ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA DAS PERSOAS TRABALLADORAS, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES


O día 15 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das persoas traballadoras, cofinanciado polo fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

No deseño da política de incentivos á contratación para o ano 2010 tense presente o contexto económico financeiro marcado pola recesión económica. Para paliar os efectos desta crise nas empresas galegas, dinamizando o mercado de traballo e perseguindo unha mellora da calidade do emprego e das relacións laborais en Galicia, refúndese nunha única orde os incentivos á contratación indefinida para os distintos colectivos que presentan maiores dificultades para incorporarse e permanecer no mercado de traballo: mocidade, mulleres, parados de longa duración, traballadores que esgotaran as prestacións e subsidios de desemprego ou traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social; reordenando, á vez, dun xeito coherente as contías destes incentivos.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto das Ordes publicadas no DOG os días 15 e 16 de xaneiro e 3 de marzo de 2009 e os ditames emitidos polo Consello con datas 1, 2, 11 e 23 de decembro de 2008, obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial nos ditames 56/08, 59/08, 64/08 e 69/08.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións, derivadas da unificación das ordes antes mencionadas, destacándose o seguinte:

O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras dos incentivos á contratación indefinida das persoas traballadoras coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos traballadores e das traballadoras que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo (artigo 1º). Estes incentivos fomentaranse a través dun programa que xestiona tres tipos de axudas:
- axudas ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo
- axudas ás transformacións en indefinidos dos contratos temporais de obra ou servizo ou eventuais por circunstancias da produción celebrados con anterioridade á entrada en vigor desta orde  
- axudas ás transformacións en indefinidos de contratos formativos, de revezamento e de substitución por anticipación da idade de xubilación ou de interinidade, calquera que sexa a data de celebración do contrato temporal (artigo 4º).

Establécense as definicións de persoa desempregada e persoa traballadora desfavorecida, así como de primeira persoa traballadora fixa, microempresa, transformación de contrato temporal en indefinido, taxa de estabilidade, custo salarial e concello rural, para os efectos desta orde. A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fora recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 2º), pero a pertenza ao correspondente colectivo subvencionado realizarase cos documentos acreditativos das características que determinen esta pertenza (artigo 11º).

Un dos requisitos que ten que cumprir a empresa beneficiaria é que a taxa de estabilidade do cadro de persoal que a empresa acade coas contratacións polas que solicita subvención deberá ser igual ou superior ao 73%. Todas as contías das axudas establecidas incrementaranse nun 25% cando as contratacións sexan realizadas por microempresas e, se ademais, estas contratacións se formalizan para prestar servizos en centros de traballo radicados nun concello rural, os incentivos incrementaranse noutro 25% (artigo 5º).

A competencia para resolver as solicitudes corresponderalles aos xefes e ás xefas territoriais dos departamentos territoriais da consellería cando a contratación se realice para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia e á persoa titular da dirección xeral de Promoción do Emprego cando as contratacións se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados en varias provincias ou cando a solicitude se realice pola contratación indefinida de 20 ou máis persoas traballadoras (artigo 8º).

Polo que se refire ao procedemento de concesión, non é de concorrencia competitiva dado que polo seu obxecto e finalidade non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento (artigo 12º), sendo o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de seis meses (artigo 13º).

O prazo para presentar a documentación xustificativa para o pagamento, será o establecido expresamente na resolución de concesión (artigo 14º). Por outra parte, concédese a posibilidade de devolver voluntariamente a subvención, sen requirimento previo da Administración (artigo 19º).

O período mínimo que se debe manter ás persoas traballadoras subvencionadas no cadro de persoal da empresa é de tres anos. Unha vez finalizado este período, corresponderá á Dirección Xeral de Promoción do Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento do programa (artigo 17º).

Con respecto aos créditos asignados a esta orde establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima destes, ampliación que estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (Disposición adicional quinta). Pola súa banda, as solicitudes realizadas ao abeiro da orde de convocatoria do ano 2009 que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor da presente orde, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios do exercicio 2010 e resolveranse en función da normativa que lles era de aplicación no momento da solicitude (Disposición transitoria).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das persoas traballadoras, cofinanciado polo fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, cinco disposicións adicionais, unha transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 5 de marzo de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II), polas organizacións  UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (anexo III); pola CIG (anexo IV) e por UGT-Galicia (anexo V).




DITAME 8/10

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de febreiro de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción no sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización de expresións como: “persoa titular de...”, “persoa traballadora”, etc.

Segunda.-

Ao longo do texto, aparecen varios artigos que clasifican os apartados incluíndo as letras j) e k), que non existen no alfabeto galego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

Primeira.- Artigo 7º: Exclusións.

No apartado 3) deste artigo establécese que exclúense dos incentivos ás contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos vinte catro meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar qué se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Segunda.- Artigo 9º: Solicitudes de prazo.

Dos diversos prazos que aparecen neste artigo, apréciase que se exclúen dos beneficios da orde todas aquelas contratacións subvencionables que se realicen no período entre o 1 de xullo ao 15 de setembro. Este Comité solicita que se rectifique esta carencia.
Así mesmo, no apartado 4) de este artigo 9, fíxase o 30 de abril de 2010 como remate de prazo para a presentación das solicitudes de axudas. Este Comité suxire que, en vez dunha data concreta, se fixe un prazo de tempo suficiente a partir da publicación desta orde.

Terceira.- Artigo 11º: Documentación.

No primeiro parágrafo sinálase que a documentación se aportará en orixinal ou copia compulsada. Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.

Cuarta.- Artigo 13: Resolución e recursos.

No seu apartado 2) recóllese un prazo para resolver e notificar de 6 meses. Este Comité considera este prazo excesivo, e propón que sexa de 3 meses.

Quinta.- Artigo 14º: Xustificación e pagamento

No seu apartado 3), onde pon “ resolución declarativa de procedencia de reintegro” debe dicir “resolución firme declarativa de procedencia de reintegro”.

Sexta.- Artigo 15º: Modificación da resolución de concesión.

Neste artigo aparece unha referencia á outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Este Comité propón substituír os termos “nacionais” por “estatais” coa finalidade de evitar confusións interpretativas.

Sétima.- Artigo 17º: Obrigas dos beneficiarios.

Este Comité propón substituír este título polo de “Obrigas das entidades beneficiarias”

Oitava.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións finais.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Única.-

En primeiro lugar valórase positivamente o feito de introducir como elemento de discriminación positiva a favor das microempresas galegas un incremento das axudas previstas, para o caso de que a empresa solicitante cumpra tal condición.

Na situación actual, caracterizada pola forte crise económica, cabe propoñer que se permita que todas as empresas poidan acceder ás axudas á transformación de contratos temporais en indefinidos e para a contratación indefinida inicial, eliminando o requisito da esixencia dunha taxa de estabilidade.

Esta situación leva consigo a necesidade de manter o emprego na nova conxuntura económica, polo que medidas que fomenten a posibilidade de transformacións de contratos temporais en indefinidos facilitan o cumprimento destes obxectivos, o que debe implicar unha maior posibilidade de acceso a estes incentivos, aumentando a súa potencialidade cun incremento do número de beneficiarios potenciais destes.

A situación excepcional pola que están a atravesar as nosa empresas aboca á necesidade dunha revisión dos Acordos asinados o 5 de febreiro de 2007, revisión e, no seu caso reformulación, que se está debatendo nestes intres no novo proceso de diálogo social

Sen prexuízo dos resultados deste, cabe salientar que a situación excepcional que están a vivir empresas e traballadores require do establecemento tamén de medidas excepcionais con obxectivo sempre de manter e impulsar a creación de emprego.

Hai que ter en conta que a esixencia da taxa de estabilidade non se establece nas liñas de incentivos de moitas comunidades autónomas, e nin sequera é tida en conta nas bonificacións establecidas nos últimos plans de emprego a nivel estatal.

Entendemos que iso potenciaría o fin último que se pretende coa medida, que non é outro que o impulso da estabilidade nas empresas da nosa Comunidade Autónoma.

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia consideramos que se debería incluír a posibilidade de incentivar a transformación de todas as  contratacións temporais en indefinidas sen facer referencia a colectivos, así como incentivar todas as contratacións indefinidas, con independencia do momento da formalización do contrato, xa que o obxectivo que se persegue é o de estabilidade no emprego, suprimindo obrigas e requisitos que incorporan unha rixidez que vai en contra dos obxectivos do incremento da contratación.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º: Contratacións subvencionables.

No apartado b) contémplanse axudas ás transformacións en indefinidos dos contratos de obra e servizo o eventuais por circunstancias da produción celebrados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, sempre que se celebren con colectivos concretos. A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se dea un incentivo a todas as transformacións de temporais en indefinidos sen facer referencia a colectivos concretos, e con independencia da data de celebración do contrato

Segunda.- Artigo 7: Exclusións.

No apartado segundo non se entende o motivo de excluír da subvención os contratos realizados con determinados parentes(cónxuxe, descendentes e demais parentes ata o segundo grao) dos órganos que teñan cargo de dirección ou sexan membros dos órganos de administración, máxime se se ten en conta que determinados cargos deses órganos ben poderían ser non propietarios ou accionistas. Abondaría con facer referencia a que os contratos concertados deberán ser laborais e reunir tales requisitos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE O CARÁCTER DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CC.OO. DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 5º: Requisitos.

O apartado 2, terceiro parágrafo deste artigo, establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Segunda.- Artigo 7º: Exclusións.

No apartado 4), exclúe ás persoas que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita subvención. Proponse que o prazo se amplíe aos 6 meses previos.

Terceira.- Artigo 17º: Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 2) deste artigo establécese como obriga “Manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período mínimo de 3 anos a computar desde a data de realización da contratación”, obriga que se desenvolve tamén nos apartados 3 e 4 deste mesmo artigo.
As organizacións sindicais UGT-Galicia, Confederación Intersindical Galega e SN de CC.OO. de Galicia consideran que o prazo de tres anos, referido no artigo, debería ampliarse ata cinco, en coherencia co manifestado en ditames anteriores en relación ás axudas de contratación.
Así mesmo, en consonancia con esta consideración, deberíase ampliar de dous a tres anos o prazo establecido no artigo 18º.3.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE O CARÁCTER DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA.

Consideramos necesaria unha revisión do sistema de bonificacións superando a situación actual de cuasi “universalidade” que implica que as bonificacións perden a súa función para actuar sobre colectivos con especiais dificultades e xeran, ademais, un sistema excesivamente complexo (efecto “ganga”).

As bonificacións, para ser eficaces, teñen que ser selectivas aínda que non marxinais. O carácter selectivo non significa que deban orientarse exclusivamente a colectivos marxinais senón que se trata de bonificar situacións que sen ser xerais afecten a colectivos importantes de traballadores e traballadoras, co obxectivo de poder alterar a súa pauta de acceso ao mercado laboral e cambiar, así, o seu status laboral.

Habería que atender aos seguintes colectivos con dificultades estruturais para acceder ao emprego

• Paradas e parados de longa duración-
• Paradas e parados de máis de 50 anos.
• Paradas e parados con discapacidade.
• Mozas e mozos sen cualificación.
• Vítimas de violencia de xénero.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE O CARÁCTER DA NORMA POR PARTE DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA.

Primeira.- Artigo 2º. Definicións.

A diversidade e extensión de colectivos que se definen no artigo 2 da Orde, resulta de tal amplitude que practicamente calquera persoa desempregada pode ser obxecto de contratación subvencionada, convertendo en subvencións xeneralizadas  e indiscriminadas á contratación o que deberían ser uns programas destinados a incentivar a contratación de colectivos moi específicos, perverténdose por tanto os obxectivos teoricamente perseguidos coa norma.

A Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.
• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.

Segunda.- Artigo 16º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que o conxunto dos incentivos e axudas non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.

ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE O CARÁCTER DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA.

Única.-

No sexto parágrafo da exposición de motivos, establécese un incremento do 25% da contía das axudas cando a empresa beneficiaria sexa unha microempresa do rural galego. UGT propón que ademais deste caso se estableza unha diferenza na orde en tres tramos en función do número de traballadores e traballadoras, primando ás empresas de menor cadro de persoal. Os tramos serían:
• Empresas de ata 10 persoas traballadoras
• Empresas de 11 a 50 persoas traballadoras
• Empresas de 51 persoas traballadoras en adiante.