ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN E CONVOCAN PARA 2010 AXUDAS DE CARÁCTER EXTRAORDINARIO A TRABALLADORES E TRABALLADORAS AFECTADOS POR SITUACIÓNS DE ESPECIAL DIFICULTADE COMO CONSECUENCIA DE PROCESOS DE REESTRUTURACIÓN DE EMPRESAS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA QUE SUPOÑAN A EXTINCIÓN DOS SEUS CONTRATOS.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de marzo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se regulan e convocan para 2010 axudas de caracter extraordinario a traballadores e traballadoras afectados por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia que supoñan extinción dos seus contratos, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese ao compromiso da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, de apoio a aqueles traballadores e traballadoras que procedan de sectores que sufran procesos industriais recesivos, e que leven consigo o efecto negativo na actividade productiva e no emprego.

Por esta razón, o obxectivo da presente convocatoria é conceder determinadas axudas sociais a traballadoras e traballadores que despois de ver extinguidos os seus contratos de traballo con motivo de procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresas, debido á actual situación de crise, se atopan nunhas circunstancias nas que reincorporarse a un posto de  traballo lles resulta moi difícil ou imposible.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 27 de novembro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 25 de agosto de 2009 (Ditame 20/09), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

A presente orde ten por obxecto outorgar axudas, de carácter extraordinario, a persoas traballadoras afectadas por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia derivados da actual situación de crise, que supoñan o cese total ou parcial da actividade empresarial, e que a extinción dos seus contratos de traballo deriven de expedientes de extinción colectiva das relacións laborais autorizados pola Autoridade laboral, sendo a finalidade das axudas compensar economicamente a estas persoas naquelas situacións nas que non acaden niveis de cobertura adecuados, introducíndose a particularidade de protección ás persoas traballadoras nas que concorran condicións especiais que impidan ou dificulten a súa reinserción laboral e sempre que as axudas non teñan como finalidade a prexubilación (artigo 1º).

O orzamento destas axudas é de 100.000 euros fronte aos 125.360 euros da convocatoria anterior (artigo 2º) e o prazo de presentación de solicitudes é dun mes desde a publicación da orde no DOG (artigo 3º).

As axudas poderán ser solicitadas de xeito individual directamente polas persoas traballadoras ou por unha persoa que as represente, ou en nome dun colectivo e de forma conxunta, pola propia empresa ou representantes elixidos polas persoas beneficiarias, sempre que figure a autorización destas para ese trámite conxunto, tendo en conta que as persoas beneficiarias serán sempre os traballadores e traballadoras afectados (artigo 5º).

Polo que respecta ao importe das axudas, cando a solicitude presentada sexa para un colectivo de persoas beneficiarias, a contía concedida, de ser inferior ao importe total solicitado, poderá distribuírse de xeito proporcional aos importes solicitados para cada persoa do referido colectivo (artigo 6º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan e convocan para 2010 axudas de caracter extraordinario a traballadores e traballadoras afectados por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia que supoñan extinción dos seus contratos” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 16 de abril de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración preliminar, dúas consideracións xerais e oito específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo).





DITAME 29/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan e convocan para 2010 axudas de carácter extraordinario a traballadores e traballadoras afectados por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia que supoñan extinción dos seus contratos, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de marzo de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de abril de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar.

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.
Do conxunto da Orde dedúcese que existe un amplo marxe de discrecionalidade para que a Administración conceda, determine importes, etc. Esta discrecionalidade resulta agravada por canto as axudas se conceden en réxime de concorrencia competitiva pero non se establecen os criterios de valoración, dito isto sen prexuízo do criterio deste Comité respecto ao artigo 3º, no sentido de que estas axudas non deberían concederse en réxime de concorrencia competitiva.

Así mesmo, deberíanse establecer unhas variables máis concretas que permitiran saber se hai dereito a presentar unha solicitude, o alcance económico que terían as axudas, ou que se entende por niveis de cobertura adecuados (artigo 1º).

O efecto desta discrecionalidade resulta máis grave aínda na medida en que a dotación orzamentaria é moi escasa e claramente insuficiente, dada a multiplicidade de expedientes extintivos que se están presentando, incluso neste proxecto redúcese con respecto ao exercicio de 2009.

Segunda.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, como, por exemplo, o uso do masculino xenérico (por exemplo, no último ítem do artigo 5º) e o emprego das barras “o/a” (por exemplo, na exposición de motivos, artigo 8º.1 e Disposición Adicional),


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira: Artigo 3º. Convocatoria e prazos.
Tendo en conta que a convocatoria das axudas é para o ano 2010, este Comité considera que establecer soamente un mes de prazo deixaría sen a cobertura destas axudas a todas as persoas que se vexan afectadas pola situación descrita no artigo 1º nos restantes once meses do ano, producíndose así un agravio comparativo con outras persoas beneficiarias nas que concorran idénticos supostos de feito.

Proponse que o prazo de solicitudes sexa o máis extenso posible, para o que é necesario que non se resolvan as solicitudes en réxime de concorrencia competitiva, réxime que consideramos resulta contraditorio co carácter destas axudas.

Segunda.- Artigo 5º. Presentación de solicitudes e documentación.
Neste artigo menciónase a posibilidade de que as axudas poidan ser solicitadas pola empresa. Para maior seguridade xurídica, este Comité considera que debería concretarse a responsabilidade da empresa, así como as obrigas que asumiría esta no caso de que actúase como solicitante, pois a normativa reguladora do réxime de subvencións equipara a  figura da persoa solicitante á de beneficiario/a, cando do proxecto de Orde se desprende que neste caso non é así, xa que a empresa, en ningún caso, vai recibir a  axuda.

Terceira.- Artigo 5º. Presentación de solicitudes e documentación.
Neste artigo esíxese a presentación, xunto coa solicitude, dunha memoria explicativa na que se farán constar, de xeito detallado, os motivos polos que se solicitan as axudas, o número de persoas traballadoras afectadas, etc.

Este Comité considera que esta memoria soamente debería esixirse no caso de que sexa unha empresa a que presente a solicitude.

Cuarta: Artigo 6º: Importe das axudas.
A pesares do disposto no apartado 1, o contido deste artigo non concreta que cantidade pode chegar a percibir unha persoa traballadora e, aínda que iso dependa das circunstancias de cada caso, este Comité considera que sí se debería establecer unha cantidade mínima e unha máxima.

Quinta: Artigo 6º: Importe das axudas.
No apartado 5, último punto, establécese o seguinte: “Así mesmo, as persoas beneficiarias que percibisen indemnizacións pola rescisión dos seus contratos, deberán capitalizar estas indemnizacións para este fin, minorando así o importe a achegar pola Administración”.

Este Comité propón a eliminación do referido entre comiñas, posto que considera que o que establece entra en colisión co obxecto da Orde.




Sexta: Artigo 6º: Importe das axudas.
O apartado 6 deste artigo establece que “o importe total das axudas percibidas para a mesma causa non poderá superar o custo total da acción obxecto de subvención”.

Este Comité considera que debería suprimirse o referenciado entre comiñas, por canto non se corresponde co contido da Orde.

Sétima: Artigo 8º. Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese que “o prazo para resolver e notificar a concesión de axudas será de dous meses”. Este Comité considera que debería concretarse desde que momento comezaría a computarse o mencionado prazo.

Oitava: Artigo 11º. Modificación da resolución de concesión.
A referencia que contén este artigo de que toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, e, eventualmente, á súa revogación, pode entrar en colisión co establecido no artigo 6º, apartados 4 e 5.

Este Comité propón que se redacten dun xeito coherente os dous artigos referidos (artigo 11º e artigo 6º, apartados 4 e 5).


ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o obxectivo destas axudas debería ser dobre; por un lado, a protección social das persoas traballadoras canalízase a través dunha axuda económica, pero a cambio diso, e co fin de facilitar a reincorporación ao mercado laboral das persoas traballadoras beneficiarias das axudas contempladas neste proxecto normativo, propoñemos que se comprometan a participar nun itinerario activo de inserción para o emprego e realicen as distintas actuacións que se determinen polo Servizo público de emprego correspondente, de modo que se cumpra así este dobre obxectivo: a protección social e a reinserción laboral.