ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS A PLANS EMPRESARIAIS DE INCREMENTO DA ESTABILIDADE LABORAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 15 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten como finalidade o fomento da creación e consolidación do emprego fixo e de calidade a través dun programa específico de estímulo e apoio ao cambio estrutural dos cadros de persoal das empresas instaladas en Galicia, cara a acadar un maior nivel de estabilidade do mercado de traballo galego, a través da contratación indefinida inicial ou por transformación de contratos temporais en indefinidos, xa sexan a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os traballos fixos-descontinuos, que se realicen como consecuencia de plans empresariais de incremento da estabilidade laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde reguladora dos incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, publicado no DOG o día 15 de xaneiro de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de decembro de 2008 (Ditame 68/08), obsérvase que foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo presenta as novidades seguintes:

Establécese como taxa de estabilidade xeral para acceder as axudas o 73%, así como un incremento do 25% das contías das axudas cando a empresa beneficiaria sexa unha microempresa do rural (exposición de motivos).

Co fin de axilizar a tramitación das axudas, a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, así como que a persoa traballadora pola que se solicita a subvención carece de ocupación, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 1º).

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes corresponderalles aos xefes e xefas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, cando todas as contratacións con orixe no plan empresarial de incremento da estabilidade laboral se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia, e á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, cando as contratacións polas que se solicita subvención se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados en varias provincias da Comunidade Autónoma de Galicia ou cando a solicitude se realice pola contratación indefinida de 20 ou máis persoas traballadoras (artigo 7º). O prazo de presentación de solicitudes é ata o 30 de xuño (artigo 8º) e o prazo para resolver e notificar ás resolucións é de seis meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para á súa tramitación (artigo 12º).

Polo que se refire á documentación que se ten que presentar coa solicitude, débense incluír os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención na relación nominal das persoas traballadoras contratadas polas cales se solicita subvención (artigo 10º). Por outra banda, na documentación xustificativa do pagamento, débese incluír a última nómina aboada de cada persoa traballadora pola que se concedeu a subvención e o cumprimento por parte da empresa da obriga de informar ás persoas traballadoras acerca do financiamento comunitario da subvención dos seus contratos (artigo 13º).
O período mínimo que se debe manter ás persoas traballadoras subvencionadas no cadro de persoal da empresa é de tres anos. Unha vez finalizado este período, corresponderá á Dirección Xeral de Promoción do Emprego e aos departamentos territoriais levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento do programa (artigo 16º).

Concédese a posibilidade de devolver voluntariamente a subvención, sen requirimento previo da Administración (artigo 18º).

Con respecto aos créditos asignados a esta orde, establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima destes, ampliación que estará condicionada á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (disposición adicional sexta). Pola súa banda, as solicitudes realizadas ao abeiro da orde de convocatoria do ano 2009, que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor da presente orde, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios do exercicio 2010 e resolveranse en función da normativa que lles era de aplicación no momento da solicitude (disposición transitoria).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte artigos, seis disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.

O día 5 de marzo de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén nove consideracións específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais representadas no Consello (anexo I), polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (anexo II); pola CIG (anexo III) e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo IV).




DITAME 7/10



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 4º. Exclusións.

No apartado 3) deste artigo establécese que exclúense dos incentivos ás contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos vinte catro meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Segunda.- Artigo 8º. Solicitudes, e prazo.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de xuño de 2010.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Terceira.- Artigo 12º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera excesivo o prazo de seis meses, polo que propón que se reduza a tres meses.

Cuarta.- Artigo 13º. Xustificación do pagamento.

No apartado 3 deste artigo establécese que non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en tanto a persoa beneficiaria sexa debedora por resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Este Comité entende que debe dicir “resolución firme declarativa da procedencia de reintegro”.

Quinta. - Artigo 14º. Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificación ou revogación na obtención da subvención.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”.

Sexta.-  Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites fixados pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que os citados límites deben indicarse expresamente no texto do artigo.

Sétima.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.

Suxírese modificar o título deste artigo para adoptar a forma neutra en cuestión de xénero. Así o título proposto sería “Obrigas das persoas beneficiarias”.

Oitava.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 5 deste artigo establécese a obriga das empresas beneficiarias de presentar o TC2 correspondente ao último mes no que se efectuaron as contratacións.

Este Comité suxire que sexa a Administración, mediante convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, a encargada de aportar o TC2 e facer, dese modo, o seguimento e control dos datos esixidos.

Novena.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 5º.: Definición.

O apartado 1, letra b), segundo parágrafo, deste artigo, establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Segunda.- Artigo 16: Obrigas dos beneficiarios

No apartado 5 deste artigo establécese como obriga “Manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período mínimo de 3 anos a computar desde a data de realización da contratación”, obriga que se desenvolve tamén nos apartados 3 e 4 deste mesmo artigo.
As organizacións sindicais UGT-Galicia, Confederación Intersindical Galega e SN de CC.OO. de Galicia consideran que o prazo de tres anos, referido no artigo, debería ampliarse ata cinco, en coherencia co manifestado en ditames anteriores en relación ás axudas de contratación.
Así mesmo, en consonancia con esta consideración, deberíase ampliar de dous a tres anos o prazo establecido no artigo 17º.3.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que a taxa de estabilidade referenciada nesta orde deberá ser superior ao 75% que figuraba na orde do ano pasado, en lugar do 73%, que figura este ano. De non ser así, o incremento da estabilidade laboral que declara pretender esta orde non sería garantido.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Única.-

Do texto articulado da Orde, dedúcese que outorga carácter xeral ás subvencións á contratación estable, por canto que delas serán beneficiarias as empresas que cumpran os requisitos establecidos nesta norma, cando contraten traballadores/as por conta allea, coa única condición de que se trate de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, ou ben afectadas pola simple transformación dun contrato temporal noutro indefinido.

Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Única.- Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA UNIÓN GENERAL DE TRABALLADORES DE GALICIA:

Única.- Exposición de motivos

No sexto parágrafo da exposición de motivos, establécese un incremento do 25% da contía das axudas cando a empresa beneficiaria sexa unha microempresa do rural galego. UGT propón que ademais deste caso se estableza unha diferenza na orde en tres tramos en función do número de traballadores e traballadoras, primando ás empresas de menor cadro de persoal. Os tramos serían:
• Empresas de ata 10 persoas traballadoras
• Empresas de 11 a 50 persoas traballadoras
• Empresas de 51 persoas traballadoras en adiante.






ANEXO V

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Única.-

A elección dunha concreta modalidade contractual depende de varios factores, entre os que cómpre salientar a causa da contratación, pero tamén a evolución favorable ou non do ciclo económico no que se atopa inmersa a empresa; a conxuntura actual na que a nosa economía se enfronta a unha nova fase do ciclo, caracterizada por unha forte crise económica, obriga a tomar medidas que apoien e estimulen as decisións das nosas empresas e sectores no ámbito do emprego.

A situación económica actual leva consigo a necesidade de manter o emprego na nova conxuntura económica, polo que medidas que fomenten a posibilidade de transformacións de contratos temporais en indefinidos facilitan o cumprimento destes obxectivos, o que debe implicar unha maior posibilidade de acceso a estes incentivos, aumentando a súa potencialidade cun incremento do número de beneficiarios potenciais destes.

A situación excepcional pola que están a atravesar as nosa empresas aboca á necesidade dunha revisión dos Acordos asinados o 5 de febreiro de 2007, revisión e, no seu caso reformulación, que se está debatendo nestes intres no novo proceso de diálogo social

Sen prexuízo dos resultados deste, cabe salientar que a situación excepcional que están a vivir empresas e traballadores require do establecemento tamén de medidas excepcionais con obxectivo sempre de manter e impulsar a creación de emprego.

Na situación actual, polo  tanto, cabe propoñer que se permita que todas as empresas poidan acceder ás axudas á transformación de contratos temporais en indefinidos e para a contratación indefinida inicial, independentemente do requisito da esixencia dunha taxa de estabilidade.

Hai que ter en conta que a taxa de estabilidade non se establece nas liñas de incentivos de moitas comunidades autónomas, e nin sequera é tida en conta nas bonificacións establecidas nos últimos plans de emprego a nivel estatal.

Entendemos que iso potenciaría o fin último que se pretende coa medida, que non é outro que o impulso da estabilidade nas empresas da nosa Comunidade Autónoma.

Bastaría con incluír a posibilidade de incentivación da transformación das contratacións temporais en indefinidas na orde de contratación estable, eliminado o requisito da esixencia dunha taxa de estabilidade mínima e outra de alcance, e suprimindo obrigas e requisitos que incorporan unha rixidez que vai en contra dos obxectivos do incremento da contratación, como, por poñer un exemplo, a necesidade de manter a taxa de estabilidade durante 3 anos, pois xoga en contra das empresas que contratan baixo a modalidade de duración determinada (necesaria para facer fronte a necesidades conxunturais da empresa) e polo tanto penaliza ás empresas que contratan persoal nun momento no que deben estimularse as inversión produtivas e o emprego.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º.- Ámbito de aplicación.

No apartado 2, terceiro parágrafo, deste artigo sinálase que poderán subvencionarse as conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada celebrados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde.

A CEG propón que poidan acollerse ás axudas tamén os contratos formalizados durante a vixencia da presente orde.

Igualmente, no apartado 3 deste artigo, establécese que “no caso de transformacións de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo, agás as transformacións de contratos temporais en indefinidos na súa modalidade de fixo-descontinuo”.

A CEG considera que debería establecerse a excepción para a conversión de contratos formativos, de relevo ou de substitución, da idade de xubilación, así como de interinidade, cando se manteña o posto que se substitúe, fomentando nestes casos tamén a conversión en indefinido a tempo parcial, xa que a fin e ao cabo se está a xerar emprego estable de nova creación.

Segunda.- Artigo 4º Exclusións.

En relación co establecido no apartado 4. deste artigo, a CEG considera que debería incluírse calquera forma de extinción do contrato de traballo alleo á vontade conxunta de traballador e empresario (por exemplo, deberían quedar excluídos os/as traballadores/as que extingan o seu contrato por desacordo cunha mobilidade xeográfica, a traballadora que o extingue por sufrir violencia de xénero, etc.).

O que se pretende evitar son situacións de acordo previo. Polo tanto, a casuística de extincións de contrato que xeran "situacións legais de desemprego" é variada no Estatuto dos traballadores e debería considerarse.

Terceira.- Artigo 6º. Incentivos.

A CEG considera que debería tratar de igualarse o importe dos incentivos á contratación inicial e á transformación de contratos temporais en indefinidos.

Por outra banda, propoñemos que se aumente o importe de todas as axudas, como mínimo, tendo en conta a variación do IPC, xa que o devandito importe é idéntico ao que se considera na orde do exercicio anterior.

Cuarta. - Artigo 8º. Solicitudes e prazo.

Debe incidirse na necesidade de prazos de tempo o máis amplos e flexibles posibles, adaptados aos momentos nos que as empresas toman as decisións de investimento (elaboración de orzamentos anuais). Para o caso de que non se poidan establecer plans a medio prazo (duración de dous ou tres anos) por causas administrativas, propoñemos polo menos a ampliación dos prazos nos que se poidan realizar as contratacións. Deste xeito, lograríase conseguir un mellor coñecemento e aplicación da medida por parte das empresas e unha maior eficacia da subvención.

Quinta.- Artigo 12º. Resolución e recursos.

A CEG considera que na orde non se garante a percepción das axudas por parte das empresas que cumpran os requisitos establecidos, o que de novo lle resta eficacia á medida.

Sexta.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.

En relación co disposto no apartado 2, segundo parágrafo, deste artigo, consideramos que o mantemento dese novo contrato que substitúe o anterior non debería ser de tres anos, senón só polo tempo que falte desde que o primeiro traballador foi substituído.

Así mesmo, en relación co disposto no apartado 4 deste artigo 16º, propoñemos a supresión deste apartado que esixe a obriga de non modificar a composición do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, de maneira que non se produza unha diminución da taxa de estabilidade alcanzada polo menos nos tres anos dende o último mes en que se realicen contratacións. Este requisito non ten en conta que nas empresas tamén se contratan traballadores temporais para obras ou servizos determinados, de xeito que, cando estes contratos temporais finalicen, o cadro de persoal das empresas necesariamente se verá modificado.

Sétima.- Artigo 20º. Réxime das axudas.

En relación co disposto neste artigo, a CEG considera que, en canto á aplicación dos criterios "de minimos", unha subvención media de 3.000 euros daría cobertura a menos de 25 contratos ao ano, tendo en conta o período dos tres anos e a contía dos 200.000 euros, motivo polo que se suxerimos que se modulen estes límites en función da dimensión da empresa.