ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL (EIL) COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de marzo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos establécese que no capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral.

Esta orde, desenvolve o mencionado capítulo, establecendo un programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e anunciando a súa convocatoria para o ano 2010.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No artigo 2º establécese a normativa aplicable para as solicitudes, tramitación e concesión das subvencións reguladas nesta orde.

O artigo 3º, relativo ás entidades beneficiarias, establece, nos seus apartados 3 e 4, as circunstancias que impiden obter a condición de entidade beneficiaria.

No artigo 5º, que regula os contratos de traballo subvencionables, establécense (apartado 2) as persoas traballadoras que non poderán ser contratadas.

O artigo 7º, apartado 3, ao respecto da subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social, establece que, en ningún caso, poderán subvencionarse máis de 24 mensualidades.

No artigo 8º, que regula a subvención pola contratación de persoas a cargo da xerencia ou persoal técnico, increméntase a contía, que pasa a calcularse sobre 36 mensualidades, cun límite máximo de 24.000€ (apartado 1), dispoñéndose no apartado 3 que esta subvención poderá percibirse unha soa vez por cada empresa de inserción laboral.
Igualmente, increméntase a contía máxima da subvención pola contratación de persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción, establecéndose no artigo 9º que será de 6.000€ por persoa traballadora en proceso de inserción, sen que, en ningún caso, poida superar os 24.000€.

Polo que respecta á subvención financeira (artigo 11º) esta consistirá nunha redución de ata 4 puntos do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo (antes era de 6 puntos e 1 de mínimo), calculándose a axuda sobre os oito primeiros anos de vixencia deste. Como mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme ao establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dispoñendo o artigo 19º que se consideran gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e que se considera gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

No artigo 20º establécese que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona (antes era o 50% do custo salarial anual).

Establécese, como novas obrigas da entidade beneficiaria, a de realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención e xustificalo ante o órgano concedente al igual que o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos (artigo 21º, apartados 1, 2 e 7).

Finalmente, engádese unha disposición transitoria dispoñendo a obriga das empresas de inserción laboral de adoptar, antes do 31 de decembro de 2010, as medidas axeitadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e cinco artigos, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 13 de abril de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración preliminar, unha consideración xeral e doce específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime: tres consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e unha consideración específica manifestada pola CIG (anexo II).







DITAME 26/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de abril de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar (tense recibidos dez proxectos de orde para ditame entre os días 15 e 17 de febreiro).


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como por exemplo, o uso reiterado do masculino xenérico (artigos 4º, 5º e 8º ) e o emprego das barras “o/a” (artigos 5º, 7º, 10º, 16º e 19º), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. - Artigo 6º.- Actuacións subvencionables.
O número 6 menciona a "creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral” como unha das actuacións que poden ser obxecto das axudas reguladas na orde.

Este Comité considera que, tendo en conta a forma en que o artigo 12º desenvolve este tipo de accións, na súa definición no artigo 6º debería xa relacionarse expresamente co investimento en inmobilizado material ou intanxible.

Segunda.- Artigo 7º.- Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
De acordo co apartado 4 deste artigo, o 30 de abril de 2010 remata o prazo de solicitude de axudas para aquelas contratacións subvencionables que se realicen desde outubro de 2009 e ata setembro de 2010.

Este Comité propón que, en lugar dunha data concreta, se estableza un prazo axeitado a partir do día seguinte ao da publicación da norma.



Terceira.- Artigo 9º.- Subvención pola contratación de técnicos en orientación e acompañamento á inserción.
Como xa se manifestou na consideración xeral, referida anteriormente, o título deste artigo debe dicir “persoal técnico” para respectar a neutralidade de xénero.

O apartado 4 deste artigo impón a obriga de que o persoal técnico en accións de orientación posúa unha titulación universitaria axeitada aos labores a realizar.

Este Comité considera que neste precepto deberían especificarse concretamente cales titulacións se consideran axeitadas para os efectos da orde.

Cuarta. - Artigo 11º.- Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.

Quinta. - Artigo 16º.- Documentación.
Dispón este artigo que as solicitudes deberán presentarse acompañadas de orixinal ou copia compulsada da documentación que se especifica.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Sexta. - Artigo 16º.- Documentación.
O apartado 2, letra a) deste artigo esixe, no terceiro item, a presentación xunto coa solicitude dos Boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2) e documento bancario de transferencia acreditativo do pagamento das mensualidades xa aboadas.

Este Comité pon de manifesto que non entende a mención deste precepto á transferencia bancaria. Para o caso de que se refira aos salarios, hai que sinalar que o seu pagamento pode levarse a cabo por outros medios distintos á trasferencia bancaria; no suposto de que aluda ao pagamento das cotizacións á Seguridade Social, cómpre recordar que este realízase como un cargo en conta e non vía transferencia.

Igual consideración reitérase respecto do artigo 19º. B. b), segundo ítem.

Sétima.- Artigo 18º.- Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece o prazo de seis meses para resolver e notificar, computándose desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera este prazo excesivamente longo, polo que reitera a súa proposición de que se reduza a tres meses.


Oitava.- Artigo 19º.- Xustificación e pagamento.
No apartado 5 deste artigo esíxese ás empresas beneficiarias a presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión, ou de ser o caso, ata o 31 de outubro do 2010.

Este Comité propón a substitución da expresión “de ser o caso” pola de “en todo caso”, máis correcta.

Novena.- Artigo 20º.- Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prohibe que os incentivos regulados no proxecto normativo podan superar, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que estes límites deberían figurar expresamente na orde, polo que propón que se especifiquen no texto do artigo.

Décima.- Artigo 21º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 7 deste artigo establece que as entidades beneficiarias deben conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poida ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Este Comité considera que debería especificarse un prazo ou o tempo durante o cal se deben conservar estes documentos.

Décimo primeira.- Artigo 22º.- Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo indícase que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Decimo segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Nas ordes publicadas en anteriores convocatorias establecíase que “Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as entidades promotoras das empresas de inserción laboral ... e as empresas de inserción laboral, ...”. No proxecto de orde agora ditaminado só aparecen como entidades beneficiarias “as empresas de inserción laboral”. A CEG considera que non se xustifica a exclusión das “entidades promotoras das empresas de inserción laboral” e, polo tanto, deberían aparecer como entidades beneficiarias, igual que nos exercicios anteriores.

Segunda. - Artigo 7º.- Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
No apartado 2 deste artigo establécese que a contía máxima da subvención será o 50% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora, reducíndose proporcionalmente á duración da xornada.

A CEG considera que esta contía debería aumentarse a unha porcentaxe do salario mínimo interprofesional superior á que figura no proxecto normativo.

Terceira. - Artigo 11º.- Subvención financeira.
Segundo o apartado 2 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Artigo 20º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios á contratación non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidadea, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.