ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLO QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PARA O ANO 2002 DO PROGRAMA DE FOMENTO DA ESTABILIDADE E DA CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA DE COLECTIVOS DESFAVORECIDOS

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 do programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego , en data 18 de xuño de 2002 e con rexistro de entrada en data do 21 de xuño de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xullo de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen de seguido:

1.- Consideración de carácter xeral

En dictames anteriores este Comité xa manifestou a súa posición respecto da vixencia e prazos de solicitude das axudas que, en materia de contratación, dicte a Xunta de Galicia. Considérase preferible que sexa o ano natural no que se publican o de referencia para este tipo de axudas e que sexa á comezo de cada ano cando se publiquen as medidas, que poderían ter incluso carácter plurianual.

2. Artigo 6.c) Exclusións

Este apartado exclúe das axudas previstas nesta norma ós traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato.

Este Comité considera que esta exclusión non debería funcionar cando a finalización do contrato indefinido non fose imputable ó traballador, como sucede no caso de despido improcedente ou despido por causas obxectivas.

Polo tanto, PROPONSE facer unha salvedade no apartado para aqueles traballadores que, rematando o seu contrato, tal finalización non lles sexa imputable.

4. Artigo 14.2. Resolución e recursos

Este artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, neste caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

A PROPOSTA consiste na substitución da forma “poderá entenderse”, por “entenderase”.


ANEXO I
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA, S. N. DE CCOO E MAILA CIG


1.- Consideración de carácter xeral

Como unha consideración xeral, non ligada directamente a esta Orde pero si incidente de xeito indirecto na mesma, e que as organizacións sindicais que integran este Comité Delegado incorporarán no futuro ós dictames dende aquí emitidos, solicítase a Xunta de Galicia, a través dese departamento que ten asumidas as competencias en materia de emprego e política laboral, que inste ó goberno central para que retire o RDL 5/2002, de 24 de maio, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección do desemprego e mellora da ocupabilidade, por entender que se trata dunha norma imposta polo executivo, que obviou a capacidade de diálogo e concertación social dos axentes económicos e sociais.

2.-Avaliación das solicitudes

As organizacións sindicais que forman parte deste Consello queren face-la seguinte consideración de carácter xeral sobre a avaliación das solicitudes: “As organizacións sindicais con presencia no Consello propoñen que en todas aquelas normas referentes a liñas de axuda para o fomento do emprego se faga constar expresamente que, unha vez publicada a norma correspondente, pechada a convocatoria, recibidas as solicitudes e puntuadas polas comisións de avaliación correspondentes, os comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación laboral ou, no seu caso, o Comité Autonómico, informen os distintos proxectos con carácter previo e preceptivo á resolución definitiva, establecendo as prioridades de cada un deles. Polo demais, esta consideración está en coherencia coas funcións asignadas a estes órganos no seu Decreto de creación”.

ANEXO II
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)


1.-Artigo 1.1. Obxecto e finalidade

A CEG considera que, ó delimita-las axudas a traballadores que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, estase a impoñer unha nova restricción á contratación, xa que non contempla parte dos colectivos que a norma estatal si inclúe.

A PROPOSTA da CEG é a de que a medida se estenda a calquera colectivo, podéndose, non obstante, incidir especialmente nos colectivos máis desfavorecidos

2.- Artigo 4.1. Beneficiarios

A CEG considera así mesmo que neste apartado estase a impoñer unha nova restricción, xa que as contratacións teñen que estar incluídas nun plan de estabilidade de empresas, tendo en conta, ademais, o reducido dos prazos para a realización dos mesmos e a inseguridade que representa o feito da súa tardía publicación.

En consecuencia, PROPONSE eliminar esta condición.

3.- Artigo 5. Requisitos

A) Artigo 5. a)
Respecto deste apartado, a CEG considera que o establecemento dunha taxa de estabilidade impón novas restriccións á contratación.

PROPÓN a eliminación da taxa de estabilidade, que tampouco fixa a norma estatal.

B) Artigo 5. b)
Neste apartado establécense as baixas de traballadores que non serán tidas en conta ós efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal.

A CEG PROPÓN engadir unha causa máis de baixa a non incluír no cómputo: a baixa producida por subrogación empresarial

C) Artigo 5. c)
Respecto do establecido neste apartado, a CEG PROPÓN que non se teña en conta para a determinación do incremento neto do emprego total da empresa ó persoal temporal, xa que esto excluiría, na práctica, a determinados sectores, como a construcción ou a hostaleira, afectados por altos índices de temporalidade debido as peculiaridades da actividade

4.-Artigo 6.e) Exclusións

A CEG considera moi negativa a restricción establecida neste apartado, xa que engade limitacións á contratación, sobre todo as pequenas e medianas empresas, nas que dificilmente, a pesar das subvencións, vanse contratar por tempo indefinido a traballadores non contratados previamente pola empresa.


ANEXO III
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA E MAILA CIG


Este sindicato considera necesario a avaliación previa polo Comité Autonómico de Emprego das ordes relativas ás políticas de emprego.

Ademais, polos datos dos que se dispón, os resultados obtidos con estas medidas son negativos, dado que o obxectivo principal de reduci-la taxa de precariedade e aumentar o emprego non se acadou, senón todo o contrario, polo que se considera conveniente unha reorientación das políticas activas de emprego.

ANEXO IV
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLO S. N. DE CCOO DE GALICIA


1.-Declaración de carácter xeral sobre as medidas de fomento da estabilidade

En relación coas medidas de fomento da estabilidade, esta organización sindical quere face-las seguintes consideracións:
7. A política de subvención á contratación indefinida é un elemento necesario, pero non suficiente para elimina-la precariedade. Por iso, é preciso encetar medidas conxuntamente cos incentivos.
8. A aplicación da normativa vixente por parte das administracións é outro dos piares imprescindibles. Neste senso, é necesario que, no marco das súas competencias, sexan estas absolutamente belixerantes. É por iso que:
· A Xunta de Galicia ten que ter un comportamento exemplarizante no seu papel de empregador, mantendo en tódolos seus ámbitos de actuación unha estabilidade por riba da requirida, no seu conxunto e en cada un dos departamentos, organismos autónomos e empresas públicas. Este papel debe necesariamente implicar unha drástica diminución da precariedade evitando que colectivos en precario exerzan funcións estructurais e transformando estes postos de traballo en postos de estructura contemplados nas diferentes R.P.T.
· A Xunta de Galicia ten que ter, tamén, un comportamento exemplarizante cara a fora. Por iso, non debe establecer relacións contractuais con aquelas empresas que teñan índices de precariedade por riba das presentadas nestas medidas. Non parece lóxico que as empresas ás que se lles veta o acceso ás medidas de fomento da contratación polo seu alto índice de precariedade, se lles permita o acceso ós contratos da Xunta. Neste senso, cómpre establece-lo límite mínimo de persoal fixo das empresas contratantes no que se fixa nas Ordes de Estabilidade.
· Tense que establecer no Servicio Público de Emprego, Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación e no Comité Autonómico de Emprego procedementos que permitan, desde o momento do seu rexistro, detectar aquelas contratacións que teñan visos de fraude para o seu traslado para unha acción inspectora.
· Débese crear unha comisión na que estean presentes as diferentes consellerías con competencias en materia de estabilidade no emprego (Familia e Xustiza), conxuntamente coa Inspección de Traballo Seguridade Social e os axentes sociais na que se planifique, se faga o seguimento e se presenten propostas dun plan galego de loita contra o fraude na contratación.

5. A Consellería de Familia debe en relación coas medidas de fomento da estabilidade:
· Facer cegar do xeito máis directo posible, a través da súa rede de Oficinas de Emprego, ás empresas as medidas de fomento do emprego de tal xeito que exista unha comunicación o máis directa posible entre quen toma a decisión de contratar e o persoal da Consellería para garanti-la meirande eficacia destas.
· Así mesmo parece necesario establecer procedementos que poden ser similares ó procedemento de aprobación das prestacións por desemprego, que permitan que o tempo que transcorre entre a solicitude da subvención e o seu cobro sexa o menor posible, impedindo así que ocorran situacións como as destes anos nos que hai expedientes que despois de máis de seis meses, e nalgúns casos, doce meses, non existe ningunha constancia por parte da empresa solicitante da súa xestión.

2.-Artigo 2.2. Ámbito de aplicación

Ós efectos do establecido neste apartado, este sindicato cree que deben considerarse como desempregados os traballadores con contrato temporal inferior a 12 horas semanais.  

3.- Artigo 3.1.a) Colectivos desfavorecidos

En relación con este apartado, esta organización sindical quere introducir algunhas modificacións, co obxecto de potenciar a incentivación daquelas titulacións, universitarias ou de formación profesional, que teñen máis dificultades para entrar no mercado de traballo.

En consecuencia, PROPONSE redactar o apartado a) do seguinte xeito: “….e titulados universitarios ou de formación profesional de 25 a 29 anos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado relacionado coa súa titulación.

4.- Artigo 5.a) Requisitos

Neste apartado establece que a taxa de estabilidade da empresa no momento da contratación deberá ser igual ou superior ó 50%.

Este sindicato PROPÓN que a taxa de estabilidade sexa alomenos igual a media de Galicia, é dicir, do 62,1%.

5. Artigo 17.2. Incompatibilidades e concorrencia

Este precepto establece a incompatibilidade entre as axudas previstas nesta Orde e as establecidas na Orde de fomento da contratación indefinida con orixe en plans empresariais.

Este sindicato considera que xa que se trata en ámbolos dous casos de axudas baseadas en plans de estabilidade, a exclusión non debería funcionar e PROPÓN a posibilidade de compatibilizar estas subvencións nunha contía do 50% coas de plans de estabilidade.