ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS PARA O FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DAS ASOCIACIÓNS DE COOPERATIVAS E DE SOCIEDADES LABORAIS, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES.

O día 18 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O proxecto normativo ten a finalidade de convocar axudas para o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, nomeadamente as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG o 15 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (49/08) con data 12 de novembro de 2008, obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Introdúcese unha variación no período subvencionable, reducíndose nun mes dado que o ano 2009 estaba comprendido entre o 1 de decembro de 2008 e o 30 de novembro de 2009 e neste proxecto o prazo remata o 31 de outubro de 2010 (artigo 1º), reducíndose de igual forma a data para presentar a documentación xustificativa que acredite o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención (artigo 9º).

Os importes destas axudas poderán verse incrementados con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 2º), podendo ser beneficiarias tanto as asociacións de cooperativas como as asociacións de sociedades laborais debidamente inscritas e con actividade acreditada. Para ser beneficiarias as entidades deberán estar ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes (artigo 3º).

Con respecto ás solicitudes, exímese da necesidade de presentar os documentos que xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante, sempre que se faga constar a data e órgano ou dependencia nos que foron presentados ou emitidos e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda, sendo o prazo máximo para presentar as solicitudes un mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. (artigo 4º).

Nos criterios de avaliación establécese que cada local de atención ás entidades asociadas en funcionamento debe ter un horario mínimo de apertura de 35 horas semanais; se o horario resulta inferior reducirase proporcionalmente a puntuación. Así mesmo, cada traballador ou traballadora debe estar contratado a tempo completo, reducíndose a puntuación proporcionalmente no caso de traballo a tempo parcial (artigo 7º).

Establécese un incremento na porcentaxe que se pode facer efectiva en concepto de anticipo (ata o 80%), unha vez acreditada a súa aceptación coa subscrición do convenio correspondente (artigo 9º), e a posibilidade de subcontratación, total ou parcial, das actividades subvencionadas, quedando fóra da subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada (artigo 12º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 22 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración preliminar, dúas consideracións xerais unánimes, así como cinco consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo).






DITAME 15/10



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización de expresións como: “persoa titular de...”, “persoa traballadora”, etc.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.- Artigo 1º. Finalidade.
No apartado 1 deste artigo establécese que esta orde ten por obxecto convocar as axudas para o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo.

Este Comité considera que a expresión “estruturas representativas do cooperativismo” é un concepto moi indeterminado, polo que suxire, para evitar confusión, que se substitúa pola expresión “asociacións de cooperativas”, que son as entidades beneficiarias segundo o artigo 3º.

Segunda.- Artigo 4º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2 deste artigo establécese que se debe acompañar á solicitude unha fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do NIF da entidade solicitante e no apartado 3 esíxese copia compulsada do DNI do solicitante.

Este Comité considera que deberíase admitir a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Terceira. – Artigo 7º. Criterios de avaliación.
Este Comité considera que aos criterios de valoración establecidos no apartado 2 deste artigo deberíanse engadir criterios específicos que valoren as cooperativas situadas en zonas rurais.

Cuarta.- Artigo 9º.- Forma de pagamento e xustificación.
O apartado 1 deste artigo establece que as axudas materializaranse a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Este Comité non comprende os motivos polos que non procede o abono directo aos solicitantes da contía das axudas, considerando innecesaria a subscrición de convenios de colaboración.

Quinta. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

ANEXO


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CEG:

Artigo 12º. Subcontratación.
A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que neste artigo se estableza a posibilidade de subcontratación por encima do 50%, segundo permite a Lei de subvencións de Galicia.