ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E DE SUBVENCIÓNS ÁS UNIDADES DE APOIO Á ACTIVIDADE PROFESIONAL NO MARCO DOS SERVIZOS DE AXUSTE PERSOAL E SOCIAL DOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES


O día 19 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta nova orde agrupa os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego e as subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego. Estes incentivos compleméntanse cos previstos na orde que regula os programas de incentivos para o fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

Dada a incidencia que a crise económica está tendo sobre os centros especiais de emprego, no programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego inclúese un incremento transitorio da contía da subvención do custo salarial para o mantemento de emprego e no programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, realízase un tratamento especial aos centros de pequena dimensión que teñen maiores dificultades para o financiamento dos seus custos de persoal, coa finalidade de favorecer a constitución de unidades de apoio á actividade profesional naqueles centros que conten con persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral no seu cadro de persoal.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto das Ordes publicadas no DOG os días 19 de xaneiro e 20 de febreiro de 2009 e os ditames emitidos polo Consello con datas 1 e 3 de decembro de 2008 respectivamente, obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais nos ditames 58/08 e 62/08.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións, derivadas da unificación das ordes antes mencionadas, destacándose o seguinte:

Os programas recollidos neste proxecto pretenden promover a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, sempre que estes figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia ou solicitaran á súa cualificación, sempre que a acrediten no momento do seu pagamento e non estean incursos en causas de prohibición (artigo 2º).

As comprobacións da condición de persoa con discapacidade e persoa desempregada realizaraas directamente o órgano xestor das axudas, agás que fora recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 3º).

A competencia para resolver as solicitudes corresponderalles aos xefes e ás xefas territoriais dos departamentos territoriais da consellería cando se trate de solicitudes de subvencións do custo salarial e para a adaptación de postos de traballo referidas a centros de traballo radicados na respectiva provincia e á persoa titular da dirección xeral de Promoción do Emprego no caso das solicitudes de axudas para a creación ou a ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego, para o saneamento financeiro, para o equilibrio orzamentario de centros especiais de emprego, e as solicitudes de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego (artigo 5º).

Polo que se refire ao procedemento de concesión, só será de concorrencia competitiva o programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, dado que o programa de integración laboral, polo seu obxecto e finalidade non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento (artigo 8º), sendo o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de seis meses (artigo 9º).

Este proxecto de orde establece a posibilidade de pagamento a conta e anticipos de pagamento para as subvencións do custo salarial e as subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, solicitándose o mesmo conxuntamente coa solicitude inicial (artigo 11º), así como a posibilidade de devolución voluntaria da subvención, sen o requirimento previo da Administración (artigo 17º). Con respecto aos pagamentos anticipados a entidades beneficiarias recoñecidas como centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, increméntase a porcentaxe ata o 80% do total da subvención.

Con respecto aos créditos asignados a esta orde, establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima destes, ampliación que estará condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (D. adicional 6ª), introducíndose tamén a posibilidade de incremento transitorio da subvención do custo salarial para o mantemento de emprego (D. transitoria 1ª).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, dúas disposicións derradeiras e dous anexos.

O día 3 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral unánime e dez consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo II).





DITAME 5/10



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de marzo de 2010 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero na denominación de cargos públicos, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización da expresión “persoa titular da...”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Finalidade.
No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Segunda.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Terceira.- Artigo 12º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 14º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia con outras subvencións.... ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Cuarta.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Quinta.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Neste artigo, así como na base novena do Anexo B, faise referencia ás letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que correspondan.

Sexta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Sétima - Anexo A. Quinta. Solicitudes e documentación.
No apartado 4, letra d) e no apartado 7, letra c), desta base, esíxese a presentación do “balance de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios e provisionais para os dous próximos exercicios”.

Este Comité quere sinalar a escasa claridade deste precepto, posto que  os “balances provisionais para os dous próximos exercicios”, son estados contables de exercicios futuribles, que non poden coñecerse no momento da presentación da solicitude de axuda.

Se con esta expresión, o proxecto normativo estase a referir aos orzamentos, así debería mencionarse expresamente nestas disposicións.



Oitava - Anexo A. Sexta. Pagamento e xustificación.
No apartado 2, letra b) desta base, esíxese a presentación dos recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia que acrediten o seu pagamento.

Este Comité entende que se deben ter en conta os demáis medios legais existentes para o pagamento dos salarios, ademáis da transferencia bancaria que figura neste apartado.

Esta consideración tamén se estende ao disposto na base quinta, apartado d) deste mesmo anexo.

Novena.- Anexo B. Oitava. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior.

Este Comité considera que deberían esixirse titulacións da rama social para acceder á categoría de persoal técnico, tendo en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.

Décima.- Anexo B. Oitava. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta base menciona que ás persoas encargadas de apoio á produción deben ser integrantes das unidades de apoio á actividade profesional.
Este Comité propón que se regule con maior concreción esta figura.

ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre o empresariado na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

Se volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar a aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estase xa a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes Comités provinciais.


ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:


As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que debería constar claramente, xunto coa orde remitida, unha relación das aplicacións orzamentarias do exercicio anterior con respecto ás establecidas para esta orde, tendo en conta que o presenta proxecto xorde de refundir dúas ordes que contaban con orzamentos diferenciados.