ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL E DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de marzo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas, como socios e socias traballadores/as ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio. Así mesmo, preténdese mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto último de manter o seu emprego.

Os programas de promoción do cooperativismo establecen axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, incluso na fase previa a súa constitución formal, fomentándose, especificamente, o acceso á condición de socios e socias traballadores/as para incentivar a plena integración na empresa cooperativa e establecéndose axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de febreiro de 2009 (Ditame 7/09), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

As axudas e subvencións establecidas neste proxecto de orde regúlanse a través de cinco programas: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (Programa I); mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais (Programa II); impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica (Programa III); fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora (Programa IV) e actividades de promoción (Programa V). As bases establecidas nesta orde teñen vixencia ata o 2013 inclusive (artigo 1º).

Determínase a distribución dos créditos por programas, indicándose que os programas I e II atenderanse con fondos finalistas, os programas III e V co Fondo Social Europeo (80%) e fondos propios (20%) e o programa IV con fondos propios libres (artigo 3º).

O prazo xeral de presentación de solicitudes dos programas I, III e IV finalizará o 1 de xullo de 2010, respectándose os prazos específicos establecidos no anexo I das bases. Polo que se refire aos programas II e V o prazo será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG (artigo 4º).

Establécense criterios obxectivos de valoración das solicitudes, específicos para cada programa (Anexo I).

O órgano competente para resolver todas as solicitudes será a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar (artigo 7º) e o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, antes do 31 de outubro de 2010, da documentación requirida (artigo 8º).

Modifícanse o apartado 2 da base primeira, relativa ao programa I, dirixido ao fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, respecto dos colectivos que se relacionan no seu punto 1, así como o apartado 3, respecto das contías.

Modifícase a base segunda, relativa ao programa II, de mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais, respecto da subvención financeira, regulada no apartado 3, establecendo que o importe máximo da axuda poderá alcanzar o custo total dos gastos financeiros sen superar 18.000€ por entidade (antes o importe máximo da subvención era de 3.000€ por socio ou socia traballadora ou de traballo).

Modifícase a base terceira, relativa ao programa III, de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, respecto das accións subvencionables, engadíndose que poderán ser obxecto de subvención a profesionalización e cualificación empresarial, mediante axudas á contratación de persoal de dirección ou xerencia, apoio ás cooperativas que presten servizos de natureza social e á comunidade e axudas á formación empresarial.  

Modifícase a base cuarta, relativa ao programa IV, de fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora,  respecto da contía da axuda, que se incrementa en 500€, e regulándose, como novidade, catro criterios de avaliación.

Finalmente, modifícase a base quinta, relativa ao programa V, de actividades de promoción do cooperativismo, considerándose como actividades subvencionables a organización de actividades de fomento da cultura preventiva e para mellora da seguridade e saúde laboral das persoas socias e traballadoras, así como a formación específica en materia de prevención de riscos laborais.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, quince artigos, tres disposicións adicionais e dúas derradeiras e un anexo coas bases reguladoras de cada un dos cinco programas de axudas.

O día 13 de abril de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración preliminar, tres consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración específica manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I)  e dúas consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (Anexo II).




DITAME 27/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de abril de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar.




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera necesario que se recolla no proxecto normativo, en relación ao Programa V, o establecido no artigo 11º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro Xeral de Subvencións, que di literalmente: “as persoas membros asociadas da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte do plan de formación en nome e por conta desta terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias”.

Segunda.

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como, por exemplo, o uso reiterado do masculino xenérico (por exemplo, no Programa III) e o emprego das barras “o/a” (por exemplo, na exposición de motivos, artigos 1º, 2º e 4º), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.




Terceira.

No ditame 7/09, este Comité consideraba positiva a diferenciación do programa de fomento da prevención de riscos laborais no cooperativismo e, aínda tendo en conta que no programa V deste proxecto normativo se fai mención á actividade preventiva, consideramos que debería manterse a regulación de forma singular do programa VII (fomento da prevención de riscos laborais no cooperativismo).

No mesmo sentido, consideramos que debería manterse a regulación específica do programa VI (apoio ás cooperativas que prestan servizos de natureza social e á comunidade), que neste proxecto normativo se inclúe no programa III.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que poderíase engadir na exposición de motivos un novo parágrafo alusivo á situación socioeconómica que se está a vivir na actualidade como consecuencia da crise, que está a afectar ás empresas e cooperativas participantes da economía social e, en consecuencia, á xeración de emprego nestas.


Segunda.- Artigo 2º. Persoas e entidades beneficiarias.
O apartado 1, letra d), deste artigo establece que poderán acollerse ás subvencións reguladas nesta orde as persoas desempregadas e as que realicen unha xornada inferior á habitual.

Este Comité considera que tamén se debería incorporar como beneficiarias a aquelas persoas que traballan e figuren de alta no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de mellora de emprego, dado que poden existir persoas que queren crear a súa propia empresa de economía social pero non teñen os apoios necesarios.

En todo caso, propoñemos establecer unha orde de prioridade na que as persoas desempregadas serían o colectivo prioritario, seguido das persoas demandantes de mellora de emprego.

Terceira.- Artigo 3º. Financiamento e normativa reguladora.
Este Comité considera que as políticas de apoio ao cooperativismo son absolutamente incompatibles coa drástica diminución do orzamento, que pasou de 3.309.598€ en 2009 a 2.509.931€ previstos para este ano.

Cuarta.- Artigo 4º. Solicitudes, prazo e documentación.
Dispón o apartado 2 deste artigo que as solicitudes deberán presentarse acompañadas da copia compulsada do DNI do solicitante.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.



Quinta. Artigo 4º. Solicitudes, prazo e documentación.
Este Comité considera que os prazos establecidos neste artigo 4º deberían ser comúns a todos os programas regulados no proxecto normativo.

Sexta. Artigo 7º.- Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.
Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Sétima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Oitava.- Base Primeira.- Programa I
No apartado 2.1. desta disposición aparece a letra j. Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que propón a súa substitución pola que corresponda.

Novena.- Base Segunda.- Programa II
No apartado 5.2.a) utilízase a expresión “subvencións nacionais”. Este Comité considera que, para evitar confusión interpretativa, o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

O apartado 2.1.j), ítem 11, refírese, dentro dos colectivos beneficiarios, a persoas traballadoras desempregadas por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos Traballadores...

A Confederación de Empresarios de Galicia non comprende o motivo de non incluír nesta disposición ás persoas traballadoras desempregadas por mor da causa prevista no apartado a) do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores (ineptitude anterior descoñecida).

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- ANEXO I. BASE PRIMEIRA. PROGRAMA I. BENEFICIARIOS/AS.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia propoñen unha nova redacción para o apartado 2.1: “ Poderán acollerse ás axudas previstas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo ás persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego pertencentes aos colectivos prioritarios no ámbito de todas as políticas activas de emprego xestionadas pola Xunta de Galicia, acordados na xuntanza da Mesa 1 do Dialogo Social:

.    -     Persoas desempregadas de longa duración.
- Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego.
- Persoas desempregadas de máis de 45 anos.
- Mozos e mozas
- Vítimas de violencia de xénero
- Persoas con discapacidade
- Persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social
- Mulleres.

Aos efectos destas políticas, entenderanse por persoa desempregada de longa duración aquela que, na súa data de alta no correspondente réxime de Seguridade Social, estivera sen traballo e acreditara un período de inscrición ininterrompido como desempregada de 180 días se fose menor de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade e de 360 días se fose maior de 25 e menor de 45 anos.

Enténdese por mozos e mozas aquelas persoas ata 30 anos.

Así mesmo, inclúense no grupo de persoas desempregadas as que pertencen aos seguintes colectivos en risco de exclusión social:

a) Persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia ou aquelas que non poidan acceder a ela, ben por falta do período esixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

b) Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados .

c) Persoas internas de centros penintenciarios cuxa situación penitenciaría lles permita acceder a un emprego, así como persoas en situación de liberdade condicional ou ex-reclusos e ex-reclusas que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

d) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral.

e) As persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítimas de violencia de xénero que, por proceder de recursos específicos de acollida ou por calquera outra circunstancia, implique especiais dificultades de inserción laboral

f) Persoas que abandonaran o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral.

g) Transexuais ou en proceso de reasignación sexual.

h) Persoas menores internas incluídas no ámbito de aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, cuxa situación lles permita acceder a un emprego, así como as persoas que estean en situación de liberdade vixiada e ex-reclusos e ex-reclusas.

i) Persoal que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

l) Persoas traballadoras inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade cuxas características condicionen a súa integración social.

m) Persoas emigrantes retornadas con graves necesidades persoais ou familiares.

n) Persoas que forman parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.


Segunda. ANEXO I. BASE CUARTA. PROGRAMA IV: Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.
Propoñemos unha nova redacción para o primeiro punto do apartado 2 desta disposición:
“Serán beneficiarias as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego pertencentes aos colectivos prioritarios  no ámbito de todas as políticas activas de emprego xestionadas pola Xunta de Galicia e acordado na xuntanza da Mesa 1 do Dialogo Social (especificadas na nova redacción para o  2.1 do ANEXO I. BASE PRIMEIRA. PROGRAMA I. APARTADO 2: Beneficiarios/as) , que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa.

E tamén serán beneficiarias as persoas asalariadas das sociedades cooperativas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo”.