ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLO QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PARA O ANO 2002 DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DOS CONTRATOS EN PRÁCTICAS E PARA A INNOVACIÓN TECNOLÓXICA

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 dos programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego , en data 18 de xuño de 2002 e con rexistro de entrada en data do 21 de xuño de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xullo de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen de seguido:

1.- Consideración de carácter xeral

En dictames anteriores este Comité xa manifestou a súa posición respecto da vixencia e prazos de solicitude das axudas que, en materia de contratación, dicte a Xunta de Galicia. Considérase preferible que sexa o ano natural no que se publican o de referencia para este tipo de axudas e que sexa á comezo de cada ano cando se publiquen as medidas, que poderían ter incluso carácter plurianual.


2.- Artigo 17.2. Resolución e recursos

Este artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, neste caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

A PROPOSTA consiste na substitución da forma “poderá entenderse”, por “entenderase”.

ANEXO I
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA, S. N. DE CCOO E MAILA CIG


1.- Consideración de carácter xeral

Como unha consideración xeral, non ligada directamente a esta Orde pero si incidente de xeito indirecto na mesma, e que as organizacións sindicais que integran este Comité Delegado incorporarán no futuro ós dictames dende aquí emitidos, solicítase a Xunta de Galicia, a través dese departamento que ten asumidas as competencias en materia de emprego e política laboral, que inste ó goberno central para que retire o RDL 5/2002, de 24 de maio, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección do desemprego e mellora da ocupabilidade, por entender que se trata dunha norma imposta polo executivo, que obviou a capacidade de diálogo e concertación social dos axentes económicos e sociais.

2.-Avaliación das solicitudes

As organizacións sindicais que forman parte deste Consello queren face-la seguinte consideración de carácter xeral sobre a avaliación das solicitudes: “As organizacións sindicais con presencia no Consello propoñen que en todas aquelas normas referentes a liñas de axuda para o fomento do emprego se faga constar expresamente que, unha vez publicada a norma correspondente, pechada a convocatoria, recibidas as solicitudes e puntuadas polas comisións de avaliación correspondentes, os comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación laboral ou, no seu caso, o Comité Autonómico, informen os distintos proxectos con carácter previo e preceptivo á resolución definitiva, establecendo as prioridades de cada un deles. Polo demais, esta consideración está en coherencia coas funcións asignadas a estes órganos no seu Decreto de creación”.

ANEXO II
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)


Artigo 5.3. Requisitos

Este precepto establece como condición para percibi-las axudas, que os contratos se celebren a tempo completo. A CEG considera esta medida restrictiva, e propón a súa ampliación as contratacións en prácticas celebradas a tempo parcial, reducíndose as subvencións na mesma porcentaxe que a xornada

ANEXO III
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA E MAILA CIG


Este sindicato considera necesario a avaliación previa polo Comité Autonómico de Emprego das ordes relativas ás políticas de emprego.

Ademais, polos datos dos que se dispón, os resultados obtidos con estas medidas son negativos, dado que o obxectivo principal de reduci-la taxa de precariedade e aumenta-lo emprego non se acadou, senón todo o contrario, polo que se considera conveniente unha reorientación das políticas activas de emprego.



ANEXO IV
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLO S. N. DE CCOO DE GALICIA


1.-Declaración de carácter xeral sobre as medidas de fomento da estabilidade

En relación coas medidas de fomento da estabilidade, esta organización sindical quere face-las seguintes consideracións:

5. A política de subvención á contratación indefinida é un elemento necesario, pero non suficiente para elimina-la precariedade. Por iso, é preciso encetar medidas conxuntamente cos incentivos.
6. A aplicación da normativa vixente por parte das administracións é outro dos piares imprescindibles. Neste senso, é necesario que, no marco das súas competencias, sexan estas absolutamente belixerantes. É por iso que:
· A Xunta de Galicia ten que ter un comportamento exemplarizante no seu papel de empregador, mantendo en tódolos seus ámbitos de actuación unha estabilidade por riba da requirida, no seu conxunto e en cada un dos departamentos, organismos autónomos e empresas públicas. Este papel debe necesariamente implicar unha drástica diminución da precariedade evitando que colectivos en precario exerzan funcións estructurais e transformando estes postos de traballo en postos de estructura contemplados nas diferentes R.P.T.
· A Xunta de Galicia ten que ter, tamén, un comportamento exemplarizante cara a fora. Por iso, non debe establecer relacións contractuais con aquelas empresas que teñan índices de precariedade por riba das presentadas nestas medidas. Non parece lóxico que as empresas ás que se lles veta o acceso ás medidas de fomento da contratación polo seu alto índice de precariedade, se lles permita o acceso ós contratos da Xunta. Neste senso, cómpre establece-lo límite mínimo de persoal fixo das empresas contratantes no que se fixa nas Ordes de Estabilidade.
· Téñense que establecer no Servicio Público de Emprego, Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación e no Comité Autonómico de Emprego, procedementos que permitan, desde o momento do seu rexistro, detectar aquelas contratacións que teñan visos de fraude para o seu traslado para unha acción inspectora.
· Débese crear unha comisión na que estean presentes as diferentes consellerías con competencias en materia de estabilidade no emprego (Familia e Xustiza), conxuntamente coa Inspección de Traballo Seguridade Social e os axentes sociais na que se planifique, se faga o seguimento e se presenten propostas dun plan galego de loita contra o fraude na contratación.

4. A Consellería de Familia debe en relación coas medidas de fomento da estabilidade:
· Facer cegar do xeito máis directo posible, a través da súa rede de Oficinas de Emprego, ás empresas as medidas de fomento do emprego de tal xeito que exista unha comunicación o máis directa posible entre quen toma a decisión de contratar e o persoal da Consellería para garanti-la meirande eficacia destas.
· Así mesmo parece necesario establecer procedementos que poden ser similares ó procedemento de aprobación das prestacións por desemprego, que permitan que o tempo que transcorre entre a solicitude da subvención e o seu cobro sexa o menor posible, impedindo así que ocorran situacións como as destes anos nos que hai expedientes que despois de máis de seis meses, e nalgúns casos, doce meses, non existe ningunha constancia por parte da empresa solicitante da súa xestión.

2.- Consideración xeral

Os contratos formativos no período 1998/2001 teñen as seguintes características:
- Son modalidades que teñen unha maior utilización en Galicia que no Estado: mentres en Galicia rexístranse un 4,99% do total de contratos, os contratos formativos supoñen o 8,70%
- Os contratos en prácticas en Galicia supoñen o 6,42% e para a formación o 10,2% do total do Estado
- Mentres que en Galicia o 47,42% dos contratos en prácticas teñen unha duración inicial de 12 meses, no Estado soamente é o 26,63%
- No Estado rexistráronse 235.198 primeiras prórrogas de contratos en prácticas para un total de 357.639 contratos. Cando menos, 137.585 correspondían a contratos de menos de 12 meses (este número de prórrogas obtense restándolle ó total de prórrogas os contratos rexistrados de máis de 6 meses). Esto fai que os contratos en prácticas cunha duración de 12 ou máis meses sexa no Estado de 232.839, o que os sitúa no 65,1%. Este dato non se pode obter para Galicia dado que carecemos de estatísticas de prórrogas celebradas segundo o número que sexan. En todo caso, esta acumulación de prorrogas fai que o número total de contratos formativos que teñan unha duración de 12 ou máis meses sexa moi similar no Estado e en Galicia
- Onde existe unha meirande diferencia entre Galicia e o Estado é na transformación dos contratos formativos: mentres que 20,37% dos contratos formativos se transformaban no Estado, en Galicia eran soamente o 13,24% (os contratos en prácticas transfórmanse no Estado nun 34,92% e en Galicia sómente o 25,56%)
A contratación en prácticas é a que meirande subvención obtén. Un contrato en prácticas inicialmente tiña unha subvención de 2.400 ou 3.000 euros, aínda que actualmente admiten rebaixala en 600 euros, mantendo as subvencións ós contratos do colectivo “labora”, que están entre 3.600 e 6.000 se son doutores relacionados con proxectos I+D.
As transformacións de contratos en prácticas e para a formación teñen unha subvención de 1.800 e 2.400 euros segundo xénero. Parece moi desproporcionado que se subvencione con 2.400 ou 3.000 euros prolongar en 6 meses a duración inicial do contrato en relación coa subvención por transformalo en indefinido.

Dado que a subvención ós contratos en prácticas parece a todas luces excesiva para os obxectivos que pode perseguir (conseguir que en vez de que se fagan contratos de seis meses e se prorroguen por outros seis, sexan estes inicialmente de 12 meses).
Dado que, como reiteradamente se ven reclamando dende este sindicato, non se establece unha clara discriminación entre as diferentes titulacións que poden acceder ós contratos en prácticas, obtendo a mesma subvención as que son buscadas aínda antes de remata-lo seu último curso que aquelas outras que despois de varios anos non atoparon un posto de traballo relacionado cos seus estudios

A PROPOSTA en relación coas subvencións as contratacións en prácticas é a súa eliminación e utiliza-la partida orzamentaria para incrementa-las subvencións para a transformación do conxunto dos contratos formativos.