ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DESTINADAS A ACTIVIDADES DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA NO EXERCICIO DE 2010

I. ANTECEDENTES


O día 20 de novembro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras  das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a  cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

A finalidade desta orde é convocar axudas -dirixidas ás  entidades sen ánimo de lucro de Galicia- para o fomento da prevención de riscos laborais entre as persoas traballadoras galegas mediante actividades de formación (xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 9 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 12 de novembro de 2008, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O proxecto normativo presenta dúas novidades con respecto á mesma orde publicada no DOG do 30 de decembro de 2008:

Artigo 2º.1.- Desaparecen como entidades beneficiarias as Universidades situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sendo únicas destinatarias das axudas reguladas nesta orde as entidades sen ánimo de lucro que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia e que polos seus fins teñan vocación de fomento da prevención de riscos laborais entre as empresas e as traballadoras e os traballadores de Galicia.

Artigo 6º.- Engádese un apartado novo co seguinte texto : “Cada entidade solicitante poderá presentar só unha solicitude de axudas. No caso de que se presentase mais dunha solicitude por parte dunha entidade, só será tida en conta aquela que se teña presentado en primeiro lugar, establecéndose como criterio a data de presentación establecida no punto 2 do presente artigo.”



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 2 de decembro de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, inclúese como anexo unha consideración específica non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I) e outra manifestada polas organizacións sindicais C.IG.,CC.OO. de Galicia e U.G.T.-Galicia (Anexo II).




DITAME 29/09



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2010 , con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de novembro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2009, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

Este Comité valora, na súa xusta medida, que a Administración aceptara, total ou parcialmente, varias das consideracións emitidas polas organizacións sindicais e empresariais no Ditame 50/08.

Segunda.

Este Comité considera que as titularidades de cargos públicos ou postos de traballo aos que se faga referencia no texto da orde, deberían identificarse de maneira neutra en materia de xénero.









CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No parágrafo sétimo do proxecto de orde figura a contía destinada a finciar as actividades de fomento da prevención de riscos laborais. A cantidade, comparada coa que figurou na orde anterior no parágrafo oitavo da súa exposición de motivos, diminúe aproximadamente nun 25%. Este Comité considera que , cando menos, se debería manter a contía fixada para o exercicio anterior.  


Segunda. - Artigo 2º.Entidades beneficiarias.

Este Comité propón que se mencione expresamente como beneficiarios do programa A ás organizacións empresariais e sindicais que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.

No apartado 2 deste artigo establécense como subvencionables as actuacións de formación, destinadas aos traballadores/as galegos/as.

Este Comité propón que as actuacións de formación se subvencionen soamente cando estas teñan relación cos riscos específicos do posto de traballo.

Terceira.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.

Tamén con respecto ao apartado 2 deste artigo, este Comité considera que se deben incluir os gastos financieiros, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, este gastos son subvencionables.

Cuarta. Artigo 6º. Solicitudes.

Este Comité suxire a inclusión dun punto máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c), d) e f) do punto 1 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberían remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.


Quinta.- Artigo 9º. Procedemento.

No apartado 3 deste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por  parte da comisión de valoración.  
Este Comité entende, por un lado, que é un criterio totalmente errado primar a capacidade de cofinanciación por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de destinatarios da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo. Por iso, proponse a eliminación do ítem que outorga entre 0 e 2 puntos pola participación da entidade beneficiaria no financiamento da acción.


Sexta- Artigo 11º. Xustificación do pagamento.

Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade do anticipo, por importe do 80% do total do importe da axuda, con análogo criterio ao que se establece en outras ordes reguladoras de Formación para o Emprego.

Sétima.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 1 deste artigo, letra c), esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión que figura entre comiñas “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Oitava.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Bótase en falta a inclusión formal neste artigo, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de realizar as accións para as que aceptasen a subvención concedida. Neste sentido, propoñemos que se inclúa ademais expresamente a obriga de realizar a execución completa da acción por parte da entidade beneficiaria.

Novena. – Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
                  Artigo 14º. Modificación de resolución de concesión.

No apartado 1, letra a) do artigo 12º e no artigo 14º, emprégase a expresión “nacionais”. Este Comité considera que se debe substituir por “estatais”.


Décima. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.
ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 3º.- Gastos que se subvencionarán.

No apartado 2 deste artigo establécese como subvencionables as actuacións de formación destinadas aos traballadores/as galegos/as.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que a formación se destine tamén aos empresarios e empresarias, posto que -de acordo co Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais- o/a empresario/a pode asumir directamente a prevención, nas circunstancias previstas na normativa vixente, polo que é bo incluír aos empresarios/as dentro das actividades de formación.










                                         ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS C.I.G., CC.OO.DE GALICIA E U.G.T.-GALICIA.

Artigo 5º.- Remate e xustificación das accións.  

Este artigo, ao igual que o artigo 11º.2, establece como data límite para o remate das accións e para a presentación de documentación xustificativa a do 2 de novembro de 2010.
As organizacións sindicais C.I.G., CC.OO.de Galicia, e U.G.T.-Galicia, suxiren que se diferencie a data límite do remate das accións, que podería ser a do 2 de novembro de 2010, da data límite da presentación da documentación xustificativa, que se propón que sexa a do 30 de novembro de 2010, para posibilitar que as nóminas, facturas así como os documentos xustificativos de pago aboados ao final do periodo de execución, poidan ser enviados coa xustificación final.