ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 39/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CREA O REXISTRO DE CONVENIOS E ACORDOS COLECTIVOS DE TRABALLO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

I. ANTECEDENTES

O día 17 de setembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre Rexistro e Depósito de Convenios Colectivos de Traballo ten como finalidade a mellora os procedementos de tramitación e rexistro dos convenios e acordos colectivos ao integralos no marco dos procedementos con funcionamento a través de medios electrónicos.

Esta norma delimita e define os convenios e acordos colectivos de traballo e demais actos inscribibles susceptibles de seren rexistrados, regula o procedemento de inscrición nos rexistros e, no seu artigo terceiro, establece a obriga do Ministerio de Traballo e Inmigración, e das restantes autoridades laborais con competencias en materia de convenios colectivos de traballo, de dotarse do seu propio rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo.

Así, a presente orde ten por obxecto a creación e regulación do Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos no citado Real decreto 713/2010, do 28 de maio.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. O seu obxecto é a creación do Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia con funcionamento a través de medios electrónicos e para o ámbito territorial de Galicia, quedando adscrito á Consellería de Traballo e Benestar, ou ao departamento ao que queden atribuídas as competencias en materia de traballo pola normativa de organización da Comunidade Autónoma de Galicia. Este rexistro será único e o seu funcionamento estará descentralizado (artigo 1º).

Trátase dun rexistro de natureza administrativa e carácter público, sendo de acceso público os datos nel inscritos (artigo 3º).

Con respecto ao ámbito de aplicación, defínense como actos inscribibles, entre outros, os convenios colectivos, os acordos interprofesionais, os acordos das comisións paritarias, etc (artigo 2º).

O procedemento de inscrición regúlase no Capítulo II, no que se establece cómo se regula a solicitude de inscrición (artigo 4º), a documentación que hai que achegar (artigo 5º) e a tramitación do procedemento de inscrición (artigo 6º).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, seis artigos, e tres disposicións finais.


O día 28 de setembro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén que contén unha consideración preliminar, unha consideración xeral e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, todas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.


DITAME 39/10


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de setembro de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de setembro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité manifesta a súa perplexidade polo feito de que a entrada en vigor deste novo sistema de rexistro de convenios e acordos colectivos, con efectos do 1 de outubro, era coñecida, cando menos, coa publicación no BOE do pasado 12 de xuño do Real Decreto 713/2010. Polo exposto, non se entende que se agarde ata finais de setembro para someter a ditame deste Consello o presente proxecto normativo.




CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Única.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames considera que para respectar a diferencia de xénero se debería facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como por exemplo o uso reiterado do masculino xenérico presente no terceiro parágrafo da exposición de motivos (os representantes) e no artigo 6º do proxecto normativo (apartado 1, ao solicitante, apartado 4, os interesados). Proponse a súa substitución por “a representación, persoa solicitante e persoas interesadas”, respectivamente.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.  Exposición de motivos.
Este Comité observa a existencia dun erro ortográfico no terceiro parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo, debendo figurar “comisións negociadoras” en lugar de “comisión negociadoras”.

Así mesmo, obsérvase outro erro no artigo 2º, apartado 3.b), debendo figurar “impugnación” en lugar de “imputación”.

Segunda.- Artigo 2º. Ámbito de aplicación.
Este Comité considera que se debería engadir ao proxecto normativo unha disposición adicional que estableza o disposto na disposición adicional segunda do Real Decreto 713/2010, relativa ao depósito de convenios e acordos de eficacia limitada e acordos de empresa, aos que se refire o apartado 1.g) do artigo 2º do proxecto normativo que se somete a ditame, máis neste caso, xa que a referencia a tal apartado varía respecto do referido Real Decreto.

Terceira.- Artigo 2º. Ámbito de aplicación.
No apartado 1 deste artigo faise referencia aos termos establecidos no Real Decreto 713/2010, considerando este Comité que debe figurar o artigo ao que refire, neste caso, o artigo 2º do Real Decreto 713/2010.

Igual consideración se formula respecto do artigo 4º, relativo á solicitude de inscrición, debendo incluir a referencia ao artigo 6º do Real Decreto 713/2010.

Cuarta.- Artigo 4º. Solicitude de inscrición.
Na medida en que as competencias da lexislación laboral corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia e tendo en conta o establecido na disposición adicional primeira do Real Decreto 713/2010, este Comité considera que sería lóxico que a Comunidade Autónoma de Galicia adoptase unha ferramenta propia específica, é dicir, unha aplicación informática propia, para xestionar este rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo.

Quinta.- Artigo 5º. Documentación que hai que achegar.
O apartado 3 deste artigo fai referencia á remisión da documentación xunto coa firma electrónica.

O artigo 13º.2 da Lei 11/2007,do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, posibilita a utilización de “outros sistemas de firma electrónica como a utilización de claves concertadas nun rexistro previo como usuario, ...”.

Ao abeiro desta disposición, este Comité recomenda que se acorde, entre a Consellería e as organizacións empresariais e sindicais máis representativas, a utilización de claves concertadas. Tendo en conta que as organizacións CEG, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia participan directamente na meirande parte dos acordos e convenios inscritibles no Rexistro, que se enuncian no artigo 2º do proxecto normativo, este procedemento contribuiría a facilitar e axilizar a tramitación das inscricións.

Sexta.- Artigo 5º. Documentación que hai que achegar.
Tomando como referencia o artigo 14º do Real Decreto713/2010, este Comité considera que o disposto no apartado 3 deste artigo 5º debería incluirse nun novo artigo baixo o título “Sistemas de firma electrónica admitidos polo rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo”, propoñéndose a seguinte redacción:

“A persoa designada pola comisión negociadora ou paritaria ou, de ser o caso, a que presente o escrito, debidamente acreditada, remitirá a documentación referida nos artigos 4º e 5º desta orde, xunto coa súa firma electrónica, conforme ao establecido na Lei 59/2003, de 19 de decembro, de firma electrónica.
Para isto, poderase utilizar calquera dos sistemas de firma electrónica previstos no artigo 13º.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos”.



Sétima.- Artigo 6º. Tramitación do procedemento de inscrición.
Este Comité non considera o apartado 4 deste artigo como parte da tramitación, polo que debería adecuarse ao establecido no Real Decreto 713/2010, establecéndose como un novo artigo baixo o título “Documentos orixinais en soporte informático”.

Este novo artigo debería completarse, ademais, co primeiro parágrado do artigo 15º do referido Real Decreto, que di: “Os documentos en soporte informático realizados pola autoridade laboral competente teñen a consideración de documentos orixinais e atópanse debidamente rexistrados nos programas e aplicacións do procedemento en formato electrónico”.