ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN, PARA O EXERCICIO DO ANO 2010, AS SUBVENCIÓNS DESTINADAS ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA A IMPLANTACIÓN E DESENVOLVEMENTO DE BANCOS MUNICIPAIS DE TEMPO, PLANS DE PROGRAMACIÓN DO TEMPO NA CIDADE E/OU OUTRAS MEDIDAS MUNICIPAIS DE CONCILIACIÓN.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan, para o exercicio do ano 2010, as subvencións destinadas ás entidades locais para a implantación e desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo na cidade e/ou outras medidas municipais de conciliación e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Xunta de Galicia que ten atribuído o exercicio das competencias en materia laboral, estando entre as súas prioridades básicas a aplicación transversal do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no eido do emprego e as relacións laborais.

Desde este ámbito competencial promociona e colabora activamente no desenvolvemento de actuacións dirixidas a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, entre as que se inclúen as de promoción autonómica das medidas municipais de conciliación, reguladas no Titulo VI da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia e desenvolvido polo Decreto 182/2008, do 31 de xullo.

Neste sentido, na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que cómpre desenvolver os bancos municipais de tempo, os plans de programación do tempo nas Cidades, os plans de conciliación local e outras medidas municipais de conciliación que teñen como finalidade facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, co obxectivo final de acadar a corresponsabilidade entre mulleres e homes; plans que a Consellería de Traballo e Benestar considera de máximo interese e estima necesario prestar o seu apoio as accións que, neste sentido, emprendan as entidades locais dentro da súa competencia, como entes próximos á cidadanía e coñecedores das necesidades da súa poboación.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2009, publicado no DOG o día 9 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 26 de novembro de 2008 (Ditame 54/08), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Con respecto ao obxecto da orde (artigo 1º), elimínanse os plans de conciliación local e redúcense sensiblemente os importes globais destinados a estes programas (artigo 3º), financiándose as actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2010 ata o 31 de xullo de 2010 (artigo 4º).

Nos criterios de valoración das distintas solicitudes (artigo 8º) establécese unha distinción con respecto ao interese das actividades que se propoñen, valorándose de distinta forma se son para bancos de tempo (ata 25 puntos), plans de programación do tempo da cidade (ata 25 puntos) e outras medidas municipais de conciliación (ata 10 puntos).

A resolución da subvención ditarase no prazo máximo de catro meses (artigo 10º) e terán a consideración de subvencionables (artigo 13º) aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza das actuacións presentadas na solicitude e se realicen e xustifiquen antes do 31 de xullo de 2010, non podendo referirse aos mesmos conceptos ou accións concretas polas que se percibira subvención en exercicios anteriores.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan, para o exercicio do ano 2010, as subvencións destinadas ás entidades locais para a implantación e desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo na cidade e/ou outras medidas municipais de conciliación” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, tres disposicións adicionais e tres disposicións finais.

O día 22 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración preliminar de carácter unánime e catro consideracións xerais e quince específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola CEG.

Así mesmo contén, en anexo, dúas consideracións específicas non unánimes sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais.




DITAME 17/10




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se convocan, para o exercicio do ano 2010, as subvencións destinadas ás entidades locais para a implantación e desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo da cidade e/ou outras medidas municipais de conciliación, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-
En relación coa materia que se pretende regular mediante este proxecto de Orde, este Comité lembra as observacións xerais e particulares contidas nos ditames emitidos no seu día sobre a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (Ditame 27/06) e sobre o Decreto 182/2008 de desenvolvemento da mencionada Lei (Ditame 14/08).

A teor do contido do proxecto de Orde, interesa especialmente resaltar os seguintes aspectos:

1. Consideramos que a administración galega ten a responsabilidade de achegar recursos ás entidades locais para reforzar as políticas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a traveso da mellora e da creación de novos servizos públicos de atención á infancia, ás persoas maiores e ás persoas discapacitadas.

2. Recóllense como gastos subvencionables os correspondentes aos custos sociais do persoal propio da entidade, adicado ás actividades relacionadas coa posta en marcha, seguemento e desenvolvemento do Plan de programación; os dunha persoa desempregada como responsable do plan; os derivados da contratación dunha entidade externa; os gastos da posta en funcionamento e convocatorias da Mesa de Concertación do Plan de Programación; e as axudas a suxeitos privados que asuman compromisos sobre horarios. Polo que, segundo se recollía no Decreto 182/2008, só se prevé a contratación en casos excepcionais.

3. Estes plans de programación do tempo na cidade pretenden unha coordinación dos horarios da cidade coas esixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía, de maneira que estase a sustentar a política de conciliación no voluntariado. A inserción laboral das mulleres galegas e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral non pode pasar por ter que empregar a solidariedade da veciñanza. Previsiblemente, a base de datos das persoas demandantes vai estar feminizada, polo que unha vez máis contribuirase a manter as estereotipas e a gratuidade do traballo desempeñado polas mulleres.

4. No obxecto de orde non se explicita cal vai ser a modalidade de contratación do persoal, nin se fala da súa formación, experiencia laboral, etc. Non se alude ao perfil do persoal contratado. Non se explicita que metodoloxía vaise seguir para realizar a escolla. Solicitamos novamente que se teñan en conta os principios de igualdade, mérito e capacidade, seguindo estas pautas para a selección e non a designación directa.

5. En ningún momento faise referencia á formación das persoas ou axentes de tempo, en que vai consistir e quen a vai impartir.

6. Segue sen concretarse máis polo miúdo o listado de servizos susceptibles de intercambiar e a maneira de levalos a cabo.

7. No que atinxe aos “Bancos municipais de tempo”, entendemos que a filosofía que subxace na súa implementación correspóndese máis cos intercambios entre  persoas que prestan un servizo privado e particular (de custodia, de coidado, de axuda...) a cambio doutros servizos recíprocos que producen beneficios basicamente inmateriais, non monetarios.

8. Apoiamos  e mesmo demandamos unha nova planificación horaria das cidades e dos núcleos de poboación en xeral, de xeito que se facilite a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, mais non coincidimos na responsabilidade negociadora dos concellos e doutros organismos públicos para aplicala, tendo en conta ademais a realidade altamente diversa dos horarios, laborais e/ou de atención ao público, nas administracións, nos comercios e outros servizos e no conxunto dos sectores produtivos en xeral.

Segunda.-

Na redacción da presente Orde debería establecerse un criterio unificador á hora de referirse ás normativas de referencia. Así, mentres que en artigos como o 17 (Fiscalización e control) se nos remite aos artigos concretos da Lei de aplicación, no artigo 18 (reintegro das subvencións) desenvólvese o seu contido, que se corresponde co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007.

Este Comité considera máis acertado sinalar os artigos concretos das Leis que lle son de aplicación, sen necesidade de facer transcricións do xa disposto.

Terceira.-

Este Comité suxire unha revisión do texto para á súa adecuación á normativa lingüística vixente para a escrita da lingua galega.

Cuarta.-

Este Comite fai fincapé no necesario desenvolvemento, aínda sen levar a cabo, do previsto no artigo 48 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, relativo á Mesa de Concertación do Plan de Programas do Tempo na Cidade.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
Este Comité propón que a redacción do apartado 1 sexa consonante coa formulada no artigo 5º do Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento e do que se derivan estas axudas, no que ademais se dispón o seguinte:

“A solicitude destas subvencións poderá facerse con independencia de que a xestión das medidas se realice pola entidade solicitante, ou a través doutras entidades públicas ou privadas dependentes ou vinculadas a elas, sempre que estas últimas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos Plans de Programación do Tempo na Cidade.
No caso de que a xestión das medidas se realice a través doutras entidades privadas dependentes ou vinculadas a eles, terán preferencia os concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento.”

Segunda.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
No apartado 4 deste artigo establécese que “O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes...”

Este Comité considera que esta redacción debería substituirse pola de “O incumprimento destas normas dará lugar ao rexeitamento motivado de todas as solicitudes...”.

Terceira. - Artigo 4º. Actividades subvencionables.
Este Comité propón que a redacción para este artigo sexa consonante coa formulada no artigo 6º.c) do Decreto 182/2008, do 31 de xullo, referido anteriormente, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento e do que se derivan estas axudas: “As actividades subvencionables serán as realizadas desde o 1 de xaneiro de 2010 ata a data límite de xustificación, relativas aos custos sociais do persoal propio, compensación da persoa responsable do plan, gastos das convocatorias da mesa de concertación do plan e fondo de manobra para axudas directas aos suxeitos privados que asumisen compromisos sobre horarios da cidade.”

Cuarta. - Artigo 5º. Solicitudes, prazo e forma de presentación.
Este Comité considera que sería conveniente a inclusión, no parágrafo segundo do apartado 1 deste artigo, da dirección da páxina web da Consellería.

Quinta. - Artigo 6º. Documentación.
Este Comité propón que no apartado a) deste artigo se esixa acompañar “Relación detallada das actuacións...” en lugar de  “Memoria detallada das actuacións...”.

Sexta.- Artigo 6º. Documentación.
Neste artigo utilízase a letra j), impropia do alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Sétima.- Artigo 8º. Criterios de valoración.
O artigo 5 do Decreto 182/2008 establece que aqueles concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento serán beneficiarios da promoción autonómica, con carácter preferente.

En base ao exposto, este Comité considera que se debería establecer, dentro dos criterios de valoración das solicitudes presentadas para a obtención das subvencións, a puntuación que se estime oportuna para a condición de: colaboración con entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento.

Oitava. - Artigo 8º. Criterios de valoración.
Este Comité considera que neste artigo debería incluírse como avaliable o número de empregos que poida xerar a iniciativa, debendo avaliarse ata 5 puntos.

Novena. - Artigo 10º. Resolución.
En canto ao sentido do silencio establecido para a resolución, este Comité observa que mentres que no caso da resolución do expediente de validación da medida de conciliación (regulada no Decreto 182/2008) o silencio é favorable, no caso das subvencións reguladas nesta orde, o silencio enténdese desestimatorio.

Non se entende pois, como unha entidade que obtén a validación da medida de conciliación presentada, por resolución expresa ou por silencio estimatorio, cumprindo por tanto os requisitos establecidos nunha norma de rango superior ao desta orde, na resolución das subvencións poida quedar fóra por silencio negativo, máis, cando a maior parte dos criterios para a súa adxudicación son semellantes en ambas regulamentacións.

Décima. - Artigo 10º. Resolución.
No apartado 2 deste artigo establécese que a resolución da subvención ditarase nun prazo máximo de catro meses.

Este Comité considera que o prazo debe reducirse, propoñendo que sexa de tres meses.

Decimo primeira .- Artigo 12º. Forma de pagamento.
Este Comité suxire que se regule neste artigo a posibilidade de conceder anticipos ou de efectuar pagamentos parciais.

Decimo segunda. - Artigo 13º. Gastos subvencionables.
No apartado 1 deste artigo establécese que os gastos subvencionables deben realizarse e xustificarse antes do 31 de xullo de 2010.

Este Comité propón que se permita a xustificación ata o 30 de novembro de 2010, tal e como establecía a orde do exercicio de 2009.


Decimo terceira. - Artigo 13º. Gastos subvencionables.
Este Comité propón que no apartado 2 deste artigo se substitúa a expresión “prazo de xustificación indicado no parágrafo 1...” pola de “prazo de xustificación indicado no apartado 1...”.

Decimo cuarta. - Artigo 15º. Obrigas das entidades locais beneficiarias.
Este Comité propón que no último punto do apartado 4 deste artigo se substitúa a expresión “en todo caso” pola de “de ser posible”.

Decimo quinta. - Artigo 18º. Reintegro das subvencións.
No apartado f) deste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas, considerando que debe reservarse o termo “nacional” para o ámbito de Galicia e utilizar o termo “estatal” para o conxunto de España.

Igual consideración formúlase respecto dos artigos 6º.f), 12º.3 e 19º deste proxecto normativo.



ANEXO


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira - Artigo 3º. Orzamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais resaltan o paradoxo de que se amplie o abano de medidas subvencionables e, non obstante, se minoren os créditos destinados a elas.

Segunda - Artigo 13º. Gastos subvencionables.
As organizacións sindicais que fan parte do Comité Delegado manifestan a súa oposición a estas axudas, destinadas á contratación dunha entidade externa especializada en igualdade, por entender que a implantación das medidas debe emanar da propia administración local. No caso de que esta non conte con persoal especializado en igualdade, debería abrirse unha oferta pública de emprego por parte do Concello ou concellos asociados para cubrir esa vacante.