ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DE PLANS DE FORMACIÓN INTERSECTORIAIS E SECTORIAIS DIRIXIDOS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS MEDIANTE A SUBSCRICIÓN DE CONVENIOS DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/718/2008, DE 7 DE MARZO, POLA QUE SE DESENVOLVE O REAL DECRETO 395/2007, DE 23 DE MARZO, POLO QUE SE REGULA O SUBSISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO, EN MATERIA DE FORMACIÓN DE OFERTA E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS AO SEU FINANCIAMENTO

O día 30 de abril de 2010 recibiuse no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual da persoa traballadora.

As axudas previstas no proxecto de orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (nun 80%) e pola Administración Xeral do Estado e están incluídas no Programa Operativo Plurirrexional  “Adaptabilidade e Emprego”, imputables ao novo período de programación dos fondos estruturais 2007-2013.

Á vista do borrador remitido, obsérvase que o proxecto normativo integra nun único texto as subvencións para plans intersectoriais e sectoriais, regulados de forma independente no exercicio de 2009 (DOG do 30/09/09 e do 28/10/09, respectivamente), ditaminados polo Consello con data 24 de xullo de 2009 (Ditame 18/09) e 9 de setembro de 2009 (Ditame 22/09). Obsérvase que foron tidas en conta algunhas consideracións das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto presenta poucos cambios respecto ás ordes publicadas para o exercicio de 2009 reguladoras das subvencións para plans sectoriais e intersectoriais.

Do contido do proxecto normativo destácase o seguinte:

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria elévase a 29.000.000 € dos que a cantidade de 26.535.000€ figura nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2010  e con cargo ao ano 2011 a cantidade de 2.465.000 €. Este importe será obxecto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo nun 80%.

As subvencións terán como finalidade financiar os plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e poderanse executar desde o 1 de maio de 2010 ata o 30 de abril de 2011, debendo estar xustificados todos os gastos no prazo de 1 mes desde o seu remate (artigo 3º).

O alumnado deberá  realizar o módulo en materia de igualdade agás  que acredite documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite a formación de duración igual ou superior a 10 horas (artigo 4º).


O alumnado que teña xa cursado algún dos módulos da Dirección Xeral de Formación e colocación relacionados no artigo 4º, non poderán volver a realizalo.
Os módulos transversais deberán impartirse ao final da acción formativa salvo que debido a circunstancias excepcionais debidamente xustificadas o autorice previamente a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e colocación (artigo 4º).

Na modalidade de teleformación e a distancia programarase como mínimo un control periódico de aprendizaxe cada 10 horas de formación ou fracción, entendendo como fracción cada unidade inferior ou igual a 10 horas. En todas as modalidades programarase un control mínimo por módulo formativo (artigo 4º).

A comisión de valoración estará composta polo/a subdirector/a xeral de Formación para o Emprego, que a presidirá, e serán vogais dúas persoas que sexan técnicos da Dirección Xeral de Formación e Colocación, unha das cales actuará como secretario ou secretaria (artigo 15º).

Dentro dos criterios de valoración, como novidade, establécese que a certificación do sistema de xestión de calidade ISO 9001 ou plan de mellora EFQM, se se achegase, valorarase con 5 puntos (artigo 16º).

No artigo 19º establécese que, dado que as axudas do programa regulado nesta orde están cofinanciadas polo FSE, na resolución de concesión informaráselle á entidade beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das entidades beneficiarias, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que se publicará conforme ao previsto no artigo 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 .



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.



O día 21 de maio de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e dezasete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e máis a Confederación de Empresarios de Galicia.  

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polos sindicatos UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola CEG (Anexo I) e dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola CEG (Anexo II).



DITAME 32/10





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de abril de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de maio de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que deberían formalizarse convenios plurianuais coas organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia para o desenvolvemento de plans de formación.

Segunda.
Obsérvase que non se remitiu para ditame xunto co proxecto normativo o anexo de prioridades que se cita no proxecto de Orde, polo que non pode ser obxecto de ditame.

Terceira.
Este Comité observa algún erro no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, como o uso dos barras, por exemplo, nos artigos 18º.2, 19º.1 e 21º..



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos
Na Exposición de motivos cando se relacionan as distintas normas que fundamentan esta orde, deberían mencionarse tamén o Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o Réxime de Subvencións e Axudas Públicas da Comunidade Autónoma Galega e o Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo que desenvolve a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Debería citarse tamén a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en Igualdade das mulleres de Galicia.

Segunda. - Artigo 4º. Accións formativas.
No segundo parágrafo do apartado 1, sinálase que: “As accións formativas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”. Este Comité considera que debería quedar redactado do seguinte xeito: “As accións formativas, agás que respondan a unha unidade de competencia ou a un título recoñecido cunha duración maior, non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”.

Terceira. - Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 3 establécese que se poderán financiar dentro das accións formativas módulos de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

Este Comité considera que debería de incluírse, ademais dos que figuran no citado apartado, un módulo de prevención de riscos laborais.

Cuarta. - Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 5, ao establecer as modalidades de impartición das accións formativas, figura “distancia convencional”. Este Comité considera que esta expresión deberíase substituír pola de “a distancia”.

Por outra parte, este Comité suxire unha nova redacción do parágrafo terceiro deste apartado 5: “As accións formativas presenciais poderán organizarse en grupos cun máximo de 25 participantes e un mínimo de 8, agás autorización expresa do/a Director/a xeral de Formación e Colocación por causas debidamente xustificadas. Nas accións de formación a distancia (incluídas as desenvolvidas mediante teleformación) disporase, como mínimo, dunha titora ou titor por cada 80 participantes. Nestas modalidades non se aplicará un mínimo de alumnos/as para o seu inicio. Nas accións mixtas respectaranse os citados límites, segundo a respectiva modalidade.” Esta nova redacción leva incorporado o que figura no último parágrafo do punto 5, polo que este quedaría suprimido.

Quinta.- Artigo 5º. Participación dos traballadores/as.
No apartado 1.g) faise referencia aos coidadores non profesionais nos ámbitos de servizos de atención ás persoas dependentes.

Este Comité considera que na futura distribución sectorial das accións formativas amparadas por esta orde se debería ter en conta o desenvolvemento da normativa de atención á dependencia e a previsible eclosión dun número moi elevado de persoas coidadoras non profesionais.


Sexta.- Artigo 5º. Participación das persoas traballadoras.
No apartado 2.2 establécese que “a taxa de participación das mulleres no conxunto de cada plan formativo deberá ser de, polo menos, 5 puntos porcentuais superior á taxa xeral de ocupación feminina no correspondente ámbito...”. Debería engadirse: “sempre que isto sexa posible pola demanda das mulleres en cada plan formativo”.

En calquera caso, este Comité considera que nun punto que establece colectivos prioritarios non se deberían establecer obrigas senón tan só prioridades.

No apartado 3 debería de incluírse entre os módulos que se poderían financiar nas accións formativas, un módulo de prevención de riscos laborais ademais dos de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

Sétima.- Artigo 7. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 1 debe substituírse a expresión “a formación será gratuíta” pola de “a formación non terá custo económico”.

No apartado 3, cando se establecen os requisitos para a obtención do diploma, non consta na modalidade presencial en qué apartado se inclúen os módulos optativos (sensibilización ambiental e alfabetización informática), polo que se descoñece como se vai computar o 75% de tempo de aproveitamento.




Oitava.- Artigo 8º. Bolsas e axudas.
No apartado 1, figura que será requisito imprescindible que o curso teña unha duración determinada, debendo especificarse que a citada duración é soamente na modalidade presencial.

Así mesmo, este Comité considera que no apartado 5.3, no que se especifica o que se entende por unidade familiar, deberíase eliminar a referencia ao matrimonio, suprimíndose as expresións “en caso de matrimonio” e “en defecto de matrimonio”.  
Novena.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.
No apartado 2 alúdese a que se considerará unicamente a aquela solicitante que ostente a maior representatividade na comunidade autónoma.

Este Comité considera que a expresión correcta é que se considerará unicamente a aquela que teña un ámbito territorial máis amplo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Décima.- Artigo 11º.
Este Comité considera que o prazo axeitado para a presentación de solicitudes debe ser de 45 días dende o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

No proxecto de orde remitido a este Comité Delegado obsérvase un erro dado que este artigo non posúe título.



Decimo primeira.- Artigo 12º. Solicitudes.
No apartado 4 figura a  documentación que deberá acompañar á solicitude, propoñendo este Comité a seguinte redacción:” A documentación que deberá acompañar aos anexos da solicitude, cando non estea xa en poder da Administración, é a seguinte:”.

Así mesmo, este Comité considera que nos apartados a) e b) se debería poder optar pola presentación de fotocopia compulsada ou cotexada. Esta consideración pódese aplicar tamén nos artigos 21º e 23º.3.

Decimo segunda. - Artigo 16º. Criterios de valoración.
No apartado a, polo que se refire aos contidos das accións formativas, indícase que terán maior valoración as accións formativas incluídas no Anexo III da Orde. Este Comité suxire que a relación de accións aparecidas no citado anexo sexa tida en conta de forma orientativa e non prioritaria.

Por outra banda, no apartado d) valórase: “o emprego da lingua galega na realizacións das accións formativas”. Este Comité considera que debería substituírse o termo “realización” por “desenvolvemento”.

Decimo terceira.- Artigo 18º. Módulos económicos máximos.
No apartado 4 debería engadirse ao final a expresión seguinte: “...ou requiran equipamento especializado de custo elevado”.

Decimo cuarta.- Artigo 19º. Resolución.
No apartado 4 establécese que “poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderase instar”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituír a expresión “poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude” por “instarase á entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude”.

Decimo quinta.- Artigo 23º. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
No apartado 5 indícase que a subcontratación requirirá autorización previa do/a Director/a xeral de Formación e Colocación. Este Comité considera que deberíase substituír a autorización previa por unha comunicación previa.

No segundo parágrafo deste apartado 5 se indica que a contratación de persoal docente non se considerará subcontratación. Este Comité considera que en lugar de “persoal docente” debe figurar “servizos docentes”.

No apartado 11 deste artigo 23º, deberían engadirse ao final as fórmulas matemáticas de cálculo dos dous rateos.

Decimo sexta.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 4.b) establécese que dentro do primeiro cuarto do curso e sempre que non supere os 10 días seguintes ao inicio da acción formativa, hai que remitir unha serie de documentación. Este Comité considera que deberíase suprimir a expresión subliñada.

Neste mesmo apartado 4.b) esíxese remitir copia da póliza de seguros contratado. Este Comité suxire que sería suficiente con enviar a póliza de todo o plan e non de cada acción formativa concreta, no caso de que se subscriba dese xeito.

Así mesmo, respecto do texto que figura último ítem do apartado 5.f), “Resultado obtido. Sendo traducida a calificación a: Superado/Non superado” este Comité considera que deberíase substituir a referida expresión pola de “Resultado acadado”, suprimíndose o que figura a continuación do punto.

Finalmente, este Comité considera que no apartado 11 debería de modificarse a obriga de velar por que todo o alumnado dunha acción formativa reciba a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele para que o alumnado reciba o mesmo número de horas.

Decimo sétima.- Disposición adicional primeira.
Nesta disposición establécese que a realización das accións formativas estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os anos 2010 e 2011.

Este Comité considera que existe un erro na redacción xa que os orzamentos xerais para o ano 2011 aínda non están aprobados.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CEG.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que a eliminación do termo “máis”, en canto aos beneficiarios referido á representatividade, contravén o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, sen menoscabo das resolucións xudiciais emitidas neste sentido.

Artigo 15º. Proposta de resolución.

No apartado 6 deste artigo 15º, relativo á composición da comisión de valoración, debería de contemplarse a participación da Fundación Galega de Formación para o Traballo.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG.

Primeira.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.
No apartado 1.d), deberíase clarificar se estes requisitos son excluíntes ou, pola contra, teñen que realizarse todos e cada un deles.

Así mesmo para o caso das entidades creadas ao abeiro da negociación colectiva sectorial debe redactarse do seguinte xeito: “entidades con capacidade para participar na negociación colectiva” dado que deste modo poderían concorrer aquelas entidades con lexitimación para participar na negociación. A acreditación destas condicións debe figurar no artigo 12º como requisito para as solicitudes.

Segunda.- Artigo 23º. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
Polo que se refire ao apartado 11, a normativa debería aclarar no apartado primeiro rateo, cando se considera un alumno iniciado, en todas e cada unha das modalidades, ademais debería deixar claro se o módulo transversal débese ter en conta ou non para considerar a un alumno iniciado.

A normativa debería aclarar no apartado segundo do segundo rateo, cando un alumno se considera finalizado, facendo referencia a se un alumno finalizado e un alumno con dereito a diploma é o mesmo; debería deixar claro se un alumno para ser finalizado debe ter realizado o módulo transversal ou non.

A normativa debería deixar claro que significa dar de baixa a un alumno no curso e en que momento débese realizar a mencionada baixa.