ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE ACCIÓNS DE APOIO E DE ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, CORRESPONDENTES AO EXERCICIO DO ANO 2010, EN APLICACIÓN DA ORDE TIN/2805/2008, DO 26 DE SETEMBRO, POLA QUE SE DESENVOLVE O REAL DECRETO 395/2007 DO 23 DE MARZO, POLO QUE SE REGULA O SUBSISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO, EN MATERIA DE ACCIÓNS DE APOIO E ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS A SÚA FINANCIACIÓN

O día 13 de xullo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións de apoio e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2010, en aplicación da orde TIN/2805/2008, do 26 de setembro, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de accións de apoio e acompañamento á formación e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas a súa financiación, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que o obxecto dos proxectos a financiar é o de mellorar a calidade das accións formativas e estender o subsistema de formación profesional para o emprego cara a ámbitos nos que aínda non está plenamente introducido, especialmente ás pequenas e medianas empresas, co fin de facilitar o acceso á formación dos seus traballadores.

Preténdese con isto facilitar a adaptación e evolución das profesións e os contidos dos postos de traballo, así como conseguir unha mellora nas competencias e cualificacións, indispensables para manter e fortalecer a situación competitiva das empresas e a cualificación das persoas traballadoras ocupadas.

O Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, ten como obxecto ofrecer ás persoas traballadoras tanto ocupadas como desempregadas unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego. Entre as iniciativas que recolle o citado real decreto, figuran as accións de apoio e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde.

Son obxecto de subvención nesta convocatoria as accións de prospección e análise, as accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e ferramentas de carácter innovador para a mellora da formación profesional para o emprego, e accións de avaliación da formación profesional para o emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de novembro de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (Ditame 24/09) con data 23 de outubro de 2009, obsérvase que foron tidas en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifícase moi pouco con respecto á orde publicada no 2009. Como únicas novidades obsérvase a apreciación de que deben posuír domicilio social na comunidade autónoma de Galicia as empresas, entidades ou organizacións sen ánimo de lucro para poderen ser solicitantes das subvencións, así como a posibilidade de acreditar experiencia na realización de estudos, investigacións ou proxectos de natureza similar aos solicitados, por si mesmas ou a través de entidades vinculadas (artigo 3º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións de apoio e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2010, en aplicación da orde TIN/2805/2008, do 26 de setembro, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de accións de apoio e acompañamento á formación e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas a súa financiación” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, vinte e un artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 21 de xullo de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: cinco consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo I); unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo II); unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo III) e dúas consideracións específicas manifestadas por UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo IV).


DITAME 36/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións de apoio e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2010, en aplicación da orde TIN/2805/2008, do 26 de setembro, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de accións de apoio e acompañamento á formación e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas a súa financiación, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xullo de 2010, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xullo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:






CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.
Na disposición adicional primeira refírese que os créditos para a realización das accións previstas son os que figuran nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2010 e para o ano 2011.

Este Comité considera que o período subvencionado é o 2010, polo que non se entende a referencia aos orzamentos de 2011, tendo en conta ademais que aínda non foron aprobados polo Parlamento de Galicia.

Segunda.
Este Comité considera que non debería esixirse ás entidades solicitantes a documentación que xa obra en poder da Administración.

Terceira.
Este Comité recomenda unha revisión da lingua galega que se emprega nos anexos para a súa adecuación á normativa vixente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que no parágrafo 14, despois de: “formación profesional para o emprego” debería de engadirse “especialmente da dirixida ás persoas traballadoras de pequenas e medianas empresas”.

Segunda.- Artigo 8º. Procedemento.
Tanto no apartado 4 deste artigo, como no apartado 3 do artigo 7º, no apartado 5 do artigo 13º e no apartado 10 do artigo 17º, repítese a esixencia de acreditar que as entidades están ao día no cumprimento de obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. Este Comité considera que é suficiente que esta esixencia figure unha soa vez antes do libramento de fondos.

Terceira.- Artigo 11º. Custos subvencionables.
No apartado A recóllense os custos directos das accións complementarias. Este Comité propón engadir como custos directos subvencionables destas accións os recollidos no artigo 29º.7 da Lei 9/2007, isto é: “Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos son subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a axeitada preparación ou execución desta, e sempre que así se prevexa nas bases reguladoras. Con carácter excepcional, os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionados cando así o prevexa a normativa reguladora da subvención”.

Cuarta.- Artigo 11º. Custos subvencionables.
No ítem 5 do apartado A deste artigo, obsérvase con preocupación que só se subvencionan os gastos de transporte, manutención e aloxamento que se realicen no territorio nacional.
Este Comité considera que deberían de subvencionarse tamén os gastos de transporte, manutención e aloxamento que se realicen fóra de Galicia. Neste caso bastaría con que o termo a empregar sexa estatal en lugar de nacional.

Quinta.- Artigo 13º. Pagamento das subvencións.
No apartado 1, letra a), deste artigo establécese que os anticipos serán ata o 80 por 100  do total do orzamento de gastos de cada acción subvencionada. Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; non obstante, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que propón que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Para o caso de non ser aceptada esta proposta, este Comité propón a inclusión expresa neste apartado, como custos asociados á actividade formativa, dos correspondentes custos financeiros orixinados por operacións formalizadas polas entidades beneficiarias con entidades financeiras, no importe que excede do 80% de anticipo máximo.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira.- Exposición de motivos.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe incluírse na exposición de motivos a referencia ao Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.- Artigo 11º. Custos subvencionables.
No apartado B, punto 3, establécense os custos directos e asociados que se considerarán financiables para os efectos da convocatoria de subvencións reguladas neste proxecto normativo, dispoñéndose que “a suma dos custos asociados non poderá superar o 10% do total dos custos directos das accións complementarias”.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón establecer o límite do 15% en lugar do 10%.

Terceira.- Artigo 14º. Condicións para adquirir e conservar o dereito á subvención.
No apartado 1, letra l), deste artigo, cando se refire á posibilidade de subcontratar con outra entidade, proponse engadir: “... por enriba do 50% e ata a totalidade do importe correspondente, tal e como prevé o artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cuarta.- Artigo 18º. Xustificación dos custos.
No apartado 3 deste artigo establécese que as entidades beneficiarias non poderán delegar nin contratar con terceiros o desenvolvemento total nin parcial a execución do deseño da acción subvencionada, a elaboración final de resultados e informes, así como a coordinación de todas as fases de realización do proxecto. Non obstante, a execución de calquera outra actividade necesaria para o desenvolvemento do proxecto poderá ser subcontratada con outra entidade, previa autorización da persoa titular da dirección xeral de Formación e Colocación, e sempre axustándose ao artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A CEG considera que debería especificarse no artigo o que se entende por contratación con terceiros e por subcontratación. Así mesmo, considera que deberían figurar expresamente no artigo os límites do artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA.

Artigo 3º. Requisitos das entidades solicitantes, acreditación e límites de participación.

No apartado 1 deste artigo establécese que poderán ser solicitantes das subvencións as empresas, entidades ou organizacións sen ánimo de lucro inscritas na Seguridade Social, con domicilio social na comunidade autónoma de Galicia.

UGT-Galicia considera que debería eliminarse a obriga de ter o domicilio social en Galicia para poder solicitar as subvencións reguladas neste proxecto normativo.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Artigo 9º. Valoración técnica das solicitudes.
No apartado 2 deste artigo establécese que a selección das solicitudes que se van financiar realizarase segundo a puntuación obtida logo de valoración técnica e económica do proxecto, tendo en conta que primeiro se resolverán as accións incluídas no anexo I.

Os sindicatos integrantes do Comité consideran que deberíase substituír a expresión “se resolverán” por “se valorarán”, para garantir deste modo o estudo de todas as solicitudes que se presenten, valorándose en primeiro lugar as accións incluídas no anexo I e, a continuación, o resto das accións presentadas.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLOS SINDICATOS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 9º. Valoración técnica das solicitudes.
O apartado 2 deste artigo fai referencia a  unha valoración técnica e económica das solicitudes, non obstante soamente se establecen no apartado 5 os criterios de valoración técnica.

Tendo isto en conta, as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia propoñen a supresión do disposto na letra d) dos bloques 1 e 2 e engadir eses puntos nun bloque novo, o bloque 4, propoñendo a seguinte redacción:

Bloque 4:
1. Adecuación do orzamento á acción que se vai desenvolver (ata 15 puntos). 2. Denegaranse os proxectos que non teñan ningún punto neste bloque 4.

Segunda.- Artigo 21º. Seguimento, control e avaliación.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que no apartado 2 deste artigo debería engadirse como obxectivo da avaliación das accións subvencionadas o de “adecuación ao orzamento”.