ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 45/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DESTINADAS A ACTIVIDADES DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA NO EXERCICIO DE 2011

I. ANTECEDENTES


O día 24 de novembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a  cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

A finalidade desta orde é convocar axudas, dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro de Galicia, para o fomento da prevención de riscos laborais entre as persoas traballadoras galegas mediante actividades de formación, así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 24 de marzo de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2009 (ditame 29/09), obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo presenta moi poucas novidades con respecto á orde publicada para o 2010. Pódense destacar as seguintes:

Establécese que o gasto proxectado nesta orde tramitarase como expediente anticipado, segundo o disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001 (exposición de motivos), sendo a data de remate e xustificación das accións o 31 de outubro de 2011 (artigo 5º).

Na documentación que ten que acompañar á solicitude establécese que hai que presentar copia da última actualización ou modificación dos estatutos ou escritura pública de constitución da entidade, así como das actas que recollan acordos que afecten á prevención de riscos laborais á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes (artigo 6º). Os requisitos esixidos ás entidades entenderanse cumpridos e computaranse á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes (artigo 7º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2011” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 15 de decembro de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e trece consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, inclúese como anexo unha consideración específica non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I) e outra manifestada polas organizacións sindicais C.IG.,CC.OO. de Galicia e U.G.T.-Galicia (Anexo II).




DITAME 45/10



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2011 , con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de novembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de decembro de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Este Comité considera que as titularidades de cargos públicos ou postos de traballo aos que se faga referencia no texto da orde, deberían identificarse de maneira neutra en materia de xénero.

Tamén reiteramos a nosa recomendación de evitar o uso das barras no texto, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No parágrafo oitavo do proxecto de orde figura a contía destinada ao financiamento das actividades de fomento da prevención de riscos laborais. A cantidade, comparada coa que figurou na orde anterior, diminúe aproximadamente nun 7%, que engadido á diminución do 25% da orde do 2010, supón unha minora do 31% con respecto á contía asignada a esta orde para o 2009. Este Comité considera que, cando menos, se debería manter a contía fixada para o mencionado exercicio 2009.

Segunda.- Artigo 2º.Entidades beneficiarias.

Este Comité propón que se mencione expresamente como beneficiarias do programa ás organizacións empresariais e sindicais que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.

No apartado 2 deste artigo establécense como subvencionables as actuacións de formación, destinadas ás persoas traballadoras galegas.

Este Comité propón que as actuacións de formación se subvencionen soamente cando estas teñan relación cos riscos específicos do posto de traballo.

Cuarta.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.

Tamén con respecto ao apartado 2 deste artigo, este Comité considera que se deben incluír os gastos financeiros, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos son subvencionables.

Quinta. Artigo 6º. Solicitudes.

Este Comité suxire a inclusión dun punto máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c), d) e f) do punto 1 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberían remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.

Sexta. Artigo 6º. Solicitudes.

Na letra c) do apartado 1 deste artigo esíxese a presentación de copia compulsada do CIF ou NIF da entidade.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Sétima.- Artigo 9º. Procedemento.

No apartado 3 deste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por  parte da comisión de valoración.  
Este Comité entende, por un lado, que é un criterio totalmente errado primar a capacidade de cofinanciación por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de destinatarios da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo. Por iso, proponse a eliminación do ítem que outorga entre 0 e 2 puntos pola participación da entidade beneficiaria no financiamento da acción.

Oitava- Artigo 11º. Xustificación do pagamento.

Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade do anticipo, por importe do 80% do total do importe da axuda, con análogo criterio ao que se establece en outras ordes reguladoras de Formación para o Emprego.

Novena.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 1 deste artigo, letra c), esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión que figura entre comiñas “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Décima.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Bótase en falta a inclusión formal neste artigo, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de realizar as accións para as que aceptasen a subvención concedida. Neste sentido, propoñemos que se inclúa ademais expresamente a obriga de realizar a execución completa da acción por parte da entidade beneficiaria.

Decimo primeira. – Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
                         Artigo 14º. Modificación de resolución de concesión.

No apartado 1, letra a) do artigo 12º e no artigo 14º, emprégase a expresión “nacional e nacionais”respectivamente. Este Comité considera que se debe substituír por “estatal ou estatais” respectivamente.


Decimo segunda.- Artigo 14º. Modificación de resolución de concesión.

Neste artigo establécese que toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Este Comité considera que é moi ríxida esta formulación polo que consideramos que se podería admitir a posibilidade de pequenas modificacións entre as distintas partidas de gasto, ata un 10% da contía total do proxecto subvencionado.

Decimo terceira. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 3º.- Gastos que se subvencionarán.

No apartado 2 deste artigo establécese como subvencionables as actuacións de formación destinadas as persoas traballadoras galegas.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que a formación se destine tamén aos empresarios e empresarias, posto que -de acordo co Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais- o/a empresario/a pode asumir directamente a prevención, nas circunstancias previstas na normativa vixente, polo que é bo incluír aos empresarios/as dentro das actividades de formación.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS C.I.G., CC.OO.DE GALICIA E U.G.T.-GALICIA.

Artigo 5º.- Remate e xustificación das accións.

Este artigo, ao igual que o artigo 11º.2, establece como data límite para o remate das accións e para a presentación de documentación xustificativa a do 31 de outubro de 2011.

As organizacións sindicais C.I.G., CC.OO.de Galicia, e U.G.T.-Galicia, suxiren que se diferencie a data límite do remate das accións, que podería ser a do 31 de outubro de 2011, da data límite da presentación da documentación xustificativa, que se propón que sexa a do 30 de novembro de 2011, para posibilitar que as nóminas, facturas así como os documentos xustificativos de pago aboados ao final do período de execución, poidan ser enviados coa xustificación final.