ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLO QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PARA O ANO 2002 DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA CON ORIXE EN PLANS EMPRESARIAIS DE INCREMENTO DA ESTABILIDADE LABORAL

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 do programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego , en data 18 de xuño de 2002 e con rexistro de entrada en data do 21 de xuño de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xullo de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen de seguido:

1.- Consideración de carácter xeral

En dictames anteriores este Comité xa manifestou a súa posición respecto da vixencia e prazos de solicitude das axudas que, en materia de contratación, dicte a Xunta de Galicia. Considérase preferible que sexa o ano natural no que se publican o de referencia para este tipo de axudas e que sexa á comezo de cada ano cando se publiquen as medidas, que poderían ter incluso carácter plurianual.

2. Preámbulo

Este Comité quere facer unha consideración sobre o preámbulo da Orde, no que se di que en Galicia, nos últimos anos, reduciuse a taxa de temporalidade. Os datos mais recentes, do primeiro trimestre deste ano, amosan precisamente o contrario, que a taxa de temporalidade repuntou aínda que de xeito moderado, situándose no 35%.

2. Artigo 4.d) Exclusións

Este apartado exclúe das axudas previstas nesta norma ós traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato.

Este Comité considera que esta exclusión non debería funcionar cando a finalización do contrato indefinido non fose imputable ó traballador, como sucede no caso de despido improcedente ou despido por causas obxectivas.

Polo tanto, PROPONSE facer unha salvedade no apartado para aqueles traballadores que, rematando o seu contrato, tal finalización non lles sexa imputable.

4. Artigo 11.2. Resolución e recursos

Este artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, neste caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

A PROPOSTA consiste na substitución da forma “poderá entenderse”, por “entenderase”.


ANEXO I
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA, S. N. DE CCOO E MAILA CIG


1.- Consideración de carácter xeral

Como unha consideración xeral, non ligada directamente a esta Orde pero si incidente de xeito indirecto na mesma, e que as organizacións sindicais que integran este Comité Delegado incorporarán no futuro ós dictames dende aquí emitidos, solicítase a Xunta de Galicia, a través dese departamento que ten asumidas as competencias en materia de emprego e política laboral, que inste ó goberno central para que retire o RDL 5/2002, de 24 de maio, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección do desemprego e mellora da ocupabilidade, por entender que se trata dunha norma imposta polo executivo, que obviou a capacidade de diálogo e concertación social dos axentes económicos e sociais.

2.-Avaliación das solicitudes

As organizacións sindicais que forman parte deste Consello queren face-la seguinte consideración de carácter xeral sobre a avaliación das solicitudes: “As organizacións sindicais con presencia no Consello propoñen que en todas aquelas normas referentes a liñas de axuda para o fomento do emprego se faga constar expresamente que, unha vez publicada a norma correspondente, pechada a convocatoria, recibidas as solicitudes e puntuadas polas comisións de avaliación correspondentes, os comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación laboral ou, no seu caso, o Comité Autonómico, informen os distintos proxectos con carácter previo e preceptivo á resolución definitiva, establecendo as prioridades de cada un deles. Polo demais, esta consideración está en coherencia coas funcións asignadas a estes órganos no seu Decreto de creación”.

ANEXO II
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLA CEG, E O S. N DE CCOO


Artigo 4.d)

Respecto deste apartado, considerase que habería que introducir a seguinte modificación no que se refire á data límite de formalización do contrato, substituíndo a de tres meses pola de entrada en vigor desta Orde

ANEXO III
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)


1.-Artigo 5.1 e). Definición, requisitos e contidos dos plans empresariais

A) Artigo 5 1.a)
Esta organización cree excesivo o incremento de 5 puntos (3 na Orde do ano anterior) que se establece no apartado a), e considera que habería que valorar o esforzo de moitas empresas no mantemento da taxa de estabilidade

B) Artigo 5 1.d)
En relación co establecido neste apartado a CEG considera que debe falarse de traballadores fixos, xa que a inclusión dos traballadores contratados temporalmente, dificulta que determinados sectores, como a construcción e outros afectados por elevados índices de temporalidade debido as peculiaridades da actividade, se beneficien das axudas aquí establecidas.

C) Artigo 5 1.e)
No mesmo senso, A CEG considera que o incremento da taxa de estabilidade respecto da Orde do ano anterior (pasa do 35% ó 60%) impón unha nova dificultade á contratación.

ANEXO IV
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA E MAILA CIG



Este sindicato considera necesario a avaliación previa polo Comité Autonómico de Emprego das ordes relativas ás políticas de emprego.

Ademais, polos datos dos que se dispón, os resultados obtidos con estas medidas son negativos, dado que o obxectivo principal de reduci-la taxa de precariedade e aumentar o emprego non se acadou, senón todo o contrario, polo que se considera conveniente unha reorientación das políticas activas de emprego.


ANEXO V
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLO S.N. DE CCOO DE GALICIA


1.-Declaración de carácter xeral sobre as medidas de fomento da estabilidade

En relación coas medidas de fomento da estabilidade, esta organización sindical quere face-las seguintes consideracións:
9. A política de subvención á contratación indefinida é un elemento necesario, pero non suficiente para elimina-la precariedade. Por iso, é preciso encetar medidas conxuntamente cos incentivos.
10. A aplicación da normativa vixente por parte das administracións é outro dos piares imprescindibles. Neste senso, é necesario que, no marco das súas competencias, sexan estas absolutamente belixerantes. É por iso que:
· A Xunta de Galicia ten que ter un comportamento exemplarizante no seu papel de empregador, mantendo en tódolos seus ámbitos de actuación unha estabilidade por riba da requirida, no seu conxunto e en cada un dos departamentos, organismos autónomos e empresas públicas. Este papel debe necesariamente implicar unha drástica diminución da precariedade evitando que colectivos en precario exerzan funcións estructurais e transformando estes postos de traballo en postos de estructura contemplados nas diferentes R.P.T.
· A Xunta de Galicia ten que ter, tamén, un comportamento exemplarizante cara a fora. Por iso, non debe establecer relacións contractuais con aquelas empresas que teñan índices de precariedade por riba das establecidas nestas medidas. Non parece lóxico que as empresas ás que se lles veta o acceso ás medidas de fomento da contratación polo seu alto índice de precariedade, se lles permita o acceso ós contratos da Xunta. Neste senso, compre establece-lo límite mínimo de persoal fixo das empresas contratantes no que se fixa nas Ordes de Estabilidade.
· Tense que establecer no Servicio Público de Emprego, Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación e no Comité Autonómico de Emprego procedementos que permitan, desde o momento do seu rexistro, detectar aquelas contratacións que teñan visos de fraude para o seu traslado para unha acción inspectora.
· Débese crear unha comisión na que estean presentes as diferentes consellerías con competencias en materia de estabilidade no emprego (Familia e Xustiza), conxuntamente coa Inspección de Traballo Seguridade Social e os axentes sociais na que se planifique, se faga o seguimento e se presenten propostas dun plan galego de loita contra o fraude na contratación.

6. A Consellería de Familia debe en relación coas medidas de fomento da estabilidade:
· Facer cegar do xeito máis directo posible, a través da súa rede de Oficinas de Emprego, ás empresas as medidas de fomento do emprego de tal xeito que exista unha comunicación o máis directa posible entre quen toma a decisión de contratar e o persoal da Consellería para garanti-la meirande eficacia de estas.
· Así mesmo parece necesario establecer procedementos que poden ser similares ó procedemento de aprobación das prestacións por desemprego, que permitan que o tempo que transcorre entre a solicitude da subvención e o seu cobro sexa o menor posible, impedindo así que ocorran situacións como as destes anos nos que hai expedientes que despois de máis de seis meses, e nalgúns casos, doce meses, non existe ningunha constancia por parte da empresa solicitante da súa xestión.

2.- Consideración de carácter xeral

Esta organización sindical propón que na Orde se establezan dúas vías de financiamento distintas: unha, para os plans empresariais de incremento da estabilidade laboral e outra, para os pactos pola estabilidade asinados entre a empresa e os representantes dos traballadores.

En relación co anterior, proponse tamén dar prioridade á vía de pactos e, neste senso, rebaixar a 3.000 e 3.600 os incentivos destinados ós plans de empresa.


3.-Artigo 2.2.a) Ámbito de aplicación

Ós efectos do establecido neste apartado, este sindicato considera que deben considerarse como desempregados os traballadores con contrato temporal inferior a 12 horas semanais.  

3.- Artigo 5 1 Definición, requisitos e contidos dos plans empresariais

En relación con este artigo proponse unha nova redacción do seu apartado primeiro:
“1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de plans de incremento da estabilidade laboral, aqueles que, tendo ou non a súa orixe en plans ou acordos sectoriais, se elaboren e aproben a nivel de empresa e prevexan a realización dun número de contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais ou de duración determinada, no período comprendido entre o 1 de outubro e o 30 de setembro de 2002, coas que, no seu conxunto, se acade unha taxa de estabilidade superior ó 62,1% e sen que exista en ningún caso unha diminución da totalidade dos traballadores no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia na media do período outubro 2000 a setembro 2001, e se acade, como mínimo, algún dos seguintes resultados:
a) un incremento, como mínimo de 5 puntos da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia na media acadada no período comprendido entre os meses de outubro de 2000 a setembro de 2001, ámbolos dous inclusive
b) incremento do emprego fixo respecto da media do período outubro 2000 a setembro de 2001
c) incremento neto do total respecto da media do período de referencia, segundo o establecido e agás nos supostos sinalados no artigo 6.4 desta orde

3.- Artigo 17.2. Incompatibilidades e concorrencia

Este precepto establece a incompatibilidade entre as axudas previstas nesta Orde e as establecidas na Orde de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos.

Este sindicato considera que xa que se trata en ámbolos dous casos de axudas baseadas en plans de estabilidade, a exclusión non deberá funcionar e PROPÓN a posibilidade de compatibilizar estas subvencións nunha contía do 50% coas de colectivos desfavorecidos.