ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO PARA O EXERCICIO DE 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de marzo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2010 e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras ocupadas a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Tamén indica que constitúen principios xerais da formación dirixida a persoas traballadoras ocupadas: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación dos traballadores e traballadoras no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea; a consideración desta formación como instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas dirixidas a persoas traballadoras ocupadas que teñan como finalidade tanto a mellora das competencias e cualificacións, como a actuación e especialización profesional das persoas traballadoras ocupadas. Calquera que sexa o sector ou rama de actividade en que a persoa traballadora presta os seus servizos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2009, publicado no DOG o día 18 de febreiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 3 de febreiro de 2009 (Ditame 5/09), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, obsérvase que o obxecto da convocatoria (artigo 1º) é regular as iniciativas de formación dirixidas ao reciclaxe e recualificación de persoas traballadoras dos sectores estratéxicos na situación sociolaboral de Galicia: téxtil, alimentación, madeira, construción, metal, agrario e pesqueiro.

As entidades beneficiarias destas axudas poderán ser as empresas e agrupacións de empresas, e as corporacións de dereito público, pertencentes aos sectores estratéxicos na situación sociolaboral de Galicia referidos anteriormente (artigo 3º).

Nos custos subvencionables destas axudas introdúcense como novidade os custos de avaliación e control da calidade da formación ata o 5% do custo subvencionado para a impartición da acción formativa (artigo 6º). Así mesmo, establécese un sistema de rastrexabilidade dos pagamentos.

Introdúcese nova documentación que ten que acompañar á solicitude: informe favorable da representación legal dos/as traballadores/as das empresas das accións formativas e da súa viabilidade; certificado do número de horas da xornada laboral adicadas á formación e o custo salarial por hora; declaración responsable de compromiso de desenvolvemento das accións en galego e acreditación de estar ao corrente das obrigas tributarias e sociais (artigo 16º).

Establécense como novos criterios de valoración os mecanismos de seguimento, avaliación e control do aprendizaxe e a inclusión das accións formativas no sistema de cualificacións (artigo 19º).

Elimínase a obriga de subscrición de convenios de colaboración coas entidades beneficiarias para a materialización das axudas (artigo 20º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 24 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo I); unha consideración xeral manifestada polo SN. de CC.OO. de Galicia (Anexo II); unha consideración xeral e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo III); unha consideración xeral manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (Anexo IV); e unha consideración específica manifestada polos sindicatos CIG e SN de CC.OO. de Galicia (Anexo V).




DITAME 18/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de marzo de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira

Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega.

Segunda.

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero na denominación de cargos públicos, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización da expresión “persoa titular da...”.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias.

Este Comité non está conforme coa novidade de considerar ás corporacións de dereito público como entidades beneficiarias destas axudas, tendo en conta a disparidade de entidades que se poderían incluír nesta figura legal tan ampla (cámaras agrarias, cámaras de comercio, de industria, de navegación, confrarías de pescadores, colexios profesionais, comunidades de regantes, federacións deportivas ou entidades como a ONCE que defenden intereses sociais).

Igual consideración formúlase respecto ao artigo 5º.1.

Segunda.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias.

No punto 5 deste artigo indícase que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web da Consellería de Traballo. Este Comité considera que sería necesario incluír a dirección completa da páxina web.

Terceira.- Artigo 5º. Destinatarios das accións formativas.

Este Comité suxire que se debería substituír a expresión “...que tiveran unha relación laboral coa empresa beneficiaria desde xaneiro de 2009,...” pola de “...que tivera unha relación laboral coa empresa beneficiaria nos últimos doce meses,...”, coa finalidade de non depender da data de publicación desta orde.

Cuarta.- Artigo 8º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Este Comité considera que no apartado 9 deste artigo debería de suprimirse a expresión “...reciban a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele porque todos os alumnos e alumnas dunha acción formativa reciban o mesmo número de horas.

Quinta.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.

No apartado B. 1a) deste artigo establécese a posibilidade dun anticipo de ata o 65 por 100 do total do orzamento de gastos do convenio. Este Comité solicita o incremento ata o 80 por 100, ao igual que se establece en ordes similares reguladoras de axudas á promoción.

Sexta.- Artigo 14º. Dereitos e deberes do alumnado.

No apartado 1 indícase que a formación será gratuíta en todo caso para a totalidade do alumnado das accións formativas incluídas nesta orde. Este Comité considera que a expresión “será gratuíta” non é acertada polo que suxire unha nova redacción para este apartado: “A formación non suporá custo económico para a totalidade do alumnado das accións formativas incluídas nesta orde”.

Sétima.- Artigo 16º. Solicitudes.

Obsérvase que na enumeración dos documentos que deben acompañar ás solicitudes falta a letra g).

Oitava.- Artigo 16º. Solicitudes.

Polo que se refire ao apartado n), no segundo ítem onde indica que a memoria-proxecto deberá contar cunha xustificación documental da experiencia da entidade solicitante na impartición de accións formativas de semellante natureza, este Comité considera que isto non é posible aplicalo ás empresas que van solicitar as axudas desta orde por primeira vez.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA CIG.

Tal e como xa manifestamos no Ditame nº 5/09, correspondente á norma precedente da que agora se ditamina, deixamos constancia do noso apoio ás iniciativas dirixidas ao mantemento do emprego nas empresas galegas dos sectores afectados pola crise. Entre as diversas iniciativas que é posible poñer en práctica a ese efecto, poden ter acollida as medidas destinadas á formación e recualificación profesionais das persoas ocupadas naquelas empresas.

No concreto caso do proxecto de Orde que ditaminamos, temos que facer patentes as nosas dúbidas a respecto da correcta aplicación dos fondos que, para financiar esta iniciativa, puideran proceder de transferencias en materia de Formación para o Emprego, pois a normativa estatal vixente define con precisión a natureza das entidades que poden ser solicitantes deste tipo de plans sectoriais de formación, entre as que non se inclúen as empresas ou as súas agrupacións.

Deberíase distinguir, a estes efectos, entre a instrumentación de medidas de apoio ás empresas dos sectores en situación de crise e a xestión das ditas medidas que, tratándose de accións formativas dirixidas a persoas traballadoras ocupadas, debería executarse a través das entidades que normativamente corresponde.

En relación con esta consideración, debemos reiterar a posición que a CIG expresou  diante da Comisión Galega de Formación Profesional Continua e Ocupacional, con ocasión da consulta verificada sobre este mesmo proxecto de Orde:

Non compartimos o introducido na exposición de motivos, no artigo 3º, no artigo 5º e no artigo 16º, no que atinxe á que restrinxir o acceso a este tipo de axudas a empresas, agrupacións de empresas e corporacións de dereito público de sectores estratéxicos, poida contribuír a mellorar a situación de crise na que estamos mergullados. Ao contrario, esa filosofía o único ao que conduce é a que o obxecto real do plano, a mellora das competencias, da cualificación e da especialización das persoas traballadoras ocupadas e desempregadas, fique absolutamente difuminado e, mesmo, pervertido, ao poderse inducir implicitamente que estas axudas procuran paliar a situación económica de certas empresas, no canto de mellorar a formación dos traballadores e traballadoras.

Por outra banda, tampouco estamos conformes coa exposición de motivos, en relación con dúas cuestións mais:

a) A situación de crise é tan xeralizada, que dirixir ás axudas a certos sectores estratéxicos non é mais que encamiñalas a todos os sectores da actividade produtiva, por canto a maioría están en situación de crise, ao abeiro dos datos que as administracións publican.
b) A restrición do acceso de centrais sindicais e entidades sen ánimo de lucro, resulta directamente contraditoria e discriminatoria ao obxecto social das axudas. Non semella razoábel pretender que unha empresa teña un carácter mais social, ca unha organización sindical ou ca unha entidade sen ánimo de lucro. Ao contrario, unha empresa adoece dun fin altruísta e o seu carácter social é o que achega á sociedade a xeración de riqueza que produza; acción na que colaboran nun altísimo grao os seus propios traballadores e traballadoras.
c) Por último, a restrición do acceso ás centrais sindicais tornaría nula a Orde da Convocatoria, ao impedir que unha parte dos que teñen encomendada a misión constitucional da negociación colectiva e, formando parte dela a formación, ficasen impedidos administrativamente para desenvolver os fins constitucionais que lles foron encargados.

Cuestións estas polas que se solicita:

1º.- Que se modifique a exposición de motivos, no que atinxe á filosofía restritiva, que considera, erradamente, que só as empresas e corporacións de dereito público poden ser beneficiarias das axudas da orde; de cara a evitar maos entendidos en relación co obxecto real da convocatoria: a cualificación profesional

2º.- Que se modifiquen a exposición de motivos, o artigo 3º, 5º e 16º, no que atinxe á restrición que neles se contén, que impide ás organizacións sindicais e entidades sen ánimo de lucro participar na convocatoria e, consecuentemente, que se posibilite a participación das mesmas.

3º.- Que, ao estarmos diante de fondos destinados á formación para o emprego, parte indisociábel da negociación colectiva e liberdade sindical; se formen tres grupos de solicitude na convocatoria, dotados de orzamentos idénticos en relación co orzamento total aprobado (1 grupo para as empresas e entidades patronais, 1 grupo para as organizacións sindicais e 1 grupo para as administracións públicas).  

Finalmente, consideramos tamén de suma importancia a necesidade de incluír, na Orde ditaminada, suficientes garantías de participación da representación legal das persoas traballadoras nos procesos de seguimento e control das actividades formativas e dos seus resultados, así como de acceso ao conxunto da información relacionada coa xestión dos plans formativos. No proxecto de Orde só se concreta a achega coa solicitude dun “informe favorable” da representación legal das persoas traballadoras, o que nos parece claramente insuficiente.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLO SN DE CC.OO. DE GALICIA:

A situación segue a ser crítica no emprego. Este feito obríganos a seguir apoiando normas e medidas excepcionais, aínda que con serias dúbidas. Este apoio non é incondicional.
1. Consideramos que a intervención dos axentes sociais debera ser maior, e non só un informe favorable da representación legal das persoas traballadoras.
2. A formación non debera misturarse (como parece indicar a exposición de razóns da norma) coas demáis medidas de apoio ás empresas para o mantemento do emprego; xa que, se o obxectivo é recualificar ás persoas traballadoras, incluír outros factores fai un fraco favor á consideración e ó prestixio da formación para o emprego.
3. A complexidade de presentar e xustificar plans de formación pode provocar que, para unha boa parte das PEMES, que forman a mayoría do tecido laboral galego, o proceso sea de tal dificultade que decidan excluirse.
4. As partidas económicas adicadas a este programa desaconsellan dirixirse a tantos sectores como a orde establece. Ó noso entender o impacto podería ser máis eficaz (ante a escasa cuantía dos fondos previstos) primando a determinados sectores verdaderamente estratéxicos nos que a recualificación ten maiores posibilidades de contribuir o mantemento e a creación de emprego e dirixir os esforzos cara a eles.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA CEG:

En xeral esta Confederación de Empresarios de Galicia quere manifestar a súa valoración positiva sobre o texto proxectado polos importantes obxectivos e ámbitos de aplicación que trata de cubrir (art. 1º). Así por unha banda destínase aos sectores máis afectados pola situación de crise económica e nos que debe incidirse especialmente a través de medidas que favorezan o mantemento da actividade produtiva e por consecuencia do emprego xerado por esta, e por outra parte a medida favorece a reciclaxe e recualificación das persoas traballadoras destes sectores, cunha motivación claramente paliativa dos efectos da crise sobre as nosas empresas.

Non obstante, habería que manifestar que para algúns sectores o feito do tamaño empresarial pode supor unha importante traba ou obstáculo para que se podan solicitar estes incentivos, que terían que demandarse a través da forma da agrupación,  e con respecto a esta posibilidade non se concretan na Orde proxectada as distintas responsabilidades que asumirían as empresas beneficiarias da formación en relación á empresa que asuma a condición de representante da agrupación, pois do contrario as importantes responsabilidades que podería asumir esta última desincentivaría a solicitude das axudas. Habería que articular que a empresa cabeceira da agrupación non tivese toda a responsabilidade, senón que compartida, establecida na lexislación de subvencións.

Por último sinalar que, debido á situación pola que están a atravesar as empresas, debe predicarse unha interpretación flexible dos sectores que a Orde engloba, así por poñer un exemplo, debería interpretarse que o sector de "alimentación" (art.1), engloba non so a produción senón tamén a comercialización.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADAS POLA CEG:

Primeira.
No artigo 7º.2 a) establécese que o módulo económico aplicable será como máximo de 13€. A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a redución experimentada por este módulo é excesiva, tendo en conta que na orde do exercicio anterior era de 20€. Por iso solicitamos que se incremente a mencionada contía.

Segunda.
No artigo 10ºB.1 d) establécese que para poder optar á concesión de anticipos da subvención, a entidade beneficiaria ten que constituír unha garantía a favos da Consellería de Traballo e Benestar mediante seguro de caución. A CEG considera que deberíase eximir desta esixencia para poder optar aos anticipos.

Terceira.
No art. 12º en canto á duración mínima da acción formativa solicitamos que esta se adapte ao que pode considerarse como “xornada de traballo diaria” (establecida no convenio), entendemos que desta forma permitiría que as empresas puidesen realizar accións formativas cunha duración dunha xornada, evitando os atrancos produtivos que pode supoñer a necesidade de utilizar dúas. Esta posibilidade estaría admitida polo Decreto 395/2007 no art. 7.2, que sinala que a formación non será inferior a 6 horas lectivas.

Cuarta.
No art. 16.d) establécese unha preferencia para as empresas que non teñan aprobado ningún ERE ao abeiro do estipulado no artigo 47 do ET no último ano desde a publicación da Orde.

É contraditorio co obxectivo pretendido pola propia convocatoria que da preferencia a aqueles sectores afectados pola situación de crise económica, feito que nalgúns casos pode conlevar que a empresa teña solicitado o ERE polas causas establecidas no art. 47 do Estatuto dos Traballadores. Polo tanto, propoñemos  eliminar esta preferencia negativa, e subsidiariamente de non aceptarse esta proposta limitar o prazo a un mes.

Así mesmo, no apartado d) establécese a obriga de presentar informe favorable da representación legal das persoas traballadoras da empresa. A Confederación de Empresarios de Galicia considera que este informe non debería ser vinculante á hora de poder optar ás subvencións.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA CEG E OS SINDICATOS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Por outra parte, habería que establecer o carácter excepcional da axuda no texto da exposición de motivos desta, pois a concreta regulación en canto aos solicitantes ven motivada pola situación de conxuntura pola que están a atravesar as nosas empresas, mesmo renunciando outras entidades á posibilidade de solicitar estes incentivos se se ten en conta a redacción da Orde na versión do exercicio anterior. Por iso esta excepcionalidade debería permitir que en futuras convocatorias, sen poñer en dúbida en ningún caso a posibilidade de solicitude polas empresas, se deba retomar a inclusión no concepto de entidades beneficiarias das entidades sen ánimo de lucro.

ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLOS SINDICATOS CIG E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 7º. Contía das axudas e subvencións.

Dada a natureza das accións formativas reguladas no proxecto normativo e a súa excepcionalidade, entendemos que non se debería permitir a subcontratación, ou ben establecer as cautelas e restricións que o propio contido da orde aconsella.