ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN TEMPORAL DE PERSOAS DESEMPREGADAS COMO MEDIDA DE MELLORA DA SÚA EMPREGABILIDADE, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES


O día 15 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación temporal de persoas desempregadas como medida de mellora da súa empregabilidade, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Os incentivos á contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o acceso e permanencia daqueles grupos de traballadores con maiores dificultades e, pola súa vez, como una ferramenta para fomentar a estabilidade das novas contratacións e dos cadros de persoal das empresas galegas, coa finalidade de favorecer a creación de máis e mellores empregos e de avanzar no obxectivo de conseguir un mercado de traballo equilibrado cun nivel óptimo de emprego. Para fomentar esta contratación, existen modalidades temporais que son instrumento idóneos para favorecer a inserción laboral, mellorando a empregabilidade de colectivos con especiais desvantaxes e dificultades de inserción laboral.

Establécese como taxa de estabilidade para acceder as axudas o 73% que se corresponde coa do terceiro trimestre do ano 2009 e, ao mesmo tempo, establécese un incremento dun 25% das contías das axudas cando a empresa beneficiaria sexa unha microempresa do rural galego co obxecto de axudar máis intensamente a aquelas empresas que máis sofren a crise.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se presenta a ditame e do mesmo cabe salientar:

Defínense os conceptos de persoa desempregada, persoa traballadora desfavorecida, microempresa, concello rural, taxa de estabilidade e custo salarial para os efectos deste programa (artigo 2º), así como os requisitos que deben reunir as persoas empregadoras e as empresas para ser beneficiarias das axudas, segundo establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (artigo 3º).

As contratacións subvencionables a través desta orde son os contratos en prácticas, os de revezamento e de substitución por anticipación da idade de xubilación, os de interinidade e todas as modalidades contractuais de carácter temporal cunha duración mínima de 6 meses (artigo 4º).

As contías das subvencións serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou da xornada ordinaria máxima legal e, ademais, incrementaranse nun 25% cando as contratacións sexan realizadas por microempresas e, se ademais, estas contratacións se formalizan para prestar servizos en centros de traballo radicados nun concello rural, os incentivos incrementaranse noutro 25% (artigo 6º).

As axudas desta orde deberán solicitarse nos dous meses seguintes á data en que se inicie a relación laboral, rematando o prazo o 30 de xuño de 2010, aínda que nesa data non transcorresen dous meses desde a celebración do contrato polo que se solicita subvención. Pola contra, o 30 de abril de 2010 remata o prazo para a presentación das solicitudes polas contratacións subvencionables que se realicen entre o 16 de setembro de 2009 e a data da publicación da presente orde (artigo 9º). A competencia para resolver as solicitudes é dos xefes e das xefas territoriais dos departamentos territoriais cando a contratación se realice para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia e da persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego cando as contratacións se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados en varias provincias ou se contrate a 20 ou máis persoas traballadoras (artigo 8º).

O procedemento de concesión non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario (artigo 12º).O prazo para resolver e notificar a concesión ou denegación das axudas é de seis meses (artigo 13º), indicándose na resolución o prazo, termos e modo de xustificación e pagamento (artigo 14º), ofrecéndose a posibilidade da devolución voluntaria da subvención (artigo 19º).

Establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta orde, incremento que estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (D.Adicional Quinta).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación temporal de persoas desempregadas como medida de mellora da súa empregabilidade, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, cinco disposicións adicionais, unha transitoria e dúas disposicións derradeiras.




O día 11 de marzo de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén que contén unha consideración preliminar unánime, unha consideración xeral e once específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, como anexos, as consideracións xerais e específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II), polas organizacións  UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (anexo III); pola CIG (anexo IV) e por UGT-Galicia (anexo V).












DITAME 12/10

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación temporal de persoas desempregadas como medida de mellora da súa empregabilidade, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de febreiro de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Única.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames considera que para respectar a diferencia de xénero se debería facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como por exemplo o uso reiterado do masculino xenérico presente en todo o texto.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.  Exposición de motivos.
No último parágrafo figura que foi informado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité manifesta que, a teor do disposto no apartado 1 do artigo 1º da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral.

Así mesmo, entre as funcións do Consello que establece o apartado 2 do artigo 3º da referida Lei, figura na letra b) a de “emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”.

Polo exposto, este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar, en lugar de “informado”, que foi consultado este organismo.

Segunda.- Artigo 3º. Beneficiarios.
Este Comité considera que o título deste artigo, ao igual que o do artigo 17º, debe modificarse para respectar as diferenzas de xénero, propoñendo se substitúa polo de “Obrigas das entidades beneficiarias”.

Por outra banda, no apartado 3 deste artigo 3º faise referencia á letra j. Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debe substituírse pola seguinte que corresponda.

Terceira.- Artigo 7º. Exclusións.
No apartado c) deste artigo establécese que exclúense dos incentivos ás contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.

Este Comité considera que debe constar qué se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Cuarta.- Artigo 9º. Solicitudes e prazo.
No primeiro parágrafo do apartado 2 deste artigo establécese que se terá en conta, para o cómputo do prazo, o día da transformación.
Este Comité considera que a transformación dos contratos non pode ser obxecto dos incentivos desta orde.

Quinta.- Artigo 9º. Solicitudes e prazo.
No apartado 3 deste artigo establécese que o prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará o 30 de xuño de 2010 e no apartado 4 fíxase o prazo ata o 30 de abril de 2010 para as contratacións realizadas entre o 16 de setembro de 2009 e a data de publicación desta orde.

Este Comité considera que no deben figurar na orde datas límite pechadas, debendo establecerse un prazo adecuado, contado a partir da data da publicación oficial da orde.

Sexta.- Artigo 11º. Documentación.
No primeiro parágrafo sinálase que a documentación se aportará en orixinal ou copia compulsada. Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.

Sétima.- Artigo 13º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese un prazo para resolver e notificar de seis meses. Este Comité considera este prazo excesivo, propoñendo que sexa de tres meses.

Oitava.- Artigo 14º: Xustificación e pagamento
No seu apartado 3, onde pon “ resolución declarativa de procedencia de reintegro” debe dicir “resolución firme declarativa de procedencia de reintegro”.

Novena.- Artigo 15º: Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo aparece unha referencia á outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Este Comité propón substituír os termos “nacionais” por “estatais” coa finalidade de evitar confusións interpretativas.
Décima.- Artigo 21º. Réxime de axudas.
O segundo parágrafo deste artigo relaciona unha serie de sectores, establecendo que por tratarse de axudas sometidas ao réxime de minimis, non poderá concederse a empresas deses sectores, incluíndo como sector na letra e) o de “empresas en crise”.

Este Comité considera que debe modificarse esta redacción, posto que as empresas en crise non constitúen un sector produtivo.

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións finais.






ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

En primeiro lugar valórase positivamente o feito de introducir como elemento de discriminación positiva a favor das microempresas galegas un incremento das axudas previstas, para o caso de que a empresa solicitante cumpra tal condición.

A situación excepcional pola que están a atravesar as nosa empresas aboca á necesidade dunha revisión dos Acordos asinados o 5 de febreiro de 2007, revisión e, no seu caso reformulación, que se está debatendo nestes intres no novo proceso de diálogo social.

Sen prexuízo dos resultados deste, cabe salientar que a situación excepcional que están a vivir empresas e traballadores require do establecemento tamén de medidas excepcionais con obxectivo sempre de manter e impulsar a creación de emprego.

Na situación actual, caracterizada pola forte crise económica, cabe propoñer que se permita que todas as empresas poidan acceder ás axudas á contratación eliminando o requisito da esixencia dunha taxa de estabilidade, para retornar a ela (en taxas medias de sector) cando a evolución da economía o permita.



Hai que ter en conta que a taxa de estabilidade non se establece nas liñas de incentivos de moitas comunidades autónomas, e nin sequera é tida en conta nas bonificacións establecidas nos últimos plans de emprego a nivel estatal.

Entendemos que iso potenciaría o fin último que se pretende coa medida, que non é outro que o impulso da estabilidade nas empresas da nosa Comunidade Autónoma.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CEG:

Primeira.- Artigo 2º.- Definicións.
No apartado 2 deste artigo establécese o concepto de “persoa traballadora desfavorecida”, esixíndose a pertenza a algún dos colectivos relacionados.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se debería incluir neste apartado o colectivo de parados de longa duración, por entender que se trata dun colectivo con moitas dificultades para acceder ao mercado laboral.

Segunda.- Artigo 7º. Exclusións.
No apartado segundo non se entende o motivo de excluír da subvención os contratos realizados con determinados parentes (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes ata o segundo grao) dos órganos que teñan cargo de dirección ou sexan membros dos órganos de administración, máxime se se ten en conta que determinados cargos deses órganos ben poderían ser non propietarios ou accionistas. Abondaría con facer referencia a que os contratos concertados deberán ser laborais e reunir tales requisitos.


ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

As tres organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais entenden que a subvención á contratación temporal é unha medida que non favorece, como é obvio, á estabilidade no emprego, polo que non se pode relacionar cos obxectivos que se mencionan nos parágrafos 3º e 4º da exposición de motivos e, por outra parte, resulta que a “empregabilidade” dunha persoa desempregada non mellora en ningún caso polo feito de que se subvencione ou non pola Administración un contrato temporal, polo que o propio título da orde resulta contraditorio en sí mesmo.

Non podemos entender como positivo que aquelas modalidades de contratación máis precarias e desprotexidas (temporal, en prácticas, ...) e ás cales as empresas recurren precisamente polo baixo nivel de cargas que supoñen, sexan obxecto de subvencións públicas.








CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º.- Definicións.
No apartado 2 deste artigo establécese o concepto de “persoa traballadora desfavorecida”.

As organizacións sindicais avogan porque se elimine desta consideración o apartado a), relativo ás  persoas desempregadas cunha idade menor ou igual aos trinta anos.

Non compartimos o fomento da súa contratación a través da contratación temporal, xa que dende a nosa perspectiva, só vai servir para agravar a actual situación de precariedade laboral deste colectivo.

Segunda.- Artigo 4º. Contratacións Subvencionables.
As contratacións subvencionables establecidas neste artigo, con carácter temporal,  só se entenden para os colectivos dispostos nas letras b) e c) do apartado 2 do artigo 2º, en relación co argumento disposto para o artigo 3º.
Con respecto ao apartado 1 deste artigo, dos contratos en prácticas, sostemos que non se debería fomentar este tipo de contratación mediante incentivos, xa que, ata o de agora, esta medida estase a desenvolver a través dos propios programas de becas, formación, prácticas... que supoñen, na maioría dos casos, unha mingua dos dereitos das persoas ocupadas baixo este tipo de relacións contractuais con respecto aos seus compañeiros e compañeiras, a pesar de levar a cabo os mesmos traballos.
Ademais, considérase que o fomento deste tipo de contratacións temporais supón unha perda de capital humano formado, xa que unha vez que as persoas se adaptan ao posto, non pasan a formar parte do cadro de persoal.

Terceira.- Artigo 6º. Axudas.
O previsto no apartado 5 deste artigo contradí os obxectivos perseguidos pola norma, e non se corresponde co elenco de contratacións subvencionables que se prevén no artigo 4º.

Cuarta.- Artigo 7º. Exclusións.

O apartado d) deste artigo exclúe dos beneficios regulados nesta orde ás persoas que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita subvención.
Proponse que o prazo se amplíe aos 6 meses previos.















ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia consideran necesaria unha revisión do sistema de bonificacións, superando a situación actual de cuasi “universalidade” que implica que as bonificacións perden a súa función para actuar sobre colectivos con especiais dificultades e xeran, ademais, un sistema excesivamente complexo (efecto “ganga”).

As bonificacións, para ser eficaces, teñen que ser selectivas aínda que non marxinais. O carácter selectivo non significa que deban orientarse exclusivamente a colectivos marxinais senón que se trata de bonificar situacións que sen ser xerais afecten a colectivos importantes de traballadores e traballadoras, co obxectivo de poder alterar a súa pauta de acceso ao mercado laboral e cambiar, así, o seu status laboral.

Habería que atender aos seguintes colectivos con dificultades estruturais para acceder ao emprego:

• Paradas e parados de longa duración-
• Paradas e parados de máis de 50 anos.
• Paradas e parados con discapacidade.
• Mozas e mozos sen cualificación.
• Vítimas de violencia de xénero.



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:


Artigo 5º. Requisitos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa, á que se refire o apartado 1 deste artigo, deberá ser superior ao 75% que figuraba na orde do ano pasado, en lugar do 73%, que figura este ano. De non ser así, o incremento da estabilidade laboral que declara pretender esta orde non estaría garantido.

E isto, sen menoscabo que con carácter previo á publicación desta Orde, no ámbito do traballo iniciado na mesa 1 do  Diálogo Social, se chegue a acordos concretos neste ámbito.













ANEXO IV


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

En relación cos obxectivos que di perseguir este proxecto normativo, a Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.







CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Artigo 16º. Incompatibilidades e concurrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.


















ANEXO V


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE UGT-GALICIA:


Artigo 6º. Axudas.

No sétimo parágrafo da exposición de motivos, así como no apartado 6 do artigo 6º, establécese un incremento do 25% da contía das axudas cando a empresa beneficiaria sexa unha microempresa do rural galego.

UGT-Galicia propón que, ademais deste caso, se estableza unha diferenza na orde en tres tramos en función do número de traballadores e traballadoras, primando ás empresas de menor cadro de persoal. Os tramos serían:

• Empresas de ata 10 persoas traballadoras
• Empresas de 11 a 50 persoas traballadoras
• Empresas de 51 persoas traballadoras en adiante.