ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/09

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA E SE REGULA O PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS AOS/ÁS TRABALLADORES/AS DO SECTOR TÉXTIL E DA CONFECCIÓN CON MOTIVO DOS CAMBIOS ESTRUTURAIS NO COMERCIO MUNDIAL PARA O ANO 2010

I. ANTECEDENTES

O día 2 de decembro de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública e se regula o procedemento de concesión de subvencións aos/ás traballadores/as excedentes do sector téxtil e da confección con motivo dos cambios estruturais no comercio mundial para o ano 2010, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O presente proxecto de orde ten por obxecto regular o procedemento de concesión de subvencións a traballadores e traballadoras excedentes do sector téxtil e da confección; entendendo por excedentes aqueles casos de extinción de contrato por causas económicas, técnicas, organizativas ou da produción, mediante un proceso de regulación de emprego previsto nos artigos 51 e 57 bis do Estatuto dos Traballadores  ou polas causas obxectivas recollidas no artigo 52.c) do Estatuto dos Traballadores. Así mesmo, prevense axudas especiais a aqueles e aquelas traballadores e traballadoras de cincuenta e cinco ou máis anos que teñan problemas para atopar emprego.

Ainda que o colectivo de traballadores e traballadoras ao que se dirixen as axudas é o mesmo que  o considerado noutras dúas ordes anteriores, a do 8 de setembro de 2008 (DOG do 15-09-08) obxecto do ditame 36/08 do 21 de xullo de 2008, e a do 13 de outubro de 2009 (DOG do 28-10-09) obxecto do ditame 16/09 do 24 de xuño de 2009, o contido normativo do texto modifícase substancialmente na forma, no fondo e no financiamento. Polo tanto, procede facer unha relación dos aspectos máis salientables deste proxecto de orde.  

O proxecto ten unha estrutura normativa distinta á das ordes anteriores, xa que os distintos preceptos enmárcanse en oito divisións : o artigo 1º, no que se define o obxecto e ámbito de aplicación, o capítulo I “Disposicións xerais”, o capítulo II “Medidas para facilitar a reinserción laboral no sector téxtil e da confección”, o capítulo III sobre o “Procedemento”, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

Na Exposición de motivos relaciónanse as normas fundamento da presente orde e especifícanse os programas que financiarán as axudas previstas, por un total de 2.575.000 euros.  

No artigo 1º, “Obxecto e ámbito de aplicación”, defínese, con referencias a preceptos do Estatuto dos Traballadores, o que se entende por “excedente” para os efectos desta orde, determínase que se considerará desempregado/a aos/ás demandantes de emprego non ocupados/as inscritos/as no Servizo Público de Emprego de Galicia e disponse que as medidas serán de aplicación ata o 25 de xaneiro de 2010.

O capítulo I, “Disposicións xerais”, conta con cinco artigos nos que se detallan as normas xurídicas concretas que conforman o réxime xurídico de aplicación a esta orde (artigo 2º), se avanza a clasificación dos distintos tipos de subvencións que se desenvolverán no seguinte capítulo II (artigo 3º), se  determina que  as persoas beneficiarias das axudas son as xa fixadas como obxecto da orde ás que se lles aplique o Convenio Colectivo xeral de traballo da industria téxtil e da confección ou que estean encadradas nos epígrafes 17, 18.1 ou 18.2 da CNAE 93 Rev.1 (artigo 4º) e se fai unha referencia á normativa legal aplicable en materia de subvencións (artigo 5º).

No capítulo II, “Medidas para facilitar a reinserción laboral no sector téxtil e da confección”, desenvólvese a clasificación dos distintos tipos de subvencións establecidos no artigo 3º nos seguintes cinco artigos. Así, poderanse conceder as seguintes subvencións:
- subvencións durante o proceso de búsqueda de emprego, tanto pola búsqueda de emprego como por accións de reciclaxe profesional (artigo 6º),
- subvencións pola mobilidade xeográfica para compensar os gastos derivados do traslado de residencia ou para compensar diferencias salariais cando a base de cotización do novo contrato sexa inferior ao do último no sector téxtil ou da confección (artigo 7º),
- subvencións para facilitar a inserción laboral dos traballadores de 52 ou máis anos cando o novo contrato implique unha diminución salarial (artigo 8º),
- subvencións especiais para os traballadores/as de 55 ou máis anos que permanezan desempregados/as unha vez extinguida a prestación por desemprego e cumpran os requisitos establecidos poderán percibir unha contía de 3.000 euros anuais nas condicións descritas (artigo 9º) e
- subvencións para promocionar o emprego autónomo, incrementando nun 10 ou nun 15 % as previstas na orde TAS/1622/2007 (artigo10º).  

O capítulo III, “Procedemento”, consta de oito artigos nos que se establece : o prazo de presentación de solicitudes de seis meses desde o día seguinte ao de publicación da orde no DOG (artigo 11º),o modelo e lugar de presentación das solicitudes (artigo 12º), o procedemento será por concesión directa mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Promoción de Emprego para as axudas previstas no artigo 10º e da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para as demáis (artigo 13º), as obrigas das persoas beneficiarias son as establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (artigo 14º), a xustificación das subvencións realizarase de acordo co que establece o artigo 13 do Real decreto 5/2008, do 11 de xaneiro e os pagamentos faranse pola súa totalidade agás dous casos (artigo 15º), as persoas beneficiarias débense someter ás actuacións de seguemento e control polo órgano competente e polos órganos de fiscalización nos distintos ámbitos (artigo 16º), no caso de incumprimento de obrigas e reintegros estarase ao disposto na Lei de subvencións de Galicia e na Lei sobre infraccións e sancións na orde social (artigo 17º) e no que se refire ás incompatibilidades e concorrencia, a contía non pode superar o custo da actividade que desenvolva a persoa beneficiaria (artigo 18º).

Respecto ás disposicións adicionais, na primeira establecése que a concesión das subvencións está condicionada a existencia de crédito nas partidas orzamentarias que se sinalan, na segunda deléganse atribucións nas persoas titulares dos centros directivos competentes, na terceira establécese a compatibilidade cos subsidios por desemprego, na cuarta prevese que se poidan aplicar outras políticas de emprego no sector, na quinta dise que o Real decreto 5/2008 será a norma supletoria de aplicación e na sexta defínese a unidade familiar para os efectos desta orde.

Na disposición transitoria regúlase a aplicación destas subvencións en accións iniciadas con anterioridade á publicación da presente orde.

Pola disposición derradeira primeira  se autoriza ás persoas titulares dos dous centros directivos competentes a ditar resolucións en desenvolvemento da orde, e na segunda establécese a entrada en vigor da orde, que será ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non se achegaron anexos xunto co proxecto normativo remitido para ditame.





De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública e se regula o procedemento de concesión de subvencións aos/ás traballadores/as excedentes do sector téxtil e da confección con motivo dos cambios estruturais no comercio mundial para o ano 2010” consta de: exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.



O día 22 de decembro de 2009 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén  tres consideracións xerais e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.






DITAME 30/09





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública e se regula o procedemento de concesión de subvencións aos/ás traballadores/as do sector téxtil e da confección con motivo dos cambios estruturais no comercio mundial para o ano 2010, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de decembro de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de decembro de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.

Este Comité reitera, tal e como se establece no artigo 6º do anexo ao Regulamento interno de organización e funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais en relación co artigo 3º.2.b da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o necesario envío xunto co proxecto normativo, por parte da Consellería de Traballo e Benestar, da folla estatística cos datos derivados da tramitación desta orde de axudas no exercicio precedente, cara a unha mellor valoración do novo proxecto de orde.

Segunda.

Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos modelos de solicitude aos que fai referencia o artigo 12º do proxecto normativo, xa que non se enviaron a este Consello.

Terceira.


Este Comité considera que as titularidades de cargos públicos ou postos de traballo aos que se fai referencia no texto da orde, deberían identificarse de maneira neutra en materia de xénero.






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 7º.- Subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica.

No apartado 2.b) establécese que a localidade de destino onde se sitúe o posto de traballo debe atoparse a máis de 100 quilómetros da localidade de orixe.

Este Comité considera excesiva esa distancia, polo que solicita que se inste á Administración estatal á modificación do Real Decreto 5/2008, de 11 de xaneiro, citado na exposición de motivos do proxecto normativo, co obxecto de reducir substancialmente os quilómetros esixidos; sobre todo tendo en conta as deficiencias en infraestruturas e as especiais características orográficas de Comunidades Autónomas como Galicia, que poden obrigar a calquera persoa a ter que cambiar de residencia para acceder a un emprego a moita menor distancia dos mencionados 100 quilómetros.

De non aceptarse a proposta anterior, este Comité considera que, tendo en conta a situación específica dos medios de transporte e as comunicacións viarias en Galicia, este precepto debería prever a posibilidade de computar as distancias en tempo e non só en quilómetros.





Segunda.- Artigo 7 º.- Subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica.

No punto 1º da letra a) do apartado 3 deste artigo establécese a contía máxima para gastos de desprazamento, derivados do traslado de residencia por mobilidade xeográfica, cando se realice en liña regular de transporte público.

Este Comité considera que, do mesmo xeito que figura no parágrafo terceiro do artigo 5.3 do Real decreto 5/2008 ao que se fai referencia na exposición de motivos deste proxecto de orde, se debe prever a contía dos gastos de desprazamento no  caso de que o beneficiario o faga no vehículo particular.  


Terceira.-  Artigo 13º.- Resolución e recursos.

O punto 2, segundo parágrafo, establece que o prazo para resolver será de tres meses e se computará desde a data de presentación da solicitude.

Tendo en conta que o obxecto desta orde é a concesión de subvencións, non suxeitas á concorrencia competitiva, para as traballadoras e traballadores excedentes do sector téxtil e da confección, este Comité propón que o prazo para resolver establecido no punto 2 sexa de 1 mes e que comece a computarse dende o día seguinte á presentación da solicitude.

Faise constar que esta consideración foi aceptada no exercicio precedente e no anterior , xa que nas orde publicadas no DOG figurou o prazo de 1 mes.





Cuarta.- Artigo 18 º.- Incompatibilidades e concorrencia.

Na segunda liña deste artigo 18º, emprégase o termo “nacionais”. Este Comité propón que se substuitúa por “estatais”, por considerar que debe reservarse o termo “nacional” para o ámbito de Galicia e utilizar o termo “estatal” para o conxunto de España.


Quinta.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Polo tanto, este Comité propón que se use a palabra “finais”.