ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DAS SUBVENCIÓNS A PEMES, PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS PARA A IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS DE RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE CONVOCAN PARA O EXERCICIO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Pemes, para a realización de proxectos para a implantación de medidas de responsabilidade social empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A responsabilidade social das empresas (RSE) é un concepto segundo o cal as empresas deciden voluntariamente contribuír á consecución dunha sociedade mellor e un ambiente máis limpo, a través da integración voluntaria no seu goberno e xestión, nas súas estratexias políticas e procedementos, das preocupacións sociais, laborais, ambientais e de respecto aos dereitos humanos que xorden da relación e o diálogo transparentes cos seus grupos de interese, responsabilizándose así das consecuencias e impactos que derivan das súas accións.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 6 de agosto de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 25 de marzo de 2009 (Ditame 11/09), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a realización dun proxecto para a implantación de medidas de responsabilidade social nas pequenas e medianas empresas (Pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2010 (artigo 1º).

Establécese que poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros, conten cun número igual ou superior a 5 e inferior a 250 persoas traballadoras e se atopen ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, non tendo consideración de beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro (artigo 3º).

A actividade subvencionable consistirá na realización dun proxecto para a implantación de medidas de responsabilidade social empresarial, que debe comprender a realización de unha análise ou diagnóstico sobre a situación actual da empresa en materia de responsabilidade social, a elaboración dun plan no que se contemple a implantación na empresa de novas medidas de responsabilidade social, un compromiso de implantación e a comunicación e difusión das medidas que a empresa se compromete a implantar (artigo 4º).

A contía das axudas previstas consistirá no 100% dos gastos debidamente xustificados para a realización do proxecto, co límite de 10.000 euros por beneficiaria (artigo 5º).

Polo que se refire aos criterios de avaliación introdúcese o de adecuación do orzamento en función do proxecto presentado, cunha puntuación máxima de 10 puntos (artigo 10º).

O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, antes do 15 de outubro de 2010, agás que a resolución de concesión da subvención dispoña outra data posterior, da documentación que corresponda (artigo 12º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Pemes, para a realización de proxectos para a implantación de medidas de responsabilidade social empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 18 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración preliminar unánime e dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais (anexo I); unha consideración xeral manifestada por UGT-Galicia e a CEG (anexo II); dúas consideracións xerais e tres específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo III); unha consideración xeral manifestada pola CIG  (anexo IV) e catro consideracións específicas manifestadas por UGT-Galicia (anexo V).

DITAME 13/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Pemes, para a realización de proxectos para a implantación de medidas de responsabilidade social empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2010, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización de expresións como: “persoa titular de...”, “persoa traballadora”, etc.

Segunda.
Sinálase nalgúns artigos do texto da orde (por exemplo, o 7º.3) que a documentación se aportará en orixinal ou copia compulsada. Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3º. Beneficiarias.
O requisito que se sinala no primeiro parágrafo “empresas con domicilio social ou centro de traballo na C. A. de Galicia” podería abeirar a unha empresa con domicilio social en Galicia, pero co centro de traballo ubicado noutra comunidade autónoma.

Este Comité propón que se esixan os dous requisitos, para o que se debería substituir a conxunción disxuntiva “ou” pola conxunción copulativa “e”.

Segunda.- Artigo 7º. Solicitudes, prazo e documentación.
No apartado 3.k) deste artigo establécese que as solicitudes presentaranse acompañadas dunha declaración da lingua que se vai empregar na realización do proxecto para o que se solicita a subvención.

Este Comité entende que debería resolverse a contradición existente entre este apartado e o que se sinala no artigo 10º, no criterio de avaliación 8º: “Valorarase cun máximo de 10 puntos o emprego da lingua galega na realización do proxecto para o que se solicita a axuda”.

Terceira. - Artigo 7º. Solicitudes, prazo e documentación.
Neste artigo utilízanse as letras j) e k), que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité considera que deberían substituirse polas seguintes que corresponden.

Cuarta.- Artigo 15º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo, ao igual que no artigo 7º.3.f), menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.




ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

As organizacións sindicais representadas no Consello consideran que, entre os requisitos e documentación que se esixe no artigo 7º para formalizar as peticións das subvencións, deberíase engadir o da presentación do informe da representación legal  dos traballadores e das traballadoras na empresa.

Por outra parte, consideramos necesario que se notifique á representación sindical a concesión da axuda solicitada pola empresa, co obxecto de garantir a información á parte social e o seguemento da execución.










ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA E A CEG:

As organizacións UGT-Galicia e a CEG consideran que a remisión deste proxecto normativo para ditame debería producirse con posterioridade aos acordos aos que se chegue no actual marco de diálogo social na materia.
















ANEXO III

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Consideración xeral.

A responsabilidade social empresarial é voluntaria e vai máis alá do cumprimento da normativa vixente.

Por este motivo, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que, no momento económico actual, os fondos destinados a estas subvencións deberían dirixirse a outro tipo de medidas, como as destinadas ao mantemento do emprego.


Consideracións específicas.

Primeira. Artigo 4º. Actuacións e gastos subvencionables.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que no segundo parágrafo deste artigo se estableza a posibilidade de subcontratación por encima do 50%, segundo permite a Lei de subvencións de Galicia.




Segunda. Artigo 10º. Criterios de avaliación.

O criterio quinto está referido á “taxa de estabilidade do cadro de persoal nos doce meses anteriores á solicitude...., sempre que esta sexa superior ao 50%”. A CEG considera que debería suprimirse esta última frase dado que non ten en conta a taxa de estabilidade sectorial.

Terceira. Artigo 12º. Forma de pagamento e xustificación.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que se estableza no proxecto normativo a posibilidade de anticipos de ata un 65% da subvención e de pagamentos parciais de ata un 80%.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

A CIG considera que a política de fomento da adopción de medidas de Responsabilidade Social Empresarial, que se persigue con esta Orde, ao centrarse en subvencións ás empresas, sen suficientes garantías e compromisos de previa negociación coa representación legal do persoal e de execución e seguemento do acordado, podería derivar en que o obxectivo das posibles beneficiarias sexa a simple obtención dunha axuda pública, pervertíndose deste xeito a finalidade da norma.

Por outro lado, temos que manifestar a nosa disconformidade coas subvencións indirectas a consultoras privadas que posibilita esta liña de axudas, polo que solicitamos que se abra unha nova vía de colaboración coa administración para a elaboración de estudos e diagnoses, así como para a proposta do plan, sen necesidade de recorrer a financiar nun 100% os custos da realización da actividade por parte dunha terceira empresa privada.









ANEXO V

CONSIDERACIÓNS  ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR UGT-GALICIA:

Primeira. Artigo 1º.- Obxecto.
Xunto coa realización do proxecto, entendemos que sería oportuno introducir, como obxecto desta orde, a implantación de medidas concretas emanadas de proxectos desenvolvidos ao abeiro das liñas de subvención do pasado exercicio.

Ademais, non entendemos que se suprima do obxecto desta Orde a “incorporación de plans e medidas de responsabilidade social da empresa que promovan a estabilidade no emprego e a reinserción laboral” na nosa comunidade, que poderían ser desenvolvidos nos actuais proxectos.

Segunda. Artigo 4º.- Actuacións e gastos subvencionables.
Ao noso entender, a elaboración deste proxecto é unha mera copia do esquema de elaboración dos Plans de Igualdade nas empresas, pero sen contar coa obriga legal para a súa implantación, polo que a súa elaboración non garante a súa posterior posta en marcha.

Avogamos pois,  porque neste artigo se inclúan, dentro das liñas do proxecto, as subvencións ligadas a actividades para incorporar plans e medidas de RSE que promovan o emprego estable e a reinserción laboral, ante as situacións que así o demanden, así como medidas concretas emanadas de proxectos que xa foran elaborados ao abeiro da anterior norma, co fin de fomentar a súa continuidade.

Terceira. Artigo 10º.-  Criterios de Avaliación.
No 5º apartado deste artigo considérase que a taxa de estabilidade do cadro do persoal debería ser superior ao 75%.

Cuarta. Artigo 10º.-  Criterios de Avaliación.
Neste mesmo artigo, considérase que se debería engadir un novo apartado polo que se estableza unha puntuación de, a lo menos, o 30% do total para o fomento de medidas concretas en materia de RSE de nova implantación.