ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA EN GALICIA DURANTE OS ANOS 2010 E 2011 DE PROGRAMAS INTEGRADOS PARA O EMPREGO

I. ANTECEDENTES

O día 23 de novembro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2010 e 2011 de programas integrados para o emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Orde TAS/2643/2003, de 18 de setembro), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia á orde que se está a ditaminar.
Ao abeiro da antedita norma, a Consellería de Traballo e Benestar ven a articular neste proxecto normativo programas integrais de emprego, dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral coas persoas demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 30 de decembro de 2008, publicada no DOG o 19 de xaneiro de 2009, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 6 de novembro de 2008, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 47/08.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na exposición de motivos suprímese o parágrafo cuarto da orde anterior, no que se facía  referencia ao Acordo do Diálogo Social en Galicia asinado o 5 de febreiro de 2007.

Artigo 3º.- Destinatarios.
Engádese unha letra “g”  ao seu apartado 1, de tal xeito que se sinala como colectivo prioritario traballadores/as “xóvenes” en situación de desemprego.  

Artigo 10º.- Criterios de valoración dos programas.
Modifícase a puntuación dos aspectos a valorar dos proxectos que se presenten: o número e características dos colectivos desempregados pasa de 22 a 15 puntos;    a experiencia acreditada da entidade solicitante pasa de 14 a 10 puntos; o carácter innovador do programa pasa de 12 a 18 puntos; e o emprego da lingua galega na realización das accións do programa integración para o emprego, pasa de 12 a 5 puntos.

Artigo 11º.- Procedemento de concesión das subvencións.
Modifícanse algúns aspectos das distintas fases procesuais : engádese unha referencia á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; establécese como órgano instrutor a Subdirección Xeral de Colocación; dise expresamente que a/o xefa/e do servizo de Orientación Laboral formará parte da comisión de avaliación; introdúcese a fase de proposta de resolución que realizará a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación; as entidades beneficiarias dispoñen de 10 días para aceptar a subvención desde a proposta de resolución cando antes era desde a resolución; e na redacción do punto 7 deste artigo descríbese o contido do artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.
  
Na disposición adicional 1ª diminúe a contía total dos importes que figuran nas distintas aplicacións orzamentarias que financiarán as accións incluídas na orde, pasando de 3,7 millóns de euros na anterior a 3,1 millóns de euros neste proxecto.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2010 e 2011 de programas integrados para o emprego” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.


O día 2 de decembro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e quince  consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais:

Contén así mesmo, como anexos, cinco consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I) e dúas consideracións específicas sobre o contido da norma, manifestadas polo SN de CCOO de Galicia (Anexo II).










DITAME 27/09







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2010 e 2011 de programas integrados para o emprego”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:











CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.
Este Comité observa que existe unha orde de programas experimentais de emprego durante os anos 2009 e 2010, que se vai a solapar durante 2009 coa que agora se ditamina, que rexe para os anos 2010 e 2011.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo e na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra.

Terceira.


Este Comité propón a substitución da expresión “traballadores desempregados” por “traballadores e traballadoras en situación de desemprego” en todo o texto normativo, dado que o desemprego é unha situación transitoria e non un colectivo.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto.

Neste artigo establécese que o obxecto desta orde é “a posta en marcha de programas de emprego dirixidos á colocación no mercado de traballo das persoas desempregadas...”. Este Comité considera que a expresión “colocación no mercado de traballo” non é a máis adecuada e suxire que se substitúa por “inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego”.

Segunda.- Artigo1º. Obxecto.

Este Comité propón, por considerala máis axeitada, a substitución da expresión “ensaio de fórmulas” que figura neste artigo por “posta en marcha de planos experimentais”.

Terceira.- Artigo 3º. Destinatarios.

Na  letra c) do apartado 1 deste artigo figura “Mulleres con problemas de integración laboral”, como colectivo prioritario. Este Comité considera que esa expresión non define os “problemas”; polo tanto, propón quenesa letra figure só a palabra “Mulleres”.




Cuarta.- Artigo 3º. Destinatarios.

O apartado 2 deste artigo establece a porcentaxe de persoas beneficiarias perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego, indicando que “Esta porcentaxe será menor se o número de beneficiarios... na localidade na que se vaia a desenvolver o plan non acada a citada porcentaxe”.
Este Comité considera que a referida expresión “será menor ...” deberíase substituír por “reducirase en proporción ao número de persoas beneficiarias”.



Quinta.- Artigo 4º. Obxectivos.
O apartado 1 deste artigo establece que os obxectivos cuantificados de inserción laboral serán de, polo menos, o 35% das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa, porcentaxe que reducirase ao 30% cando todos as persoas participantes sexan desempregadas previamente admitidas no Programa de Renda Activa.
Este Comité considera que os obxectivos de cuantificación e temporalidade da inserción laboral que se especifican neste artigo son excesivos debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, así pois proponse  igualar nos dous casos as porcentaxes de inserción ao 25%.


Sexta.- Artigo 5º. Entidades beneficiarias.
No terceiro parágrafo deste artigo esteblécese cando as entidades beneficiarias recorran a subcontratación, deberán cumprir co artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este Comité considera que debe explicitarse nesta orde que  a porcentaxe chegue ata o 100%, tendo en conta que son entidades sen ánimo de lucro,  e tal como se prevé na orde das axudas destinadas a actividade de fomento da prevención de riscos laborais dictaminada no día de hoxe por este Comité.

Sétima. Artigo 6º. Contía das subvencións.

O apartado 2 deste artigo alude á imposibilidade de que o importe destas subvencións, illadamente ou con axudas doutras administracións ou entes, públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade.
Este Comité considera que o termo “nacionais” debe ser substituído por “estatais”, consideración que se repite para o artigo 17º.3 deste proxecto.

Oitava.- Artigo 8º. Requisitos da solicitude.

No apartado 3 deste artigo enuméranse documentos que se deben aportar coa solicitude. Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións  particulares das persoas candidatas.

Novena.- Artigo 10º. Criterios de valoración dos programas.

Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, suxire incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 2º da orde: información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Décima.- Artigo 10º. Criterios de valoración dos programas.

Tendo en conta  a natureza do programa non se considera necesario puntuar o esforzo investidor que figura no punto 4 deste artigo. Polo tanto, este Comité propón que se elimine da relación.

Décimo primeira.- Artigo 10º. Criterios de valoración dos programas.

Este Comité considera insuficientes os puntos outorgados no punto 5 ás entidades en función da súa experiencia anterior neste tipo de convocatorias. Este apartado non debe perder importancia se se quere acadar o maior rendimento dos fondos investidos nas accións do programa. O seu bó desenvolvemento require unha organización asentada e de referencia no mundo socio-laboral no beneficio último das persoas atendidas. Polo tanto, este Comité propón que se mantañan os 14 puntos previstos na orde do exercicio anterior.  

Décimo segunda.- Artigo 10º. Criterios de valoración dos programas.

No punto 7 deste artigo minórase, en relación coa orde do exercicio anterior, os puntos polo emprego da lingua galega, pasando de 12 a 5. Este Comité considera que se deben manter os 12 puntos neste apartado xa que o idioma  é un ben cultural que se debe promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e cercanía coas persoas participantes nas actividades mellorando o seu resultado.  


Décimo terceira.- Artigo 11º. Procedemento de concesión de subvencións.

O apartado 6 deste artigo establece que o prazo de resolución será de seis meses contados a partir da entrada da solicitude no correspondente rexistro.
Este Comité suxire que o prazo de resolución se reduza a tres meses.

Décimo cuarta. - Artigo 13º. Forma de pagamento.

No apartado 1 deste artigo establécese que procederase ao aboamento  do 50% do total da subvención a partir do momento en que a entidade subvencionada presente a documentación que se relaciona.

Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1 deste artigo, de ata o 100%.

Décimo quinta.- Artigo 15º. Liquidación final.

No apartado 1 deste artigo establécese a documentación a presentar para a liquidación final dos gastos realizados. Entre a documentación esixida, o apartado b) establece a remisión da copia dos contratos de traballo dos usuarios inseridos. Este Comité considera que esta documentación non é necesaria dado que xa está verificada polo indicado no apartado 3 deste artigo (“O Servizo Público de Emprego verificará o nivel de inserción efectivo...”), polo que propón que se suprima o apartado b).








ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.-  Artigo 2º. Definición do programa integrado.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón incluir enrtre as accións a prospección de empresas, a búsqueda de xacementos de ofertas e a intermediación laboral. É necesario levar a cabo unha prospección do mercado laboral e das empresas qoe o integran para a detección de perfís demandados.

Segunda.- Artigo 3º. Destinatarios.

No apartado 1 deste artigo figuran como destinatarios específicos dos programas integrados en materia de emprego aqueles traballadores que se atopen en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial que provoque a extinción da relación laboral dos traballadores dunha empresa por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do ET.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, aínda cando a Orde ministerial TAS 2643/2003, do 18 de setembro, non contempla máis que a extinción dos contratos por crise empresarial, fundamentada nos artigos 51 e 52.c) ET, debería engadirse igualmente a prevista no artigo 64 da Lei Concursal (Lei 22/2003, do 9 de xullo), por canto tamén se estaría ante unha extinción de contratos por causas económicas da empresa, pero, iso si, acordada polo xuíz do concurso.

Respecto ao disposto neste mesmo artigo 3º, apartado 2, a Confederación de Empresarios de Galicia considera excesivo que a porcentaxe das persoas beneficiarias das accións que deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego se cifre no 60%.

A experiencia no desenvolvemento do Plan Integral de Emprego indica que dita porcentaxe resulta moi difícil de alcanzar, máxime nos colectivos que se determinan, polo que se propón que esta se rebaixe ata o 40% como regra xeral.

Terceira.- Artigo 4º. Obxectivos.

O apartado 3 deste artigo sinala que o prazo de execución dos plans integrados para o emprego será como máximo de 12 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que para o correcto desenvolvemento destes plans sería necesario tamén o establecemento dunha duración mínima.

Cuarta.- Artigo 6º. Contía das subvencións.

Non varían as contías por persoa atendida, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que se deberían de incrementar con respecto ás do ano pasado.



Quinta.- Artigo 7º. Gastos imputables.

Na letra a) do apartado 1 deste artigo, a CEG propón que se incremente o límite para os custos salariais e de seguridade social.

Na letra e) do apartado 1 deste artigo, a CEG propón que se inclúan os gastos derivados da contratación de forma externa para a realización de estudos de mercado e de prospección de empresas, así como a posibilidade de contratar outros tipos de servizos (formación para traballadores, captación de ofertas e prospección empresarial).  











ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SN DE CCOO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 18º . Seguimento das accións.

No apartado 1 deste artigo establécese que ”... a Consellería de Traballo e Benestar poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde...”.

O S.N. de CC.OO. de Galicia suxire a substitución da citada expresión por “... a Consellería de Traballo e Benestar realizará e fará públicos na súa páxina web oficial os datos de inserción dos/as beneficiarios/as destas subvencións para a comprobación do cumprimento...”.

Igualmente, no apartado 2 deste artigo, este sindicato suxire a substitución da expresión “...a Consellería de Traballo e Benestar poderá realizar comprobacións...” pola de “a Consellería de Traballo e Benestar realizará comprobacións...”. Así mesmo, esta organización considera que o segundo parágrafo deste apartado debe iniciarse coa expresión “Nas visitas de seguimento...”

Segunda. - Artigo 19º . Reintegro das subvencións.

No apartado 3 deste artigo establécese que “...o Servizo Público de Emprego poderá comprobar, se non fora posto en coñecemento neses momentos pola entidade beneficiaria da subvención, se o nivel de inserción laboral...”. Suxírese a substitución do texto por “...o Servizo Público de Emprego comprobará se o nivel de inserción laboral...”.