ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DAS PERSOAS TRABALLADORAS, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES


O día 6 de abril de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, con carácter de urxencia, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo indica a exposición de motivos, no deseño da política de incentivos á contratación para o ano 2010 tense presente o contexto económico financeiro marcado pola recesión económica. Para paliar os efectos desta crise nas empresas galegas, dinamizando o mercado de traballo e perseguindo unha mellora da calidade do emprego e das relacións laborais en Galicia, refúndense nunha única orde os incentivos á contratación por conta allea, actuando en tres direccións: subvencionando a contratación indefinida de determinados colectivos de persoas desempregadas con dificultades de inserción laboral, a transformación de contratos temporais en indefinidos, e a contratación temporal dirixida a lograr a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras en risco de exclusión social e para conciliar a vida persoal e laboral.

Para o presente ano ten lugar unha redefinición dos colectivos beneficiarios últimos da axuda.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto das Ordes publicadas no DOG os días 15 e 16 de xaneiro e 3 de marzo de 2009 e os ditames emitidos polo Consello con datas 1, 2, 11 e 23 de decembro de 2008, obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial nos ditames 56/08, 59/08, 64/08 e 69/08.

O novo proxecto normativo ten a súa base no xa ditaminado no presente exercicio por este Consello o pasado 5 de marzo co número 8/10 e contén as seguintes modificacións:

O obxecto desta orde é o establecemento das bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das persoas traballadoras e proceder á convocatoria para o ano 2010, coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos traballadores e das traballadoras con maiores dificultades e dos incentivos á contratación temporal coa finalidade de favorecer a inserción laboral das persoas traballadoras que presentan desvantaxes e dificultades para reincorporarse ao mercado de traballo e para fomentar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a través de tres programas: programa de fomento da contratación indefinida inicial (Anexo A); programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos (Anexo B) e programa de incentivos á contratación temporal (Anexo C) (artigo 1º).

Establécense as definicións de persoa desempregada, persoa desempregada de longa duración, persoa desempregada que esgotase as prestacións por desemprego, persoas desempregadas mozos e mozas sen cualificación e persoa traballadora desfavorecida, así como de microempresa, transformación de contrato temporal en indefinido, taxa de estabilidade, custo salarial e concello rural, para os efectos desta orde. A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fora recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 2º).

Poderán ser beneficiarios desta orde os empregadores e as empresas que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 3º).
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas, incluídas as solicitudes polas contratacións subvencionables que se realizaran entre o 16 de setembro de 2009 e a data da publicación da orde, rematará o 30 de xuño de 2010 (artigo 5º).

A competencia para resolver as solicitudes corresponderalles aos xefes e ás xefas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería cando a contratación se realice para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia e á persoa titular da dirección xeral de Promoción do Emprego cando as contratacións se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados en varias provincias ou cando a solicitude se realice pola contratación indefinida de 20 ou máis persoas traballadoras (artigo 4º).

Polo que se refire ao procedemento de concesión, non é de concorrencia competitiva dado que polo seu obxecto e finalidade non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento (artigo 7º), sendo o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de seis meses (artigo 8º).

Con respecto aos créditos asignados a esta orde establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima destes, ampliación que estará condicionada á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo (Disposición adicional cuarta).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das persoas traballadoras, cofinanciado polo fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, quince artigos, catro disposicións adicionais, unha transitoria, dúas disposicións derradeiras e tres anexos.


O día 12 de abril de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e trece específicas de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I), polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II), pola organización UGT-Galicia (anexo III); polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo IV) e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo V).


DITAME 25/10


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das persoas traballadoras, cofinanciado polo fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de abril de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de abril de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité non pode ditaminar os anexos que se citan no proxecto normativo posto que non foron remitidos, xunto con este, para ditame deste organismo.

Segunda.
Este Comité observa algún erro no uso da linguaxe en materia de xénero: por exemplo, artigo 2º.1.f)-ítem sexto (menores internos); artigo 2º.2, segundo parágrafo (demandante de emprego; artigos 3º e 11º (título do artigo); Anexo A, base décima.2 (traballadores).

Igualmente este Comité considera que o uso das barras “o/a” non é solución a máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que recomenda a súa substitución (ex.: Anexo A, sexta.2 e Anexo B, cuarta.2).

Terceira.
Este Comité propón unha revisión lingüística do texto do proxecto da orde conforme ás Normas morfolóxicas e ortográficas da Real Academia Galega (por exemplo, no terceiro parágrafo da exposición de motivos utilízase incorrectamente a expresión “aplicación das mesmas”).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
No apartado 3 deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión do programa que se regula neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse que se inclúa no artigo ou nunha disposición adicional como ven recollido nos proxectos normativos ditaminados ultimamente por este organismo (por exemplo, na disposición adicional primeira da orde reguladora das iniciativas locais de emprego).

Segunda.- Artigo 2º. Definicións.
O apartado 1.f) deste artigo define como persoas traballadoras desfavorecidas a aquelas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, figurando no quinto ítem o de “Persoas que abandonasen o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral e transexuais ou en proceso de reasignación sexual”.

Este Comité considera que os dous colectivos referidos deben figurar en ítems separados, dado que se trata de situacións persoais dispares que non teñen que compartir necesariamente trazos en común.
Terceira.- Artigo 3º. Beneficiarios.
Neste artigo utilízase a letra j), que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.
Igualmente, como xa se manifestou na consideración xeral segunda, referida anteriormente, consideramos que o título debería respectar a diferenza de xénero.

Cuarta.- Artigo 5º. Solicitudes de prazo.
No apartado 2 deste artigo fíxase o 30 de xuño de 2010 como remate do prazo para a presentación das solicitudes de axudas.

Este Comité suxire que, en vez dunha data concreta, se fixe un prazo axeitado, o máis amplo posible que permita a presentación de solicitudes ao longo de practicamente todo o exercicio.

Esta consideración reitérase para os prazos establecidos nos anexos desta orde.

Quinta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de 6 meses.  Este Comité considera este prazo excesivo e propón que sexa de 3 meses.

Neste sentido, de acortarse o prazo de resolución gañaríase un trimestre que permitiría ampliar o prazo de presentación de solicitudes, polo menos, ata o 30 de setembro de 2010.
Sexta.- Artigo 9º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Sétima.- Artigo 9º. Modificación da resolución de concesión.
Este Comité considera que a referencia neste artigo á obtención de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes debería facerse respecto de axudas e subvencións “para a mesma finalidade”, debendo engadirse ao texto a expresión entre comiñas.

Oitava.- Artigo 15º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose no apartado e) as empresas en crise.

Este Comité considera incorrecto este apartado dado que as “empresas en crise” non é un sector.

Novena.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións finais.

Décima.- Anexo A.
Este Comité observa que as bases cuarta e quinta non figuran neste anexo, considerando que existe un erro na numeración.

Décimo primeira.- Sexta.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos incentivos as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décimo segunda.- Anexo A. Sétima
Nesta disposición sinálase que a documentación que acompañará á solicitude se aportará en orixinal ou copia compulsada.

Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.

Igual consideración formúlase respecto dos anexos B (quinta) e C (cuarta).


Décimo terceira.- Anexo A. Oitava
No apartado 3 desta disposición alúdese á resolución declarativa de procedencia de reintegro”. Este Comité considera que debe dicir “resolución firme declarativa de procedencia de reintegro”.

Esta consideración reitérase para o Anexo B-sexta.3 e para o Anexo C-quinta.3.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

CONSIDERACIÓN XERAL
A CIG ven defendendo e manifestandose reiteradamente nos ditames deste Comité Delegado sobre a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, en liña co manifestado polo conxunto das organizacións sindicais máis representativas en varias propostas unitarias (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), arredor dos seguintes eixes:
•        As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
•        Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.
•        Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.
A Orde que agora ditaminamos parece querer avanzar nun destes criterios, en concreto o de destinar as axudas a colectivos específicos. Sen embargo, este aparente avance queda moi mediatizado pola amplitude e diversidade de colectivos definidos no artigo 2, polo que practicamente volve a dar carácter xeral ás subvencións, e en consecuencia o posible efecto selectivo resulta seriamente danado.
Por outro lado, temos que avaliar negativamente que os relativos avances producidos en anos anteriores en canto ao establecemento de plans empresariais de estabilidade laboral e a esixencia dun determinado nivel de taxa de estabilidade para que a empresa poidese acceder a incentivos, resultan eliminados para o exercicio de 2010.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS

Primeira.- Artigo 10º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.


Segunda.- Anexo A. Novena.
Esta disposición, nos seus apartado 1, 2, 3 e 4, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de tres anos a computar desde a data de realización da contratación.

A CIG considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.

Terceira.- Anexo A. Décima.
En concordancia coa consideración anterior, proponse que o prazo de dous anos, establecido no segundo punto desta disposición, pase a ser de tres anos.









ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Anexo A. Segunda. Requisitos.

O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.













ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA:

Exposición de motivos.
No cuarto parágrafo da exposición de motivos, na referencia ao Acordo acadado na Mesa 1 do Diálogo Social en Galicia, figura a expresión “accións específicas dirixidas a acelerar o ritmo de creación de postos de traballo, fundamentalmente estables, e de calidade..”.

A organización sindical UGT-Galicia considera que debe eliminarse o termo “fundamentalmente”, debendo dicir “ ... postos de traballo estables e de calidade..”.












ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Anexo A. Sétima.
No apartado 4 desta disposición esíxese acompañar á solicitude orixinal ou copia compulsada dos documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que non debería esixirse esta documentación posto que existe un convenio de colaboración coa Seguridade Social e xa obra en poder da Administración.









ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Anexo B. Primeira.
No apartado 1, letra a) desta disposición establécese que serán subvencionables ao abeiro do programa “as transformacións de contratos temporais en indefinidos que se formalizasen desde o 16 de setembro de 2009 ata a data de publicación desta orde”.

Deberíase clarificar a redacción pois podería darse a interpretación que a data do 16 de setembro se refire á data de formalización do contrato temporal que se transforma e non á data de formalización da transformación. Neste senso propoñemos a seguinte redacción alternativa “as transformacións, que se formalizasen desde o 16 de setembro de 2009 e ata a data de publicación desta orde, de contratos temporais en indefinidos”.

Por outra parte, na letra b) do mesmo precepto establécese a subvención das transformacións de contratos temporais en indefinidos que se formalizasen desde a data de publicación desta orde e ata a data de finalización do prazo de solicitude, sempre que o contato temporal obxecto de transformación estivese vixente no momento de publicación desta.

Consideramos que para unha maior eficacia da medida debería modificarse a redacción para ampliar esta no senso de admitir as transformacións de contratos temporais celebrados con posterioridade á data de publicación da Orde, pois do contrario exclúese da posibilidade de incentivo aquelas transformacións de contratos de duración determinada que non estivesen vixentes no momento da publicación, situación que provocaría que habería que esperar á orde do vindeiro ano, para poder, no seu caso, acceder ao incentivo”.