ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN, PARA O EXERCICIO DO ANO 2010, AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COS ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO.

I. ANTECEDENTES


O día 18 de xaneiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

A política de colaboración con organismos públicos, universidades e institucións sen ánimo de lucro posibilita e contribúe o desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que favorece a creación de emprego.

Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións, como instrumento a través do cal ofrécese aos demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Nos últimos exercicios, incluido o de 2009, a Consellería de Traballo regulaba conxuntamente nunha sola orde os programas de cooperación, tanto no ámbito de colaboración coas entidades locais como cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro. Agora, para o exercicio de 2010, os referidos programas de cooperación se regulan separadamente.

Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 12 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 11 de decembro de 2008, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 63/08.

As principais novidades do proxecto normativo son:

Estas axudas están destinadas á contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social (Capítulo II) e á contratación de axentes de emprego e unidades de apoio (Capítulo III). Os créditos estimados destinados a estas finalidades poderán ser obxecto de modificacións pola asignación ou redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, financiamento este que pode chegar ata o 80% (artigo 2º).

Con respecto á documentación (artigo 5º), solicítase autorización da persoa que actúa en nome e representación da entidade solicitante á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) e de Residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, fomentando así a utilización de medios electrónicos na Administración da comunidade autónoma. Na documentación específica solicitada para os axentes de emprego, requírese un certificado dos custos salariais dos traballadores que se pretenden contratar, ordenados por prioridade de ocupación, para a realización do proxecto para o que se solicita a subvención. Polo que se refire á documentación para a xustificación e o pagamento, o prazo para remitila virá establecido na resolución pola que se conceda a subvención (artigo 7º.1).

Polo que se refire ás obrigas dos beneficiarios, suprímese a obriga dos axentes de emprego de presentar a memoria final, pero si teñen a obriga de de utilizar os aplicativos postos a súa disposición para obter e xestionar a memoria de actividades mediante un sistema telemático, en prol de avaliar as súas actuacións (artigo 9º.2).

Non se subvencionará o importe da indemnización prevista no artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización (artigo 11º.5).

Os criterios de selección das obras ou servizos presentan requisitos novos (obras realizadas en Galicia e prazo non superior a 9 meses), non obtendo subvención as solicitudes que teñan a finalidade de executar obras. Tamén engádense novos criterios de avaliación, modificándose as puntuacións e incrementándose a puntuación máxima ata 93 puntos (artigo 12º e artigo 17º).

Modifícanse substancialmente os requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras, destacando a imposibilidade de que as que foran contratadas, por un período superior a 3/5 meses, con cargo as axudas concedidas ao abeiro da orde do exercicio do ano 2009, non poderán ser contratadas con cargo as axudas previstas nesta orde (artigo 13º).

A principal novidade no capítulo III, relativo á contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, é a incorporación de dous artigos novos que se refiren á dotación de medios informáticos (artigo 20º) e á avaliación das actividades levadas a cabo polos axentes de emprego (artigo 21º). Ademais establécese que a contratación dos axentes de emprego realizarase a tempo completo mediante a modalidade contractual máis adecuada de acordo coa normativa vixente, nos prazos expresados na resolución de concesión (artigo 19º.4).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e dous artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 27 de xaneiro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e dezaoito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexos I e II) e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, da Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo III).





DITAME 2/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de xaneiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de xaneiro de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.

Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega e para respectar as diferenzas de xénero na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra.

Segunda.

Con respecto á dirección da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar que aparece nos artigos 4º.1, 7º.1 g), 9º.2 b) e 9º.3, este Comité pon de manifesto que se observa incoherencia lingüística, dado que aparecen indistintamente termos en castelán e en galego, polo que consideramos que os que figuran en castelán deben ser traducidos ao idioma propio de Galicia.

Terceira.

Este Comité considera que debería modificarse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” por “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa derivada da mesma.


Cuarta.

Este Comité considera desproporcionada a redución dos créditos para o financiamento dos programas regulados no proxecto normativo, tendo en conta o considerable incremento do destinado a programas de cooperación coas entidades locais e resultando ademais incongruente co disposto no parágrafo cuarto da exposición de motivos: “resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro, universidades e das distintas Administracións Públicas, permitindo compensar un insuficiente nivel de contratación na esfera privada”.

Quinta.

Este Comité observa a eliminación neste proxecto normativo da posibilidade de prórroga da subvención concedida por cada axente contratado/a e unidade de apoio, que competían en réxime de concorrencia competitiva coas novas solicitudes, o que motiva que xurdan dúbidas sobre o tratamento que debe darse a estes supostos, ao non quedar claro se se poden realizar prórrogas dos actuais contratos ou se deben realizar contratos novos.

Igualmente habería de mencionarse claramente o efecto retroactivo da subvención nos períodos de lagoa, nos supostos nos que algún axente de emprego ou unidade de apoio finalice a prórroga mentres a solicitude se atope en tramitación, pendente de resolución.

Polo exposto, este Comité considera imprescindible manter a redacción anterior, coa posibilidade de prórroga, que é máis acorde co principio de estabilidade na contratación.

Por outra parte, en relación co disposto no apartado 4 do artigo 19º, que establece que non poderá admitirse ningún contrato celebrado con posterioridade ao 30 de setembro de 2010, este Comité considera que debe aclararse que sucederá con aqueles contratos celebrados ao abeiro da Orde que regulaba os programas de cooperación para o ano 2009, cando a súa finalización previsible sexa posterior á referida data, xa que, ao non haber prórroga,  parece necesaria unha nova contratación e poderían solaparse as datas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. –   Artigo 4º. Presentación de solicitudes.

No apartado 2 obsérvase un erro na denominación da Consellería de Traballo, debendo dicir de Traballo e Benestar.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda. –  Artigo 4º. Presentación de solicitudes.

Este Comité non pode pronunciarse sobre o prazo de presentación de solicitudes dado que non aparece indicado no proxecto de orde presentado a ditame. En todo caso, solicitamos que se garanta o prazo mínimo dun mes desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.


Terceira. – Artigo 6º. Procedemento, competencia e resolución.

Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva (apartado 1), este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 5 deste artigo deberíase contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non desde o día de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

Por outra banda, o prazo de seis meses que se establece para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Cuarta. –  Artigo 7º. Xustificación e pagamento.

No apartado 1.c) deste artigo obsérvase unha referencia ao artigo 25, cando debe ser feita ao artigo 19 desta orde.

Quinta. – Artigo 9º. Obrigas dos/as benefeciarios/as. Revogación.

No apartado 2 deste artigo obrígase a remitir a documentación no prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo.

Este Comité considera que non está suficientemente claro o prazo de remisión da documentación, posto que a subvención se concede para a contratación dunha persoa e o servizo pódese seguir prestando pola entidade beneficiaria aínda cando remate o contrato subvencionado.



Sexta. – Artigo 9º. Obrigas dos/as benefeciarios/as. Revogación.

No último ítem do apartado 2 deste artigo solicítase a presentación do resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF).

Este modelo normalizado ten un prazo de presentación que se estende entre o 2 e o 20 de xaneiro do ano seguinte, polo que este Comité considera que non é viable, nalgúns casos, a presentación deste documento no prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo como se require na orde.

Sétima. – Artigo 12º. Criterios para a selección das obras ou servizos.

No apartado 3.d) deste artigo establécese un máximo de 40 puntos por persoa traballadora contratada sen subvencións ou axudas públicas para os proxectos presentados polas entidades mellor valoradas en relación ás actuacións levadas a cabo.

Este Comité considera esaxerada a referida puntuación, propoñendo que en lugar dun máximo de 40 sexa de 25 puntos.

Oitava. – Artigo 12º. Criterios para a selección das obras ou servizos.

No apartado 3.f) deste artigo establécese unha avaliación de ata 3 puntos polo emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Este Comité considera que debe ser de ata 5 puntos, ao igual que nos programas de cooperación coas entidades locais e como establecía a orde do exercicio anterior.
Novena. – Artigo 12º. Criterios para a selección das obras ou servizos.

Este Comité observa a repetición da numeración dos apartados a partir do 3, polo que a seguinte consideración vai referida ao apartado 4.

Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 93 puntos, considerando este Comité, polo exposto nas consideracións anteriores, que debe ser de 75 puntos.

Décima. –  Artigo 13º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.

No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período superior a 3/5 meses, con cargo ás axudas concedidas no exercicio pasado, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

Este Comité considera que debe manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12º da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).

Decimo primeira. –  Artigo 14º. Contratación dos traballadores e traballadoras.

Este Comité observa que a redacción do apartado 3 está incompleta, faltando texto ao final, considerando que se debe completar.




Decimo segunda. –  Artigo 15º. Obxecto e finalidade.

Da redacción deste artigo, así como dos artigos 16º e 18º, se desprende que, para a convocatoria do ano 2010 e por primeira vez, as unidades de apoio terán a categoría de persoal administrativo, cando ata o momento as persoas integrantes destas unidades contaban con titulación media ou superior.

Este cambio de categoría supón un cambio nas retribucións salariais, xa que na orde do exercicio de 2009 axentes de emprego e unidades de apoio percibían igual salario; ademais, no proxecto normativo que se ditamina, axentes de emprego e unidades de apoio están encadrados en distintos grupos de cotización da Seguridade Social.

Para resolver esta situación, este Comité propón como solución unha das seguintes opcións, por orde de preferencia:
1ª.- Mantemento da regulación anterior.
2ª.- Que a nova regulación sexa de aplicación soamente ás novas unidades de apoio e non para as que xa estiveran prestando os seus servizos na entidade como unidade de apoio.

Decimo terceira. –  Artigo 16º. Contía.

O apartado 2 deste artigo, ao igual que os apartados 2 e 4 do artigo 11º, utilizan a expresión “contía máxima da subvención”; non obstante, a Consellería mantén o reparto das axudas ano tras ano sen actualizar.

Polo exposto e para evitar discrecionalidade, este Comité considera que se debe eliminar o termo “máxima”, co obxecto de que o disposto no artigo 11º.3 sexa realmente o que se aplica.
Decimo cuarta. –  Artigo 17º. Criterios de valoración.

En relación coa prórroga da subvención, este Comité considera que habería que incluir nos criterios de valoración aquel polo que se valoran as prórrogas de subvención concedidas en anos anteriores, tal e como se recollía expresamente no artigo 23º.1.a) da orde do exercicio anterior.

Decimo quinta. –  Artigo 17º. Criterios de valoración.

No apartado 1.e) deste artigo establécese unha avaliación de ata 3 puntos polo emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Este Comité considera que debe ser de ata 5 puntos, ao igual que nos programas de cooperación coas entidades locais e como establecía a orde do exercicio anterior.

Decimo sexta. –  Artigo 17º. Criterios de valoración.

Nos apartados 2 e 3 deste artigo establécese, respectivamente, unha puntuación máxima de 63 puntos e unha mínima de 25, considerando este Comité que deben ser iguais ás establecidas para o artigo 12º, é dicir, a máxima de 75 puntos e a mínima de 40.

Decimo sétima. –  Artigo 19º. Comprobación da viabilidade e contratación.

No apartado 4 deste artigo establécese que axentes de emprego e unidades de apoio serán contratados a tempo completo pola entidade beneficiaria, mediante a modalidade contractual máis adecuada, non establecéndose a posibilidade de contratación a tempo parcial.

Este Comité considera que debería permitirse a contratación a tempo parcial, ao igual que se permite para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social (artigo 11º.4).

Decimo oitava. –  Artigo 21º. Avaliación das actividades levadas a cabo polos axentes de emprego.

Este artigo refírese ao establecemento dun sistema telemático para que os datos e información sobre os servizos e actuación nos que os axentes de emprego tomen parte podan avaliarse en tempo real.

Este Comité considera que o referido sistema telemático debe adaptarse ao traballo que realmente realizan os/as axentes de emprego, para que estes/as podan suministrar a información en tempo real ou, de non ser posible esa adaptación, eliminar a obriga de facilitar a información en tempo real.



ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E DOS SINDICATOS UGT-GALICA E SN DE CCOO DE GALICIA

Na exposición de motivos do proxecto normativo sometido a ditame elimínase toda mención ao Acordo do Diálogo Social e aos Pactos Territoriais de Emprego que aparecían na orde do 2009. Estas organizacións consideran que deberíase volver a incluír a mención dada á súa importancia dentro da conxuntura social e económica na que nos atopamos.















ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E DOS SINDICATOS UGT-GALICA E SN DE CCOO DE GALICIA

Artigo 12º. – Criterios para a selección das obras ou servizos.

No apartado 3.e) outórganse 10 puntos ás solicitudes presentadas correctamente sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria.

Estas organizacións consideran que se debería eliminar este apartado, dado que a emenda da documentación é un dereito recollido no artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non aceptarse esta consideración, proponse que se valore soamente con 5 puntos, por considerar que non se pode valorar coa mesma puntuación a correcta presentación da solicitude e os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, por exemplo (artigo 12º.3.b).

Igual consideración establécese para o disposto no apartado 1.f) do artigo 17º (Criterios de valoración).






ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Exposición de motivos.

O cuarto parágrafo dispón que resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro, universidades e das distintas Administracións Públicas, permitindo compensar un insuficiente nivel de contratación na esfera privada.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que sería máis oportuno redactar este parágrafo na liña de  “e tratando de compensar a caída dos niveis de contratación derivados da actual situación pola que atravesa a coxuntura económica”.