ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO (ILES), COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de marzo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O necesario desenvolvemento e diversificación do tecido empresarial galego no contorno territorial xustifican o deseño de programas dirixidos a fomentar a iniciativa emprendedora, co fin de potenciar o crecemento económico e do emprego especialmente no ámbito local e no medio rural, articulando unha colaboración entre a Xunta de Galicia,  as administracións locais de carácter territorial e a iniciativa privada, coa finalidade de facilitar e fomentar a aparición de empresas xeradoras de emprego.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Como novidade, nesta orde increméntase o importe da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade cando a iniciativa local de emprego teña o seu domicilio social e centro de traballo nun concello rural galego, coa finalidade de apoiar a cohesión no territorio e o desenvolvemento económico no rural da Comunidade Autónoma de Galicia.


Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 15 de xaneiro de 2009 e o Ditame 70/08, emitido polo Consello con data 23 de decembro de 2008, observánse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Modifícase o apartado 2 do artigo 6º, que regula a subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación, establecendo como novidade que non será aplicable a excepción prevista cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate aos fillos ou fillas menores de 30 anos ou cando, sen ter persoas asalariadas, contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

Modifícase o apartado 1 do artigo 8º, que regula a subvención financeira, establecendo que, como mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible, que deberán xustificarse mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

Increméntase os importes da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade (artigo 9º),  que se determinan en atención ao número de postos de traballo estables creados desde o 1 de maio de 2009 ou que se vaian crear ata o 30 de abril de 2010. Non obstante, redúcese en 1.000 euros (de 9.000 a 8.000 €) a contía máxima a subvencionar se o posto de traballo estable creado é ocupado por un mozo ou moza de 30 anos ou menos ou por unha muller. Como novidade, as contías máximas incrementaranse en 2.000 € por posto de traballo estable creado cando a iniciativa local de emprego teña o seu domicilio social e centro de traballo nun concello rural.


No incremento dos incentivos, regulado no artigo 11º,  contémplase como novidade a súa aplicación ás persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e seis artigos, sete disposicións adicionais e dúas finais.

O día 26 de marzo de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dez específicas, todas elas de carácter unánime, sobre a valoración da norma.


Así mesmo, contén, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha específica manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I); unha específica manifestada pola CEG e as organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II); unha específica manifestada pola CIG (Anexo III); unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo IV) e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo V).



DITAME 21/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de marzo de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como, por exemplo, o uso reiterado do masculino xenérico e o emprego das barras “o/a”, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero (artigo 6º).

Segunda.

Este Comité considera que poderíase engadir na exposición de motivos un novo parágrafo alusivo á situación socioeconómica que se está a vivir na actualidade como consecuencia da crise, que afecta tamén ás iniciativas emprendedoras, polo que se fai necesario afondar na creación non só de empresas, senón tamén de empregos estables.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 8º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Segunda.- Artigo 8º. Subvención financeira.
No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de formalización dos préstamos concedidos polas entidades financeiras será o comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2010 ou no establecido na resolución de concesión.

Este Comité considera que o prazo debería ser máis aberto para facilitar a concesión destas axudas ao maior número posible de entidades beneficiarias, propoñendo que se podan presentar as solicitudes durante practicamente todo o exercicio.



Terceira.- Artigo 8º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.

Cuarta.- Artigo 9º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
No segundo parágrafo do apartado 3 deste artigo establécense os gastos subvencionables.

Este Comité propón que tamén se consideren subvencionables e se inclúan neste apartado, os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Quinta.- Artigo 11º. Incremento dos incentivos.
O apartado 1.b) deste artigo establece un incremento dos incentivos para as persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión social pertencentes a algún dos colectivos que relaciona, figurando no sexto item o de “Mulleres que abandonasen o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral e transexuais ou en proceso de reasignación sexual”.

Este Comité considera que os dous colectivos referidos deben figurar en ítems separados, dado que se trata de situacións persoais dispares que non teñen que compartir necesariamente rasgos en común.
Sexta.- Artigo 13º. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de abril de 2010.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Sétima.- Artigo 15º. Documentación.
Dispón este artigo que as solicitudes deberán presentarse acompañadas de orixinal ou copia compulsada da documentación que se especifica.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Oitava.- Artigo 17º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Novena.- Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo, ao igual que no artigo 21º, menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Décima.- Artigo 23º. Exclusións.
No apartado 1.a) deste artigo establécese que se exclúen dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas nas que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

Este Comité considera que debe constar no artigo que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.


















ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Este artigo, no seu apartado 2, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC. OO. de GALICIA consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.







ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 9º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
O apartado 2 deste artigo, parágrafo segundo, establece a contía máxima de 6.000 euros por posto de traballo estable creado, agás que sexa ocupado por un mozo ou moza de 30 ou menos anos ou por unha muller, que poderá acadar a contía de 8.000 euros.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) propoñen que a excepción contemplada neste apartado estableza igual importe que figuraba  na orde do exercicio pasado, é dicir, 9.000 euros.













ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Artigo 5º. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 3 deste artigo establece que cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores ou traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.











ANEXO IV


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 5º. Subvención á creación directa de emprego estable.
O parágrafo terceiro do apartado 1 deste artigo establece que cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia propoñen que non se incentiven os contratos a tempo parcial, por entender que antes de calquera promoción do traballo a tempo parcial é necesario mellorar a súa regulación, de tal maneira que se favoreza unha maior protección dos dereitos e intereses das traballadoras e dos traballadores.










ANEXO V


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 8º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 2 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

Segunda.- Artigo 11º.- Incremento dos incentivos.
No apartado 1.b) deste artigo relaciónanse os colectivos considerados en situación ou en risco de exclusión social, establecéndose no sexto ítem o de “transexuais ou en proceso de reasignación sexual”.

A CEG considera que non se definen claramente as condicións ou características para obter a cualificación de persoa pertencente a un colectivo en risco de exclusión social, como é o caso dos transexuais ou en proceso de reasignación sexual.