ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROCEDEMENTO DE ABOAMENTO DE COTAS Á SEGURIDADE SOCIAL A TRABALLADORES E TRABALLADORAS QUE PERCIBISEN A PRESTACIÓN POR DESEMPREGO NA SÚA MODALIDADE DE PAGAMENTO ÚNICO, E SE PROCEDE A CONVOCATORIA DAS CORRESPONDENTES AXUDAS

O día 3 de xuño de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único como medida de fomento de emprego, coa finalidade de propiciar a iniciativa de autoemprego das persoas traballadoras desempregadas, facilitando a realización dun traballo por conta propia ou a incorporación como socios e socias traballadores/as ou de traballo a unha cooperativa ou sociedade laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 28 de outubro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 1 de xullo de 2009 (Ditame 17/09), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións unánimes manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O proxecto normativo que se ditamina presenta como novidades que a data límite de presentación de solicitudes será o 31 de agosto (artigo 4º) e que non existe a obriga de presentar, xunto coa solicitude, a documentación requirida se xa está en poder da administración actuante (artigo 5º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 15 de xuño de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 33/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de xuño de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de xuño de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Na exposición de motivos consta que foi consultado o Consello Galego de Cooperativas. Este Comité considera que a consulta a este organismo non é necesaria.

Así, de acordo coa normativa reguladora do citado organismo, concretamente o Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, é función propia do Consello Galego de Cooperativas (artigo 3º.d) “emitir informe, con carácter preceptivo, sobre os proxectos e disposicións legais e regulamentarias e demais normas que afecten directamente ás cooperativas ou ás súas organizacións …”.

A afectación directa á que se refire o texto do decreto supón que non todo tipo de normas poderían ser obxecto de ditame preceptivo polo Consello Galego de Cooperativas.

A orde obxecto de ditame ten como persoas beneficiarias traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, polo que o seu carácter xeral e non específico para as persoas socias e traballadoras de cooperativas exclúe a necesidade de consulta ao Consello Galego de Cooperativas. De entenderse de outra forma, toda medida de política activa de emprego debería pasar a consulta preceptiva do devandito organismo. Téñase en conta, ademais, que a propia Orde do 19 de maio de 2006 non foi obxecto do trámite de consulta do mencionado organismo. Polo tanto, debe rexer neste caso o aforismo “Accesorium non ducit, sed sequitur suum principalei”.

Pola contra, consideramos que debería incluírse a consulta do Comité Autonómico de Emprego, cuxos fins e funcións encaixan nunha consulta previa. Así, o Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico e os comités provinciais de emprego e seguimento da contratación laboral, establece como función deste “participar e informar sobre as políticas activas de emprego” e “emitir informe sobre a programación das medidas das políticas activas de emprego …”.

Segunda.

Este Comité observa algún erro no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente a utilización do masculino xenérico (artigo 8º.5), así como o emprego das barras (artigo 7º.3 e disposición adicional terceira), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, requisitos e principios de xestión.

O apartado c) deste artigo 1º esixe terse constituído como traballador ou traballadora autónoma sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.

Este Comité quere propoñer que se teña en conta o xa permitido na lexislación vixente, respecto ás persoas traballadoras que se teñan constituído como autónomas, establecéndose que poderán capitalizar a súa prestación por desemprego para afrontar os gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social.
É dicir, considérase que o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluír como persoa beneficiaria a calquera traballador ou traballadora autónoma e non soamente a aqueles ou aquelas que teñen discapacidade.

Segunda.- Artigo 5º. Documentación.

No segundo parágrafo deste artigo establécese que as solicitudes deberán presentarse acompañadas da documentación requirida, que deberá ser orixinal ou fotocopia compulsada.

Este Comité considera que a documentación esixida compre con ser orixinal ou fotocopia cotexada.

Terceira. - Artigo 7º. Resolución e recursos.

No apartado 4 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité propón que sexa de tres meses tal e como figuraba na Orde do exercicio de 2005.

Cuarta.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Diccionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.