego efectivo e verificable da lingua galega.




Oitava. – Artigo 5º. Resolución.
O apartado 5 deste artigo establece que a resolución deberá producirse no prazo de seis meses. Este Comité propón que este prazo se reduza a tres meses.

Novena.- Artigo 9º Custos subvencionables.
O apartado I.1 deste artigo establece un custo hora mínimo en concepto de docencia, estipulándose como mínimo no 35% do custo hora da acción formativa, tendo como límite o prezo de mercado. Este Comité suxire que se formule unha redacción nova, na que se estableza unha modulación da porcentaxe da docencia en relación coa valoración económica do módulo. Por exemplo, de manterse como establece o referido apartado, nun curso de soldadura tipo de 900 horas habería que destinar a custos salariais do/a docente un mínimo de 47.250 €, o que suporía o 44% do total dos custos directos.

Décima.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría, impedindo na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado, e provocando na práctica un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.



Décimo primeira.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
No apartado I. 3. relativo a gastos de medios didácticos, establécese que deberán presentarse debidamente desglosados e imputaranse polo número de participantes no caso de uso individual dos equipos ou plataformas; noutro caso imputaranse por horas de utilización. Este Comité propón a eliminación da imputación por horas de utilización.

Décimo segunda.- Artigo 10º. Subcontratación.
Dado que a contratación de persoal laboral nunca se debe de considerar subcontratación, este Comité considera que se debe modificar a redacción da segunda frase deste artigo do seguinte xeito : “A contratación de servizos para a impartición de docencia directa dos cursos non se considerará subcontratación”.

Décimo terceira.-  Artigo 11º. Pagamento.
No apartado 1.a) deste artigo, establécese que os anticipos serán ata o  80% da subvención concedida. Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, o 100 polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata por 100.
Así mesmo, respecto ao establecido no apartado 2, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas de alumnos e alumnas, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha relación coa acción formativa a impartir.

Décimo cuarta.- Artigo 14º. Vías de programación.
No apartado 1.b) deste artigo prevese que se poidan solicitar as especialidades formativas do anexo IV desta orde por esta vía cando non exista centro homologado. Coa finalidade de dar mellor cumprimento ao obxectivo deste precepto, este Comité propón unha nova redacción da primeira frase deste apartado : “As especialidades formativas recollidas no anexo IV , onde non exista centro homologado ou existindo non fose concedida algunha en número suficiente para cubrir a demanda formativa.”  

Décimo quinta.- Artigo 14º. Vías de programación.
O apartado 2 regula os convenios como unha posible vía de programación. Tendo en conta que esta vía é suplementaria da outra, este Comité considera que se debería concretar neste artigo que só se poderán celebrar convenios con entidades sen ánimo de lucro que non participen polas vías 1.a ou 1.b. Así mesmo, propón que se fixe unha porcentaxe non superior ao 10% do financiamento para esta modalidade.


Décimo sexta.- Artigo 16º. Destinatarios/as da formación.
O apartado 3 deste artigo establece que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións. Este Comité propón substituír “en cada unha das accións” por “no conxunto do plan formativo”.


Décimo sétima.- Artigo 17º. Selección de alumnos/as.
No apartado b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente. Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, estas deben convocarse de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.


Décimo oitava.- Artigo 17º. Selección de alumnos/as.
No apartado c) deste artigo permítese a participación nas probas a traballadores e traballadoras ocupados, que o tiveran solicitado. Este Comité considera que non se debe limitar esta participación só ás persoas traballadoras ocupadas, suxerindo a eliminación do termo “ocupados”.

Décimo novena.- Artigo 20º. Módulos transversais.
Nos apartados 3 e 7 deste artigo úsase a palabra non galega “párrafo”. Este Comité considera que se debería utilizar a palabra “parágrafo”.

Vixésima.- Artigo 20º. Módulos transversais.
No apartado 8 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”. Este Comité considera que , dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicirse : “poderán quedar exentos se así o solicitan”.




Vixésimo primeira.- Artigo 21º. Axudas para os alumnos/as desempregados/as.
No apartado 5.1 establécese que os alumnos terán dereito a percibir unha bolsa consistente no 75% do IPREM diario. Este Comité considera necesario modificar a norma de xestión destas bolsas para que o pagamento sexa xestionado directamente pola Administración, tal como se solicitou con ocasión do ditame por este Comité da dita norma de xestión.

Vixésimo segunda.- Artigo 21º. Axudas para os alumnos/as desempregados/as.
No apartado 5.2.a) establécese unha axuda de transporte ao alumnado que utilice a rede de transporte público. Este Comité considera que, co obxecto de unificar o criterio para os efectos do desprazamento con independencia de que se utilice o transporte público ou non, debería  substituir esta axuda por unha bolsa de asistencia como en anteriores convocatorias.
Subsidiariamente, caso de que permaneza esta axuda, para este pagamento cómpre establecer un método de xustificación axeitado, práctico e viable.
Por outro lado, na última frase do apartado 5.2.b) debería especificarse que se trata de  0,10 euros por quilómetro percorrido.

Vixésimo terceira.- Artigo 23º. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% da especialidade formativa”, este Comité considera que se debe facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Vixésimo cuarta.- Artigo 32º. Solicitudes.
Dado que as letras j) e k) non forman parte do alfabeto galego, este Comité considera que se deben suprimir da relación do seu apartado 2  e substituilas polas que correspondan.


Vixésimo quinta.- Anexo V
O anexo V ao proxecto de orde, segundo o seu artigo 4º.4.c), débese aportar como compromiso de realización de prácticas non laborais en empresas. Aínda que se acortou o prazo de xeito significativo, este Comité considera que sería máis idóneo  informar concretamente en qué empresas está prevista a realización das prácticas. Así mesmo, no modelo do Anexo V, polas razóns xa expostas, se debería trocar a frase “Empresa/s con que se conveu a realización das prácticas” por : “Empresa/s nas que está prevista a realización das prácticas”.  












ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG.

Artigo 3º.
O apartado 2. deste artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude, esixindo no apartado k) xustificación documental de ter inserido laboralmente alumnos. Estas organizacións suxiren a eliminación da obrigatoriedade atribuída á entidade beneficiaria da subvención de ter que xustificar documentalmente a inserción laboral do seu alumnado polas seguintes razóns:

1. A entidade beneficiaria non dispón de autoridade legal para obrigar aos seus ex-alumnos/as a comunicar e xustificar documental e suficientemente a súa inserción laboral nun período de seis meses, logo de ter rematado o correspondente curso, o que na práctica supón cando menos unha patente indefensión da entidade.

2. A ausencia de recursos económicos específicos habilitados para a realización deste traballo, unha vez rematada a acción formativa.






ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL  CIG E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 4º.

No artigo 4.e) valórase con 5 puntos a acreditación da entidade en norma ISO de calidade ou plan de mellora EFQM. Estas organizacións suxiren a supresión deste apartado e a implantación dun período transitorio, para os efectos de favorecer a progresiva implantación dun modelo de calidade real e operativo, que dea solucións de mellora á xestión das entidades.













ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Primeira. - Artigo 4º.
No apartado 4.g) deste artigo valórase o emprego da lingua galega nas accións formativas. Esta organización propón ademais gravar con 10 puntos negativos a súa non utilización.

Segunda.- Artigo 7º .
O apartado 3 deste artigo establece que o importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe do módulo que lle corresponda á especialidade. Esta organización propón a eliminación do modelo proposto para a cuantificación das subvencións destinadas a cada acción formativa, que entendemos desvencellado da realidade, xa que non ten en conta os custos reais que ten cada especialidade formativa en función das súas características e esixencias materiais de execución.

Na práctica pasaríase dun modelo de financiamento adaptado a cada especialidade, que neste momento conta con 48 niveis económicos distintos segundo as especialidades, a un modelo que contempla dous niveis económicos, 9 e 13 €, que provocarían diferenzas de financiamento en relación ao modelo anterior que conlevarían un encarecemento das accións formativas de entre un 10% e un 70% segundo a especialidade.

ANEXO IV


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO NACIONAL DE CC.OO. DE GALICIA.

Artigo 9º.

No apartado I.1.B deste artigo establécese a posibilidade de que o docente sexa contratado por contrato mercantil. Esta organización considera que é irregular a utilización desta modalidade de contratación para usos laborais e, polo tanto, non debería citarse na orde.
















ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 17º.

No aprtado e.i deste artigo se establece que a selección do alumnado se realice mediante un anuncio en prensa que se debe publicar en domingo, agás que o centro directivo correspondente da consellería autorice a súa publicación nun día distinto. Esta organización propón que se acuda a esta posibilidade “sen necesidade de autorización previa”.