ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DE AXUDAS EN MATERIA DE TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES DE GALICIA E SE CONVOCAN PARA O EXERCICIO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de marzo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen, modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan para o exercicio 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

En desenvolvemento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, a Consellería de Traballo publicou a Orde do 8 de setembro de 2008, pola que se establecían as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e, con posterioridade, mediante o Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego, desenvolvéronse as medidas de igualdade nas empresas de Galicia previstas no Título II da Lei 2/2007, motivo polo que se fai imprescindible publicar unhas novas bases reguladoras para as axudas referidas, modificando e refundindo as actuais para adaptalas a este novo decreto.

Polo tanto, esta orde ten por obxecto modificar e refundir as bases reguladoras da concesión das axudas dirixidas ao fomento da implantación de plans de igualdade, para a eliminación da infrarrepresentación feminina e para a garantía e mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral en pequenas e medianas empresas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 13 de agosto de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 25 de marzo de 2009 (Ditame 12/09), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo é substancialmente idéntico ao publicado no 2009, agás no relativo ás contías, que neste proxecto redúncense máis do 50% as partidas orzamentarias asignadas ás distintas actuacións e gastos subvencionables (artigo 4º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan para o exercicio 2010” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, vintesete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 7 de abril de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración preliminar e catro consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:
• 1 consideración xeral e 6 específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I)
• 1 consideración específica manifestada por UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo II)
• 1 consideración xeral e 1 específica manifestadas pola CIG (Anexo III)
• 2 consideracións específicas manifestadas polo SN. de CC.OO. de Galicia (Anexo IV)
• 2 consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo V) e
• 1 consideración específica manifestada pola CEG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo VI).




DITAME 23/10




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen, modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan para o exercicio de 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de marzo de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de abril de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:




CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-
Este Comité reitera as consideracións feitas nos Ditames 27/06, 5/08, 14/08, 15/08 e 33/08, todos eles relativos á mesma materia e perfectamente aplicables á orde que se somete a ditame.

Segunda.-
Este Comité considera que no conxunto da orde debería preverse un réxime de incompatibilidades e compatibilidades coas outras axudas existentes á contratación de persoas traballadoras.

Terceira.-
No Capítulo IV, relativo ás Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, regúlase, no artigo 13º, a contía das axudas.
Este Comité entende que non pode compararse o custo da creación ou habilitación dunha sala de repouso ou lactación, coa habilitación de servizos de comedor e gardería, para o cal considéranse insuficientes as contías máximas por entidade beneficiaria que figuran no referido artigo 13º: 20.000 € con carácter xeral ou 30.000 € para o caso de pequenas empresas.

Cuarta.-
Este Comité considera necesaria unha revisión do texto da orde para corrixir os erros de sintaxe.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No último parágrafo deste artigo establécese que o número máximo de convocatorias nas que se poderán solicitar estas axudas será de oito, aínda que o prazo de aplicación do plan de igualdade superase os oito anos.

Este Comité considera excesiva a cifra de 8 anos para o desenvolvemento dun Plan de Igualdade. Un Plan non debería superar os 4 anos entre a súa posta en marcha e a súa finalización, sen prexuízo de que algunha das medidas –por exemplo, aquelas que supoñan cambios arquitectónicos nas infraestruturas da empresa en cuestión- necesite dun abano algo máis amplo de tempo para o seu remate, pero nunca estendéndose máis aló de 6 anos.

Segunda.- Artigo 10º. Contía das axudas.
Este Comité considera que debería facerse un esforzo para incrementar o compromiso de contratación feminina esixido neste artigo, polo menos nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras. Tamén consideramos que o mínimo de contratación en cifras debería ser maior, tanto nas empresas de menos de 50 persoas traballadoras como nas de máis de 50.

Terceira.- Artigo 15º. Solicitudes e documentación.
No apartado 2.1 deste artigo, nos ítems 3, 4 e 8, e no apartado 2.2, nos ítems 5 e 7, solicítase copia compulsada de varios documentos na documentación xenérica. Este Comité considera que deberíase admitir a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Cuarta. Artigo 21º. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade. Este Comité considera que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.

Quinta. Artigo 21º. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo recóllese que o pagamento das axudas queda condicionado á presentación antes do 30 de outubro dunha documentación que se relaciona. Esta Comité entende que este prazo de presentación resulta de difícil ou imposible cumprimento.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos, unha vez máis, que é preciso vixiar o proceso de negociación dos plans de igualdade nas empresas, xa que temos constancia de que en moitos casos, non se conta coa participación da representación legal das traballadoras e dos traballadores en ningunha das fases de elaboración do mesmo, carecendo de información ao respecto da elaboración da diagnose e incluso das accións recollidas no plan, así como das axudas solicitadas para elaboralo e aplicalo.

Tendo en conta isto, consideramos preciso que un requisito para solicitar as axudas ás empresas para a implantación de plans de igualdade sexa asinar un acordo ou compromiso polas partes, que deberá ser incluído na documentación solicitada.

Por outra banda, consideramos necesario incluír como obrigatoria a solicitude dun informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan, e cremos que debería ser obrigatoria a constitución dun órgano de seguimento do plan coas organizacións sindicais, de xeito que poida ser informado das axudas solicitadas pola empresa, así como da aplicación do plan.

Finalmente, entendemos que debería ser de obrigado cumprimento pola empresa trasladar á representación sindical a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas, en calquera das tres liñas de subvención.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
Respecto das empresas ás que non lles será de aplicación a Liña I de axudas, ademais das que teñan unha obriga legal de implantar plans de igualdade, debería de excluírse tamén ás que teñan esta obriga por un convenio colectivo de ámbito superior á empresa.

Os plans de igualdade que se subvencionan deberían de ser os acordados coa representación legal do persoal e que prevexan a participación desta representación no seu desenvolvemento.

Segunda.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No apartado a) deste artigo consideráse gasto subvencionable a realización de estudos, análises ou diagnoses da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia consideramos necesario que estes estudos, análises ou diagnoses os realicen os departamentos de recursos humanos das empresas solicitantes, asesoradas, se procede, por unha consultora privada, pero nunca debe tratarse dun traballo realizado exclusivamente pola consultora, polo que debería eliminarse a posibilidade de subvencionar o 100% dos custos nestes casos.

Terceira.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
Consideramos que poderíase puntuar positivamente a aquelas empresas que, en lugar de contratar a unha consultora privada para elaborar o Plan de igualdade, contraten a unha persoa experta durante o tempo que dure a elaboración e posta en marcha dese Plan.

Tamén poderíase puntuar positivamente ás empresas que fagan uso do organismo oficial posto ao seu servizo para o desenvolvemento de medidas e plans de igualdade que recolle a Lei de igualdade.

Cuarta.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
En liña co anterior e tendo en conta o disposto no apartado d) deste artigo, que contempla como gastos subvencionables os derivados da contratación da empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na implantación e aplicación do plan de igualdade, consideramos que sería de grande axuda que o departamento da Consellería especializado en Igualdade elabore, para os efectos desta orde, un sistema de acreditación das consultoras efectivamente especializadas para o asesoramento en materia de igualdade.

Quinta.- Artigo 7º. Contía das axudas.
Con respecto á Liña I, apartado d), que establece que a contía da axuda acadará ata o 10% do importe satisfeito pola contratación da empresa ou entidade externa especializada en igualdade, consideramos que debe esixirse que a empresa contratada figure acreditada como consultora especializada polo organismo competente, de acordo co manifestado no último parágrafo da consideración cuarta deste anexo ao ditame, referida anteriormente.

Sexta.- Artigo 15º. Solicitudes e documentación.
No último ítem da Liña I, que esixe acompañar unha relación dos traballos semellantes realizados pola empresa nos tres anos anteriores, consideramos que a relación debería ser dos catro anos anteriores e esixirlle á empresa que estea provista da acreditación da Consellería como consultora especializada en temas de igualdade.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

O proxecto normativo sometido a ditame denomínase “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e se convocan para o exercicio de 2010”.

Os sindicatos UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia consideran que o título da orde debería especificar que estas axudas se dirixirán soamente ás pemes con domicilio social en Galicia.

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SINDICATO CIG:

Consideración xeral:

No capítulo II, relativo ás Axudas para a implantación de plans de igualdade, manifestamos, unha vez máis, a nosa desconformidade coa política de subvencións ás empresas para a elaboración destes plans, xa que ese podería converterse no seu principal obxectivo: beneficiarse dunha axuda económica, sen que os plans sexan un documento vinculante para a empresa e o cadro de persoal.

Consideración específica:

Nos parágrafos 2, 3, 4 e 5 do artigo 7º, debe obviarse calquera alusión aos centros de traballo de fóra de Galicia para determinar os importes das subvencións.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SINDICATO COMISIÓNS OBREIRAS DE GALICIA

Primeiro.- Artigo 3º. Beneficiarias.
O SN. de CC.OO. de Galicia considera que as entidades beneficiarias deberían ser unicamente aquelas empresas que teñan sede social en Galicia, e ningunha outra e que, ademais, esas beneficiarias terán que contar con máis do 10% do seu persoal contratado en Galicia.

Segunda.- Artigo 10º. Contía das axudas.
No relativo ao compromiso de contratación feminina, consideramos que debería ser maior e suxerimos a elaboración dunha listaxe segundo un baremo, que podería establecerse na orde ou incorporarse ao Plan de igualdade, en función do número de persoas traballadoras das empresas, desde 1 a 250. Por exemplo:

Empresas de ata 20 persoas traballadoras, 1 muller contratada.
Empresas de entre 20 e 40, 2 mulleres contratadas.
Empresas de entre 40 e 50, 3 mulleres contratadas.
Empresas de máis de 50, 4 mulleres contratadas, e así sucesivamente, ata 250 persoas traballadoras, entendendo que estas contratacións serán ao longo dun período de tempo que determine o Plan de igualdade.

ANEXO V

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
A CEG considera que a Liña I de axudas debería ampliarse a todo tipo de empresas como medida de estímulo á implantación de plans de igualdade.

Segunda.- Artigo 12º. Actividades subvencionables.
A CEG considera que debería contemplarse como actividade subvencionable a adaptación do centro de traballo para poder realizar teletraballo.


ANEXO VI

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 4º. Financiamento.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia lamentan a diminución do importe no financiamento destas axudas.