ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 42/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREA O REXISTRO DE CENTROS E ENTIDADES DE FORMACIÓN PARA O EMPREGO DA CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR E SE REGULA O PROCEDEMENTO PARA A INSCRICIÓN E, SE É O CASO, ACREDITACIÓN DOS CENTROS E ENTIDADES QUE IMPARTAN FORMACIÓN PARA O EMPREGO NO TERRITORIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

I. ANTECEDENTES


O día 22 de outubro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se crea o rexistro de centros e entidades de formación para o emprego da consellería de traballo e benestar e se regula o procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.



O Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, recolle, dentro da formación de oferta, tanto as accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas co fin de ofrecerlles unha formación que lles capacite para o desempeño cualificado das profesións e o acceso ao emprego, como a formación dirixida prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas.

Así, no artigo 9.2 do antedito Real decreto establécese que as Comunidades Autónomas poderán crear un Rexistro onde se inscribirán os centros e entidades que impartan formación profesional para o emprego nos seus respectivos territorios.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se presenta a ditame e do mesmo cabe salientar:

O obxecto do presente proxecto normativo é crear o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar e regular o seu procedemento de inscrición e, se é o caso, acreditación que se realizará pola acción de inclusión dos centros e entidades que impartan formación profesional para o emprego no Rexistro previsto na presente norma (artigo 1º).

O procedemento e requisitos para a inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación establécense nos artigos 5º e 6º deste proxecto, indicándose que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto todo o ano e que a persoa titular da Dirección xeral de Formación e Colocación será a competente para resolver nun prazo máximo de seis meses.

As obrigas dos centros e entidades de formación e os supostos para acordar a baixa, mediante resolución motivada, no rexistro están contemplados nos artigos 7º e 8º respectivamente.

O proxecto define centro de formación como aquel establecemento, tanto público como privado cuxa finalidade principal sexa a formación e que poida impartir total o parcialmente a formación de oferta contemplada no Real decreto 395/2007, de 23 de marzo e por entidade de formación aquela, pública ou privada, que poida impartir a formación de oferta contemplada no mencionado Real decreto e que imparta as accións formativas, por si mesma a través de medios e instalacións propias ou alleas. Tamén se consideran entidades de formación as empresas, as súas asociacións ou outras entidades que impartan accións formativas que inclúan compromisos de contratación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas, así como as organizacións empresariais e sindicais, e outras entidades beneficiarias dos plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas (artigo 3º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea o rexistro de centros e entidades de formación para o emprego da consellería de traballo e benestar e se regula o procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, oito artigos, unha disposición adicional, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.


O día 11 de novembro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, como anexos, as consideracións xerais e específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia e polos sindicatos UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (anexo I), pola CEG (anexo II), polas organizacións  UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (anexo III) e pola CIG (anexo IV).









DITAME 42/10



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se crea o rexistro de centros e entidades de formación para o emprego da Consellería de Traballo e Benestar e se regula o procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de outubro de 2010, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de novembro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 3º. Centros e entidades de formación.
No último parágrafo do apartado 2 deste artigo establécese que “estas entidades inscribiranse ou, se é o caso, acreditaranse unicamente cando impartan accións formativas por si mesmas e respecto a medios ou instalacións propias ou alleas”.
Este Comité considera que, no caso de entidades vinculadas a organizacións empresariais e sindicais, sería necesario aclarar se esta inscrición ou acreditación se require para a organización empresarial ou sindical e tamén para a a entidade vinculada ou soamente para a entidade vinculada, porque de requerirse para ambas estaríase, en moitos casos, acreditando dúas veces a mesma instalación.

Segunda.- Artigo 5º. Requisitos para a inscrición e se é o caso acreditación de centros e entidades de formación.
No apartado 1.d) deste artigo establécese que “... Nos casos das entidades de formación, cando así se determine por razóns xustificadas, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, poderá autorizar que as instalacións de dirección e coordinación estean en locais distintos a onde se ubican as aulas”.

Este Comité considera que a autorización das instalacións de dirección e coordinación pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, cando estean en locais distintos a onde se ubican as aulas, concede un poder arbitrario á Administración, polo que proponse que soamente se esixa esa autorización cando os locais estean en distinta localidade, substituíndose a autorización por unha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación cando os locais estean na mesma localidade.

Terceira.- Artigo 5º. Requisitos para a inscrición e se é o caso acreditación de centros e entidades de formación.
No apartado 3, terceiro parágrafo, deste artigo establécese que “Esixirase unha aula por especialidade, salvo para aquelas especialidades que poidan impartirse cos mesmos medios”.

Este Comité propón engadir a este parágrafo “aínda que pertenzan a distintas familias profesionais”.

Cuarta.- Artigo 5º. Requisitos para a inscrición e se é o caso acreditación de centros e entidades de formación.
No apartado 6 deste artigo establécese que “O centro ou entidade de formación adquirirá o compromiso de que, no momento da solicitude de programación do certificado de profesionalidade correspondente, para a realización do módulo formativo de prácticas profesionais non laborais, achegarán o correspondente convenio ou acordo cos centros de traballo”.

Este Comité considera que o feito de que no momento da solicitude de programación do certificado de profesionalidade xa se teña que achegar o acordo co centro de traballo onde se van a realizar as prácticas, constitúe unha clara limitación de carácter temporal e implica unha perda de funcionalidade do centro de formación. Isto é así por canto supón unha seria dificultade á hora de adquirir un compromiso cos centros de traballo onde se realizarán as prácticas non laborais, posto que, no momento da solicitude da programación do certificado de profesionalidade, aínda non se sabe con certeza se a acción formativa se vai a desenvolver no centro ou entidade de formación.

Polo exposto, este Comité propón que o compromiso de achegar o correspondente convenio ou acordo cos centros de traballo se esixa con  anterioridade ao inicio da realización das prácticas e non no momento da solicitude de programación.



Quinta.- Artigo 6º. Procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación.
No apartado 2 deste artigo establécese a documentación que se ten que presentar coa solicitude.

Este Comité considera que debería constar neste apartado que a documentación a presentar pode ser en orixinal ou en copia compulsada ou cotexada.

Sexta.- Artigo 6º. Procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación.
No apartado 2 deste artigo, na letra e), indícase que débese achegar xunto coa licenza municipal de apertura, “... certificado dun técnico colexiado competente na materia, de que as instalacións reúnan as condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e de seguridade adecuadas como centro de formación…”.

Este Comité considera que debería eliminarse a obriga de que o técnico sexa colexiado porque hai casos en que non existe colexio competente na materia (por exemplo en riscos laborais).

Sétima.- Artigo 6º. Procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación.
Obsérvanse dous erros na redacción do apartado 2 deste artigo: falta a letra f) na numeración da documentación e na letra g) aparece o termo “areditativo” cando debe ser “acreditativo”.



Oitava.- Artigo 6º. Procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses.
Este Comité considera este prazo excesivo, propoñendo que sexa de tres meses.

Novena.- Artigo 7º. Obrigacións dos centros e entidades de formación.
No apartado 1. b) deste artigo establécese como obriga a de “Colaborar nos procesos para a selección de alumnos/as e para a súa inserción no mercado de traballo, na forma que se determine pola administración laboral competente”.

Este Comité considera que a Administración non concreta como vai a ser o alcance da colaboración das entidades no proceso de inserción, propoñendo que se aclare este extremo no referido apartado.

Décima.- Artigo 7º. Obrigacións dos centros e entidades de formación.
No apartado 1. c) deste artigo figura como obriga a de “Non percibir cantidade algunha...”.

Este Comité considera que a expresión correcta en lingua galega é  “Non percibir cantidade ningunha ..”, polo que debería correxirse.

Decimo primeira.- Artigo 8º. Baixas no Rexistro de centros, entidades de formación e as súas especialidades formativas.
No apartado 1.a) deste artigo establécese que poderase acordar a baixa por  “Incumprimento de calquera das obrigas previstas nos artigos 7 da presente norma”.
Este Comité observa a existencia dun erro, ao referirse ás obrigas previstas “nos artigos 7”, propoñendo a eliminación do plural xa que só se cita un artigo.

Decimo segunda.- Artigo 8º. Baixas no Rexistro de centros, entidades de formación e as súas especialidades formativas.
No último parágrafo do apartado 2 deste artigo, indícase que “As resolucións ás que fan referencia os apartados anteriores, non poñen fin á vía administrativa”.

Por coherencia coa práctica normativa seguida pola Administración, este Comité considera que no referido apartado deberían figurar os recursos que, no seu caso, poden interpoñer as entidades interesadas, do mesmo xeito que se establecen no último parágrafo do apartado 3 do artigo 6º deste proxecto normativo.

Decimo terceira.- Disposición transitoria cuarta.
Esta disposición establece que “As solicitudes de homologación presentadas con anterioridade á entrada vigor do presente Decreto, rexeranse pola normativa anterior”.

Este Comité observa que existe un erro, debéndose engadir a preposición “en” diante do termo “vigor”.






ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E OS SINDICATOS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.

A Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que debería aclararse no proxecto normativo os dous procedementos que nel se regulan, diferenciando o de inscrición do de acreditación.

Segunda.

Estas organizacións consideran que na exposición de motivos deste proxecto de decreto debería facerse mención aos Acordos do Diálogo Social, asinados o 30 de xullo de 2010, en materia de formación para o emprego, entre as organizacións CEG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia.


ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 7º. Obrigacións dos centros e entidades de formación.
No apartado 1.c) deste artigo establécese a obriga de que os centros e entidades de formación non perciban cantidade ningunha dos alumnos incluídos nas programacións do subsistema de formación profesional para o emprego.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que non debería esixirse a referida obriga, polo que propón a  eliminación do disposto nese apartado 1.c).


ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 7º. Obrigacións dos centros e entidades de formación.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que no apartado 1.c) deste artigo deberíase engadir ao final do mesmo “regulado no Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego”.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

En relación coa consideración xeral segunda emitida pola Confederación de Empresarios de Galicia e polo sindicatos UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia, a Confederación Intersindical Galega considera que non procede facer a mención que solicitan,  na medida que este proxecto normativo ven basicamente predeterminado pola aplicación de diversas normas de ámbito estatal que ven explicitadas no preámbulo do proxecto normativo e non derivan dos citados Acordos.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira. - Artigo 5º. Requisitos para a inscrición e se é o caso acreditación de centros e entidades de formación.
O apartado 1.d), último parágrafo, deste artigo establece que “Naquelas accións formativas correspondentes a plans de formación, de ámbito autonómico, dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, que teñan unha duración igual ou inferior a 20 horas non será esixido este requisito”.

A CIG considera que este requisito débese esixir sempre, independentemente da duración do curso, propoñendo a eliminación deste parágrafo.

Segunda. - Artigo 6º. Procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación.
O apartado 4, último parágrafo, deste artigo establece que “No caso das solicitudes correspondentes a accións formativas de duración inferior a 10 horas a verificación dos requisitos, poderá realizarse con posterioridade á inscrición no rexistro, sempre que xunto coa documentación mencionada no apartado anterior se incluíse unha declaración responsable de que se reúnen os requisitos”.

A CIG, en consonancia coa consideración anterior, considera que este requisito débese esixir sempre, independentemente da duración do curso, propoñendo a eliminación deste parágrafo.

Terceira. – Disposición transitoria primeira.
A CIG considera que o prazo de adaptación de dous anos que se establece nesta disposición é excesivo e castiga ás entidades que fixeron o esforzo de investir en medios e adaptarse aos certificados de profesionalidade para dar formación de calidade, fronte ás entidades que non tiveron tales previsións.

Polo exposto, a CIG propón que o prazo de adaptación non debería de ser superior a 6 meses.