ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBAN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS DENTRO DO PROGRAMA DE APOIO ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES AFECTADOS POR EXPEDIENTES DE SUSPENSIÓN DE CONTRATOS DO SECTOR TÉXTIL E DA CONFECCIÓN, E SE EFECTÚA A SÚA CONVOCATORIA PARA O EXERCICIO DE 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio 2010, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O presente proxecto de orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, para a concesión, de axudas ás persoas traballadoras do sector téxtil e da confección, afectados por expedientes de suspensión de contratos, coa finalidade de que poidan formarse durante os devanditos períodos de suspensión, de xeito que vexan mellorada a súa adaptabilidade aos cambios do contorno empresarial, tecnolóxico e produtivo, favorecendo así a creación de emprego estable e a súa empregabilidade.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 28 de outubro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 24 de xuño de 2009 (Ditame 16/09), obsérvase que non se tiveron en conta a maioría das consideracións unánimes manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:

Establécese a incompatibilidade da percepción das axudas establecidas no Programa 2 (Reposición das prestacións de desemprego consumidas) coas establecidas na Lei 27/2009, do 30 de decembro, de medidas urxentes para o mantemento e fomento do emprego e a protección das persoas desempregadas ou calquera outra análoga (artigo 2º).

Con respecto aos requisitos que deben reunir os ERE para poder optar a estas axudas, indícase que deberase presentar o informe da Comisión Bipartita Galega de Seguimento e Control do sector téxtil-confección pronunciándose, entre outras cuestións, sobre a idoneidade do plan de formación, o promedio de traballadores/as fixos, a situación da empresa e,  a conveniencia de outorgar axudas que se contemplan nesta orde aos afectados polo correspondente ERE de suspensión. Este informe será transcrito na resolución que autorice o expediente (artigo 4º).

No borrador sometido a ditame do Comité, no se achega o importe das axudas destinadas aos programas de apoio desta orde (artigo 6º).

No importe das axudas do Programa 3 (Financiamento total ou parcial dos custos dos plans de formación) diferénciase se é para formación non específica do sector (8€ por hora efectiva de formación por cada traballador/a) ou se é para formación específica (10€). No caso de que non inicien a acción formativa o total dos alumnos/as, ou que as persoas beneficiarias non rematasen o curso e non obtiveran diploma de asistencia, á entidade formativa pagáraselle por hora de formación efectivamente realizada e debidamente xustificada (artigo 13º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio de 2010” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 18 de marzo de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración preliminar e seis específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola organización sindical UGT-Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).





DITAME 14/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio de 2010, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 5º.- Requisitos do plan de formación.
Este Comité considera positiva a redución do 90% ao 80% establecida no apartado l) deste artigo, aínda que a porcentaxe debería ser do 75%, como se aplica en xeral nas accións de formación profesional.

Segunda.- Artigo 5º.- Requisitos do plan de formación.
Neste artigo aparecen as letras j. e k. Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden (l. e m.).

Terceira.- Artigo 6º. Financiamento.
Este Comité non pode avaliar a cantidade máxima destinada a estas axudas para os respectivos programas dado que non figuran no proxecto remitido a ditame.
Cuarta.- Artigo 10º.- Importe das axudas.
Dentro do Programa 1, o punto 2 establece en catro apartados os cálculos que hai que facer para establecer a contía das axudas.

Este Comité suxire outra redacción para este punto 2, que estableza que a contía das axudas que perciben as persoas, durante o período de suspensión dos seus contratos de traballo, sexa polo importe correspondente ata alcanzar o máximo do 100% dos seus salarios netos, calculados como o promedio efectivo dos últimos tres meses anteriores á suspensión do contrato de traballo, mentres dure a situación de suspensión deste.

Quinta.- Artigo 10º.- Importe das axudas.
En relación co límite que se establece dos 400 euros mensuais como importe máximo, este Comité considera que este podería ser susceptible de ser modificado á alza, de acordo coa dispoñibilidade do presuposto e coas características das solicitudes presentadas.

Sexta.- Artigo 13º.- Resolución e recursos.
O punto 3 establece que o prazo para resolver e notificar será dun mes, non comezando a computar este prazo, en todo caso, ata o día seguinte do remate do prazo de previsto para a presentación de solicitudes.

Tendo en conta que o obxecto desta orde é a concesión de axudas, non suxeitas á concorrencia competitiva, para que as traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección poidan formarse durante os devanditos períodos de suspensión, este Comité propón que o prazo para resolver e notificar establecido no punto 3 comece a computarse dende o día seguinte á presentación da solicitude.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º.- Requisitos das empresas do sector.

Establécense neste artigo os requisitos que deben cumprir as empresas do sector téxtil e da confección, suxeríndose que se engada un novo parágrafo no apartado c), que esixe un promedio de traballadores e traballadoras fixos, co seguinte texto: “Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, no cómputo do cadro de persoal fixo, non se terán en conta as baixas que se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente, total, absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas”.

Segunda.- Artigo 10º.- Importe das axudas.

No Programa 3, establécese un módulo económico de 8 euros/hora por traballador/a en relación ao custo por participante e hora de formación. Esta contía é inferior a fixada tanto na normativa actual estatal, que fixa 9 euros en formación en materias transversais ou xenérica e 13 euros nos módulos de nivel superior naquelas materias que conleven especialización ou que capaciten para desenvolver competencias de programación ou dirección. Consideramos que limitar o importe das axudas conleva impoñer trabas á contratación de accións formativas e o importe fixado non garante a contratación de monitores e menos en cursos especializados.

Igualmente, UGT-Galicia e a CEG consideramos que neste Programa 3  “Financiamento total ou parcial dos custos dos plans de formación”, debe figurar un parágrafo que faculte á Dirección Xeral de Formación e Colocación para autorizar un incremento do módulo económico, tal e como establece o punto 2 do artigo 18º da Orde reguladora das subvencións  para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados e que di literalmente:  

“Excepcionalmente o director xeral de Formación e colocación, poderá autorizar un incremento de ata un 50% do módulo económico superior da modalidade presencial de formación nas especialidades que se recollen no anexo III, así como naquelas accións formativas nas que participen como docentes profesionais de alto prestixio así como aquelas que pola súa singularidade, especialidade e características técnicas precisen un financiamento maior, logo de informe da Comisión Galega de Formación Profesional Continua e previa solicitude ao Director Xeral”.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 9º.- Persoas beneficiarias.
No programa 3, punto 3, establécese que todas as entidades deberán acreditar a capacidade suficiente e medios materiais, humanos e organizativos, para cumprir cos obxectivos establecidos no programa.

A CEG suxire que se inclúa a posibilidade de subcontratación, por enriba do 50%, segundo permite a Lei de Subvencións de Galicia.

Segunda. - Artigo 14º.- Ordenación do pagamento e xustificación dos gastos.
A CEG considera que resulta moi operativa e áxil a simultaneidade de outorgamento de axudas e pagamento do 100% do seu importe, e consideramos que a extensión sistemática desta práctica a todos os programas de apoio e subvencións á empresa, e a todos os sectores de actividade, suporía unha importante vantaxe para as beneficiarias das devanditas axudas.