ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2010

I. ANTECEDENTES

O día 24 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2010 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto de orde faise constar que o marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais, que no campo laboral convoca anualmente a Administración autonómica, está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, no seu artigo 4º, establece que as subvencións serán destinadas ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento das súas actividades.

As subvencións reguladas na referida orde son de tres tipos:
• Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2010.
• Programa II: Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.
• Programa III: Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 15 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 19 de novembro de 2008 (Ditame 52/08), obsérvase que foron tidas en conta a maioría das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

As principais modificacións do proxecto normativo remitido é a diminución do importe das axudas para o exercicio do 2010 (2.125.000€) con respecto ás destinadas ao ano 2009 (2.325.958 €) e a inclusión na lexislación de referencia do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei de subvencións de Galicia.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións finais.



O día 7 de abril de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración preliminar de carácter unánime e unha consideración xeral e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.


Contén así mesmo, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello: dúas consideracións xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).










DITAME 22/10






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de abril de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:









CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como, por exemplo, o uso do emprego das barras “o/a”, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 15º. Documentación.

No apartado c) deste artigo esíxese acompañar á solicitude unha fotocopia compulsada da tarxeta de persoas xurídicas co número de identificación fiscal.

Este Comité considera que debe admitirse tamén a posibilidade de fotocopia cotexada.

Segunda.- Artigo 16º.

Este Comité observa que este artigo carece de denominación, ao igual que a orde publicada no exercicio de 2009, propoñendo que se especifique un título.









ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.
No ditame desta norma para o exercicio de 2008, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestaron que non podían deixar de significar que persisten importantes diferenzas con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñían que se consignasen incrementos significativamente superiores ao IPC.

Malia isto, na orde do ano 2009 as cantidades orzamentadas eran idénticas ás do exercicio anterior en termos monetarios, polo que se producía unha diminución do seu importe, a efectos reais, na porcentaxe que medraba o IPC; diminución que se agrava co actual proxecto normativo, xa que neste se produce unha mingua, non só en termos reais senón tamén en termos monetarios (un total de 200.958 € menos).

Segunda.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais subliñan, tomando como referencia os últimos seis exercicios, que as axudas reguladas neste proxecto normativo viñan publicándose no DOG a comezos do mes de xaneiro, polo que consideran, que o retraso na publicación desta norma menoscaba as actuacións das centrais sindicais beneficiarias, poñendo en dúbida o propio obxecto da Orde, que non é outro que o de facilitarlles axudas económicas para as actividades que lle son propias e que se desenvolvan no ano 2010.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.- Artigo 18º. Resolución.
Este artigo segue establecendo que o prazo para a resolución das subvencións será de catro meses (no borrador da mesma orde en 2003 era de tres meses). Consideramos que este aumento do prazo non parece axeitado, pois retrasará aínda máis o proceso, polo que se propón que sexa de tres meses.

Segunda.- Artigo 19º. Forma de pagamento e xustificación.
Establece este artigo, no seu apartado 2, a posibilidade de librar anticipos, ata o 50% do total da contía da subvención, no momento en que se teña constancia por escrito da aceptación expresa pola organización beneficiaria da subvención concedida.

As organizacións sindicais que integran o Consello propoñen que o anticipo debería ser de maior contía, como ocorre con outras ordes (80% en Formación). Dado que os programas teñen por obxectivo subvencionar a actividade ordinaria e esta desenvólvese ao longo de todo o ano, deberíase habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos.


Terceira.- Artigo 20º. Compatibilidade e comprobación da aplicación das subvencións.
No segundo parágrafo deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2011 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2010 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2010.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de aportación documental, cando xa no artigo 16º se require, específicamente para este suposto, a aportación de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o artigo 15º).














ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2010.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, estase a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas –incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende, ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferenzas establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.


A exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outogarmento de subvencións a uns órganos de representación (de traballadores e traballadoras) con obxecto de que desenvolvan a súa función de interlocución social coa idoneidade técnica e profesional requerida.


A exposición de motivos polo tanto podería dar cobertura á regulación  nun plano total de igualdade, de idénticas subvencións ás organizacións empresariais, para que estas podan desempeñar as funcións de interlocución social e fomento da profesionalidade de tales organizacións e de creación de emprego.


Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais e que consideramos, salvando as distancias e diferenzas entre Comunidades, debera terse en conta por parte da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.



É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Asi mesmo, non podemos esquecer que se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.