ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE NA EMPRESA ORDINARIA, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E DO PROGRAMA DE EMPREGO CON APOIO, COMO MEDIDA DE FOMENTO DO EMPREGO DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE NO MERCADO ORDINARIO DE TRABALLO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES


O día 19 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo fondo social europeo, e do programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta nova orde agrupa os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos programas de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

No programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria increméntanse os importes das axudas pola contratación indefinida, coa finalidade de favorecer especialmente o emprego das mulleres con discapacidade, das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral, das persoas con discapacidade nas pequenas empresas e naquelas con centros de traballo no rural galego.

Este programa mellorase mediante o establecemento, por primeira vez, de dúas novas axudas para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade na comunidade autónoma de Galicia. Introdúcese a subvención pola contratación temporal de persoas con discapacidade, sempre que a duración do contrato sexa de polo menos doce meses, incrementándose tamén as contías das axudas pola contratación das mulleres con discapacidade, de persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral e pola contratación nas pequenas empresas en naquelas con centros de traballo no rural.


Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto das Ordes publicadas no DOG os días 19 de xaneiro e 3 de xullo de 2009 e os ditames emitidos polo Consello con datas 1 de decembro de 2008 e 7 de maio de 2009, respectivamente, obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais nos ditames 58/08 e 13/09.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións, derivadas da unificación das ordes antes mencionadas, destacándose o seguinte:

Os programas recollidos neste proxecto pretenden promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 1º).

Esta integración na empresa ordinaria realízase, por unha banda, a través de subvencións pola contratación indefinida; subvencións pola contratación indefinida de traballadores/as con discapacidade dun enclave laboral; subvencións pola contratación temporal; subvencións pola contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio e subvencións para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de equipamentos de protección persoal (Anexo A-primeira).

Por outro lado, establécense proxectos con apoio para financiar os custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, así como apoiar a posta en marcha de novos proxectos de emprego con apoio mediante subvencións para financiar o desenvolvemento de plans de prospección laboral e os apoios ás persoas con discapacidade no proceso de formación práctica na empresa previa á contratación (Anexo B-segunda).

As comprobacións da condición de persoa con discapacidade e persoa desempregada realizaraas directamente o órgano xestor das axudas, agás que fora recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 3º).

A competencia para resolver as solicitudes corresponderalles aos xefes e ás xefas territoriais dos departamentos territoriais da consellería cando se trate de solicitudes do programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, referidas a centros de traballo radicados na respectiva provincia e á persoa titular da dirección xeral de Promoción do Emprego cando se trate de solicitudes do programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (artigo 5º).

Polo que se refire ao procedemento de concesión, só será de concorrencia competitiva o programa de emprego con apoio, dado que o programa fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, polo seu obxecto e finalidade non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento (artigo 8º), sendo o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de seis meses (artigo 9º).

Modifícase o prazo para presentar a documentación xustificativa para o pagamento, sendo este o establecido na resolución na resolución de concesión, ou, se é o caso, ata o 31 de outubro de 2010. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado nun mes de forma extraordinaria e por causas debidamente xustificadas (artigo 10º). Por outra parte, concédese a posibilidade de devolver voluntariamente a subvención, sen requirimento previo da Administración (artigo 15º).

Con respecto aos créditos asignados a esta orde establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima destes, ampliación que estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (Disposición adicional 6ª).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo fondo social europeo, e do programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezaseis artigos, oito disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e dous anexos.


O día 3 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral unánime e doce consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma.


Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais.












DITAME 6/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo fondo social europeo, e do programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de marzo de 2010 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:






CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como por exemplo o uso reiterado do masculino xenérico presente en todo o texto.

Por outra parte, respecto da neutralidade de xénero na denominación de cargos públicos, parécenos importante indicar que o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización da expresión “persoa titular da...”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto e finalidade.
No punto 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación”.

Segunda.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses, agás as de concorrencia competitiva (Anexo B) que se debería establecer un prazo de tres meses desde o último día de presentación de solicitudes.

Terceira.- Artigo 11º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 13º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia con outras subvencións.... ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Cuarta.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Quinta.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo, así como na base novena do Anexo A e na décimo primeira do Anexo B, faise referencia ás letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.

Sexta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Sétima - Anexo A. Oitava. Xustificación do pagamento.
Este Comité considera que debe eliminarse o último parágrafo do segundo parágrafo desta base que dí: “Esta axuda, se non é solicitada pola empresa, poderá ser solicitada pola propia persoa traballadora”, porque segundo o disposto na base segunda, a persoa traballadora non é beneficiaria nin está previsto na orde o procedemento para que esta poda percibir a axuda.

Oitava - Anexo A. Décima. Xustificación do pagamento.
No apartado 2, establécese que a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de que o citado informe poda ser emitido tamén pola persoa delegada de prevención ou polo Comité de Seguridade e Saúde na empresa, de ser o caso.

Novena – Anexo B. Sexta. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio.

A letra f) do apartado 1 desta base dispón que no proxecto de emprego con apoio deberá constar “o nomeamento, por parte da empresa que vai contratar aos traballadores con discapacidade, entre o seu persoal, da figura do coordinador/a do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores laborais, e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa”.

Tendo en conta os labores a desempeñar pola figura da persoa coordinadora, este Comité suxire que se esixa como requisito necesario a posesión dunha titulación universitaria da rama social.

Décima.- Anexo B. Oitava. Preparadores laborais.
O apartado 1 desta base establece que “as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores laborais, os cales deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que se debería explicitar na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento deste posto son a do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das diplomaturas e/ou licenciaturas da rama social.

Décimo primeira.- Anexo B. Novena. Subvencións aos promotores de proxectos de emprego con apoio.
O apartado 6 desta base establece que “No suposto das entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 da base quinta, cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade en centros de traballo ou empresas de distintos concellos, poderá concederse unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía fixa de 2.500 euros por entidade, ou a parte proporcional que corresponda por períodos inferiores ao ano no que se presten os apoios”.

Este Comité considera excesivamente ríxido este plantexamento, polo que se propón que se abone o gasto real xustificado ou que se arbitre outro procedemento máis flexible que permita adecuar o importe da subvención á previsión de gasto real.

A mesma consideración pódese aplicar ao segundo parágrafo da base décima.


Décimo segunda .- Anexo B. Décima. Subvencións para o fomento de novos proxectos de emprego con apoio.
O apartado 4 desta base establece que “Os prospectores ou prospectoras de emprego con apoio e os preparadores ou preparadoras laborais que presten o apoio no período de formación práctica na empresa previa á contratación deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que se debería explicitar na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento deste posto son a do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das diplomaturas e/ou licenciaturas da rama social.

Décimo terceira - Anexo B. Décimo terceira. Pagamento e xustificación.
No apartado 3, letra a) desta base, esíxese a presentación dos recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia que acrediten o seu pagamento.
Este Comité entende que se deben ter en conta os demáis medios legais existentes para o pagamento dos salarios, ademáis da transferencia bancaria que figura neste apartado.

ANEXO


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre o empresariado na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

Se volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar a aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estase xa a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes Comités provinciais.

Segunda
As organizacións sindicais que integran este Comité non consideran unha medida de mellora o fomento da contratación temporal, xa que non se está a fomentar unha verdadeira integración estable das persoas pertencentes aos colectivos sinalados, funcionando máis como un programa de formación ou prácticas, cunha periodicidade anual.