ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN, PARA O EXERCICIO DO ANO 2010, AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES


O día 18 de xaneiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais.
Como gran novidade desta orde, en relación á exercicios anteriores, compre mencionar a posibilidade de que os concellos, que houberan presentado as correspondentes solicitudes en tempo e forma, poderán realizar contratacións a conta das futuras resolucións de concesión e antes de que se estas se produzan, co obxecto de garantirlles un mínimo que lles permita a atención urxente daquelas obras ou servicios que os propios concellos deban atender con carácter inmediato.

Por outra banda, compre subliñar tamén o especial e singular tratamento que, neste exercicio e con carácter excepcional, se lle da aos Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR), entendidos como infraestruturas que permiten a prestación por parte dos concellos galegos, cun ámbito de actuación supramunicipal, dos servicios de protección civil, protección do medio ambiente, prevención e extinción de incendios e, en xeral, a aquelas dirixidas a salvagarda das persoas, dos seus bens e do patrimonio público.

Nos últimos exercicios, incluido o de 2009, a Consellería de Traballo regulaba conxuntamente nunha sola orde os programas de cooperación, tanto no ámbito de colaboración coas entidades locais como cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro. Agora, para o exercicio de 2010, os referidos programas de cooperación se regulan separadamente.

Á vista do borrador remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 12 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 11 de decembro de 2008, obsérvase que se tiveron en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 63/08.

As principais novidades do proxecto normativo son:

Estas axudas están destinadas á contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral (artigo 1º). Para esta finalidade, realizarase unha distribución provincial dos créditos na que se terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos (artigo 2º.3), podendo estar cofinanciadas ata o 80% polo Fondo Social Europeo (artigo 2º.4).

Con respecto á documentación (artigo 5º), solicítase autorización da persoa que actúa en nome e representación da entidade solicitante á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) e de Residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, fomentando así a utilización de medios electrónicos na Administración da comunidade autónoma. Polo que se refire á documentación para a xustificación e o pagamento, o prazo para remitila virá establecido na resolución concedente da subvención (artigo 7º.1).

Aparecen novas valoracións nos requisitos e criterios para a selección das obras ou servizos (artigo 11º) incluíndose ata 20 puntos aos proxectos que sexan promovidos por concellos que a data de publicación da presente orde teñan empadroadas a persoas traballadoras que perdesen o seu posto de traballo nas empresas de extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos de lousa, por mor do peche das empresas como consecuencia da actual situación económica e ata 10 puntos aos proxectos que se correspondan con solicitudes presentadas correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria. A puntuación máxima que poden acadar as solicitudes será de 135 puntos.

Na selección dos traballadores e traballadoras (artigo 12º) establécense novos principios e colectivos que terán preferencia (aínda que sen especificar a orde de prioridade). Indícase que o número de persoas candidatas por praza non pode ser inferior a dúas nin superior a dez.

Establécese a posibilidade da contratación anticipada (artigo 14º) naqueles proxectos de urxente posta en marcha, cando se indicara expresamente na solicitude e sexa autorizado de forma expresa polo respectivo departamento territorial.




De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 27 de xaneiro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral (Anexo I) e outra específica (Anexo II) sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia.





DITAME 1/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de xaneiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de xaneiro de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.

Este Comité considera que se fixo un esforzo por adecuar o texto do proxecto normativo á normativa para a escrita da lingua galega, aínda que obsérvase algunha falta de uniformidade de criterio (utilización indistinta de servizo e servicio). Obsérvase que se debe facer un maior esforzo en respectar as diferenzas de xénero na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra.

Segunda.

Con respecto á dirección da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar que aparece nos artigos 4º.1, 7º.1 f), 9º.2 b) e 9º.3, este Comité pon de manifesto que non se observa unha unificación lingüística, dado que aparecen indistintamente termos en castelán e en galego, polo que consideramos que debe correxirse.

Terceira.

Este Comité considera que debería modificarse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” por “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e as leis derivadas da mesma.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4º. Presentación de solicitudes.

Este Comité non pode pronunciarse sobre o prazo de presentación de solicitudes dado que non aparece indicado no proxecto de orde presentado a ditame. En todo caso, solicitamos que se garanta o prazo mínimo dun mes desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. – Artigo 6º. Procedemento, competencia e resolución.

Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva (apartado 1), este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 5 deste artigo deberíase contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non desde o día de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

Por outra banda, o prazo de seis meses que se establece para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Terceira. – Artigo 9º. Obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación.

No apartado 2. c) deste artigo solicítase a presentación do resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF).

Este modelo normalizado ten un prazo de presentación que se estende entre o 2 e o 20 de xaneiro do ano seguinte, polo que este Comité considera que non é viable, nalgúns casos, a presentación deste documento no prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo como se require na orde.

Cuarta. Artigo 10º.- Contía.

O apartado 1.a) establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Esta prohibición consta novamente no apartado 3 deste artigo, polo que consideramos que se debería eliminar a repetición.

Quinta. – Artigo 11º. Requisitos e criterios para a selección das obras ou servizos.

No apartado 2 aparecen as letras j. e k. Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

Sexta. – Artigo 12º. Selección dos traballadores e das traballadoras.

O apartado 4.b) deste artigo indica que terán preferencia na selección dos/as traballadores/as os “menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aqueles e aquelas sen cualificación profesional”. Este Comité considera que o termo “aqueles” debe suprimirse da redacción por non ser necesario dentro da estrutura do texto.

Sétima. – Disposición adicional sexta.

No texto desta disposición establécese que poderá utilizarse a vinculación nominal para a selección dos integrantes dos Grupos Municipais de Intervención Rápida.

Este Comité considera que deberían figurar na citada disposición as causas que motivan a excepción da regra xeral, tal e como se xustifica no artigo 12º.6 e nesta mesma disposición para o outro colectivo exceptuado.

Oitava.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.



ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E DOS SINDICATOS UGT-GALICA E SN DE CCOO DE GALICIA

Na exposición de motivos do proxecto normativo sometido a ditame elimínase toda mención ao Acordo do Diálogo Social e aos Pactos Territoriais de Emprego que aparecían na orde do 2009. Estas organizacións consideran que deberíase volver a incluír a mención dada á súa importancia dentro da conxuntura social e económica na que nos atopamos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E DOS SINDICATOS UGT-GALICA E SN DE CCOO DE GALICIA

Artigo 11º. – Requisitos e criterios para a selección das obras ou servizos.

No apartado 2.f) outórganse 10 puntos ás solicitudes presentadas correctamente sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria.

Estas organizacións consideran que se debería eliminar este apartado, dado que a emenda da documentación é un dereito recollido no artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non aceptarse esta consideración, proponse que se valore soamente con 5 puntos, por considerar que non se pode valorar coa mesma puntuación a correcta presentación da solicitude e a realización de proxectos que permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables, por exemplo (artigo 11º.2 h).