ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS EXPERIMENTAIS E COMPLEMENTARIAS DAS ESPECIALIDADES FORMATIVAS DO FICHEIRO DO SERVIZO PÚBLICO ESTATAL DE EMPREGO DIRIXIDAS PRIORITARIAMENTE ÁS PERSOAS TRABALLADORAS DESEMPREGADAS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de marzo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias das especialidades formativas do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto das especialidades do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Neste sentido, a regulación das subvencións para accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas en situación de desemprego, que conta cun catálogo preestablecido de especialidades homologadas, pode deixar sen atender especialidades formativas de especial interese, tanto desde o punto de vista do colectivo que atenden como dos sectores produtivos aos que se dirixen.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2009, que foi ditaminado polo Consello con data 29 de xaneiro de 2009 (Ditame 4/09), obsérvanse as seguintes novidades:

Establécese que as accións formativas non poderán ter en ningún caso unha duración superior a 600 horas no caso das accións reguladas no parágrafo 1.a deste artigo e de 300 horas para as reguladas no parágrafo 1.b, salvo autorización expresa do/a director/a xeral de Formación e Colocación e poderán participar nelas ata un 40% de persoas traballadoras ocupadas en cada acción formativa (artigo 2º).

Con respecto aos custos subvencionables, redúcese a axuda por desprazamento de 7€ a 6€ e subvenciónanse os custos de avaliación e control da calidade da formación ata o 5% (artigo 5º).

Polo que se refire aos módulos económicos, o módulo transversal de igualdade valorarase de acordo co módulo económico da acción formativa á que acompañe e introdúcese a rastrexabilidade dos pagamentos (artigo 6º).
Introdúcese un novo artigo específico que recolle os criterios de valoración que se terán en conta na avaliación das solicitudes, eliminándose a puntuación negativa nos casos de informes desfavorables en anos anteriores (artigo 19º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias das especialidades formativas do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 24 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e vinte e dúas específicas de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Así mesmo, contén en anexos as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha específica manifestada pola CEG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I) e outra tamén específica, manifestada pola CIG e UGT-Galicia (anexo II).



DITAME 19/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias das especialidades formativas do ficheiro do Servizo Público Estatal de Emprego dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2010”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2010, e para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de marzo de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.

As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debería regularse especificamente nun artigo da orde cales son as persoas destinatarias das accións subvencionables, aínda que hai referencias a elas nos apartados 1 e 5 do artigo 2º do proxecto normativo.

Segunda.

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización de expresións como: “persoa titular de...”, “persoa traballadora”, etc.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.

Primeira.-  Artigo 2º. Accións subvencionables.
No apartado 4 deste artigo indícase que “As entidades só poderán solicitar ata un máximo de cinco accións formativas por localidade.”

Este Comité considera que non se debería poñer ningún límite ao número de accións formativas a solicitar, polo que suxire que se elimine o referido apartado 4.

Segunda.-  Artigo 2º. Accións subvencionables.
No apartado 5 deste artigo establécese que poderán participar ata un 40% de persoas traballadoras ocupadas en cada acción formativa.

Este Comité considera que o disposto neste apartado debería regularse e figurar como excepción, tendo en conta o elevado número de persoas desempregadas existentes e o seu posible incremento e ademais, que xa existe unha norma específica para persoas traballadoras ocupadas que garante a súa formación profesional.

Terceira.-  Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
No apartado 1, programa b, deste artigo, establécese que poderán ser entidades beneficiarias as corporacións de dereito público.

Este Comité non está conforme coa consideración das corporacións de dereito público como entidades beneficiarias, tendo en conta a disparidade de entidades que se poderían incluír nesta figura legal tan ampla (cámaras agrarias, cámaras de comercio, industria e navegación, cofradías de pescadores, colexios profesionais, comunidades de regantes, federacións deportivas ou entidades como a ONCE que defenden intereses sociais).

Cuarta.- Artigo 5º. Custos subvencionables.
Este Comité considera que este artigo adoece dunha falta de definición de gastos necesarios, como, por exemplo, os gastos de publicidade para a organización e difusión da acción formativa, as retribucións das persoas formadoras internas e externas, os gastos do seguro de accidentes dos participantes, etc., polo que propón que se inclúan neste apartado todos os gastos que se relacionan na Orde do 24 de outubro de 2008 da Consellería de Traballo, pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico.

Quinta.- Artigo 5º. Custos subvencionables.
O  penúltimo ítem do apartado 1 deste artigo contempla como custo subvencionable os custos dos servizos de asesoría en relación coa acción de formación, co límite do 10 por cento do importe total dos gastos de docencia.

Este Comité propón que as entidades impartidoras poidan imputar por este concepto ata o 15 por cento do importe total dos gastos de docencia.




Sexta.-  Artigo 5º. Custos subvencionables.
O primeiro ítem do apartado 1 deste artigo limita os custos dos docentes e os seus gastos de desprazamento ata un máximo do 40% do custo total do curso, que, excepcionalmente, poderá incrementarse con autorización da Dirección xeral de Formación e Colocación.

Este Comité entende que pode resultar moi frecuente, dado que se trata de accións experimentais, que se supere a porcentaxe establecida, polo que se suxire a supresión do citado límite ou ben que se estableza unha porcentaxe máis alta que aporte maior flexibilidade.

Sétima.- Artigo 5º. Custos subvencionables.
O apartado 2 deste artigo establece que “os custos subvencionables deberán ir acompañados de probas documentais, que deberán ser transparentes e detalladas”.

Este Comité propón substituír a redacción que figura nese apartado pola seguinte: “os custos subvencionables deberán xustificarse documentalmente”.

Oitava.- Artigo 6º. Módulos económicos.
O apartado 2 do artigo 6º establece que, excepcionalmente, poderase autorizar a aprobación dun módulo superior que non poderá superar os 16 euros por alumno ou alumna e hora de formación.

Este Comité propón que a cantidade límite sexa de 18 euros, tendo en conta as especiais circunstancias dalgúns cursos formativos.


Novena.- Artigo 8º.Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que cómpre adaptar a redacción dos apartados 3 (letra b) e 4 deste artigo ás modalidades de impartición non presencial previstas no artigo 15º (“Modalidades de impartición das accións formativas”).

Décima.- Artigo 8º.Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que no apartado 9 deste artigo debería de suprimirse a expresión “...reciban a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele porque todos os alumnos e alumnas dunha acción formativa reciban o mesmo número de horas.

Décimo primeira.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.
No apartado A), punto 2, deste artigo, sinálase que os custos das accións formativas amparadas por esta orde só poderán imputarse a partir da data de concesión da subvención.

Este Comité considera que a aplicación dos incentivos debería comezar dende a data de entrada en vigor da Orde, de forma que se podan considerar elixibles os custos ocasionados desde esa data, sempre que haxa resolución positiva da concesión da subvención.

Décimo segunda.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.
No apartado B), punto 1, deste artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 65 por 100 (letra a) e que os pagamentos parciais nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c).
Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; non obstante, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que propón que a Xunta de Galicia aprobe un decreto específico para subvencións en materia de formación que permita anticipos de ata o 100 por 100.

Décimo terceira.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.
Respecto ao establecido na letra d) do apartado B. punto 1, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas do alumnado, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha relación coa acción formativa a impartir.

Décimo cuarta.- Artigo 13º. Selección do alumnado.
O apartado 1 deste artigo dispón que a selección realizarase mediante sondaxe pola oficina de emprego correspondente entre as persoas demandantes inscritas nela.

Este Comité considera que a selección deberá realizarse sempre polo Servizo Público de Emprego de Galicia, polo que no citado apartado 1 debe constar o procedemento de selección que se recolle na Orde do 11 de decembro de 2008, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a traballadores e traballadoras desempregados/as na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2009.

Décimo quinta.- Artigo 13º. Selección do alumnado
O apartado 4 deste artigo obriga a dar conta á oficina de emprego do resultado da selección do alumnado.

Este Comité considera que debería concretarse o procedemento polo que se levará a cabo esta comunicación.

Décimo sexta.- Artigo 14º.- Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 1 indícase que “A formación será gratuíta para a totalidade dos alumnos e alumnas das accións formativas do programa b recollido no artigo 1 desta orde”.

Este Comité considera que a expresión “será gratuita” non é acertada e ademáis, existe un erro na referencia ao artigo 1º, xa que os programas veñen establecidos no artigo 2º, polo que suxire unha nova redacción para este apartado: “A formación non suporá custo económico para a totalidade dos alumnos e alumnas das accións formativas do programa b recollido no artigo 2º desta orde”.

Décimo sétima.- Artigo 14º.- Dereitos e deberes do alumnado.
Este Comité entende que a redacción dos apartados 2, 3 e 4 deste artigo debería adaptarse as modalidades de impartición non presencial das accións formativas previstas no artigo 15º (“Modalidades de impartición das accións formativas”).



Décimo oitava.- Artigo 15º. Modalidades de impartición das accións formativas.
O apartado 2 deste artigo esixe que en todas as modalidades de impartición se inclúan evidencias necesarias para comprobar que o alumnado recibe a formación impartida.

Este Comité considera que deberían concretarse no citado apartado o significado e alcance dos termos “evidencias necesarias” en relación coa formación a distancia e coa mixta.

Décimo novena.- Artigo 16º.- Solicitudes.
A letra g) do apartado 1 deste artigo esixe presentar, xunto coa solicitude de subvención, acreditación documental de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité suxire a supresión desta letra g) de acordo co previsto no apartado 4 deste mesmo artigo que establece que a presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvencións pola entidade interesada comportará a autorización á Consellería de Traballo para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.


Vinte.- Artigo 19º. Criterios de valoración.
No apartado 1.f) valórase o emprego da lingua galega na realización das accións formativas con 5 puntos.

Este Comité propón que se valore con 10 puntos, tal e como establecía a Orde do exercicio de 2009.

Vinte e unha.- Artigo 20º. Resolución.
No apartado 2 indícase que “A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte da presentación da solicitude”.
Este Comité entende que o prazo debería contarse desde o día seguinte ao último día de presentación de solicitudes, dado que é un procedemento de concorrencia competitiva (artigo 1º.2).

Vinte e dúas.- Disposición adicional segunda.

Nesta disposición indícase que a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificación ou revogación na obtención da subvención.

Este Comité considera que menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español, polo que, para evitar confusión interpretativa,  propón que o termo “nacionais” sexa substituído por “estatais”.














ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E O S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 19º. Criterios de valoración.
No apartado 1.d) valórase a certificación do sistema de xestión de calidade ISO 9001 ou plan de mellora EFQM con 5 puntos.

As organizacións CEG e S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que debe valorarse con 10 puntos.













ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E UGT- GALICIA:

Artigo 19º. Criterios de valoración.
No apartado 1.d) valórase a certificación do sistema de xestión de calidade ISO 9001 ou plan de mellora EFQM con 5 puntos.

Entendemos discriminatorio o feito de que se puntúe con 5 puntos ás entidades beneficiarias que conten coa referida certificación, porque son sistemas de implantación voluntaria, non establecidos en normativa obrigatoria, que supoñen un custo elevado para as empresas que desexen implantalos e non son sinónimo na práctica da calidade que se lles presume. Por esto, solicítase a eliminación deste punto ou que se complemente dicindo que se axudará ás empresas non certificadas, para que poidan facelo e deste xeito concorrer á convocatoria de maneira igualitaria cas si certificadas.