ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA A TEMPO PARCIAL DE PERSOAS DESEMPREGADAS COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES


O día 15 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea a tempo parcial de persoas desempregadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto mellorar a situación do emprego en Galicia incentivándose os contratos indefinidos a tempo parcial facendo máis atractiva en Galicia esta modalidade contractual e favorecendo a creación dun tipo de emprego estable que noutros países europeos ten unhas taxas moi altas de utilización e constitúen instrumentos moi axeitados tanto para facilitar a necesaria conciliación da vida persoal e laboral como para promover unha adecuada organización do traballo que contribúa á creación de máis postos de traballo.

As bases que rexen o programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se presenta a ditame e do mesmo cabe salientar:

Defínense os conceptos de persoa desempregada, microempresa, transformación de contratos temporais en indefinidos, taxa de estabilidade, custo salarial e concello rural para os efectos deste programa (artigo 2º), así como os requisitos que deben reunir as persoas empregadoras e as empresas para ser beneficiarias das axudas, segundo establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (artigo 3º).

Dentro dos requisitos esixidos para á súa concesión, obsérvase a obriga de que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa deberá ser igual ou superior ao 73% e a xornada subvencionada igual ou inferior ao 70% da xornada de traballo dun traballador a tempo completo comparable (artigo 5º).

Os incentivos aos contratos indefinidos a tempo parcial serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal. Estas contías incrementaranse nun 25% cando as contratacións sexan realizadas por microempresas e, se ademais, estas se formalizan para prestar servizos en centros de traballo radicados nun concello rural, os incentivos incrementaranse noutro 25%, non pudendo superar o 60% do custo salarial total de dúas anualidades do contrato que se subvenciona (artigo 6º).

As axudas desta orde deberán solicitarse nos dous meses seguintes á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, rematando o prazo o 30 de xuño de 2010, aínda que nesa data non transcorresen dous meses desde a celebración do contrato polo que se solicita subvención. Pola contra, o 30 de abril de 2010 remata o prazo para a presentación das solicitudes polas contratacións subvencionables que se realicen entre o 16 de setembro de 2009 e a data da publicación da presente orde (artigo 9º). A competencia para resolver as solicitudes é dos xefes e das xefas territoriais dos departamentos territoriais cando a contratación se realice para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia e da persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego cando as contratacións se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados en varias provincias ou se contrate a 20 ou máis persoas traballadoras (artigo 8º).

O prazo para resolver e notificar a concesión ou denegación das axudas é de seis meses (artigo 13º), indicándose na resolución o prazo, termos e modo de xustificación e pagamento (artigo 14º), ofrecéndose a posibilidade da devolución voluntaria da subvención (artigo 19º).

Establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta orde, incremento que estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (D.Adicional Quinta).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea a tempo parcial de persoas desempregadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.







O día 11 de marzo de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración preliminar unánime e, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración xeral manifestada por UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (Anexo I); unha consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo II); unha consideración xeral manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo III); dez consideracións específicas manifestadas pola CEG e pola CIG (Anexo IV), dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (Anexo V) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo VI).


DITAME 11/10


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea a tempo parcial de persoas desempregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de febreiro de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).
















ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:


Única.-

Consideramos que o disposto nesta Orde non debe ser obxecto de ditame por parte das organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia, máis, se atendemos ao argumento disposto en certos parágrafos da exposición de motivos, que choca coa verdadeira situación das contratacións a tempo parcial no noso país.

Na actualidade, este tipo de relación contractual, na maioría dos casos, non se ten por vontade propia, senón porque non se atopou un traballo a tempo completo. Arredor do 80% das contratacións a tempo parcial corresponde a mulleres, e por idades, céntranse nos primeiros anos de vida laboral e nos últimos anos. E, tamén se caracteriza  por unha concentración no sector servizos e en ocupacións de baixa cualificación.

Por isto, dende as nosas Organizacións, entendemos que calquera impulso que se pretenda dar á contratación a tempo parcial, só pode producirse sobre a base de aumentar a protección, a seguridade e intereses das traballadoras e dos traballadores, posto que a actual regulación xa provoca unha excesiva flexibilidade en beneficio das empresas; aspectos que non son obxecto desta Orde.

Entendemos pois, que antes de calquera promoción de traballo a tempo parcial é necesario mellorar a súa regulación, de tal maneira que se favoreza unha maior protección dos dereitos e intereses das traballadoras e dos traballadores.

Doutra banda, manifestamos a nosa desconformidade co disposto nesta Orde en canto ás contratacións obxecto de incentivo, por entender que, a pesares de que se pretende fomentar a contratación indefinida inicial e a resultante de transformacións, non imos apoiar o establecemento de axudas ou bonificacións para este tipo de contratacións, se teñen “carácter xeralista”, tal e como ocorre na presente norma, dirixida á totalidade das persoas desempregadas.

Manifestamos ao respecto, que as nosas organizacións tan só apoiarán os incentivos á contratación indefinida, para o caso de colectivos que presenten dificultades estruturais para acceder ao emprego, e nunca mediante contratacións a tempo parcial, indicando a tal efecto:

• Persoas paradas de longa duración
• Persoas paradas de máis de 50 anos
• Persoas con discapacidade
• Mocidade sen cualificación
• E, vítimas de violencia de xénero


En coherencia co manifestado polas nosas organizacións en ditames anteriores emitidos, e polo disposto no presente documento,  UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA, non procederán ao ditame da presente Orde.

ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

En relación cos obxectivos que di perseguir este proxecto normativo, a Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.









ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


En primeiro lugar valórase positivamente o feito de introducir como elemento de discriminación positiva a favor das microempresas galegas un incremento das axudas previstas, para o caso de que a empresa solicitante cumpra tal condición.

A situación excepcional pola que están a atravesar as nosa empresas aboca á necesidade dunha revisión dos Acordos asinados o 5 de febreiro de 2007, revisión e, no seu caso reformulación, que se está debatendo nestes intres no novo proceso de diálogo social.

Sen prexuízo dos resultados deste, cabe salientar que a situación excepcional que están a vivir empresas e traballadores require do establecemento tamén de medidas excepcionais con obxectivo sempre de manter e impulsar a creación de emprego.

Na situación actual, caracterizada pola forte crise económica, cabe propoñer que se permita que todas as empresas poidan acceder ás axudas á contratación eliminando o requisito da esixencia dunha taxa de estabilidade, para retornar a ela (en taxas medias de sector) cando a evolución da economía o permita.


Hai que ter en conta que a taxa de estabilidade non se establece nas liñas de incentivos de moitas comunidades autónomas, e nin sequera é tida en conta nas bonificacións establecidas nos últimos plans de emprego a nivel estatal.

Entendemos que iso potenciaría o fin último que se pretende coa medida, que non é outro que o impulso da estabilidade nas empresas da nosa Comunidade Autónoma.
























ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG) E POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Primeira.- Artigo 3º. Beneficiarios.
No apartado 3 deste artigo faise referencia á letra j.

As organizacións CEG e CIG consideran que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debe substituírse pola seguinte que corresponda.

Segunda.- Artigo 7º. Exclusións.
No apartado 3) deste artigo establécese que exclúense dos incentivos ás contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.

As organizacións CEG e CIG consideran que debe constar qué se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Terceira.- Artigo 9º. Solicitudes e prazo.
No apartado 3 deste artigo establécese que o prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará o 30 de xuño de 2010.

As organizacións CEG e CIG consideran que no deben figurar na orde datas límite pechadas, debendo establecerse un prazo adecuado, contado a partir da data da publicación oficial da orde.

Cuarta.- Artigo 11º. Documentación.
Neste artigo establécese que a documentación que debe acompañar á solicitude deberá ser orixinal ou copia compulsada.

As organizacións CEG e CIG consideran que ademáis da compulsada debe admitirse a  copia cotexada.

Quinta.- Artigo 13º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese un prazo de seis meses para resolver e notificar.

As organizacións CEG e CIG consideran excesivo este prazo, polo que propoñen que se reduza a tres meses.

Sexta.- Artigo 14º. Xustificación e pagamento.
No apartado 3 deste artigo, onde pon “ resolución declarativa de procedencia de reintegro” debe dicir “resolución firme declarativa de procedencia de reintegro”.

Sétima.- Artigo 15º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo figura a referencia ás axudas outorgadas por outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

As organizacións CEG e CIG consideran que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Oitava.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.
As organizacións CEG e CIG consideran que o título deste artigo, ao igual que o do artigo 3º, debe modificarse para respectar as diferenzas de xénero.

Novena.- Artigo 21º. Réxime de axudas.
O segundo parágrafo deste artigo relaciona unha serie de sectores, establecendo que por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas deses sectores, incluíndo como sector na letra e) o de “empresas en crise”.

As organizacións CEG e CIG consideran que debe modificarse esta redacción, posto que as empresas en crise non constitúen un sector produtivo.

Décima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

As organizacións CEG e CIG consideran que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.











ANEXO V


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 5º. Requisitos.
O apartado 2, terceiro parágrafo deste artigo, establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

A Confederación Intersindical Galega propón que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Segunda. Artigo 6º. Axudas.

O apartado 3 deste artigo establece que os incentivos establecidos neste artigo non poderán superar o 60% do custo salarial total de dúas anualidades do contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Igual consideración faise respecto do disposto no artigo 16º.3.


ANEXO VI


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CEG:

Primeira.- Artigo 4º. Contratacións subvencionables.
O apartado b) deste artigo establece como contratacións subvencionables as transformacións en indefinidos dos contratos celebrados con anterioridade á entrada en vigor desta orde.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe suprimirse a esixencia de que os contratos, para seren subvencionables, teñan que celebrarse con anterioridade á entrada en vigor da orde.

Segunda. Artigo 7º. Exclusións.
No apartado segundo non se entende o motivo de excluír da subvención os contratos realizados con determinados parentes (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes ata o segundo grao) dos órganos que teñan cargo de dirección ou sexan membros dos órganos de administración, máxime se se ten en conta que determinados cargos deses órganos ben poderían ser non propietarios ou accionistas. Abondaría con facer referencia a que os contratos concertados deberán ser laborais e reunir tales requisitos.