ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 44/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO

I. ANTECEDENTES


O día 25 de novembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a concesión de subvencións ás entidades que realicen accións de información, orientación e busca de emprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2010, publicado no DOG o día 21 de xaneiro de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2009 (Ditame 28/09), obsérvase que se tiveron en conta moitas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo, que contén moitas variacións con respecto ao ditaminado para o 2010, destácanse os seguintes aspectos:
Na exposición de motivos menciónase o novo Acordo do Diálogo Social en Galicia asinado o 30 de xullo de 2010.

Introdúcense un artigo referido ao financiamento das subvencións (artigo 2º), outro indicando á posta en marcha e inicio das accións (artigo 12º) e un específico de publicidade (artigo 15º).

Con respecto aos requisitos das entidades solicitantes, establécese como novidade a obriga de dispoñer dunha conta de correo electrónico en lugar de fax na convocatoria anterior (artigo 3º).

Na documentación que ten que acompañar ás solicitudes, que neste proxecto está separada nun artigo específico, obsérvase como novidade a especificación da documentación acreditativa de representación legal para asinar a solicitude e a obriga de facer referencia na memoria explicativa se as accións teñen como destinatario a colectivos específicos, entre outros (artigo 6º).

Por lo que se refire ao procedemento das solicitudes, modifícase o órgano instrutor, que será o Servizo de Orientación Laboral da Dirección xeral de Formación e Colocación, así como a valoración das solicitudes. Neste proxecto, unha vez revisados os expedientes remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda a súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Aqueles expedientes dos que na primeira fase non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da Comisión de Valoración (artigo 8º).

Na selección e contratación do persoal para a realización das accións, limítase a tres currículos por posto ofertado para a preselección dos técnicos, ofrécese a posibilidade de que os técnicos que xa tiveran unha relación contractual coa entidade colaboradora se lles contrate por unha modalidade contractual máis axeitada e establécese que a concesión e desfrute destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia (artigo 9º).

Con respecto á contía das subvencións, elimínase a posibilidade de contratación de persoal de apoio (artigo 10º) e reestruturase o procedemento do pagamento da subvención, establecendo tres fases (anticipo da subvención, liquidación parcial e liquidación final). O anticipo será do 35% da suma das subvencións do 2011 e 2012; a liquidación parcial realizarase ata o 20 de decembro de 2011 e a liquidación final terá como data límite o 30 de abril de 2012 (artigo 13º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 2 de decembro de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén cinco consideracións xerais de carácter unánime, así como vinte e unha consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: dúas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) (Anexo I), dúas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia,  CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II) e dúas manifestadas pola CEG (Anexo III).





DITAME 44/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de novembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2010 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:






CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.
Este Comité propón unha revisión ortográfica do texto do proxecto normativo, debido a existencia de erros; por exemplo, no apartado 8 do artigo 6º figura “cuias”, sendo o correcto “cuxas”; no apartado 2 do artigo 16º figura “falsedade”, sendo o correcto “falsidade”.


Segunda.
Este Comité Delegado considera que para respectar a diferencia de xénero se debería facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como por exemplo evitar o masculino xenérico e o uso reiterado das barras presente en todo o texto, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.


Terceira.
Este Comité considera que se debería avanzar na clasificación e concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas orientadoras de emprego, tanto nas accións individuais, como especialmente nas colectivas.


Cuarta.
Este Comité observa un descenso do 32% no financiamento das accións establecidas neste proxecto normativo e non entende esta redución tendo en conta a situación do mercado laboral actual, cun alto índice de desemprego, o que propicia un incremento do número de persoas potencialmente usuarias do Servizo de Información, Orientación e Busca de Emprego.

Consideramos que esta redución non está xustificada cando neste momento é cando máis necesarias son as accións que se subvencionan a través do proxecto normativo sometido a ditame.

Quinta.
Este Comité observa que no proxecto normativo desaparece o relativo á contratación de persoal de apoio. Entendemos que debe subvencionarse este persoal, coa consideración de administrativo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Financiamento.
Este Comité observa a existencia dun erro na última liña do apartado 1 deste artigo, na referencia ao proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2010, sendo o correcto o ano 2011, posto que os de 2010 xa son Lei.

Segunda.- Artigo 4º. Accións subvencionables. Destinatarios.
Este Comité considera que, no primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo, se debería suprimir a frase seguinte “actuando ao mesmo tempo sobre as súas aptitudes e capacidades”, xa que non engade algo substancial ao contido do artigo.

Terceira.- Artigo 5º. Presentación de solicitudes. Prazo.
Na última liña do apartado 1 deste artigo figura unha referencia ao enlace web da Xunta, sen incluílo, considerando este Comité que debería concretarse cara á publicación do proxecto normativo. Isto tamén é de aplicación para os artigos 12º, 13º e 15º.

Cuarta.- Artigo 5º. Presentación de solicitudes. Prazo.
No apartado 2 deste artigo faise referencia á Lei de orzamentos xerais para o ano 2011, Lei que non está previsto que se publique ata finais de decembro de 2010 ou principios de xaneiro do ano 2011, polo que deberase ter en conta este aspecto cara á publicación deste proxecto normativo e facer referencia a “proxecto de lei” ou “lei”, segundo corresponda.

Ademais, este Comité considera oportuno, para un mellor seguimento dos orzamentos, que se inclúa unha referencia específica ao artigo deste anteproxecto de Lei.

Quinta.- Artigo 6º. Documentación.
Na letra a) do apartado 1 deste artigo esíxese a presentación de copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade.
Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Sexta.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1, letra g), item 3, solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego que a entidade prevea acadar no período subvencionado.

Este Comité propón a supresión deste requisito, xa que considera que resulta difícil que a entidade solicitante poda determinar a porcentaxe de inserción laboral por canto non posúe a información necesaria para a súa avaliación.  

Sétima.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1, letra g), item 4, deste artigo establécese que “Deberá, igualmente especificar a metodoloxía aplicable á prospección de empresas.” Este Comité considera que se debería eliminar xa que esa función é propia dos axentes de emprego e non dos orientadores laborais.

Oitava. Artigo 6º. Documentación.
No apartado 2 deste artigo exímese ás entidades solicitantes xa colaboradoras nalgún área do Servizo Público de Emprego de Galicia, da presentación de determinados documentos relacionados nas letras a), b), c), d) e e) do seu apartado 1. Pola mesma razón, este Comité considera que a esas entidades se lles debería de eximir de presentar a documentación que figura na letra f) dese apartado.
Novena.- Artigo 6º. Documentación.
O apartado 2 deste artigo 6º establece exencións na presentación de determinada documentación para as entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego na área de información e/ou orientación e busca de emprego.

Este Comité propón engadir neste apartado a posibilidade de permitir ás referidas entidades, cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, a continuidade dos centros coas mesmas instalacións, persoal e demais medios que foron aprobados no exercicio anterior.

Décima.- Artigo 6º. Documentación.
Este Comité considera que debería suprimirse da enumeración deste artigo a letra j) por ser impropia da lingua galega.

Décimo primeira. – Artigo 7º. Criterios de valoración para a concesión das subvencións.
Este Comité considera máis axeitado o sistema avaliativo desenvolto na artigo 8º da orde do exercicio 2009, e polo tanto, propón que se transcriba nesta o mesmo texto xa publicado no Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009, agás o seguinte matiz:
- Que se elimine a distinción que figuraba na letra e) (actual letra c) pola que adxudican 10 puntos con realización de IPIs e 6 puntos sen IPIs; de tal xeito que este parágrafo remate coas palabras  “... usuarios atendidos : 10 puntos.”

Décimo segunda.- Artigo 7º. Criterios de valoración para a concesión das subvencións.
Este Comité considera mellor o baremo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009, no que a valoración mínima para ser entidade beneficiaria era de 25 puntos sobre 100, mentres que no actual proxecto normativo é de 20 sobre 57. Propoñemos que se manteña a correlación porcentual dun cuarto sobre o total.

Décimo terceira.- Artigo 8º. Procedemento, competencia e resolución.
Examinada a redacción do texto dos distintos apartados deste artigo, este Comité considera que se debería manter na súa integridade o texto do artigo 9º da orde correspondente ao exercicio de 2009, publicado nas páxinas 1.385 e 1.386 do Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009.

Décimo cuarta.- Artigo 9º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións de información, orientación e busca de emprego.
No último parágrafo do apartado 1 deste artigo faise unha referencia ao exercicio 2009-2010, cando o correcto sería 2010-2011.

Décimo quinta.- Artigo 10º. Contía das subvencións.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose as retribucións totais que se subvencionarán, por cada persoa seleccionada como persoal técnico. Así mesmo, no artigo 11º. 1.b), establécese que se incluirá a indemnización por fin de obra ou servizo que, no seu caso, sexa necesario aboar á persoa traballadora contratada.


Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 10º que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a referida indemnización, e aqueloutras que poidan esixirse legalmente.

Décimo sexta.- Artigo 11º. Gastos imputables.
No último parágrafo do apartado 1 deste artigo esíxese a xustificación de pagamento das facturas a través de transferencia ou cargo bancario.

Este Comité considera que debería extenderse a calquera medio legal de pagamento.

Décimo sétima.- Artigo 12º. Posta en marcha e inicio das accións.
No parágrafo segundo deste artigo esíxese a remisión do anexo cuberto no prazo máximo de 5 días hábiles.

Este Comité considera que o referido prazo debería ampliarse a 10 días hábiles, xa que este é o prazo legal para o rexistro de contratos na oficina de emprego.

Décimo oitava.- Artigo 13º.- Pagamento da subvención.
No apartado 1, letra A) deste artigo regúlase a posibilidade dun anticipo do 35 por cento.

Este Comité propón que se anticipe o 100% sen necesidade de constitución de ningún tipo de garantía e se faga efectivo o aboamento da subvención anticipadamente, xustificándose mediante a presentación da documentación que se considere necesaria. Esta necesidade faise máis evidente na medida en que da nova regulación establecida neste artigo 13º dedúcese unha demora de 60 días na liquidación final. Subsidiariamente, este comité solicita que se contemple a posibilidade de outorgar o 20% de anticipo na convocatoria de 2011 tal e como se contemplaba na orde do exercicio anterior.

Décimo novena. – Artigo 13º.- Pagamento da subvención.
Este Comité considera que se deberían clarificar os termos nos que se empeza a contar o prazo de 10 días hábiles establecido no primeiro parágrafo da letra A) do apartado 1 deste artigo, especialmente no caso de persoas traballadoras con contrato indefinido.

Vixésima.- Artigo 13º.- Pagamento da subvención.
Respecto ao regulado para a liquidación parcial (apartado 1.B) deste artigo), este Comité propón manter o prazo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009 (ata o 30 de decembro, en lugar de ata o 20 de decembro do proxecto actual), presentando a xustificación dos gastos realizados con cargo á subvención ata o 1 de decembro de 2011 en lugar de durante todo o exercicio de 2011, e quedando o último mes para xustificar coa liquidación final.

Vixésimo primeira.- Artigo 13º.- Pagamento da subvención.
Respecto ao regulado para a liquidación final (apartado 1.C) deste artigo), este Comité propón que no seu apartado 3 se substitúa “gastos imputados ao ano 2011” por “ gastos imputados a decembro de 2011 e xaneiro de 2012”.



ANEXO I



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º. Financiamento.
En acordo de Diálogo Social con data 30 de xullo de 2010, asinouse o compromiso, por parte da Administración, de potenciar os programas de información e orientación dos vindeiros anos para os axentes sociais, polo que a diminución no financiamento que presenta este proxecto de orde parece entrar en colisión co acordado e asinado.
Así, o descenso total do orzamento destinado a estas axudas supera os 3.000.000 euros respecto da Orde do ano 2009. Ademáis, constátase a supresión do proxecto 2010 00763 que tiña unha dotación orzamentaria total de 1.326.598 euros.

Segunda.- Artigo 10º. Contía das subvencións.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N de CC. OO. de Galicia e máis a C.E.G. propoñen que se engada un artigo ou apartado específico no que se regule, a posibilidade para as entidades que concurran á orde de solicitar persoal de apoio coa consideración de administrativo, cun criterio proporcional de adxudicación, nos seguintes termos:
- Para as entidades con un mínimo de 4 técnicos de orientación, subvencionarase 1 administrativo.

- Para as entidades que teñan entre 5 e 8 técnicos de orientación, subvencionaranse ata 2 administrativos.

- Para as entidades que teñan entre 9 e 12 técnicos de orientación, subvencionaranse ata 3 administrativos.

Igual proporción aplicarase para os tramos seguintes.


















ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 1 deste artigo establécese que poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde “as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos”, concretándose a continuación as entidades con esa consideración.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións laborais consideran que debería suprimirse a frase que figura entre comiñas, ao estar xa concretadas as entidades no texto do artigo.

Segunda. Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 3 do artigo 5º establécese que as entidades que dexesen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación deberán acreditar experiencia en tarefas de intermediación no mercado laboral, na prospección de empresas e xestión de bolsas de traballo. As organizacións sindicais sinaladas consideran que se debería suprimir este apartado xa que non resulta claro que estas labouras sexan na súa totalidade propias dos orientadores ou orientadoras laborais.

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo disponse que “No caso das asociacións empresariais e sindicais de carácter sectorial e das confederacións, só se considerarán as solicitudes de maior ámbito territorial, é dicir, denegaranse aquelas solicitudes das entidades mencionadas cando existan solicitudes susceptibles de resolución favorable presentadas por asociacións ou confederacións dun ámbito territorial máis amplo ás que pertenzan ou estean asociadas”.

A redacción deste precepto descoñece a diferenza de personalidade xurídica que teñen as distintas asociacións empresariais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, o que pode ocasionar problemáticas na xestión do persoal contratado.

Porque ao incluír o termo “de maior ámbito territorial”, supón que só se resolvería favorablemente a solicitude presentada pola entidade de maior ámbito, que en hipótese tería que ter en conta as necesidades das entidades asociadas a esta de ámbito inferior. Pero isto suporía que tería que ser esta entidade a que contratase un persoal de orientación que desenvolvería servizos noutros centros de traballo, cunha titularidade que non lle corresponde á solicitante, o que á parte da necesidade de facer as correspondentes comunicacións á Seguridade Social, pode ocasionar posibles problemáticas relacionadas coa circunstancia de que as ordes e instrucións serían da entidade solicitante pero o réxime de horario, vacacións... serían o da entidade inferior, o que a pouco que se reflexione pode provocar interpretacións de posible cesión ilegal.

Por este motivo, a CEG solicita a eliminación deste segundo parágrafo e que se deixe claramente definido no texto da orde de convocatoria que poderán ser solicitantes calquera confederacións e asociacións empresariais que teñan a súa sede en Galicia.

Segunda.- Artigo 6º. Documentación.
No último punto do apartado 1.g). ítem 4 deste artigo, figura a expresión “prospección de empresas”.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se debería aclara no texto en que consiste esta actividade.