ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 40/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLO QUE SE PUBLICA A RELACIÓN DAS PROFESIÓNS CON SUBREPRESENTACIÓN FEMININA NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

I. ANTECEDENTES


O día 17 de setembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde polo que se publica a relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, a incorporación da muller ao mercado laboral e ao traballo remunerado constitúe unha das maiores transformacións sociais acontecidas nas últimas décadas. Resulta evidente que seguen a existir diferenzas significativas entre ambos sexos, claramente desfavorables para as mulleres en materia de emprego.

A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, ten por obxecto a integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais. Así mesmo, na súa disposición final primeira, outórgalle ao Departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo da Xunta de Galicia a facultade para ditar cantas disposicións regulamentarias sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento da mencionada Lei, e, en particular, a elaboración mediante Orde unha lista das profesións nas que as mulleres galegas están subrepresentadas.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e deste cabe salientar que presenta un único artigo que determina a publicación do listado das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que se relacionan no Anexo da Orde, tal e como establece a Lei 2/2007.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde polo que se publica a relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, un artigo e dúas disposicións finais.


O día 4 de outubro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e tres específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



DITAME 40/10



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde polo que se publica a relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de setembro de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de outubro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:








CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames considera que se debería modificar a normativa reguladora na materia, dado que as operacións estatísticas realizadas sobre as contratacións dos últimos cinco anos producen de feito resultados erróneos, por exemplo, non incluír entre as ocupacións relacionadas, a de catedráticas de Universidade, onde o número de mulleres, en comparanza co de catedráticos é moi escaso; algo que tamén ocorre nos caso das directivas respecto dos directivos de Banca.

En consecuencia co exposto, consideramos que se debería substituír a metodoloxía empregada, que figura establecida ao final do anexo do proxecto normativo, por outra que contemple o conxunto de persoas que están a traballar en cada profesión (ou ocupación como se define no anexo) e que se consideren profesións con subrepresentación feminina todas aquelas nas que as mulleres non acaden o 40% do censo de cada unha.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. - Exposición de motivos.
Este Comité propón substituír a redacción do primeiro parágrafo da exposición de motivos pola que segue: “A incorporación e permanencia da muller ao mercado laboral e ao traballo remunerado constitúe unha das maiores transformacións sociais acontecidas nas últimas décadas. Aínda recoñecendo os avances da integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais, a realidade amosa que esta integración se enfronta a múltiples dificultades relacionadas coas funcións sociais diferenciadas que supostamente homes e mulleres teñen que desempeñar, dificultades que fan que o acceso a un traballo digno leve consigo un importante custo persoal.

Segunda.- Exposición de motivos.
Este Comité propón substituír a redacción do segundo parágrafo da exposición de motivos pola que segue: “Resulta evidente que seguen a existir diferenzas significativas entre ambos sexos, claramente desfavorables para as mulleres en materia de emprego, desigualdades que se traducen en aspectos tales como a segregación do mercado laboral coa consecuente subrepresentación das mulleres nun gran número de actividades profesionais, xa que só a quinta parte das actividades económicas concentran a máis da metade das traballadoras afiliadas á Seguridade Social na nosa comunidade autónoma. Outros aspectos que caracterizan o emprego feminino son: unha alta porcentaxe de inactividade posto que máis da metade do total de inactivos son mulleres; unha maior rotación laboral nos movementos contractuais das mulleres; unha maior temporalidade e parcialidade na contratación e ademais engádeselle unha maior dificultade para acceder a postos de maior responsabilidade.

Terceira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que debería modificarse o primeiro punto do terceiro parágrafo,  en coherencia co disposto na Lei de referencia, do seguinte xeito: “A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, ten por obxecto a integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas competencias autonómicas sobre emprego e relacións laborais”.