ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA SUFRAGAR OS GASTOS DE ORGANIZACIÓN INTERNA E FUNCIONAMENTO DAS ENTIDADES ASOCIATIVAS DE TRABALLADORES AUTÓNOMOS, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2010.

I. ANTECEDENTES

O día 14 de abril de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que o traballo autónomo constitúe un sector de importancia fundamental na creación de emprego e riqueza e no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

Neste contexto, esta orde establece por primeira vez na Comunidade Autónoma de Galicia axudas para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento, infraestrutura e mantemento das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer á súa estrutura.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se presenta a ditame.

O obxecto deste proxecto é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva (artigo 12º), un programa de axudas destinado a sufragar os gastos de organización e funcionamento das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a conseguir o cumprimento dos fins que lle son propios (artigo 1º). Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades asociativas de traballadores autónomos de carácter intersectorial e cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexan de ámbito estatal (artigo 3º).

Poderá subvencionarse ata o 80 % dos gastos subvencionables que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionada realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de outubro de 2010 (gastos de persoal, arrendamentos de locais, servizos profesionais independentes, primas de seguros, publicidade e propaganda…), sendo, en todo caso, o 20 % restante por conta da entidade beneficiaria e a contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 40.000 € (artigo 6º).

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG (artigo 9º), correspondéndolle á súa tramitación e resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego (artigo 8º). O prazo de resolución e notificación dos expedientes será de seis meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación (artigo 14º).

O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, ou se é o caso, ata o 15 de novembro de 2010, da documentación, en orixinal ou copia compulsada, que se esixa de forma expresa nela. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado en 15 días de forma extraordinaria e por causas debidamente xustificadas (artigo 15º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, catro disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 30 de abril de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e doce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 30/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de abril de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de abril de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son conceptualmente dunha excesiva flexibilidade e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñemos que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións cooperativas.

Segunda.

Este Comité observa algún erro no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, como o uso do masculino xenérico, por exemplo, na exposición de motivos e nos artigos 11º.f), 12º, 15º e 17º.

Terceira.

Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa vixente para a escrita da lingua galega, especialmente nas enumeracións nas que se utiliza a letra j (en todo o documento) e a k (no artigo 11º), letras que non son propias do alfabeto galego, considerando que deben substituírse polas seguintes que correspondan.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. – Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
No apartado 1 establécese que poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e “non sexan de ámbito estatal”.

Este Comité considera que a expresión “non sexan de ámbito estatal” debería substituírse por “non sexan de ámbito superior ao da comunidade autónoma”.

Segunda. Artigo 4º. Requisitos das entidades beneficiarias.
No apartado d) deste artigo indícase como requisito das entidades beneficiarias o de “ter sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñer dunha oficina ou delegación permanente nela”.

Este Comité considera que, en coherencia co disposto no apartado 1º do artigo 3º, debería eliminarse a expresión “ou delegación”, sendo o requisito o de “dispoñer dunha oficina permanente na Comunidade Autónoma”.

Terceira.- Artigo 5º. Gastos subvencionables.
No apartado 2.a) establécese que poderán concederse subvencións para o financiamento dos gastos de persoal, excepto as indemnizacións por despido e xubilacións anticipadas.

Este Comité considera que as subvencións para gastos de persoal deberían acotarse, limitándose ao salario base e ás cotizacións sociais, non sendo subvencionables outros gastos como horas extras e complementos persoais.

Cuarta. - Artigo 5º. Gastos subvencionables.
No apartado 2.h) deste artigo establécese que serán subvencionables as cotas tanto de subscrición a publicacións e inscrición en actividades como as aboadas por pertenza a outras asociacións nacionais e internacionais.

Este Comité considera que non ten sentido que con fondos públicos se subvencionen as cotas de afiliación a entidades de ámbito superior. Tal é así que neste propio artigo, no apartado 3.2º, faise exclusión expresa dos gastos que en concepto de prestación de servizos se abonen a entidades asociativas nas que este integrada a entidade solicitante.

Quinta. - Artigo 5º. Gastos subvencionables.
No apartado 2.h) utilízase o termo “nacionais”, considerando este Comité que, para evitar confusión interpretativa, debería substituírse por “estatais”, tal e como figura no artigo 17º.c).

Igual consideración formúlase respecto do artigo 16º.2 e do 18º.

Sexta. - Artigo 6º.- Contía das subvencións.
No apartado 3.b) deste artigo indícase que para as solicitudes que non obteñan a puntuación máxima adxudicarase unha contía en proporción á súa puntuación.


Este Comité considera que debería especificarse como vai ser ese reparto proporcional necesario para puntúar as solicitudes ou establecer o baremo que se aplicaría ás entidades solicitantes cando non se obteña a puntuación máxima, co fin de evitar a discrecionalidade.

Sétima.- Artigo 11º. Documentación.
No apartado 1 establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada da documentación que se indica. Este Comité solicita que se admita tamén a copia cotexada.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 15º.

Oitava.- Artigo 13º. Criterios de valoración.
No apartado 1.a) establécese que se outorgan ata 40 puntos polo número total de asociados e asociacións integradas na entidade solicitante.

Este Comité considera que isto se debería xustificar a través de certificación e declaración responsable do representante legal da entidade solicitante, para evitar posibles falsificacións.

Novena.- Artigo 14º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera este prazo moi longo e propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, a contar desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva.
Décima.- Artigo 17º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Decimo primeira.- Artigo 21º. Seguimento e control.
Este Comité ven manifestándose en moitos ditames acerca da necesidade de incluír o principio de control público entre as disposicións de proxectos normativos que regulen subvencións públicas.

Neste sentido, valórase positivamente a inclusión dun artigo que regula expresamente o seguimento e control, suxerindo este Comité que se xeralice esta práctica normativa e regular o seguimento e control nun artigo concreto e non nunha disposición adicional como se ven facendo noutros proxectos normativos.

Decimo segunda. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.