ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento se tenderá ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e se prestará especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31º que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38º dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

O programa de promoción do emprego autónomo establecido na normativa estatal mellórase na Comunidade Autónoma de Galicia coa introdución da axuda excepcional para o financiamento dos primeiros gastos da actividade ás persoas desempregadas de colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, e coa subvención pola primeira contratación indefinida que realicen os traballadores e traballadoras autónomas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 15 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 1 de decembro de 2008, obsérvase que foron tidas en conta catro das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Como novidade máis salientable, inclúese unha subvención pola primeira contratación indefinida que realicen as persoas traballadoras autónomas, coa finalidade de apoiar a consolidación dos seus proxectos empresariais ou profesionais, fomentar a súa capacidade de creación de emprego e favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas (artigo 9º). Esta contratación indefinida deberá realizarse durante o primeiro ano de actividade dende a data de inicio que conste na declaración de alta no censo de obrigados tributarios e poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo, non podendo superar a contía da subvención a equivalente ao 60% dos custos salariais totais de dúas anualidades da persoa traballadora contratada e deberase manter no cadro de persoal da empresa por un período mínimo de dous anos.

Poderá ser obxecto desta subvención a contratación indefinida inicial que se realice cunha persoa traballadora desempregada, inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación, ou a transformación dun contrato temporal en indefinido.

Sempre que se reúnan os requisitos e demais condicións exixidos neste orde e poidan ter a consideración de persoas asalariadas, esta subvención tamén poderá ser de aplicación cando se contrate como traballador/a por conta allea a un familiar.

Neste tipo de subvención, a competencia para coñecer e resolver as solicitudes correspóndelles aos xefes e xefas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar da provincia na que estea radicado o centro de traballo no que preste servizos a persoa traballadora pola que se solicita a subvención (artigo 10º).

Outra novidade incorporada nesta orde é a consideración especial para os traballadores e as traballadoras autónomas e profesionais cando a súa actividade empresarial ou profesional teña o seu domicilio fiscal nun concello rural galego, coa finalidade de apoiar a cohesión no territorio e o desenvolvemento económico no rural da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na axuda excepcional, contemplase especificamente como colectivo beneficiario aos traballadores autónomos e profesionais cando a súa actividade empresarial ou profesional teña o seu domicilio fiscal nun concello rural. No suposto de que xa estean inclúidos/as noutro colectivo de beneficiarios/as terán un incremento nas axudas (artigo 8º).

Contémplase expresamente como colectivo beneficiario das axudas as persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego (artigos 4º.2.D, 5º.2.D e 8º.4.A).

Na subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia (artigo 4º) e para a subvención financeira (artigo 5º), establécese que, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 3.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante, terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.

Así mesmo, no caso da axuda excepcional, non serán subvencionables os gastos referidos aos domicilios particulares da persoa solicitante ou dalgunha das persoas comuneiras ou socias da comunidade de bens ou sociedade civil, e os gastos correspondentes a compravendas entre as persoas comuneiras ou socias (artigo 8º).

Polo que se refire á xustificación e pagamento das axudas, establécese que a xustificación do pagamento dos gastos deberá acreditarse a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento, nos cales deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e non se admitirán os pagamentos en efectivo nin os xustificantes obtidos a través de internet se non están validados pola entidade bancaria. Así mesmo, deberase incluír unha listaxe asinada coa relación dos investimentos, gasto e pagamentos realizados en cada caso (artigo 16º). Por outra banda, permítese a devolución voluntaria da subvención (artigo 23º).

Con respecto aos créditos asignados a esta orde establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima destes, ampliación que estará condicionada á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (D.Adicional Cuarta).

Pola súa banda, as solicitudes realizadas ao abeiro da orde de convocatoria do ano 2009, que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor da presente orde, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios do exercicio 2010 e resolveranse en función da normativa que lles era de aplicación no momento da solicitude (D.Transitoria).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e tres artigos, cinco disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.



O día 8 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola CIG (Anexo I) e oito consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).









DITAME 9/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de marzo de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:










CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero na denominación de cargos públicos, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización da expresión “persoa titular da...”.

Segunda.
Este Comité considera que os prazos establecidos nesta orde para a presentación de solicitudes son moi curtos, propoñendo que se manteña aberto o prazo de solicitudes practicamente na totalidade do exercicio, para facilitar a concesión destas axudas ao maior número posible de persoas beneficiarias.

Terceira.
No apartado 2 do artigo 3º e no apartado 1 do artigo 13º, así como no artigo 17º, establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 1.a) deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queren mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Segunda.-  Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo exclúe das axudas reguladas no proxecto normativo aos socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e autónomos colaboradores.

Este Comité considera que debe aclararse o alcance dos termos “autónomos colaboradores” a efectos desta orde.

Terceira.- Artigo 3º.- Definicións.
O número VI do apartado 1 deste artigo define o concepto de persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares, facendo unha referencia ao salario mínimo interprofesional.

Tendo en conta que para recoñecer o subsidio por desemprego, a Lei xeral da Seguridade Social esixe non superar o 75% da contía do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de pagas extras, este Comité considera que debería clarificarse neste apartado se no concepto de salario mínimo interprofesional empregado na orde obxecto deste ditame debe incluírse ou non o rateo de pagas extras.

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención financeira.
No terceiro parágrafo do apartado 1 deste artigo faise referencia a que os préstamos deben estar formalizados entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 30 de setembro de 2010.

Este Comité considera que o disposto neste parágrafo entra en colisión co prazo estipulado no apartado 1 do artigo 1º (desde o 16 de setembro de 2009 ata o 30 de xuño de 2010), xa que non se subvencionaría a alta dun autónomo ou autónoma posterior a esa data, pero si a solicitude dunha subvención financeira para a posta en marcha do proxecto empresarial, polo que se propón a modificación desta disposición.

Quinta.- Artigo 15º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Sexta.- Artigo 16º. Xustificación e pagamento.
Nos apartados 4 e 5 deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse por supor unha limitación, especialmente no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.

Sétima.- Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo e no artigo 18º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia coas concedidas.... ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Oitava.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.





ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL  CIG.

Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que a subvención pola primeira contratación indefinida é compatible, se é o caso, coas bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social, non podendo, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de duas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que, en lugar do limite establecido no citado apartado, debería constar que a subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.









ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Primeira. – Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo establécese que quedan excluidos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda, considerando que deben ser beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia.

Segunda. Artigo 3º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1. VIII deste artigo establécese que non se terán en conta os investimentos realizados .... agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería especificarse na orde que se entende por “investimentos imprescindibles”.

Terceira. Artigo 3º. Definicións.
No apartado 2 deste artigo non se definen claramente as condicións ou características para obter a cualificación de persoa pertencente a un colectivo en risco de exclusión social, como é o caso dos establecidos na letra f) (transexuais ou en proceso de reasignación sexual).

Así mesmo, tampouco se establece para a letra j) cáles son os condicionantes obxectivos para estimar "as graves necesidades persoais ou familiares" ou as características que poden condicionar as posibilidades de integración social.

Cuarta. - Artigo 5º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 1 deste artigo, parágrafo segundo, non se admitirán a efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados agás nos casos de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

Quinta. - Artigo 6º. Subvención para asistencia técnica.
No apartado 2 deste artigo establécese que os servizos de asistencia técnica poderán ser prestados por asociacións de traballadores e traballadoras autónomas con carácter intersectorial. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que este servizo pode ser prestado por calquera tipo de entidade que se adicada profesionalmente á devandita tarefa, diferente das asociacións intersectoriais, ou por calquera ente que poida non ter ánimo de lucro.

Por último, deben especificarse cales son as garantías de solvencia profesional que se establecen para as persoas xurídicas ou físicas.

Sexta. - Artigo 7º. Subvención para a formación.
Respecto ao apartado 2 deste artigo, A Confederación de Empresarios de Galicia reitera o manifestado na consideración anterior.

Sétima. - Artigo 13º. Documentación.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que deberían especificarse no texto da orde, cáles son as garantías de solvencia profesional que se esixen nas letras c) e d) do apartado 2 deste artigo.

Oitava.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.
A letra j) deste artigo esixe manter durante un período mínimo de dous  anos a forma xurídica elixida  pola que se concedeu a subvención.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que existe incoherencia entre esta obriga e a imposta no apartado a) deste mesmo artigo, que esixe a realización da actividade que fundamente a concesión da axuda durante tres anos como mínimo.