ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DESENVOLVE O DECRETO 406/2009, DO 22 DE OUTUBRO, POLO QUE SE CREA O REXISTRO DE ASOCIACIÓNS PROFESIONAIS DE TRABALLADORES AUTÓNOMOS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

O día 14 de xullo de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se desenvolve o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Mediante o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, creouse o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se facultaba á persoa titular competente en materia de traballo para ditar cantas disposicións fosen necesarias para o seu desenvolvemento e execución.

Así, esta orde desenvolve os procedementos de inscrición dos actos inscritibles contemplados no mencionado decreto e regula a necesaria coordinación que debe existir entre a oficina central e as oficinas provinciais do rexistro.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se presenta a ditame e do mesmo cabe salientar:

Establécense como actos inscritibles a constitución da asociación; as modificacións estatutarias; a identidade de titulares da xunta directiva ou órgano de representación; a apertura, cambio e peche de delegacións ou establecementos; as asociacións que constitúen ou integran federacións, confederacións ou unións de asociacións; a incorporación e separación de asociacións a unha federación, confederación ou unión de asociacións e a suspensión, disolución ou baixa da asociación e as súas causas (artigo 2º), así como o prazo para solicitar a inscrición de cada acto e a documentación que ten que acompañar cada solicitude.

No primeiro trimestre de cada ano natural, os inscritos neste rexistro estarán obrigados a remitir unha relación actualizada, en soporte informático, dos seus asociados (artigo 10º) e a cancelación da inscrición producirase pola perda dalgún dos requisitos previstos para á súa cualificación, de oficio ou a instancia da entidade interesada, pola revogación do NIF, así como por incumprimento da obriga de remisión dos datos aos que se refire o artigo anterior (artigo 11º).

Cada asociación disporá no rexistro dunha folla rexistral na que, unha vez aprobada mediante resolución a inscrición e asignándolle o seu correspondente número (artigo 14º), practicaranse todas as inscricións e anotacións ao marxe que resulten preceptivas para cada asociación e a cancelación determinará a extinción da inscrición (artigo 12º).

Establécese que as oficinas provinciais remitirán semestralmente á oficina central do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia a inscrición e as súas alteracións das asociacións rexistradas por aquelas (artigo 13º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se desenvolve o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, catro disposicións adicionais, unha transitoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 29 de xullo de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén que contén dúas consideracións xerais e oito específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, como anexo, as consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas por UGT-Galicia.



DITAME 37/10



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se desenvolve o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de xullo de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xullo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera que debería facerse un repaso na redacción do proxecto normativo, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, como, por exemplo, o uso reiterado do masculino xenérico, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

Segunda.

Este Comité considera que deberíase facer unha revisión ortográfica do texto para adaptalo á normativa vixente da lingua galega.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. Exposición de motivos.
Este Comité observa que na exposición de motivos do proxecto normativo non figura que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, o que debería facerse constar.



Segunda.- Artigo 3º. Solicitude de inscrición da constitución da asociación.
No apartado 2 deste artigo establécese que, xunto coa solicitude de inscrición, débese acompañar unha documentación.

Este Comité considera que é preciso especificar se a documentación que hai que acompañar ten que ser orixinal ou copia, propoñendo que sexa suficiente fotocopia compulsada ou cotexada.

A mesma consideración formúlase respecto ao artigo 4º.3 e ao apartado 2 da Disposición transitoria.

Terceira.- Artigo 3º. Solicitude de inscrición da constitución da asociación.
No apartado 2.b) deste artigo, primeiro ítem, establécese que se algunha persoa promotora é estranxeira deberá acreditar que conta coa autorización de estancia ou residencia en España.

Este Comité considera que este apartado débese axustar á normativa da Unión Europea aplicable á libre circulación de persoas.

Cuarta.- Artigo 3º. Solicitude de inscrición da constitución da asociación.
No apartado 2.c) deste artigo solicítase relación, en soporte informático, dos asociados que compoñen a asociación, coa especificación do número de asociado, nome e apelidos, NIF e domicilio.



Este Comité considera que deberíase suprimir ou modificar este apartado en virtude do establecido pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo na sentenza de 12 de xullo de 2010, que declara a nulidade dos artigos 16º.1 d) e 18º.2 do Decreto 197/2009 de 23 de febreiro polo que se desenvolve o Estatuto do Traballo Autónomo, ao considerar no seu fundamento quinto que “non é unha condición que deba ser esixida no momento da constitución da asociación e a súa petición ulterior de acceso ao rexistro, ao non existir norma que o estableza e resultar absolutamente desproporcionado ao fin da mera existencia dunha asociación”.

Quinta.- Artigo 5º. Inscrición da identidade dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación.
No apartado 3.a) deste artigo establécese que na solicitude de inscrición ou modificación dos titulares da xunta directiva ten que achegarse a acta ou certificado que o corrobore, no que deberá constar os nomes e apelidos, domicilio e demais datos de identificación.

Este Comité solicita que se concrete a que se refire a expresión “e demais datos de identificación”.

Sexta.- Artigo 7º. Inscrición de federacións, confederacións e unións de asociacións.
En coherencia co establecido na consideración cuarta, este Comité considera que debería suprimirse a frase “... así como nome e apelidos, domicilio e NIF dos traballadores autónomos de cada unha delas”.





Sétima.- Artigo 10º. Comunicación de modificacións.
Tendo en conta o establecido nas consideracións quinta e sexta deste ditame, este Comité propón que sexa modificado o disposto neste artigo e se suprima a obriga de comunicación de datos respecto das persoas físicas asociadas.

Oitava.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións finais.




ANEXO


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

Primeira.- Artigo 10º. Comunicación de modificacións.
Este sindicato, en consonancia co establecido na sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo de 12 de xullo de 2010, considera que deberíase suprimir a totalidade deste artigo.

Segunda.- Artigo 11º. Cancelación.
UGT-Galicia considera que se debe eliminar deste artigo a frase “...así como por incumprimento da obriga de remisión dos datos aos que se refire o artigo anterior”.