ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA OS PROGRAMAS DE ESCOLAS OBRADOIRO E CASAS DE OFICIOS, DE OBRADOIROS DE EMPREGO E DE UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 18 de xaneiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde regula, dunha banda, as axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas menores ou maiores de vintecinco anos, segundo proceda, a través da súa cualificación profesional e mediante a súa formación en alternancia coa adquisición de experiencia laboral promovendo a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Pola outra banda, regula as unidades de promoción e desenvolvemento, entendidas como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal, que constitúen un instrumento básico e fundamental na dinamización e detección de novas expectativas de emprego e de iniciativas emprendedoras no ámbito local, especialmente as relacionadas cos novos filóns de emprego.

Coa implementación destas medidas trátase de articular o establecemento dun conxunto de actuacións concretas que introduzan cambios inmediatos tanto no mercado de traballo como nas relacións laborais, co obxecto de situar a Galicia nuns indicadores aceptables de convivencia e de cohesión social que se axusten a parámetros medios en correspondencia coa Unión Europea, garantindo os niveis da taxa de emprego; de calidade e estabilidade no emprego; de desemprego; de sinistralidade laboral; de integración laboral da xuventude; de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres galegas e de conciliación da vida familiar e laboral.

Continuándose coa práctica de exercicios anteriores, mantéñense criterios obxectivos para a distribución territorial dos fondos, establécense as porcentaxes indicativas dos colectivos prioritarios de beneficiarios/as das políticas activas de emprego, consolídase a inclusión dun módulo de sensibilización en igualdade de xénero na formación complementaria, e priorízanse aqueles proxectos que xurdan como consecuencia de Pactos Territoriais de Emprego. Contémplase ademais o acceso preferente das mulleres vítimas de violencia aos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, dando cumprimento ao mandato previsto no artigo 35 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 14 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de decembro de 2008, obsérvase que foi tida en conta unhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade o seguinte:

Emprégase ao longo de todo o proxecto a nova denominación de “formación profesional para o emprego” en substitución da expresión “formación profesional ocupacional” pola de que reflicte máis axeitadamente o sentido destas axudas (artigo 2º).


No procedemento de selección do alumnado-traballador aparece a inclusión, dentro dos colectivos preferentes, dos/as traballadores/as que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego, tanto en escolas obradoiro e casas de oficios como en obradoiros de emprego, e a eliminación das mulleres que abandonasen o exercicio da prostitución como medio de vida na selección para obradoiros de emprego (artigo 16º3).

Con respecto á documentación (artigo 31º) solicítase autorización da persoa que actúa en nome e representación da entidade solicitante á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) e de Residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, fomentando así a utilización de medios electrónicos na Administración da comunidade autónoma. Requírese ademais que os certificados solicitados en relación coa documentación de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego sexan expedidos polo/a secretario/a ou cargo equivalente da entidade promotora.

Polo que se refire á forma de xustificación da subvención, solicítase a relación dos pagamentos realizados e a data de pagamento destes, así como a presentación das nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento, de conformidade co previsto no regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvención de Galicia (artigo 53º).

Finalmente, esíxelle aos beneficiarios a obriga de levar unha contabilidade separada dos gastos cofinanciados polo Fondo Social Europeo dos gastos non financiados (artigo 56º.i).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, cincuenta e oito artigos, sete disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.



O día 2 de febreiro de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




DITAME 2/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de xaneiro de 2010, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de febreiro de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
A exposición de motivos do proxecto de orde, no seu parágrafo sexto, establece unha priorización daqueles proxectos que xurdan como consecuencia de Pactos Territoriais de Emprego, entendidos como un terceiro ámbito de participación para a planificación e xestión coordinada do conxunto de recursos públicos que se destinan ao emprego nunha área xeográfica determinada.

Este Comité considera que non quedan suficientemente priorizados os Pactos territoriais de emprego coa puntuación establecida no artigo 35º, apartados 1. l) e 2.f), conxuntamente para os proxectos vinculados aos referidos pactos e aqueles nos que participen os axentes económicos e sociais con presenza no territorio, polo que propón se separen estes dous criterios do seguinte xeito:

- Participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do proxecto: ata cinco puntos.
- Para os proxectos que estiveran vinculados ou que xurdiran en aplicación dun pacto territorial de emprego: ata dez puntos.

Segunda.
Por outra banda, o Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados Pactos territoriais de emprego configura a estes como órganos de carácter colexiado, de carácter administrativo, cuxa Asemblea xeral ten a función de aprobar, a proposta do seu Comité de Dirección, o informe das diferentes propostas de actuación relativas a políticas activas de emprego que se desenvolvan no seu territorio.

Polo exposto, este Comité propón que no artigo 36º do proxecto normativo se estableza, como trámite previo á resolución, a esixencia de petición de informe á Asemblea xeral do Pacto territorial de emprego da área xeográfica que resulte afectada.

Terceira.
Este Comité propón que se respecte a diferenza de xéneros na denominación dos cargos públicos que se utiliza nas disposicións adicionais e finais.

Cuarta.
Este Comité observa que ao longo do articulado do proxecto normativo, concretamente nos artigos 31º.1.f), 36º.4, 40º.2, 47º.2 e 56.g), alúdese ao termo “nacional ou nacionais” para indicar que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.
Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.  Artigo 15º.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.

Este artigo establece que a selección do alumnado-traballador así como a do persoal directivo, docente e de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Traballo e da entidade promotora.

Este Comité, reiterando o manifestado en ditames anteriores, considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto cos representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente á ubicación da escola-obradoiro, casa de oficios ou obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Segunda.- Artigo 16º.- Procedemento de selección dos alumnos/as-traballadores/as.

As organizacións sindicais e empresarial con presenza neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Comité Autonómico de Emprego.

Terceira. Artigo 16º.- Procedemento de selección dos alumnos/as-traballadores/as.
No apartado 3, letras a) e b) deste artigo, establécese que terán preferencia para participar nos proxectos as mulleres vítimas de violencia.

Este Comité considera que debería modificarse a expresión “mulleres vítimas de violencia” por “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa derivada da mesma.

Cuarta. Artigo 17º.- Procedemento de selección do persoal directivo, docente e de apoio.

Este artigo establece que a selección do persoal directivo, docente e de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Na selección do persoal directivo e docente, consideramos que deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta á Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, máxime tendo en conta que se está a seleccionar o persoal directivo e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade da decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida das persoas candidatas.

Así mesmo, as organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que utilizando o sistema de oferta non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, faríase a convocatoria pública”.




Quinta. Artigo 20º.- Incidencias e reclamacións.

Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademais, tendo en conta que o artigo 29º (referido ás Unidades de Promoción e Desenvolvemento) remite expresamente a este artigo 20º, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que deberían sinalarse expresamente, e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar, a xurisdición ante a cal debe comparecer o reclamante e a necesidade ou non de esgotar vías previas.

Sexta. Artigo 30º.- Solicitudes. Prazo de presentación.

O apartado 4 deste artigo establece a data do 15 de xuño de 2010 como de remate do prazo de presentación das solicitudes das axudas e subvencións reguladas por esta orde.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.



Sétima. Artigo 31º.- Documentación.

No apartado 1.d) deste artigo esíxese acompañar á solicitude documentación que acredite a personalidade e o apoderamento suficiente e subsistente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante.

Este Comité considera que se o apoderamento é suficiente xa é subsistente, polo que suxire se suprima a esixencia de apoderamento subsistente.


Oitava. Artigo 34º.- Avaliación de solicitudes.

No apartado 2, letras a) e b), establécense dúas fases para a avaliación das solicitudes, que se corresponden con datas límite pechadas.
Este Comité propón que non se establezan datas límite pechadas, estimando que as dúas fases poderían fixarse cun prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde; por exemplo, a primeira ata tres meses contados desde esta data e a segunda, ata seis meses.

Subsidiariamente, para o caso de non ser aceptada dita proposta, consideramos que a avaliación de expedientes aos que se alude no apartado 2.b) deste artigo, en correspondencia co que se sinala para o apartado 2.a), debería ter lugar a partir da primeira quincena do mes de xullo.


Novena.- Artigo 35º.- Criterios de valoración dos proxectos.

Como xa se puxo de manifesto na consideración xeral primeira, este Comité considera que non quedan suficientemente priorizados os Pactos territoriais de emprego coa puntuación establecida no artigo 35º, apartados 1. l) e 2.f), conxuntamente para os proxectos vinculados aos referidos pactos e aqueles nos que participen os axentes económicos e sociais con presenza no territorio, polo que propón se separen estes dous criterios do seguinte xeito:

- Participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do proxecto: ata cinco puntos.

- Para os proxectos que estiveran vinculados ou que xurdiran en aplicación dun pacto territorial de emprego: ata dez puntos.


Décima. Artigo 36º.- Resolución.

Igualmente, como xa se puxo de manifesto na consideración xeral primeira, este Comité propón que neste artigo 36º se estableza, como trámite previo á resolución, a esixencia de petición de informe á Asemblea xeral do Pacto territorial de emprego da área xeográfica que resulte afectada.


Décimo primeira. Artigo 36º.- Resolución.

Por outra banda, este artigo establece un prazo de resolución de nove meses.

Este Comité non comprende as razóns deste prazo tan excesivo, sobre todo tendo en conta o establecido no artigo 34º.2 do proxecto normativo, que dispón a avaliación dos proxectos en dúas fases, a primeira para os recibidos ata o 1 de marzo e a segunda, para os recibidos ata o 15 de xuño. Polo exposto, este Comité propón que os proxectos sexan resoltos por períodos trimestrais e o mesmo referente ao prazo para considerar desestimada a solicitude de non recaer resolución expresa.

Décimo segunda. Artigo 52º.- Garantías.

Establece este artigo que as entidades promotoras que teñan a condición xurídica de ente de dereito privado deberán constituir garantía a favor da Consellería para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

Este Comité considera que debe admitirse a posibilidade de pagamentos parciais da subvención ata o 80% do seu importe, sen necesidade da constitución de garantía, a decisión da entidade subvencionada. Para o caso de que esta opte polo abono de anticipos, a garantía que debe constituir tería que considerarse como custo de formación e ser incluida nos gastos xerais do proxecto.


Décimo terceira. Artigo 58º.- Asistencia, seguimento e avaliación.

Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas aos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, para asegurar o exercicio das funcións que o Decreto 32/1999, do 5 de febreiro lles encomenda.

Décimo cuarta. Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.