ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROCEDEMENTO E OS REQUISITOS PARA ACADAR OS ACORDOS SOBRE A TAXA DE ESTABILIDADE EN SECTORES PRODUTIVOS, CONVENIOS COLECTIVOS SECTORIAIS E DE EMPRESA.

I. ANTECEDENTES


O día 10 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Nesta orde establécense, ademais do procedemento e os requisitos que deberán reunir os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade, os sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de actividade, todo iso coa finalidade da súa aplicación á orde da Consellería de Traballo e Benestar que regule o programa de incentivos aos plans empresariais de estabilidade no emprego para o ano 2010.

Como continuidade do establecido no ano 2009, nesta orde defínense seis sectores de actividade específicos, caracterizados por ter altos niveis de estacionalidade que poderán ser, novamente, obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade. Nas actividades económicas onde haxa un convenio colectivo sectorial, partindo do principio da autonomía das partes e cara a potenciar o establecemento de cláusulas de estabilidade nos convenios, poderanse realizar pactos sectoriais de estabilidade co mesmo procedemento que nos seis sectores mencionados.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 22 de decembro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2008 (Ditame 60/08), obsérvase que se tiveron en conta as consideracións unánimes manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo presenta as seguintes novidades:

Na Exposición de motivos elimínase toda referencia ao Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia. Así mesmo no penúltimo parágrafo indícase que nos pactos de estabilidade fixarase a taxa no sector ou na empresa e a taxa para acadar no ano 2010 e poderase establecer un procedemento de seguimento e análise do sector (na orde do 2009 indicaba que deberase establecer).

No artigo 8º indícase que cada acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade poderá establecer unha subcomisión, cando no 2009 dicíase que establecerá unha subcomisión.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa” consta de: Exposición de motivos, nove artigos e dúas disposicións finais.



O día 19 de febreiro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén as consideracións, de carácter non unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I), polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (Anexo II) e pola CIG (Anexo III).






DITAME 4/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de febreiro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións, de carácter non unánime:









ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A elección dunha concreta modalidade contractual depende de varios factores, entre os que cómpre salientar a causa da contratación, pero tamén a evolución favorable ou non do ciclo económico no que se atopa inmersa a empresa; a conxuntura actual na que a nosa economía se enfronta a unha nova fase do ciclo, caracterizada por unha forte crise económica, obriga a tomar medidas que apoien e estimulen as decisións das nosas empresas e sectores no ámbito do emprego.

A situación económica actual conleva a necesidade de manter o emprego na nova conxuntura económica, polo que medidas que fomenten a posibilidade de transformacións de contratos temporais en indefinidos facilitan o cumprimento destes obxectivos, o que debe implicar unha maior posibilidade de acceso a estes incentivos, aumentando a súa potencialidade cun incremento do número de beneficiarios potenciais destes.

A situación excepcional pola que están a atravesar as nosa empresas aboca á necesidade dunha revisión dos Acordos asinados o 5 de febreiro de 2007, revisión e, no seu caso reformulación, que se está debatendo nestes intres no novo proceso de diálogo social

Sen prexuízo dos resultados deste, cabe salientar que a situación excepcional que están a vivir empresas e traballadores require do establecemento tamén de medidas excepcionais con obxectivo sempre de manter e impulsar a creación de emprego.

Na situación actual, polo  tanto, cabe propoñer que se permita que todas as empresas poidan acceder ás axudas á transformación de contratos temporais en indefinidos e para a contratación indefinida inicial, independentemente da aplicación ou non dun convenio colectivo e eliminando o requisito da esixencia dunha taxa de estabilidade.

Hai que ter en conta que a taxa de estabilidade non se establece nas liñas de incentivos de moitas comunidades autónomas, e nin sequera é tida en conta nas bonificacións establecidas nos últimos plans de emprego a nivel estatal.

Entendemos que iso potenciaría o fin último que se pretende coa medida, que non é outro que o impulso da estabilidade nas empresas da nosa Comunidade Autónoma.

Bastaría con incluír a posibilidade de incentivación da transformación das contratacións temporais en indefinidas na orde de contratación estable, eliminado o requisito da esixencia dunha taxa de estabilidade mínima e outra de alcance, e suprimindo obrigas e requisitos que incorporan unha rixidez que vai en contra dos obxectivos do incremento da contratación, como, por poñer un exemplo, a necesidade de manter a taxa de estabilidade durante 3 anos, pois xoga en contra das empresas que contratan baixo a modalidade de duración determinada (necesaria para facer fronte a necesidades conxunturais da empresa) e polo tanto penaliza ás empresas que contratan persoal nun momento no que deben estimularse as inversión produtivas e o emprego.

ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia  consideran que o contido do proxecto de orde que se ditamina resulta afectado polo proceso de diálogo social aberto entre o goberno galego e os interlocutores sociais, concretamente na mesa 1, polo que propoñen que non se publique a orde mentres non haxa un acordo sobre o tema no referido proceso de diálogo social.



ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

A CIG reitera a consideración xeral manifestada no ditame 19/08, polo que, ao non estar de acordo co réxime de subvencións xeralizadas ás empresas, que se establece na Orde reguladora do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, tampouco pode compartir a filosofía que inspira esta Orde de procedemento e requisitos para acadar acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores, convenios ou empresas, que na práctica ten como efecto final unha rebaixa para determinados ámbitos, da taxa xeral do 73% de estabilidade mínima que está previsto esixir ás empresas para acceder ás subvencións, tal e como consta no proxecto de orde remitido ao Consello para ditame que regula o programa de incentivos a plans empresariais de incremento da estabilidade laboral para o ano 2010.

Todo iso sen prexuízo de que consideremos positiva a incorporación, nos convenios colectivos ou en acordos ao abeiro do artigo 83 do Estatuto do Traballador, de normas de eficacia xeral, que establezan taxas mínimas de estabilidade contractual que deban ser acadadas obrigatoriamente polas empresas, especialmente cando esas taxas supoñan un incremento real das taxas estatísticas existentes na actualidade no ámbito correspondente.
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Artigo 5º. – Prazos.

A CIG considera que no artigo 5º non se debería fixar unha data pechada, senón un prazo de tempo máximo a partir da data de publicación. Para este caso concreto estímase que o prazo debería ser de 60 días.