ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL PARA O EXERCICIO 2010

O día 6 de xullo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2010, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é establecer as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 16 de setembro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 24 de xullo de 2009 (ditame 19/09), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se mencionan a continuación:

A distribución provincial dos créditos para o financiamento destas axudas e subvencións será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2005-2009 e inversamente coa evolución da poboación no citado período, introducíndose como novidade que terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos e se realizará en función das solicitudes presentadas en cada provincia (artigo 1º).

Posibilítase que a persoa que actúa en nome e representación da entidade solicitante autorice á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) e de Residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, suprimíndose así a obriga da achega de fotocopias dos documentos acreditativos da identidade nos procedementos administrativos e fomentándose a utilización de medios electrónicos na Administración (artigo 6º).

Os AEDL seleccionaranse entre demandantes de emprego desempregados ou coa tarxeta de mellora de emprego, inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (artigo 11º) e a selección deberá realizarse tendo en conta a data limite para remitir a documentación xustificativa que ven establecida na resolución concedente da subvención e dita remisión só se realizará no caso de novas contratacións (artigo 14º).

En canto á delegación de atribucións o director xeral de Promoción do Emprego será o competente para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e os xefes e as xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos (Disposición adicional segunda).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2010” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 21 de xullo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as consideracións xerais e específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas xerais e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).

















DITAME 35/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2010, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de xullo de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xullo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:











CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que, naqueles concellos onde non haxa persoas desempregadas suficientes para acadar cando menos un axente de emprego e desenvolvemento local, debería preverse a posibilidade de agrupación cos da súa comarca para chegar a un número suficiente.



Segunda.

Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido do anexo VI do proxecto normativo, xa que non foi remitido a este Consello.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 9º.- Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses, contados a partir da entrada da solicitude no rexistro, prazo que se considera excesivo.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de dous meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, dado que se aplica o réxime de concorrencia competitiva.


Segunda.- Artigo 10º.- Modificación da resolución de concesión.
Obsérvase que o previsto neste artigo, para o caso de concorrencia de subvencións, é incoherente e contraditorio co establecido no artigo 4º, apartado 3 do proxecto normativo, que establece a incompatibilidade destas axudas con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade,  procedentes doutras administracións, con independencia do seu importe.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CC.OO DE GALICIA:

Primeira.
A duración das axudas á contratación previstas no proxecto normativo por parte da Consellería de Traballo e Benestar, sen que se establezan mecanismos para a consolidación do posto de traballo no cadro de persoal da entidade local, opera en contra da estabilidade do emprego, contribuíndo a incrementar as xa altas taxas de precariedade na Administración Local. Se ben na orde do ano 2007 eliminouse o tope de catro anos para cada técnico, segue subsistindo a obriga de solicitar anualmente a subvención ou a súa prórroga.

Segunda.
Habida conta da existencia dos Pactos Territoriais de Emprego, debería terse en conta nas funcións dos axentes de emprego e desenvolvemento local, que se regulan nesta orde, a posible colaboración no desenvolvemento destes pactos, incluíndose así mesmo unha referencia á normativa reguladora desta cuestión na exposición de motivos.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA,  CIG E SN DE CC.OO DE GALICIA:


Artigo 1º. – Obxecto e financiamento.
No apartado 2 deste artigo figura o crédito destinado ás axudas e subvencións establecidas no proxecto normativo que ascende á cantidade de 6.317.363,91 €, mentres que o crédito do exercicio de 2009 foi de 6.347.169,71 €.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que non ten lóxica reducir o crédito dun instrumento para a creación de emprego como é a figura de axentes de emprego e desenvolvemento local.


ANEXO II


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Consideración xeral.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneizar as ordes que emite a Consellería de Traballo e Benestar en materia de contratación de axentes de emprego (enténdase axentes de emprego, axentes locais de emprego, coordinación e cooperación para o emprego...).

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito de que, por exemplo, na orde reguladora das axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, no apartado de asignación de contías, de asignación orzamentaria e de prórroga dos axentes de emprego, establécense criterios diferentes respecto do proxecto normativo que estamos a ditaminar.






Consideración específica.
Artigo 11º.- Selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local.
No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másters e posgraos que teñen relación co ámbito de xestión empresarial (empresariais, económicas ou outras).

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se faga esa priorización.