ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN AS BASES QUE SE REXERÁ A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACCIÓNS DE ORIENTACIÓN, FORMACIÓN E INSERCIÓN LABORAL DIRIXIDAS A INMIGRANTES E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de marzo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se regulan as bases que se rexerá a concesión de subvencións para a realización de accións de orientación, formación e inserción laboral dirixidas a inmigrantes e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo figura que esta orde pretende ser un instrumento útil para favorecer a incorporación ao mercado de traballo da poboación inmigrante residente na nosa Comunidade, mediante a realización de accións tales como planificación e programación de itinerarios profesionais de inserción que permitan o seu acceso ao mercado laboral, a realización de itinerarios formativos personalizados, formación en competencias laborais que se axusten ás necesidades do mercado de traballo na nosa Comunidade ou levar as accións formativas a zonas nas que se detecte un número elevado de poboación inmigrante, con necesidades formativas específicas provenientes tanto da oferta como da demanda.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se presenta a ditame e do mesmo cabe salientar:

O obxecto deste proxecto é convocar, en réxime de concorrencia competitiva (artigo 12º), a concesión das subvencións para a realización das accións de orientación laboral e de mellora da empregabilidade dirixidas a promover a acollida, a integración e o esforzo educativo das persoas inmigrantes da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 1º), para conseguir a súa integración laboral a través da realización das accións incluídas dentro dun itinerario integrado de orientación laboral e de mellora da empregabilidade (artigo 2º). Considérase persoas destinatarias da axuda á poboación inmigrante en Galicia, tanto persoas desempregadas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas ocupadas (artigo 3º).

A contía da subvención poderá alcanzar o 100% do custo do programa (artigo 7º) e será a suma dos importes presupostados polos conceptos relacionados no artigo 8º do proxecto normativo:
- os custos salariais e de seguridade social do persoal necesario para a realización da acción de integración laboral;
- os gastos de axudas de custo e desprazamento deste persoal e das persoas demandantes que participen no programa;
- os gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación das persoas desempregadas participantes no programa;
- os gastos de amortización de materiais e equipos técnicos necesarios para impartir a formación e
- os gastos xerais, materiais e técnicos, co límite do 25% do custo total do proxecto, que se detallan na letra e) do apartado 1 deste artigo 8º.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG (artigo 10º), correspondéndolle á súa tramitación á Subdirección xeral de Colocación e a resolución á persoa titular da Dirección xeral de Formación e Colocación (artigo 12º). O prazo de resolución e notificación dos expedientes será de tres meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro.

Permítese realizar pagamentos anticipados de ata o 80%, cando a subvención non supere os 18.000 € e, cando sexa de maior importe, poderá concederse un anticipo adicional do 10%, sendo a data límite para a liquidación o 30 de novembro de 2010 (artigo 14º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan as bases que se rexerá a concesión de subvencións para a realización de accións de orientación, formación e inserción laboral dirixidas a inmigrantes e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, catro disposicións adicionais e dúas finais.


O día 16 de abril de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración preliminar, catro consideracións xerais e dezanove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 28/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se regulan as bases que se rexerá a concesión de subvencións para a realización de accións de orientación, formación e inserción laboral dirixidas a inmigrantes e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de marzo de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de abril de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar.



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

A pesares de que este Comité observa unha correcta redacción en materia de xénero en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, como, por exemplo, o uso do masculino xenérico (por exemplo, no Título e no contido do artigo 3º e artigos 6º.1 e 8º.1.a) e o emprego das barras “o/a” (por exemplo, nos artigos 6º.2 e 12º e na disposición adicional terceira).

Segunda.

Obsérvase que non se remitiron para ditame xunto co proxecto normativo os anexos que se citan no proxecto de Orde, polo que non poden ser considerados por este Comité.

Terceira.

Este Comité considera que o obxecto desta orde podería ser discriminatorio para o colectivo de inmigrantes, entendendo que as persoas inmigrantes deberían incluírse en calquera acción de mellora da empregabilidade.

Na medida en que o colectivo destinatario das axudas son as persoas inmigrantes en Galicia, ben desempregadas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia ben persoas ocupadas, deberían estar en igualdade de situación xurídica con respecto ao resto da poboación e non se comparte que exista unha orde específica que non aporte nada especial para que sexa tratado como colectivo diferente, polo que esta orde podería supoñer unha discriminación para as persoas inmigrantes.

Cuarta.

Este Comité propón eliminar do texto do proxecto normativo  toda referencia á Renda Activa de Integración Social de Galicia dado que as persoas beneficiarias desta xa teñen os seus propios itinerarios de inserción laboral.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira. Artigo 3º. Destinatarios.
Reitérase a solicitude de corrección do título e do contido do artigo para respectar a diferenza de xéneros, como se indicou na consideración xeral primeira.

Segunda. Artigo 6º. Obxectivos.
Considera este Comité que se debería rebaixar a porcentaxe do 20% de obxectivos de inserción laboral das persoas desempregadas participantes no programa (como establece o apartado 1) e establecer un obxectivo de inserción máis flexible en función da evolución do mercado laboral.

Terceira. Artigo 6º. Obxectivos.
Tendo en conta os prazos e o período de resolución da orde e a data probable da súa publicación, este Comité considera que debería ampliarse o prazo de execución do programa ata o 30 de novembro para poder executar as accións.

Cuarta. Artigo 8º. Gastos imputables.
No apartado 1.a) indícanse que a subvención está destinada a cubrir os custos salariais e de seguridade social do persoal necesario para a realización da orientación e/ou formación das acción.
Este Comité considera que deberíase especificar os requisitos e o perfil que debería posuír o persoal que vai realizar estas accións.

Quinta. Artigo 8º. Gastos imputables.
En consonancia co establecido no epígrafes a), d) e e) do apartado 1 deste artigo, este Comité considera que nos epígrafes b) e c) tamén debería establecerse un límite porcentual do custo total.

Sexta. Artigo 8º. Gastos imputables.
En función do establecido nos apartados 2 e 3 deste artigo respecto dos criterios de publicidade e difusión das accións, este Comité considera que estes apartados deberían regularse nun artigo independente como se establece noutras ordes.

Sétima.- Artigo 8º. Gastos imputables.
No apartado 3 establécese que os dereitos de explotación dos proxectos e produtos financiados cederanse á Dirección xeral de Formación e Colocación. Este Comité suxire que se permita á entidade solicitante deixar os proxectos e produtos financiados no dominio público non comercial.

Oitava.- Artigo 9º. Requisitos da solicitude.
No apartado 3.a) detéctase un erro no último ítem dado que a referencia ao artigo 5º debería ser ao artigo 6º.

Novena.- Artigo 9º. Requisitos da solicitude.
Dispón nos apartados 3.b) e d) deste artigo que as solicitudes deberán presentarse acompañadas de documentación compulsada.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Reitérase esta consideración para os artigos 13º.a) e b) e 14º.b)

Décima. – Artigo 9º. Requisitos da solicitude.
No apartado 6 requírese que as solicitudes se presente segundo os modelos oficiais normalizados. Este Comité considera que debería substituírse esta expresión pola de Anexo I, en consonancia co establecido no artigo 1º desta orde.

Décimo primeira.- Artigo 11º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité considera que deberíase puntuar, ao igual que nos demais programas de concorrencia competitiva, o uso do idioma galego no desenvolvemento das accións.

Décimo segunda.- Artigo 11º. Criterios de valoración dos programas.
No apartado a) establécese como criterio de valoración a calidade e adecuación cos obxectos e resultados previstos e as metodoloxías e ferramentas empregadas. Este criterio valórase ata 20 puntos. Este Comité considera que deberíase concretar máis este criterio pola súa ambigüedade, dado que é o que máis puntuación outorga e pode dar lugar a discrecionalidade.

Décimo terceira.- Artigo 11º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité suxire o cambio, no apartado b), da expresión “presión migratoria” por “taxa migratoria” por ser máis axeitada.


Décimo cuarta.- Artigo 11º. Criterios de valoración dos programas.
Consideramos que deberíase substituír o disposto no apartado c) polos colectivos definidos na normativa do FSE na “Contribución á integración sociolaboral”.

Décimo quinta.- Artigo 11º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité suxire o cambio, no apartado d), da expresión “onde se desenvolverán” por “onde está previsto desenvolver”.

Décimo sexta.- Artigo 12º. Procedemento de concesión de subvencións.
O apartado 6 deste artigo establece que a resolución e notificación dos expedientes producirase nun prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro.

Este Comité considera que, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, este prazo debería comezar a contar desde o remate do prazo para presentar as solicitudes.

Décimo sétima.- Artigo 18º. Réxime de compatibilidade.
Neste artigo indícase que as subvencións a que se refire o programa serán compatibles con calquera outra que poida percibirse para a mesma finalidade proveniente de organismos ou institucións de carácter privado ou público, nacionais ou internacionais.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”, tendo en conta ademais que no artigo 7º utilízase “estatais”.

Décimo oitava.- Artigo 19º. Participación institucional.
Este Comité solicita que se concrete en que consiste esa participación e o mecanismo de información ás organizacións que fan parte do Comité Autonómico de Emprego.

Décimo novena.- Disposición adicional segunda.
Neste artigo indícase que a concesión das subvencións publicaranse na páxina web oficial. Este Comité considera que deberíase indicar o enderezo da páxina web da consellería no que se publiquen as mencionadas subvencións.