ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 41/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREA O CONSELLO GALEGO DA REPRESENTATIVIDADE DAS ASOCIACIÓNS PROFESIONAIS DE TRABALLADORES AUTÓNOMOS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E SE DETERMINAN OS CRITERIOS PARA ACREDITAR E DECLARAR A SÚA REPRESENTATIVIDADE

I. ANTECEDENTES


O día 18 de outubro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O artigo 22º.7 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, establece que as Comunidades Autónomas poderán constituír, no seu ámbito territorial, Consellos Consultivos en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo. Como paso previo á creación deste consello consultivo é necesario determinar as asociacións profesionais de traballadores autónomos máis representativas de Galicia, condición que será declarada nesta Comunidade por un Consello formado por expertos de recoñecido prestixio e que outorga ás asociacións profesionais representativas unha posición xurídica singular para actuar en representación das persoas traballadoras autónomas.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se presenta a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

O Consello Galego da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ten natureza de órgano colexiado e adscríbese ao departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de traballo. A súa función principal é declarar a condición de asociación representativa das asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 1º), declaración que terá unha vixencia de catro anos (artigo 4º).

Este Consello estará composto por tres persoas, dúas das cales deberán ser persoal funcionario do departamento competente en materia de traballo con rango non inferior ao de xefatura de servizo e a terceira será unha persoa experta de recoñecido prestixio, imparcial e independente, nomeadas e cesadas pola persoa titular do departamento competente en materia de traballo a proposta da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de promoción do emprego autónomo (artigo 3º). A duración do nomeamento será de catro anos (artigo 6º).

As funcións e o funcionamento do referido Consello regúlanse nos artigos 4º e 5º.

No Capítulo II regúlanse os criterios obxectivos (artigo 10º) e a súa valoración (art. 11º) para determinar o outorgamento da representatividade das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas. O procedemento de declaración da representatividade realizarase mediante convocatoria pública na que se regularán os requisitos de admisibilidade e o prazo de presentación das solicitudes, así como o prazo para a emisión da resolución (artigo 12º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, doce artigos, unha disposición transitoria e dúas disposicións finais.





O día 5 de novembro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén que contén dúas consideracións xerais e once específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha consideración específica manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e sete consideracións específicas manifestadas por UGT-Galicia (anexo II).


DITAME 41/10


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de outubro de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de novembro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames considera que para respectar a diferencia de xénero se debería facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como por exemplo evitar o masculino xenérico e o uso reiterado das barras presente en todo o texto, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Segunda.

Este Comité suxire que ao final do noveno parágrafo da exposición de motivos, despois de “en todas as materias que afecten a este colectivo”, debería engadirse o seguinte texto: “e, en todo caso, sen prexuízo da participación neste órgano das organizacións sindicais e empresariais máis representativas”, de acordo co establecido no artigo 22.3 da Lei 20/2007 do estatuto do traballo autónomo e da lei 17/2008 de participación institucional  das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. - Exposición de motivos.
Este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe figurar que foi consultado este Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda. - Artigo 3º. Composición.
Este Comité considera que o Consello debería estar composto por 5 membros, 2 persoas funcionarias e 3 persoas expertas, para facer máis patente a independencia e neutralidade do órgano colexiado.

Terceira. - Artigo 3º. Composición.
Este Comité considera que se debería prever no proxecto de decreto que, para mandatos sucesivos, unha vez creado o Consello Galego do Traballo Autónomo, sexa este organismo o competente para propoñer ás persoas expertas.

Cuarta. - Artigo 3º. Composición.
Con respecto ao nomeamento dos membros do Consello, que regula o apartado 2 deste artigo, este Comité propón que se debería publicar no Diario Oficial de Galicia os nomeamentos de todas as persoas que o compoñen e non soamente o da persoa experta.




Quinta. - Artigo 4º. Funcións.
Este Comité considera que, ao final do apartado 1 deste artigo, debería engadirse o seguinte texto: “...para os únicos efectos da súa participación no Consello Galego do Traballo Autónomo”.

Sexta. - Artigo 10º. Criterios obxectivos de determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.
O primeiro dos criterios establecidos neste artigo, no apartado 1, refírese ao número de traballadores autónomos afiliados ás asociacións profesionais de traballadores autónomos e das federacións, confederacións e unións que teñan constituídas, considerando este Comité que se debería engadir “na Comunidade Autónoma de Galicia”.

Sétima. - Artigo 10º. Criterios obxectivos de determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.
No segundo dos criterios establecidos neste artigo, no apartado 2, valórase a presenza con sede permanente nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia das asociacións, recomendando este Comité que se excepcione desta obriga ás entidades vencelladas ao sector marítimo-pesqueiro, na medida en que só hai tres provincias con litoral.

Oitava. - Artigo 10º. Criterios obxectivos de determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.
No terceiro dos criterios establecidos neste artigo, no apartado 3, valórase o número de asociacións profesionais de traballadores autónomos coas que asinasen convenios ou acordos de colaboración e representación institucional, considerando este Comité que se debería incluir tamén ás organizacións empresariais e sindicais máis representantivas coas que asinasen os referidos acordos ou convenios.

Novena.- Artigo 11º. Valoración dos criterios obxectivos da representatividade.
No apartado 1.a) deste artigo valórase o grao de afiliación.
Este Comité considera que, por coherencia democrática, o grao de afiliación debería ter un maior peso ponderado no conxunto da valoración de criterios.

Décima.- Disposición transitoria.
Este Comité considera que esta disposición transitoria está fóra de lugar, non entendéndose a súa finalidade.

Décimo primeira.- Disposición final.
Obsérvase que falta a mención ao órgano cando se fala da persoa titular competente en materia de traballo, entendendo que debería dicir “a persoa titular da consellería competente en materia de traballo”.





ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Criterios obxectivos de determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.

Entre os criterios establecidos neste artigo figuran, no apartado 5, os acordos de interese profesional subscritos ao abeiro do disposto no artigo 13º da Lei 20/2007, do 11 de xullo.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería eliminarse este criterio, así como, por coherencia, a letra e) do artigo 11º, posto que entendendo os acordos como una posible actividade desenvolvida pola asociación profesional de traballadores autónomos correspondente, xa figuraría  incluída no apartado 6 deste artigo 10º.

Ademais, dado que os acordos de interese profesional se refiren aos traballadores autónomos economicamente dependentes e que o apartado 5 establece os referidos acordos como un criterio autónomo de valoración, estaríase favorecendo a determinadas entidades representativas frente a outras, o que parecería discriminar a aquelas entidades que non teñen TRADES entre os seus afiliados.




ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA:

Primeira.- Artigo 10º. Criterios obxectivos de determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.
No cuarto dos criterios establecidos neste artigo, no apartado 4, valóranse os recursos humanos das asociacións profesionais de traballadores autónomos e das federacións, confederacións e unións que teñan constituídas.

UGT-Galicia considera que se teñan en conta para este criterio soamente os recursos humanos dos tres últimos anos.

Segunda.- Artigo 10º. Criterios obxectivos de determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.
No sexto dos criterios establecidos neste artigo, no apartado 6, valóranse as actividades desenvolvidas polas asociacións profesionais de traballadores autónomos e das federacións, confederacións e unións que teñan constituídas, directamente relacionadas co fomento do traballo autónomo.

UGT-Galicia considera que se teñan en conta para este criterio soamente as actividades desenvolvidas nos tres últimos anos.

Terceira.- Artigo 11º. Valoración dos criterios obxectivos da representatividade.
No apartado 1, letra b) deste artigo, valórase con 1 punto a presenza con sede permanente nas catro provincias da Comunidade Autónoma Galega das asociacións profesionais de traballadores autónomos e das federacións, confederacións e unións que teñan constituídas, que se incrementa con 1 punto máis por cada sede permanente que teña en cada un dos sete concellos de Galicia con máis habitantes.

UGT-Galicia considera que a sede permanente en Santiago de Compostela debería valorarse con 2 puntos.

Cuarta.- Artigo 11º. Valoración dos criterios obxectivos da representatividade.
No apartado 1, letra e) deste artigo, valórase con 1 punto toda asociación que subscriba algún acordo de interese profesional.

UGT-Galicia considera que debería valorarse ademais con 3 puntos adicionais á asociación que subscriba un número maior de acordos de interese profesional.

Quinta.- Artigo 11º. Valoración dos criterios obxectivos da representatividade.
No apartado 1, letra f) deste artigo, valórase as actividades desenvolvidas en función do seu carácter cuantitativo e cualitativo.

UGT-Galicia considera que as actividades a valorar sexan soamente as desenvolvidas durante os tres últimos anos.


Sexta.- Artigo 11º. Valoración dos criterios obxectivos da representatividade.
No apartado 1, letra g) deste artigo, valórase a importancia cuantitativa dos orzamentos.

UGT-Galicia considera que debería valorarse soamente os orzamentos dos tres últimos anos.

Sétima.- Artigo 11º. Valoración dos criterios obxectivos da representatividade.
No apartado 1, letra h) deste artigo, valóranse con 2 puntos as asociacións, federacións, confederacións e unións que teñan constituídas, que se crearan con anterioridade ao 12 de xullo de 2007, engadíndose 1 punto máis por cada período de cinco anos de antigüidade.

UGT-Galicia considera que a valoración debería ser de 3 puntos en lugar de 2, engadíndose 1 punto máis por cada ano de antigüidade.