ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT), COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 15 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora para aproveitar, principalmente, o potencial de persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego.

Esta orde ten a finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o 27 de febreiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 7 de xaneiro de 2009, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

As entidades beneficiarias deberán posuír no seu cadro de persoal, no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea, como mínimo un 25% de persoas con titulación universitaria e deberán crear, no primeiro ano de actividade, emprego estable para persoas desempregadas, respectando a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada 4 postos de traballo da IEBT (artigo 3º).

Establécense as definicións de constitución da empresa, inicio da actividade empresarial, persoa desempregada, empregos subvencionables, inmobilizado material ou intanxible, para os efectos de aplicación desta orde (artigo 4º).

Na subvención á creación directa de emprego estable establécese unha axuda adicional no caso de contratación dunha persoa desempregada que posúa o título de doutor/a e cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme con posterioridade a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade (artigo 6º).

As contratacións temporais de persoal técnico de alta cualificación realizadas antes de que transcorra un ano desde a data de inicio da actividade serán subvencionadas nunha contía equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, segundo a duración do contrato, cun máximo de 12 mensualidades, sendo necesario estar en posesión dun título universitario. Esta subvención concederase por unha soa vez (artigo 7º).

Nas axudas para apoio á función xerencial (artigo 8º) e para o inicio e posta en marcha da actividade (artigo 10º) a xustificación para o seu pagamento deberá remitirse con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2010. Por outra parte, as solicitudes deberán presentarse unha vez transcorridos doce meses contados desde o inicio da actividade.

Polo que respecta á subvención financeira esta consistirá nunha redución de ata catro puntos dos xuros de préstamos para financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha de IEBT, debéndose formalizar estes no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2010, ou no prazo específico establecido na resolución de concesión (artigo 9º).

O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de xuño de 2010 (artigo 12º), sendo competente para coñecer e resolver as solicitudes a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego (artigo 11º).

Con respecto á xustificación e pagamento das axudas considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, que será o sinalado na resolución de concesión ou ata o 31 de outubro de 2010, prazo que poderá ser excepcionalmente prorrogado por un período dun mes de forma debidamente xustificada (artigo 17º). Por outra banda, permítese a devolución voluntaria da subvención (artigo 23º).

Con respecto aos créditos asignados a esta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do emprego de acordo coas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Así mesmo, establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima destes, ampliación que estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (D.Adicional Quinta).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e cinco artigos, cinco disposicións adicionais, e dúas derradeiras.

O día 8 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e once consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións non unánimes: unha consideración xeral e outra específica manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), tres consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (anexo III).



DITAME 10/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero na denominación de cargos públicos, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización da expresión “persoa titular da...”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.


Segunda.-  Artigo 9º. Subvención financeira.
No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de formalización dos préstamos concedidos polas entidades financeiras será o comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2010 ou no establecido na resolución de concesión.

Este Comité considera que o prazo debería ser máis aberto para facilitar a concesión destas axudas ao maior número posible de entidades beneficiarias, propoñendo que se podan presentar as solicitudes durante practicamente todo o exercicio.

Terceira.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente  a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.

Cuarta.- Artigo 10º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír, entre os gastos subvencionables descritos no parágrafo segundo do apartado 2 deste artigo, os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.


Quinta.-. Artigo 10º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
No apartado 5 deste artigo establécese que unicamente poderán solicitar esta axuda as empresas que iniciaran a súa actividade a partir do 16 de setembro do ano 2008.

Este Comité considera que existe un erro e que a data correcta debe ser a do 16 de setembro do ano 2009.

Sexta.-. Artigo 12º. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de xuño de 2010.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Sétima.- Artigo 16º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera o prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Oitava.- Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo indícase que o importe das subvencións ou axudas non poderá ser tal que en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 80% do custo da actividade.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

A mesma consideración maniféstase respecto ao artigo 21º.

Novena.- Artigo 19º. Exclusións.
No apartado a) deste artigo establécese que exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas en que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

Este Comité considera que debe constar que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décima.- Artigo 19º. Exclusións.
Este Comité propón a modificación da exclusión establecida no apartado b) deste artigo, considerando que debe vincularse a actividade anterior con outra do mesmo sector, suxerindo a seguinte redacción:

b) As persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivense de alta na Seguridade Social como traballadoras autónomas ou traballadores autónomos en actividade vinculada ao mesmo sector.
Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións finais.


ANEXO I



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O proxecto normativo establece, nos seus artigos 5º.1 a) e 6º, unha subvención á creación directa de emprego estable.

As organizacións sindicais manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 5º.1 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio á función xerencial, subvención financeira e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).





CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral anterior, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas tal e como estaban na orde do exercicio de 2006.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 4º. Definicións.
O apartado 3 deste artigo establece que para os efectos das axudas a IEBTS terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Eliminouse como colectivo beneficiario as persoas traballadoras autónomas que, figurando inscritas como demandantes de emprego no SPE no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, reducíndose deste xeito o colectivo beneficiario en relación con convocatorias anteriores.

A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta as especiais características das IEBTS, propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta, e, subsidiariamente, propón manter a redacción que se establecía en convocatorias anteriores ampliada aos traballadores por conta allea.

En segundo lugar, o apartado 4 deste artigo establece que, para os efectos de determinar a contía máxima da subvención financeira e da axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade, teranse en conta as transformacións en indefinidos de contratos temporais sempre que a transformación se realice no mesmo ano natural que o contrato temporal do que trae causa.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que debería arbitrarse unha cláusula de transitoriedade e exceptuar da obriga de realizar a transformación no mesmo ano natural a aqueles contratos temporais celebrados a partir de setembro de 2009 e transformados no ano 2010.

Segunda. - Artigo 6º. Subvención á creación directa de emprego estable.
No programa de subvención á creación directa de emprego estable, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que a redacción debera admitir a posibilidade da transformación de contratos temporais en indefinidos, implicando isto a necesidade de suprimir o disposto no apartado 6 deste artigo 4º.

Terceira. - Artigo 19º. Exclusións.
O apartado a) deste artigo exclúe dos beneficios do programa establecido na orde aos empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas, en que participasen persoas ou entidades que pola súa vez sexan promotoras da empresa solicitante.

A CEG considera necesaria unha concreción da “participación”, entendendo que debera referirse o precepto a empresas e entidades que desempeñasen o control nas empresas ou grupos de empresas nos que traballase a persoa desempregada.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 6º. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 4 deste artigo establece que os beneficios establecidos ás contratacións indefinidas de traballadoras e/ou traballadores por conta allea nesta orde serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Segunda.- Artigo 7º. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, cun máximo de 12 mensualidades.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 5 deste artigo, debendo indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social da persoa contratada.