ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO

I. ANTECEDENTES


O día 23 de novembro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a posta en marcha dun sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación e busca activa de emprego, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade das persoas demandantes de emprego; sistema que contempla a colaboración de entidades especializadas para incrementar a capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento aos usuarios e a atención a colectivos específicos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2009, publicado no DOG o día 20 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 26 de novembro de 2008 (Ditame 53/08), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Obsérvase que nalgúns preceptos (artigos 6º.1, 9º.4, 9º.6, 11º.3, disposición adicional cuarta e disposición final primeira) non se respectan as diferenzas de xénero, inclusive na denominación dos cargos públicos.

Na exposición de motivos suprímese o parágrafo sétimo da anterior orde no que se facía  referencia ao Acordo do Diálogo Social en Galicia asinado o 5 de febreiro de 2007.

Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 2º suprimíndose a frase “...e, en concreto, as universidades públicas, as corporacións locais, as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia e as entidades especializadas en atención a determinados colectivos, preferentemente con diminucións físicas, psíquicas ou sensoriais,...”, permanecendo a seguinte redacción: “Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos que realicen accións de información e orientación profesional de acordo co previsto nestas bases reguladoras”.


No artigo 6º.3.g úsase a expresión “Memoria” en lugar da utilizada na orde anterior “Proxecto-memoria”.

No artigo 6º.3.g.6º engádese unha frase ao final do parágrafo “Deberá, igualmente especificar a metodoloxía aplicable á prospección de empresas.”

No artigo 8º “Criterios de valoración para a concesión de subvencións” realízanse varias modificacións consistentes en :

- na letra “b” outórgase 4 puntos pola experiencia acreditada en lugar dos 8 puntos da orde anterior,
- suprímense as anteriores letras “c”(que a entidade fose entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego, 8 puntos) “d”(que a entidade solicitante desenvolvera tarefas de información, asesoramento e orientación, 8 puntos) e “f”(a porcentaxe de inserción acadada, 10 puntos),
- na letra “c”(antes letra “e”), os puntos con realización de IPIs pasan de 12 a 10,
- na letra “d” (antes letra “g”), o estudo do mercado de traballo é na comarca na que se sitúa a entidade, cando na orde anterior era “da área funcional”,
- a actual letra “e” suma a redacción das anteriores letras “h” e “k”; así mesmo, os puntos por este apartado son 10 en lugar dos 16 da orde anterior,
- a actual letra “g” se corresponde coa anterior letra “j” , figuran 5 puntos en lugar dos 10 da orde anterior,
- finalmente, a valoración mínima necesaria pasa dos 25 puntos da orde anterior aos 20 deste proxecto normativo.    


No artigo 9º “Procedemento de concesión de subvencións”, introdúcense modificacións con respecto á orde anterior consistentes en : incluir unha referencia á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establecer como órgano instrutor á Subdirección Xeral de Colocación, establecer expresamente que o/a xefe/a do servizo de Orientación Laboral formará parte da comisión de avaliación, engadir como fase do procedemento a proposta de resolución, que será motivada e comunicada ás persoas interesadas para a súa aceptación, e a fixación dun prazo de quince días desde a elevación da proposta de resolución para que a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación dicte e notifique resolución motivada.

Engádense novas obrigas das entidades beneficiarias das subvencións, relacionadas no artigo 10º do proxecto de orde, e que figuran nos apartados deste precepto como letras p, q, r , s.

Por último, apréciase unha variación na puntuación outorgada por “outra titulación media ou superior”no baremo do artigo 11º da orde, xa que na orde anterior era de 1 punto sen facer distinción de titulación e no proxecto normativo actual figura 1 punto para o caso de que sexa titulación media e 1,5 se a titulación é superior.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.





O día 2 de decembro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais de carácter unánime, así como vinte consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime, unha específica manifestada polas organizacións sindicais  CC.OO. de Galicia, UGT-Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) (Anexo I), unha específica manifestada por CC.OO. de Galicia, UGT-Galicia e  CIG (Anexo II) e tres consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo III).









DITAME 28/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2009 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.

Valórase, na súa xusta medida, a incorporación ao proxecto de orde de diversas consideracións manifestadas por este Comité no ditame 53/08, emitido sobre esta mesma norma para o exercicio 2009.




Segunda.

Obsérvase que no texto do proxecto normativo non se respectan as diferenzas de xénero na denominación dos cargos públicos.

Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo.

Terceira.


Este Comité considera que se debería avanzar na clasificación e concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas orientadoras de emprego, tanto nas accións individuais, como especialmente nas colectivas.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

Na primeira liña do primeiro parágrafo fálase de “a persistencia do desemprego”, expresión que xa figurou na mesma orde ne exercicio pasado. Dado que nestes momentos a situación económica cambiou, este Comité propón que se use a seguinte expresión no seu lugar “o incremento do desemprego”.

Segunda.- Exposición de motivos.

Na penúltima liña do segundo parágrafo da exposición de motivos alúdese ás competencias da Dirección Xeral de Formación e Colocación, entre outras, en materia de formación ocupacional.

Este Comité considera que se debería suprimir o termo “ocupacional” e propón que se utilice a expresión “formación para o emprego”.



Terceira.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.

Neste proxecto  suprímese, en relación co texto da orde anterior, a  concreción de  cáles podían ser as entidades beneficiarias, que se realizaba nunha frase do primeiro parágrafo deste precepto e no seu parágrafo terceiro. Coa finalidade de evitar erros na interpretación deste artigo, este Comité considera que se debería
- no primeiro parágrafo despois da palabra “lucrativos” incluir  a frase que figurou na anterior orde “e,en concreto, as universidades públicas, as corporacións locais, as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia e as entidades especializadas en atención a determinados colectivos, preferentemente con diminucións físicas, psíquicas ou sensoriais,”
- engadir  o terceiro parágrafo que figurou na orde anterior co seguinte texto “Tamén poderán ser beneficiarias destas subvencións as fundacións dependentes das organizacións empresariais e sindicais de Galicia especializadas na realización de accións de información e orientación laboral.”

Cuarta.- Artigo 3º. Accións subvencionables.

Este Comité considera que se debería suprimir no primeiro parágrafo deste precepto a frase seguinte “actuando ao mesmo tempo sobre as súas aptitudes e capacidades”, xa que non engade algo substancial ao contido do artigo.


Quinta.- Artigo 6º. Solicitude.

No apartado 3, letra c) requírese a “Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asinar a solicitude”.

Este Comité considera incorrecta a expresión “representatividade suficiente”, polo que se debería substituír por “representación legal”.

Sexta.- Artigo 6º. Solicitude.

No apartado 3, letra g), item 5º, solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego que a entidade prevexa acadar no período subvencionado.

Este Comité propón a supresión do establecido no citado item, xa que considera que resulta difícil que a entidade solicitante poda determinar este extremo por canto non posúe a información necesaria para avalialo.  

Sétima.- Artigo 6º. Solicitude.

Na letra g) do apartado 3 deste artigo engádese, en relación coa orde para o exercicio anterior, a frase “Deberá, igualmente especificar a metodoloxía aplicable á prospección de empresas.” Este Comité considera que se debería eliminar xa que esa función é propia dos axentes de emprego e non dos orientadores de emprego.



Oitava. Artigo 6º. Solicitude.

No apartado 4 deste artigo exímese ás entidades solicitantes xa colaboradoras nalgún área do Servizo Público de Emprego de Galicia, da presentación de determinados documentos relacionados nas letras a),b), c), d) e e) do seu apartado 3. Pola mesma razón, este Comité considera que a esas entidades se lles debería de eximir de presentar a documentación que figura na letra f) dese apartado.


Novena.- Artigo 6º. Solicitude.

O apartado 4 deste artigo 6º establece exencións na presentación de determinada documentación para as entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego na área de información e/ou orientación e busca de emprego.

Este Comité propón engadir neste apartado a posibilidade de permitir ás referidas entidades, cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, a continuidade dos centros coas mesmas instalacións, persoal e demais medios que foron aprobados no exercicio anterior.




Décima.- Artigo 6º. Solicitude.

Este Comité considera que deberían suprimirse da enumeración deste artigo as letras j) e k) por ser impropias da lingua galega. A mesma consideración pódese aplicar ao artigo 10º.

Décimo primeira. – Artigo 8º. Criterios de valoración para a concesión das subvencións.

No texto deste artigo introdúcense un grande número de modificacións en relación coa orde do exercicio anterior (tal e como se expuso nos antecedentes deste dictame). Este Comité considera máis axeitado o sistema avaliativo desenvolto na artigo 8º da orde anterior, e polo tanto, propón que se transcriba nesta o mesmo texto xa publicado no Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009, agás os matices seguintes :
a) se elimine a distinción que figurou na letra e) (actual letra c)pola que adxudican 10 puntos con realización de IPIs e 6 puntos sen IPIs; de tal xeito que este parágrafo remate coas palabras  “... usuarios atendidos : 10 puntos.”
b) tal e como xa se sinalou no ditame 53/08 sobre o proxecto de orde para o exercicio anterior, o derradeiro parágrafo deste artigo debería identificarse como apartado 2.

Décimo segunda.- Artigo 9º. Procedemento de concesión de subvencións.

Examinada a nova redacción do texto dos distintos apartados deste artigo, este Comité considera que se debería manter na súa integridade o texto do artigo 9º da orde correspondente ao exercicio anterior publicado nas páxinas 1.385 e 1.386 do Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009.

Décimo terceira.- Artigo 10º. Obrigas das entidades beneficiarias das subvencións.

A letra b) deste artigo establece un prazo trimestral para informar á Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre ás accións realizadas. Este Comité considera suficiente con que esa información se facilite cun carácter semestral.

Décimo cuarta.- Artigo 11º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións de información, orientación e búsqueda de emprego.

No cadro do apartado 1 deste artigo figura o cadro do baremo a aplicar para a valiación dos currículos presentados.
No que se refire a “Formación complementaria” o Comité considera que a redacción é confusa xa que hai unha exaustiva e prolixa relación que; sen embargo, remata cun “etc.”; polo tanto, proponse a redacción seguinte: “Másters, cursos en materias relacionadas coa ocupación.”

No que se refire a “Experiencia profesional”, coa finalidade de evitar situacións non xustas na avaliación dos méritos este Comité considera que en lugar da expresión do inicio do segundo recadro “Por cada periodo de 6 meses ...”, debería decirse “Por cada mes...”.

No baremo establecido no apartado 1 deste artigo valórase en outros méritos, que a persoa candidata posúa os títulos de iniciación e perfeccionamento en lingua galega.

Este Comité suxire que se adapte a denominación á normativa vixente na materia, debendo valorarse como mérito, en lugar dos títulos de iniciación e perfeccionamento en lingua galega, o CELGA nos seus diferentes niveis.

Décimo quinta.- Artigo 11º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións de información, orientación e búsqueda de emprego.

Nos apartados 1 e 3 deste artigo mencionase a titulación de “Relacións Laborais”; este Comité considera que debería engadirse “ou Graduado/a Social”, coa finalidade de non obviar a titulación universitaria precedente de  idéntico contido.




Décimo sexta.- Artigo 12º. Contía das subvencións.

No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose as retribucións totais que se subvencionarán, por cada persoa seleccionada como persoal técnico ou de apoio.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase na propia normativa que se subvencionará o total do custo do traballador/a, comprendendo non soamente o salario e a seguridade social, senón tamén as posibles indemnizacións por finalización de contrato que poidan esixirse legalmente.


Décimo sétima.- Artigo 12º. Contía das subvencións.

No apartado 4 deste artigo 12º, indícase que “En ningún caso, o importe da subvención... poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia.... doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Esta consideración é aplicable tamén ao artigo 18º.2.





Décimo oitava.- Artigo 14º.- Forma de pagamento.

No apartado 1 deste artigo regúlase a posibilidade de anticipos (dun 35% e dun 20% máis).

Este Comité, propón que se anticipe o 100% sen necesidade de constitución de ningún tipo de garantía e se faga efectivo o aboamento da subvención anticipadamente, xustificándose mediante a presentación da documentación que se considere necesaria.



Décimo novena. – Artigo 17º. Liquidación final.

Este Comité propón que as datas de presentación de liquidación referidas nos apartados 1. e 2. deste artigo se unifiquen e que se teña en conta para os dous casos a data de 1 de marzo de 2011.


Vixésima.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.







ANEXO I



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CC.OO. DE GALICIA, U.G.T. E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


No cuarto parágrafo da Exposición de Motivos da Orde do 30 de decembro de 2008 sobre a mesma materia que o actual proxecto obxecto de dictame, facíase unha referencia ao Acordo do Diálogo Social de Galicia asinado o 5 de febreiro de 2007. Este contido suprímese no texto do proxecto de orde. As organizacións sindicais CC.OO. de Galicia e UGT Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia, consideran que se debería transcribir o mesmo texto na nova orde.










ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CC.OO. DE GALICIA, UGT-GALICIA E A C.I.G.

No apartado 2 do artigo 5º establécese que as entidades que dexesen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación deberán acreditar experiencia en tarefas de intermediación no mercado laboral, na prospección de empresas e xestión de bolsas de traballo. As organizacións sindicais sinaladas consideran que se debería suprimir este apartado xa que non resulta claro que estas labouras sexan na súa totalidade propias dos orientadores ou orientadoras laborais.












                               ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

1.- Con respecto á Exposición de Motivos:

A Exposición de Motivos repite a mesma redacción da orde anterior. Sería adecuado facer unha referencia á nova situación de coxuntura económica, no sentido de establecer que “o novo escenario económico xustifica a necesidade de fortalecer as accións de orientación, para mellorar a empregabilidade dos desempregados e facilitar a recolocación dos que procedan dos sectores máis afectados pola nova conxuntura económica”.

2.- Con respecto ao segundo parágrafo do art. 2º:

Regula este precepto que “No caso das asociacións empresariais e sindicais de carácter sectorial e das confederacións, só se considerarán as solicitudes de maior ámbito territorial, é dicir, denegaranse aquelas solicitudes das entidades mencionadas cando existan solicitudes susceptibles de resolución favorable presentadas por asociacións ou confederacións dun ámbito territorial máis amplo ás que pertenzan ou estean asociadas”.

A redacción deste precepto descoñece a diferenza de personalidade xurídica que teñen as distintas asociacións empresariais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, o que pode ocasionar problemáticas na xestión do persoal contratado.

Porque ao incluír o termo “de maior ámbito territorial”, supón que só se resolvería favorablemente a solicitude presentada pola entidade de maior ámbito, que en hipótese tería que ter en conta as necesidades das entidades asociadas a esta de ámbito inferior. Pero isto suporía que tería que ser esta entidade a que contratase un persoal de orientación que desenvolvería servizos noutros centros de traballo, cunha titularidade que non lle corresponde á solicitante, o que á parte da necesidade de facer as correspondentes comunicacións á Seguridade Social, pode ocasionar posibles problemáticas relacionadas coa circunstancia de que as ordes e instrucións serían da entidade solicitante pero o réxime de horario, vacacións... serían o da entidade inferior, o que a pouco que se reflexione pode provocar interpretacións de posible cesión ilegal.

Por este motivo, a CEG solicita a eliminación deste segundo parágrafo e que se deixe claramente definido no texto da orde de convocatoria que poderán ser solicitantes calquera confederacións e asociacións empresariais que teñan a súa sede en Galicia.

3.- Con respecto ao segundo apartado do artigo 5º.
No proxecto de orde engádese a expresión “prospección de empresas”, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que se debería retirar do texto xa que non se clarexa en qué consiste esta actividade.